O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

ColexiaciónPersoas invitadas

Proxecto de construción, posta en marcha e xestión de centros de atención a persoas maiores (CAM)

Durante a semana do Día Mundial do Traballo Social, e seguindo co fío da nosa Xornada: “O Traballo Eco-Social máis que nunca: a realidade do rural galego”, queremos visibilizar proxectos vencellados ao rural e a un mundo máis sustentable.

Hoxe comezamos visibilizando o proxecto que levan a cabo ás e os compañeiros da Área de Benestar social e Igualdade da Deputación de Lugo, Iria Lamazares; Ángela Justo; Estela Villalda; Lucía Mayo, Miguel A. Varela ; Vanessa Mariño e Ana Martínez.

Onde desempeñades as vosas funcións?

Desempeñamos as nosas funcións na Área de Benestar social e Igualdade da Deputación de Lugo, que é onde se enmarca o proxecto da construción, posta en marcha e xestión de centros de atención a persoas maiores (CAM) mediante convenios de colaboración interadministrativa entre a Deputación de Lugo e concellos de menos de 20.000 habitantes. Somos todos/as traballadoras sociais pero temos funcións moi distintas dependendo de se nos enmarcamos na parte de creación e xestión de centros, ou se formamos parte do equipo interdisciplinar de cada un deles. O traballo social é o que ten, e moi versátil e temos formación para desempeñar a nosa labor en ámbitos moi distintos, tanto en intervención directa como indirecta.

En que consiste o voso traballo?

O noso traballo ten varias funcións, dentro da xestión indirecta atópase levar a cabo as actuacións necesarias para solicitar os permisos de construción e o apoio técnico na elaboración das ordenanzas municipais e regulamento de réxime interno.

Antes do inicio da apertura, realízase un estudo/análise da realidade sociocomunitaria para recoñecer os elementos propios do lugar e que estes permanezan no funcionamento ordinario do CAM (gastronomía, axentes económicos de referencia das persoas usuarias, p.ex. as oficinas de farmacia ás que acoden, axentes de cambio e transformación da comunidade como pode ser un médico/a, un activista social, escritor/a). Unha vez abertos, tamén elaboramos os protocolos internos de actuación, manuais, instrumentos documentais, solicitamos permisos necesarios como son o rexistro sanitario, REGASA, etc. Tamén apoiamos ós equipos que realizan a súa labor nos centros como por exemplo apoio e asesoramento nas inspeccións das distintas consellerías que poidan ter. Realizamos o cálculo da participación económica das persoas usuarias, realizamos a valoración das persoas solicitantes que corresponda segundo ordenanza, damos información deste recurso a cidadanía e a outras traballadores/as sociais e realizamos a coordinación coas traballadoras sociais dos municipios onde están os centros para resolver expedientes de solicitude. Tamén coordinamos actividades de ocio e tempo libre para desenvolver nos centros procurando sempre que estas teñan unha relación directa coa cultura, historia e preferencias das persoas usuarias que viven nos centros, editamos unha revista (A nosa revista) cada 4 meses coas achegas que fan as persoas usuarias, e agora estamos a colgar contido das actividades que realizan na páxina web da Deputación de Lugo (As nosas cousas). As traballadoras e traballadores sociais que están nos centros realizamos a valoración social da persoa, mantemos o contacto con esta e a súa familia, informamos e orientamos sobre recursos sociais e creamos e executamos talleres de ocio e tempo libre relacionado co eido social.

En que consiste o proxecto orientado a maiores no que participades?

Nós participamos neste proxecto que por un lado responde as necesidades de atención ou expectativa de trasladarse a unha residencia que experimentan moitas persoas maiores, pero indicando que non queren marchar lonxe, que se queren quedar onde viviron toda a vida. Esto é fundamental para  evitar o desarraigo territorial e que pasen esta etapa os veciños/as xuntos/as. A experiencia dinos que a adaptación ó centro é moi fluída deste xeito, xa que non hai que coñecerse, hai que reencontrarse e é moito máis doado e vívense emocións moi bonitas. Cremos que isto é a maior satisfacción, facer que a persoa pode decidir o seu destino e fundamental para procurar uns coidados de calidade.

