O BLOG – Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Entrevistas a profesionais do Traballo Social con impacto na comunidade galega

Área de traballo minorizadaPersoas invitadasUncategorized

Silvia Pereira, o Traballo Social de empresa

Silvia Pereira Bartolomé, é unha traballadora social que dende que se graduou tiña claro que lle gustaría facer traballo social de empresa. En aqueles anos esta posibilidade non era moi factible, pero cambios sociais e na realidade do mercado laboral fan que agora sexa un dos seus traballos. Compaxina este labor con outros proxectos profesionais dentro da entidade XenSocial, que dirixe xunto con Victoria Abadía. Nestas últimas semanas ten participado en distintos foros para falar da prevención do absentismo laboral dende a intervención social nas empresas. Unha óptica nova nun problema de actualidade na axenda politica e dos medios de comunicación.

Que podemos facer os profesionais do Traballo Social para incidir no tratamento social do absentismo?  Imos a preguntarllo.

O absentismo laboral é un fenómeno multifactorial e creo que ás veces intentamos simplificalo demasiado. Detrás de moitas situacións hai problemas sociais e persoais que afectan directamente ao día a día das persoas: sobrecarga familiar, coidados, dificultades para conciliar, problemas económicos, enfermidades ou situacións complicadas na casa.

Moitas veces falamos de produtividade como se ao entrar a traballar fósemos capaces de deixar fóra todo o demais, e iso non pasa. Toda esa “mochila” acompáñanos tamén no traballo e termina afectando ao rendemento, ao estado emocional e incluso á saúde mental.

Dende o Traballo Social o que facemos é intentar entender o contexto da persoa e actuar antes de que as situacións se compliquen máis. A prevención e a detección temperá son fundamentais, sempre en coordinación con Recursos Humanos e cos servizos de prevención.

Creo que un dos erros máis habituais é reducir o absentismo a unha falta de compromiso ou meter situacións moi distintas baixo o mesmo concepto sen analizar realmente que hai detrás.

En Xensocial facemos acompañamento social ás persoas traballadoras e as súas familias.

Normalmente as empresas chegan a nós a través de RRHH ou dos departamentos de PRL, porque cada vez son máis conscientes de que moitas situacións persoais teñen impacto directo no traballo.

Traballamos con perfís moi distintos e as intervencións poden chegar tanto por derivación interna como porque a propia persoa solicite apoio directamente. A confidencialidade é fundamental, porque moitas veces existe medo a pedir axuda dentro da empresa.

Hai casos nos que a intervención é puntual e outros nos que require máis seguimento. Depende moito da situación.

Quizais a maior diferenza respecto ao traballo social de empresa de hai décadas é que agora hai unha mirada máis preventiva e máis centrada na persoa. Non se trata só de ofrecer axudas, senón de entender que está pasando e acompañar dende o social.

Hai anos o traballo social de empresa estaba máis relacionado coa beneficencia ou cun enfoque máis asistencialista. Moitas veces limitábase a ofrecer determinadas axudas ou beneficios sociais.

Hoxe o enfoque é distinto. Falamos de prevención, riscos psicosociais, conciliación, saúde mental ou benestar dentro das organizacións.

Tamén cambiaron moito as problemáticas. Agora atopamos moita sobrecarga de coidados, dificultades para conciliar, máis visibilidade da saúde mental ou situacións relacionadas co envellecemento da poboación.

Aínda así, existe bastante descoñecemento sobre o que pode aportar o Traballo Social nunha empresa. Moitas veces seguimos asociándoo só a problemas económicos, cando en realidade todos podemos atravesar situacións sociais complexas en algún momento da vida.

As demandas son moi variadas. Atendemos temas relacionados coa dependencia, discapacidade, conciliación, violencia de xénero, conflitos familiares, vivenda, coidados ou enfermidades graves…

Non hai un perfil concreto. Cada vez vemos máis persoas pedindo axuda antes de chegar ao límite, aínda que segue existindo certa tendencia a normalizar o malestar ou aguantar demasiado.

Hai moito cansazo detrás de moitas situacións. Persoas que están coidando de familiares, intentando conciliar, sostendo problemas económicos ou situacións persoais difíciles mentres seguen indo traballar cada día.

Tamén segue habendo moito descoñecemento sobre o Traballo Social. Moita xente pensa que só se acode a unha traballadora social en situacións extremas.

E algo que vemos moito é o alivio que sente a persoa cando se sente escoitada sen xuízos e entende que non ten que afrontar todo soa.

Moitas veces esquecemos que as situacións persoais e sociais tamén teñen impacto nas empresas. Se unha situación non se detecta a tempo pode acabar derivando en baixas longas, desmotivación, conflitos, rotación ou perda de vinculación coa empresa.

Cando existe acompañamento social é máis fácil detectar determinadas situacións antes de que vaian a máis e iso tamén mellora o clima laboral.

Creo que aínda custa entender que coidar ás persoas tamén é unha forma de coidar a empresa.

Tamén hai diferenza entre facer accións puntuais de benestar e coñecer realmente que lle está pasando ó cadro de persoal. Moitas veces implántanse medidas moi visibles, como poñer froita na oficina, instalar un futbolín ou facer actividades illadas, que poden estar ben, pero que non responden ás necesidades reais das persoas traballadoras. Se un cadro de persoal ten problemas de conciliación, sobrecarga de coidados ou desgaste emocional, probablemente necesite outro tipo de medidas máis adaptadas á súa realidade.

Por iso é tan importante facer diagnóstico social e entender que problemáticas están afectando realmente ao equipo.

