M. Veloso: “É importante ter sempre presente que as e os profesionais intervimos na vida de outros…e ese outro poderías ser ti”
María E. Veloso vai impartir o curso Intervención sociocomunitaria con persoas con discapacidade.
A data límite para inscribirte é o 25 de marzo. Entrevistámola para #OBlogDoCOTSG sobre a formación que vai impartir. Podes acceder a toda a información do curso nesta ligazón
_ ¿Cales son os eixos fundamentais que se van a tratar nesta formación?
Nesta formación faremos un percorrido polo coñecemento dos dereitos das persoas con discapacidade(concepto de discapacidade e normativa básica), a promoción da súa implementación e a efectividade real destes (metodoloxía da intervención e recursos).
As propostas que se suxiren nesta acción formativa non son pechadas e imperativas senón que se trata de achegar os/as profesionais do traballo social a un modo de intervención baseado en dereitos e que xeren dereitos. Un quefacer profesional que actúe contra os factores que forxan a exclusión social.
_ Por que é importante esta formación para unha traballadora social?
As persoas con discapacidade, en tanto colectivo discriminado, convértense, en obxecto de atención de políticas públicas que intentan reducir as desigualdades neste grupo de poboación. Coincidindo coas reflexións de outros autores, esta sociedade paternalista ofrece
converter en trastorno calquera tipo de transgresión das normas (do “normal”): en outras palabras convirte en patolóxico a diversidade humana.
Por iso o importante no é o que somos senón o que queremos ser. É dicir, o fondo do problema non son as circunstancias da persoa senón as circunstancias nas que convive a persoa. Os profesionais do social temos que intervir cada vez menos coas persoas para intervir cada vez mais coa sociedade. Os contextos non son individuais, como tampouco o son as circunstancias .
É importante ter sempre presente que os/as profesionais intervimos na vida de outros…e ese outro poderías ser ti.
_Que tipo de intervención se debe facer coas persoas con discapacidade?
Facer unha praxe profesional dende a mirada dos dereitos humanos, a dignidade das persoas e os principios da profesión é un obxectivo primordial para mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade en igualdade coas demais persoas.
_Hai espazo para innovación neste eido?
A partires desta nova concepción da discapacidade, da que falaremos na acción formativa, xorden novas metodoloxías de intervención acordes cos obxectivos que se plantexan con esta nova visión. Polo tanto, existen moitas oportunidades de creación de servizos, apoios e ferramentas innovadoras que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.
_Que lle aporta ás persoas con discapacidade esta intervención?
A capacidade de elección e de control da persoa con discapacidade vese acentuada. Esta nova visión da discapacidade pon énfase na autonomía para tomar decisións, e nos aspectos nos que unha persoa destaca e nas capacidades, na importancia dos ambientes normalizados e habituais, na provisión de sistemas de apoio individualizado, e na igualdade.
_É beneficiosa tamén para as persoas da súa contorna?
Temos que ter en conta que unha persoa con discapacidade na familia, esixe en moitas ocasións, a reorganización dos recursos persoais e a necesidade de ter determinados apoios que antes ou en outra situación non se eran precisos. Por iso, todas as intervencións en prol da persoa con discapacidade repercutirán positivamente na familia: poden contribuír a diminuír o illamento social (perda de relacións sociais), axudar a redución da sobrecarga do/a coidador/a principal, favorecer a participación no mercado de traballo da persoa coidadora (poderá ter dispoñibilidade para
traballar), favorecerá a mellora da situación económica familiar (incremento dos ingresos que axuden a facer fronte os gastos derivados da situación da persoa con discapacidade) etc