Cando e como se identificou a necesidade deste proxecto?

A Deputación de Lugo aproximadamente no ano 2010 tendo en conta as demandas de acceso a residencias de persoas que se localizaba en municipios de menos de 5.000 habitantes e dado que non existían recursos de atención nos seus concellos, así como tampouco en áreas de influencia,  a alternativa era o acceso a unha residencia privada situada na capital da provincia ou noutras provincias de Galicia.

A alternativa do mercado libre,  non está o alcance de case ningún peto (e máis no entorno rural no que as pensións medias non alcanza a aboar os custes de atención facturados por estas), outro aspecto é que este tipo de recursos promoven unha atención masificado buscando o beneficio económico para a xestora e detrimento da atención individualizada.

No caso de acceder a unha residencia pública polo sistema de atención á dependencia existen tres factores a destacar, por unha banda a prioridade no acceso a  persoas con gran dependencia, polo que o sistema exclúe a persoas con menor nivel de dependencia non dando resposta ás necesidades de prevención das situacións de dependencia, sendo soamente un instrumento paliativo ou asistencial. Outro aspecto é que no caso de acceso ao recurso este implica  o desarraigo territorial xa que estes pequenos municipios non contan con este tipo de recursos. Por último, detectamos unha necesidade de atención non cuberta polo sistema actual que dá acceso a recursos residenciais, que son persoas menores de 75 anos sen valoración de dependencia ou con grao I, este colectivo manifesta en moitas ocasións un sentimento de soidade non desexada ou a necesidade de supervisión e apoio puntual no seu día a día que dá como resultada a demanda de acceso a un recurso residencial, non tendo resposta polo sistema actual.

Que valor engadido ten este proxecto para o rural galego?

Evitando que as persoas marchen da súa contorna, tamén evítase o valor que esa persoa está aportando na zona onde vive. Sabemos que existe un abandono do rural da xente nova, e que as persoas maiores son moitas veces as que continúan a vivir nel, se marchan, tamén a farmacia, panadería, supermercado, sufre  esa perda que aparte de emocional, é económica. Este modelo de servizos sociais descentralizados, residencias pequenas en núcleos rurais, promove oportunidades no rural  mediante unha economía centrada na persoa e no contexto no que reside,  intentando fixar poboación mediante o reclamo das demandas de emprego que xera os centros, e por outro, os centros supoñen un activo no lugar xa que mediante moitas fórmulas que se levan a cabo a través de pregos e convenios de colaboración, procúrase que as compras para os centros se fagan no lugar onde se localiza, establécese convenios coa farmacia do pobo, procúrase unha convivencia continua con outros axentes locais como médico/a, colexios/as, concellos, etc…

Que valor engadido ten para a crear e contribuir a un mundo máis sustentable?

Os produtos de consumo diario teñen que promover a sustentabilidade ambiental e social procurando que sexan adquiridos no municipio onde este o centro e que sexan de proximidade. Non pode transcorrer máis dunha hora para os produtos frescos ou máis de 120 km. Para o resto de materias primas. Procuramos que a compra se realice a granel, evitando embalaxes excesivos e poténciase os produtos en envases de vidro, de metal e de papel en vez de plásticos. Por outro lados nos pregos de cláusulas administrativas particulares, estableceuse  un criterio de calidade técnica da proposta de produtos alimenticios no ámbito da sustentabilidade e calidade, puntuando a subministración de alimentos de maior proximidade en coherencia coa localización do centro para promover a economía da zona respectando as tradicións deste lugar. Tívose que acreditar mediante a relación de provedores/as.

Entendendo a sustentabilidade como un obxectivo a longo prazo, coa posta en marcha dos CAM, o que se pretende é a semente dun novo modelo de atención no que se pon no centro á persoas, e sobre a cal xiran ao seu redor outros pequenos elementos de acción socioeconómica nunha zona na que a priori dende as grandes administracións non se prevén a creación de servizos nin outro tipo de recursos. Xermola por así dicilo, unha pequena economía circular de proximidade que abastecen de recursos ao centro e dinamiza e xera oportunidades de emprego mediante o impulso dunha economía a pequena escala localizada no entorno rural.

Tivo unha acollida positiva? Que opinión teñen as persoas obxectivo?

