O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Uncategorized

A nova Xunta de Goberno do COTSG fálanos do Proxecto de lei de servizos sociais máis do novo modelo de atención

Dende fai anos todos as e os profesionais do Traballo Social somos conscientes de que a misión e obxecto dos servizos sociais diluíuse totalmente, e por tanto, a esencia da profesión neste ámbito perdeuse. Pasamos a ser entón, xestoras e xestores de prestacións e recursos onde prima esa atención individual e monitorizada fronte a atención grupal e comunitaria, perdéndose así o carácter preventivo e relacional que debe ter tanto o sistema de servizos sociais como a nosa propia profesión.

Botando unha ollada ao pasado, co arranque do plan concertado asistimos a un “boom” dos servizos sociais, establecéndose  un marco común de referencia a tres niveles: estatal, autonómico e local onde se marcaban uns mínimos en canto a prestacións básicas que tiñan que ser equiparables en todo o territorio, logo as comunidades autónomas estableceron a súa propia lexislación en materia de servizos sociais. Nese intre fomos entrando nunha dinámica vencellada a xestión de prestacións.

A isto temos que engadir a saída da lei de dependencia que se incorporou tamén ao noso sistema cunha carteira con prestacións e servizos de alta demanda  que requiren un gran esforzo de xestión por parte das e dos profesionais do Traballo Social. A maiores, chegou a crise do 2008 e os recortes sociais do 2012. No seu conxunto, todo o anterior, foi un caldo de cultivo que impediu que puidésemos pararnos a reflexionar cal era o camiño que estaba a tomar a nosa profesión. No momento actual de pandemia que transitamos, afrontamos non só unha crise sanitaria senón tamén unha crise social que reflexou dunha maneira clara a debilidade previa do sistema.  

Tanto dende o consello xeral como dende o COTSG, se ven traballando na reflexión no consenso da estrutura profesional dende o ano 2016, para a reconceptualización do sistema público de servizos sociais e o noso papel .: o funcionamento do sistema de servizos sociais, onde estabamos, cara onde iamos, cal debería ser o noso obxecto, o noso ben protexible e que dirección deberiamos tomar de cara ao futuro. Comezaron entón a xurdir cuestións como que tipo de modelo de atención aplicar, que mínimos debe ter o sistema, todo isto partindo de características profesionais que nunca debemos perder como  a proximidade, o traballo en rede, a prevención, o acompañamento, respectar os tempos de intervención que cada persoa precisa dentro do seu proceso ou o traballo comunitario, que veñen perdendo protagonismo en favor de labores de xestión.

Outra cuestión moi importante é visibilizar o sistema de servizos sociais á mesma altura e importancia que os demais sistemas. Caemos moi frecuentemente en dicir que os servizos sociais teñen que protexer tódolos dereitos sociais do Estado de Benestar, e isto non é así, só temos que atender a parte que nos corresponde entre os dereitos sociais da cidadanía. Esta lei debe ir dirixida a garantir á cidadanía un dereito social, que se fundamenta en prestar atención a través do sistema de servizos sociais, garante da promoción da convivencia, da súa autonomía, a protección, a inclusión e a interacción con toda a súa contorna. Non podemos seguir vencellando os servizos sociais á pobreza (vivenda e emprego tamén teñen que asumir a súas competencias e responsabilidades na atención ás persoas mais vulnerables), seguiremos atendendo a persoas en situación de vulnerabilidade, pero non soamente. Debe ser primordialmente un sistema preventivo.

Asemade, deben garantirse uns servizos sociais mínimos en todo o territorio. Hai que ser conscientes de que neste momento temos 37 leis sectoriais e  17 leis autonómicas,  e disparidade de prestacións e servizos entre uns concellos e outros, feitos que xeran desigualdades sociais, debido ás diferencias de acceso segundo a comunidade autónoma ou incluso cidade ou pobo na que viva a cidadanía.

Dentro desta lei ten que existir un enfoque interdisciplinar  para poder asegurar o seu carácter integral e transversal, pero ademais  reclamamos que a profesión de referencia sexa o Traballo social e que se establezan uns ratios de 1 profesional cada 1.700 habitantes, non como na actualidade  aquí en Galicia na que, lembramos, está establecido unha ratio de 1 técnico/a por cada 8.000 habitantes, e sen establecer quen será ese profesional de referencia.

Coa  lei, pensamos que se dará  un apoderamento do sistema, pero tamén un apoderamento profesional, xa que volveremos a recuperar a nosa esencia, que non é outra que poder facer intervención social e non só individual, senón tamén grupal e comunitaria, permitindo que os espazos de xestión sexan moito menores.  

Para finalizar gustaríanos trasladar que debemos ser consciente da importancia e da forza que teñen os colexios e as estruturas colexiais, e animamos as persoas que non están colexiadas a facelo e as que xa o están a participar activamente a través, no noso caso, dos grupos de traballo, xa que o motor que move o COTSG somos todas e todos.