Un Traballo Social que tamén consiste en estar
Falamos con Jonatan Santos Seoane, politólogo, educador e traballador social colexiado, que actualmente exerce como técnico de emprego na ONG Rescate.


O seu Traballo de Fin de Grao, A importancia de tomar té. Relatos identitarios e reflexións desde os centros de emerxencia e atención humanitaria, foi cualificado cun 10 e recoñecido co Premio do Día Mundial do Traballo Social 2026 na modalidade TFG/TFM.
A partir da súa experiencia en dous centros de Galicia, Jonatan reflexiona sobre os relatos identitarios das persoas solicitantes de protección internacional e sobre outras formas de coñecer e acompañar. Falamos con el da espera, dos vínculos, da autonomía e dun Traballo Social que tamén se constrúe fóra dos despachos.
Jonatan Santos durante a entrega do Premio do Día Mundial do Traballo Social 2026, na modalidade TFG/TFM, celebrada o 27 de marzo.
A importancia de tomar té: Jonatan Santos e un Traballo Social que acompaña sen borrar identidades
O noso rol non consiste en escribirlles un novo relato, senón en procurar que dispoñan das condicións necesarias para poder seguir escribíndoo elas mesmas.
Ola, Jonatan. Antes de nada, moitas grazas por acompañarnos e parabéns polo recoñecemento acadado.
01. O título esperta curiosidade desde o primeiro momento. Como naceu A importancia de tomar té e cando comprendiches que ese convite representaba outra forma de acompañar?
A verdade é que naceu dunha forma moi natural. Eu entendín esa invitación a tomar té por parte das persoas acollidas como algo normal. Ao final, pasaba moitas horas do meu día a día no mesmo lugar ca eles, escoitando, falando, acompañando… polo que non comecei a pensar realmente sobre isto ata que alguén me preguntou: “Cres que iso é normal no teu traballo?”.
Sei que a pregunta non foi con mala intención, pero comecei a darlle moitas voltas ata comprender que, efectivamente, quizais aquilo non era o habitual. Para min si que o fora. E foi aí cando pensei que, probablemente, esa debería ser unha parte máis habitual do noso traballo: poder achegarnos, escoitar e acompañar desde espazos máis próximos.
O té acabou converténdose nunha metáfora desa outra forma de acompañar. O momento clave foi comprender que, con ese convite, se invertía o rol: eran eles, e non eu, quen me convocaban. Foi aí onde xurdiu unha relación máis horizontal. E foi aí onde naceu este traballo.
02. Compaxinaches a investigación co teu rol profesional en dous centros de Galicia. Como viviches ese proceso e que foi o máis difícil?
Ao inicio foi un pouco complexo, sobre todo polas dúbidas que eu tiña sobre a separación entre o rol de “estudante-investigador” e o de profesional. Eu chegaba ao centro como traballador, e iso facilitábame unha relación de proximidade e confianza; pero, ao mesmo tempo, obrigábame a cuestionarme constantemente que observaba, desde onde o facía e como o interpretaba. Incluso se a miña propia presenza modificaba o que estaba sucedendo.
Pero o certo é que unha parte moi importante do traballo foi posible grazas ás persoas acollidas. Cando acompañas desde unha posición máis horizontal e compartes os mesmos espazos, moitas cousas xorden dunha forma máis natural.
Precisamente aí apareceu tamén unha das maiores dificultades: reflexionar continuamente sobre os límites desa proximidade e preguntarme se estaba facendo as cousas ben, como profesional e como investigador. Creo que esa revisión constante tamén acabou formando parte do propio proceso de investigación.
03. Que son os “relatos identitarios” e por que deben ocupar un lugar central na intervención con persoas solicitantes de protección internacional?
Entendo os relatos identitarios como todas as facetas que nos compoñen como persoas: como nos vemos, como nos pensamos, como nos sentimos, como manifestamos a fe, cales son as nosas expectativas, as nosas redes de apoio… E, sobre todo, implican situarnos como protagonistas: nós escribimos os nosos propios relatos. A identidade non é unha foto, é un texto que se escribe de forma constante.
É certo que ao longo do traballo falo moito sobre a alteridade, sobre como se constrúe á outra persoa, pero co concepto de relatos identitarios quería poñer énfase na nosa propia capacidade e necesidade para definirnos.