Moito. O que nos transmiten as persoas usuarias que viven nos centros é a satisfacción de envellecer no lugar de onde son, poder saír a pasear e ir ata a súa casa a ventilar, compartir habitación coa veciña porta con porta de toda a vida, ter os seus familiares cerca, que por exemplo a cociñeira dun centro xa sexa coñecida por case todos/as por ser veciña de alí, a emoción de reencontrarse con antigas amizades… senten moito orgullo de pertenza ao lugar, unha defensa moi ancorada na identidade. Hai moita xente que puido quedar e outra que puido volver, persoas que estaban a vivir noutras residencias e volveron ao seu lugar de pertenza, é moi emocionante cando ves estás situacións. Coma traballadoras sociais e traballador social  estamos moi acostumados a non ter o paquete enteiro, podes ter resposta a necesidade de coidado pero ver como se desarraiga territorialmente a persoa, ou a dificultade dos familiares para ir a visitalo, este dilema profesional con este modelos de coidados non se produce. Non todo é perfecto… pero isto é moi importante.

De cara o futuro, como debería avanzar este proxecto? Que outros proxectos serían necesarios no rural galego?

O primeiro centro foi Trabada no 2019, logo foi Pol e Ribadeo. No 2020 a principios foi A Fonsagrada, e logo veu o COVID…. a pandemia foi un impacto moi forte a tódolos niveis, emocional, económico, profesional…. pero retomamos a apertura no ano 2021 abrindo Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira. Neste ano 2022 a perspectiva é a de abrir dous centros máis, polo que o noso proxecto segue a avanzar nesta vía, manter os centros abertos e ir incorporando novos recursos en municipios pequenos.

De cara a un futuro, e co obxectivo de contribuír á sustentabilidade dos pequenos territorios e de ser impulsores de pequenos proxectos que dinamicen a economía local, consideraríase preciso que as persoas que habitan estes territorios, se constituísen en cooperativas de traballo asociado para poder prestar os seus servizos dentro dos centros de atención.

 Outros proxectos interesantes poderían ser agora dotar de algo fundamental os municipios pequenos como é de vivenda pública para contribuír a fixar poboación nestes municipios, xa que o problema da vivenda nas grandes urbes e consecuencia tamén da centralización de servizos e da eliminación de servizos no rural. É toda unha secuencia que fai que nos concentremos en lugares moi poboados sendo a maior parte de Galicia un deserto.

Que engadiriades a esta entrevista?

Reivindicamos unha intervención social no contexto real da persoa, por exemplo, as valoracións sociais que dan acceso ao recurso de atención residencial realízanse no contorno da persoa como elemento fundamental da valoración, así pois, se recibimos unha solicitude dun veciño dos Ancares, as traballadoras sociais desprazámonos ata o seu contexto, é dicir ata a cociña da súa casa, alí escoitamos as súas vontades, preferencias e demandas, tamén poñemos a orella á súa historia de vida, medos e inquedanzas ao redor dunha cociña de ferro. O acompañamento en todo o proceso tendo unha única traballadora social de referencia responsable da súa solicitude, é fundamental para por en valor a profesión  , liberala de estereotipos e ser coñecedoras da realidade social e das necesidades sentidas, ao fin de seguir deseñando políticas sociais de abaixo a arriba.

Queda moito por facer e por mellorar. O que se fai dende a Deputación de Lugo supón un gran esforzo orzamentario pero evitar o modelo macroresidencial e apostar por crear servizos públicos no rural é un pequeno paso para que non se perda a identidade da persoa a quen se atende, a vez que se converte esta necesidade nunha oportunidade no territorio.

Este proxecto tamén demostra que o traballo social ten moitísimos lugares de acción. As veces posicionámonos soamente como figuras de intervención pero somos perfís profesionais con ampla valía na planificación e xestión de recursos. A perspectiva social é algo fundamental na creación de proxectos e na organización de recursos, temos unha mirada crítica que pode ser moi ben aproveitada para reverter tendencias que sabemos que non acaban de dar solución as demandas da poboación. Creemos que o noso perfil profesional é moi polifacético e non debemos poñernos barreiras a nós mesmas/os.