Como canalizar correctamente unha vaga de solidariedade: o caso da guerra de Ucraína
A coordinadora da delegación galega de Movemento pola Paz, Susana Fernández, explica as boas prácticas en crises humanitarias, como a de Ucraína, así como o papel do Traballo Social nestas situacións
Case todas as semanas, os medios de comunicación recollen unha ou varias crises de carácter humanitario. Unha situación provocada por unha guerra, unha catástrofe natural ou outras circunstancias, na que a axuda humanitaria precisa ser masiva e urxente. Pero nestes casos, é fundamental canalizar correctamente a solidariedade que emana da cidadanía.
Un claro exemplo é a situación en Ucraína, tras a invasión rusa en febreiro de 2022. Nos primeiros días, e incluso meses, da guerra, unha vaga de solidariedade percorreu España. Recollíanse alimentos e distintos produtos en pavillóns, almacenábanse medicinas e incluso había quen viaxaba ata Ucraína para traer persoas.
Ante esta vaga de solidariedade enorme, pero todavía sen organizar, a Coordinadora Galega de ONGD, a FEGAMP e a Xunta, xunto a varias ONGD galegas, emitiron un comunicado con recomendacións para canalizar esta axuda.
Movemento pola Paz foi unha das organizacións que asinou este comunicado. Ano e medio despois, cando o conflito en Ucraína segue activo, falamos con Susana Fernández, a coordinadora da delegación galega da entidade. Con ela, repasamos as boas prácticas neste tipo de emerxencias, así como o papel do Traballo Social nestas situacións.
A paz no sentido amplo do termo
“Movemento pola Paz é unha organización laica defensora dos dereitos humanos”, sinala Susana, quen recorda o obxectivo principal da organización: “a paz no sentido amplo do termo, abarcando tanto a paz negativa, que sería a ausencia de guerra, e a paz positiva, que garante axustiza social, a garantía de dereitos e unha distribución social”.
En 2023, a entidade celebra os seus 40 anos de historia. Nestas décadas, consolidaron a súa actividade en torno a tres eixos: a cooperación internacional, a acción social en España e a sensibilización e mobilización. Tres eixos que a delegación galega traslada ao noso territorio.
“Non somos unha organización de axuda humanitaria, como poden ser Médicos sen Fronteiras ou Cruz Vermella. Nos facemos intervención naqueles sitios nos que xa estamos no terreo, pero non formamos parte das organizacións que primeiro chegan cando hai unha emerxencia”, puntualiza Susana.
Como xa mencionamos, Movemento pola Paz sumouse ao comunicado da Coordinadora Galega de ONGD, a Xunta e FEGAMP. “Agradeciamos a solidariedade de Galicia, pero cómpre agardar a que as ONGD e os gobernos se organizaran. En resumo: canalizar de maneira correcta esa vaga de solidariedade”, relata.
Agradeciamos a solidariedade de Galicia, pero cómpre canalizar de maneira correcta esa vaga de solidariedade
Susana Fernández
Trasladar a información correcta á sociedade
Neste sentido, Susana destaca como unha pata das boas prácticas a comunicación. “É fundamental distribuír correctamente a información á xente”, sinala. Este tipo de comunicados ou a información sobre o conflito canalizada dende outras entidades son esenciais para que a poboación entenda como pode axudar nesta situación.
Medicinas, roupa e outros produtos
Nesta liña, a coordinadora da sede galega fala de dous produtos que a xente doaba masivamente, especialmente ao inicio do conflito. “As medicinas por exemplo son un claro problema. En España e na Unión Europea, por Lei, só se poden dispensar en hospitais e farmacias. Aínda que o teña na miña casa sen abrir e comprado ese mesmo día, o medicamento non é válido para outras persoas”, detalla.
“Tamén é habitual querer doar roupa. O problema é que o transporte é caro e precisamos de lugares onde almacenar o material, ademais, por desgraza, ás veces este material acaba no mercado negro”, lamenta Susana.
