O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Docentes

“A ou o traballador social fomenta os recursos e capacidades de persoas que son obxecto da súa intervención profesional”

Pablo López e Adriana Hermida son responsables da docencia do curso COTSG “Desenvolvemento de líderes eficaces”. Responden a algunhas preguntas sobre esta formación

-A que nos referimos cando falamos de líderes eficaces?

-Falamos de lideres eficaces cando nos referimos a aquelas persoas que, tendo que dirixir un equipo ou sendo responsables do mesmo, son quen de incidir nas respostas das persoas que o forman, facilitando, dalgún xeito o camiño para que acaden as súas metas profesionais, e tamén persoais, en moitos casos.

Un líder eficaz involucra ás persoas do equipo e fainas partícipes da organización, conseguindo que os seus colaboradores vivan a organización e o seu propósito, e o sintan como propio. Simplificándoo moito, marchar de vacacións coa tranquilidade de que o equipo seguirá funcionando axeitadamente é un claro síntoma de liderado eficaz.

-O liderado non desincentiva a cooperación entre equipos?

-Máis ben todo o contrario, un liderado efectivo é aquel que fomenta a cooperación entre as persoas. É capaz de xerar equipos cohesionados, ben coordinados, sabendo desenvolver as fortalezas individuais e tamén colectivas, e superando os obstáculos en conxunto. Un líder eficaz actúa como guía para o equipo, pero sempre tendo presente que o equipo é o máis importante.

Nesta formación unha das cousas que se busca e conseguir o liderado compartido. Fomentar a responsabilidade e motivación persoal.

-O liderazgo eficaz pode repercutir nun uso de recursos dun xeito máis efectivo?

-Totalmente. Un líder eficaz debe ter a capacidade para optimizar os recursos dos que dispón o equipo, tanto das capacidades das persoas que o conforman, como a nivel de recursos materiais ou financeiros.

Adriana Hermida, docente do curso

-Por que é importante que un/ha traballador/a social sexa un líder eficaz?

-O liderado no rol de traballador/a social é un elemento clave na práctica profesional, tanto en equipos de traballo, como nos colectivos ou comunidades nas que intervén. Neste sentido, como profesional que incide nos procesos de desenvolvemento social, o seu papel é o de fomentar os recursos e capacidades de persoas ou grupos que son obxecto da súa intervención profesional.

A labor dun/ha traballador/a social afecta a moitas outras áreas da organización na que está. Coñecer como fomentar esta colaboración de xeito efectivo é moi útil para levar a cabo súa función de maneira satisfactoria.

-Cales son os eixos sobre os que vertebra a formación?

-Principalmente son aquelas cualidades ou competencias que diferencian a un líder eficaz: a capacidade para comunicar e escoitar ás persoas, para involucralas nos obxectivos, a xestión do cambio, un punto que cobra moita importancia no momento actual que estamos vivindo, no cal o papel do líder en calquera organización está sendo fundamental para a estabilidade tanto profesional como persoal; tamén se abordará a xestión do conflito, e a xestión emocional.

Pablo López, docente do curso

Na formación verase un sistema de liderado que leva ao liderado compartido: a conseguir a participación e involucración voluntario de todo o equipo. Explicarase e traballarase un sistema que consigue que os colaboradores sexan máis participativos, imaxinativos e proactivos. Explicaranse estratexias para marcar ben os obxectivos, e para comunicalos de xeito motivador. Como facer traballo unido ao equipo, como motivar e alinear a nivel individual e un xeito constructivo de xestionar os conflictos.