Neste ámbito creo que é especialmente relevante, porque son persoas ás que se lles asignan etiquetas constantemente e que, precisamente por ese medo a “non integrarse”, reescriben ás veces os seus propios relatos para adaptarse ás expectativas do contexto. Iso pode facer que deixen pertenzas polo camiño: empregan menos a súa lingua, relegan determinadas prácticas, modifican a maneira na que expresan as súas crenzas ou deixan de lado algúns rituais que os conectan co seu lugar no mundo.
Hai que comprender que estes relatos non só se expresan verbalmente. Aparecen en como se prepara o té, no prato que lles gustaría cociñar, na lingua na que se expresan habitualmente, nos momentos nos que rezan… Todo iso fala tamén do noso relato identitario.
04. Que acontece cando un recurso pensado como temporal acaba converténdose nun fogar durante moito máis tempo do previsto?
Un centro pensado como un espazo temporal cambia completamente cando esa provisionalidade se alonga. É moi difícil construír unha vida cando a túa propia vida parece estar en suspenso, ou en stand-by, como escribía Sana.
A rutina pode proporcionar certa seguridade, pero tamén pode converterse nun recordatorio permanente desa espera. E cando o funcionamento institucional marca horarios, comidas, actividades e ritmos, existe o risco de que a persoa vaia perdendo capacidade de decisión incluso sobre cuestións moi pequenas da súa propia vida.
O que máis percibín foi o impacto no benestar emocional e psicolóxico: esgotamento, ansiedade e unha sensación constante de non avanzar. E iso tamén afecta ao relato: quen son, quen son neste centro, que papel teño aquí, que poderei ser despois?
Ás veces deixaban de percibirse como persoas individuais e comezaban a verse cada vez máis como “solicitantes”, como expedientes que dependen dun trámite. E esa incerteza tamén condiciona as decisións que toman.
Lembro o caso dunha persoa á que lle encantaba coser e que facía cousas incribles con poucas telas, pero que, por necesidade, acabou traballando na obra. Conseguimos unha máquina de coser e, pouco a pouco, foi mantendo esa parte do seu relato no seu tempo libre. Hoxe traballa como costureiro. Para min, ese exemplo explica moi ben que acompañar tamén pode significar axudar a que unha persoa non teña que abandonar completamente aquilo que forma parte dela mentres intenta reconstruír a súa vida.
05. Entre as túas propostas aparece unha expresión moi directa: “coñecelos, non entrevistalos”. Que significa esta idea na práctica?
Non significa deixar de facer entrevistas, senón comprender que unha entrevista pautada dificilmente nos vai permitir coñecer por completo a unha persoa.
Na oficina hai roles moi definidos: alguén pregunta e outra persoa responde. Cando compartimos un té, un café, unha sobremesa, unha conversa nun parque ou aprendemos unha palabra na lingua da outra persoa, movémonos desa posición. E creo que é aí onde comezamos a ver ás persoas como persoas, e non só como usuarias dun programa.
Eu ás veces poño un exemplo moi sinxelo. Non é o mesmo saber que son “Jonatan, 34 anos, de Santiago, traballador social” que saber que son Jon, que pasei parte da infancia en Barakaldo coa miña irmá e coa miña nai ou que vía telenovelas coa miña avoa mentres comiamos pistachos. As dúas descricións falan de min, pero só unha conta quen son.
E isto ten consecuencias tamén para a intervención. Cando existe unha relación de maior confianza van aparecendo de forma natural cuestións que dificilmente xorden nunha primeira entrevista: relacións familiares complexas, conflitos coa fe, medos, redes de apoio ou formas concretas nas que unha persoa se sente máis segura para comunicarse.
Coñecer mellor á persoa non elimina a profesionalidade. Ao contrario: permítenos comprender mellor a quen temos diante e detectar que é realmente significativo para ela.
06. Que aprendiches sobre acompañar sen decidir pola outra persoa e crear vínculos sen xerar dependencia?
Aprendín que aquilo que nós consideramos a mellor decisión profesionalmente non ten por que ser sempre a mellor decisión para a outra persoa.
Ás veces tendemos a dicir: “Eu penso que o mellor sería…”. Pero nós non deberiamos estar no centro da resposta. O noso papel é ofrecer ferramentas, información e alternativas. Explicar: nesta situación existen estas opcións, estas son as consecuencias posibles e estes son os recursos dispoñibles. E, a partir de aí, favorecer que a persoa poida tomar unha decisión autónoma e informada.
Evidentemente, hai situacións nas que as posibilidades están moi limitadas por diferentes circunstancias, pero iso non debería converterse nunha escusa para decidir pola outra persoa.