Ante a recomendación de non doar medicamentos, roupa e outros produtos, que podemos doar? “Seica as ONGD parece que sempre estamos pedindo cartos… Pero as aportacións económicas son as máis útiles. Por dúas razóns: dunha banda, evitamos os custos de transporte e almacenaxe, que son caros e difíciles en zonas de conflito; doutra banda, fomentamos o mercado local, mesmo nunha situación de emerxencia, no país segue a haber actividade económica, polo que estimulamos o comercio”.
Para escoller a organización á que doaremos os cartos, Susana sinala: “a elección do tipo de entidade depende de ti, quizais hai unha que encaixa mellor coas túas ideas, pero o importante é que sexan dunha probada solvencia e que saibas que van intervir no conflito”.
Que máis pode facer a cidadanía?
Coas aportacións materiais e económicas abordadas, “o voluntariado é unha parte moi importante de todas estas accións. Involúcranse en situacións de crise puntual, pero tamén en emerxencias máis estruturais”, sinala, insistindo en que é unha boa opción para colaborar se temos tempo.
Non obstante, alén do voluntariado, Susana insiste en que o sector das ONGD está “moi profesionalizado, eu levo 20 anos no sector e fíxose unha profesionalización incrible con novas ferramentas e elementos de traballo para ser máis eficientes”.
O sector das ONGD está moi profesionalizado, eu levo 20 anos no sector e fíxose unha profesionalización incrible con novas ferramentas e elementos de traballo para ser máis eficientes
Susana Fernández
Entre os perfís máis habituais: “os do eido social, é fundamental contar con persoas formadas neste campo, como profesionais da Educación Social, o Traballo Social ou a Psicoloxía, así como profesións como o profesorado, a pedagoxía, o dereito….”
A importancia do Traballo Social
Neste sentido, Susana fala sobre a figura do Traballo Social, “un piar fundamental en calquera organización social”. Dende a súa experiencia, remarca “a capacidade do Traballo Social para conxugar a detección das necesidades dunha persoa co coñecemento dos recursos existentes na rede pública”.
Susana explica que estes profesionais “son quen marcan o itinerario das persoas que atendemos, se precisan asesoramento legal, laboral ou que precisan, xa que son capaces de detectar as necesidades e casalas cos recursos”.
Nesta liña, a coordinadora recorda que non é necesario viaxar ata estes conflitos para abordar situacións relacionadas. “Eu acostumo a dicir que cando hai unha crise deste tipo, en cinco días temos casos relacionados xa en España e temos que saber xestionalos”, explica.
O respecto á cultura, aos tempos e a importancia da concienciación
Por iso, segundo a súa experiencia, “cómpre ser consciente do concepto desoccidentalización”, é dicir, non podemos pretender que ás persoas atendidas se comporten como marca a cultura do noso país. Neste sentido, Susana sinala que aínda coa mellor das intencións, “somos produto do lugar onde nacemos e levamos esa construción cultural, polo que cando chegamos a outro país debe primar o respecto absoluto e o recoñecemento de saberes”.
Somos produto do lugar onde nacemos e levamos esa construción cultural, polo que cando chegamos a outro país debe primar o respecto absoluto e o recoñecemento de saberes
Susana Fernández
Nestes casos, Susana insiste tamén “temos que respectar os tempos, cando un refuxiado chega a outro país está nunha situación máis ou menos traumática, temos que dar tempo a situarse”. E engade: “sempre poñemos o foco nas diferenzas, debemos de respectalas, pero sobre todo debemos prestar atención ás similitudes que nos unen a todos os seres humanos”.
Por último, a derradeira recomendación desta experta é a concienciación. “A axenda dos medios é rápida e limitada, polo que os temas desaparecen en pouco tempo, pero as emerxencias seguen aí”, sinala. Por iso, insiste na sensibilización e educación nas escolas sobre este tema, “temos que crear unha poboación concienciada, que entenda as dinámicas internacionais, as causas da pobreza…”. E remata: “recoñezo que é difícil saber de todas as situacións de emerxencia, pero todas merecen atención”.