Creo que isto tamén nos obriga a admitir que non sempre sabemos que é o mellor. Ás veces a nosa función é crear as condicións para que a outra persoa poida dicirnos que é importante para ela. E aceptar que unha decisión que nós non tomaríamos pode ser igualmente lexítima para outra persoa.
Os límites tamén son unha forma de coidado. Se prometemos máis do que podemos cumprir ou construímos unha relación na que todo depende dunha única persoa profesional, probablemente esteamos creando unha nova vulnerabilidade.
07. O teu TFG foi cualificado cun 10 e recibiu o Premio do Día Mundial do Traballo Social 2026. Que significa para ti este recoñecemento e que continuidade che gustaría que tivese o traballo?
Para min é toda unha honra, sobre todo porque considero que é un traballo que foi posible grazas a todas as persoas acollidas que me acompañaron durante o proceso. Así que, no plano persoal, supón moitísima ilusión poder ter vivido algo así.
E, no plano profesional, síntome moi agradecido de que se recoñeza este pequeno traballo dunha forma tan respectuosa e coidada. Tamén porque dalgunha maneira recoñece como relevantes experiencias que, aparentemente, podían parecer demasiado pequenas para converterse en obxecto de investigación: tomar té, falar bámbara ou wolof ou simplemente pasar tempo nun espazo común.
O traballo non partiu dunha hipótese pechada, senón de preguntas que me foron xurdindo mentres acompañaba ás persoas. E creo que iso tamén lle dá sentido ao resultado final.
Encantaríame que, dentro duns anos, a práctica profesional do Traballo Social camiñase cada vez máis cara a espazos de intervención horizontais e que fósemos máis conscientes da importancia de achegarnos aos relatos identitarios das persoas coas que traballamos.
Pero tamén me gustaría que as propostas se probasen, se discutisen e incluso se cuestionasen. Que sirvan para abrir conversas sobre participación, identidades, espazos comúns e formas de acompañamento. Para min esa sería a mellor continuidade posible.
08. Despois de todo o vivido, mudou a túa maneira de entender o Traballo Social? Con que aprendizaxe quedas?
Si. Creo que aprendín que o Traballo Social tamén consiste en estar.
Non todo acompañamento precisa ter un indicador. Ás veces parte do noso traballo consiste en coñecer suficientemente á outra persoa para comprender que é significativo para ela, que quere conservar, que perdeu, que está intentando reconstruír ou que lugar quere ocupar.
Creo que as persoas non nos buscan unicamente polo rol profesional que ostentamos, senón polo acompañamento que lles podemos ofrecer. Por iso, sempre que poida, gustaríame continuar acompañando desde espazos nos que podamos falar de igual a igual, desde unha posición de escoita e respecto e cun interese real por aprender.
Son prácticas que ás veces poden ser menos visibles ou estar menos formalizadas, pero iso non significa que sexan menos profesionais.
E, por suposto, todo isto require humildade. Entramos na vida das persoas nun momento moi concreto, pero elas tiñan unha historia antes de coñecernos e continuarán téndoa cando marchemos.
O noso rol non consiste en escribirlles un novo relato, senón en procurar que dispoñan das condicións necesarias para poder seguir escribíndoo elas mesmas.
09. Para rematar, que mensaxe lles trasladarías ás profesionais que acompañan persoas migrantes e solicitantes de protección internacional en contextos marcados pola urxencia e a burocracia?
Diríalles que non permitan que o expediente lles tape á persoa. Sei que non sempre é doado, porque traballamos en contextos marcados pola urxencia, polos prazos, pola burocracia e por unhas esixencias que ás veces ocupan gran parte da nosa xornada. Pero, mesmo dentro desas limitacións, creo que sempre podemos buscar pequenos espazos nos que volver á persoa.
Que pregunten, pero sobre todo que observen e escoiten. Que se senten algunha vez nun espazo común sen programar unha intervención. Que aprendan unha palabra na lingua das persoas coas que traballan. Que acepten unha invitación. Porque hai información que nunca vai aparecer nunha entrevista e hai vínculos que dificilmente se constrúen desde o outro lado dunha mesa.
E tamén lles diría que aproveiten a oportunidade de aprender. Traballar con persoas migrantes e solicitantes de protección internacional permítenos achegarnos a unha diversidade enorme de culturas, linguas, crenzas, experiencias e maneiras de entender o mundo. Se entramos nese encontro pensando unicamente no que nós podemos ensinar ou ofrecer, estamos perdendo unha parte moi importante do acompañamento.
Moitas grazas, Jonatan, por compartir connosco o teu traballo, a túa experiencia e as aprendizaxes que fixeron posible esta investigación.