Considero que non sempre. Cando falamos de absentismo nos datos estatísticos adoitan incluírse tanto as baixas médicas como as ausencias derivadas de permisos laborais, e iso fai que moitas veces se mesturen realidades moi distintas sen analizar realmente o contexto que hai detrás.

Hai factores que son fundamentais e que ás veces quedan fóra do debate: a crise dos coidados, a dificultade para conciliar, a dependencia, o acceso á saúde mental ou o propio envellecemento da poboación.

En Galicia estamos vendo moito a realidade da chamada “xeración sandwich”: persoas que coidan dos seus pais mentres tamén intentan atender aos seus fillos ou fillas. Iso xera unha carga moi importante.

Tamén creo que ás veces existe certa tendencia a culpabilizar ás persoas traballadoras sen pararse a entender que está pasando.

Cando todo se aborda dende o control ou a fiscalización, moitas persoas terminan ocultando o malestar, teñen medo a pedir axuda ou acaban desvinculándose máis da empresa.

O pasado 9 de abril participei na CEO de Ourense no I Observatorio sobre Capital Humano: Absentismo Laboral e Escaseza de Man de Obra, unha xornada centrada en dúas das grandes preocupacións actuais das empresas. Durante o encontro falouse de como ambos fenómenos son problemas estruturais que se retroalimentan e afectan directamente á competitividade.

En xeral hai bastante descoñecemento, pero tamén moita curiosidade. Cando falamos da dimensión social que hai detrás de moitas situacións de malestar, o interese adoita ser grande.

Dentro dese debate, introducir o enfoque do Traballo Social chamou bastante a atención porque é unha mirada na que aínda non se pensa demasiado. Falouse moito de saúde mental e de baixas laborais, pero moitas veces esquecemos todo o contexto social que tamén hai detrás de moitas destas situacións.

Tamén hai moitas diferenzas entre empresas na maneira de abordar o absentismo e o benestar laboral. Hai empresas que realmente queren entender que está afectando ós seus cadros de persoal e poñer medios para mellorar esas situacións, sen quedar só en medidas superficiais.

A principal barreira segue sendo o descoñecemento sobre todo o que o Traballo Social pode aportar neste ámbito.

Creo que cambiou moito a forma na que vivimos o traballo. Hoxe a xente tamén busca estar ben, poder conciliar e ter certo equilibrio entre a vida persoal e laboral.

Hai máis conciencia sobre saúde mental e tamén saen á luz problemáticas sociais que antes quedaban moito máis invisibilizadas.

As empresas están empezando a entender esta realidade, pero aínda queda bastante camiño.

Cada vez aparecen máis demandas relacionadas coa flexibilidade, os coidados ou o apoio emocional, pero non todas as empresas saben como responder a iso.

Ás veces implántanse medidas moi xenéricas ou copiadas doutras organizacións sen coñecer realmente que necesita as persoas concretas de esa empresa. E aí é onde moitas accións terminan quedando só no papel.

Os riscos psicosociais son todas aquelas situacións relacionadas co traballo ou coa maneira na que o vivimos que poden acabar afectando ao benestar emocional, mental, social e incluso físico das persoas.

Non falamos só de estrés laboral. Tamén inflúen a sobrecarga, a falta de conciliación, os conflitos, o desgaste emocional ou problemas persoais que inevitablemente tamén chegan ao traballo.

O Traballo Social permite entender que moitas veces detrás do malestar laboral hai situacións sociais e familiares que tamén precisan atención.

O que facemos é analizar esas realidades, acompañar ás persoas e intentar actuar antes de que os problemas se cronifiquen.

Aínda queda bastante por facer neste ámbito. Moitas veces os riscos psicosociais redúcense a cuestionarios ou a intervencións moi xerais que non terminan chegando ás causas reais do problema. Nos últimos anos estase valorando moi positivamente incorporar servizos de atención psicolóxica nas empresas, algo que pode ser moi útil, pero ás veces esquecemos traballar tamén as causas sociais que están detrás dese malestar: problemas de conciliación, sobrecarga de coidados, dificultades económicas, conflitos familiares ou desgaste sostido no tempo.

Ademais, aínda que a evidencia técnica e normativa leva anos recoñecendo factores como a dobre presenza, o conflito entre o traballo e a vida familiar, ou as xornadas imprevisibles como riscos psicosociais, a realidade é que poucas empresas aplican realmente a perspectiva de xénero á hora de avaliar estes riscos.

Por iso é tan importante coñecer ben a realidade de cada cadro de persoal antes de implantar medidas de benestar.

Unha das primeiras persoas ás que lle presentamos o proxecto de XenSocial era sobriña dunha das pioneiras do Traballo Social de empresa nos anos sesenta: Emilia Varela Vila.

Foi curioso porque foi das primeiras veces nas que alguén entendeu perfectamente o que queriamos facer sen necesidade de explicalo demasiado.

Creo que aquelas pioneiras xa entenderan algo moi importante: que detrás das persoas traballadoras había moitas realidades que tamén necesitaban atención, máis alá da beneficencia.

Hoxe seguimos recuperando esa mirada, pero adaptada ás problemáticas actuais e ás novas formas de entender o traballo e o benestar nas empresas.

As persoas non deixan os seus problemas na porta do traballo. Detrás de moitas dificultades laborais hai realidades sociais que tamén precisan ser escoitadas e acompañadas.

Agradecer o tempo e o interese de Silvia para atendernos, e sobre todo as desculpas pola demora que por motivos de saúde tivo esta publicación no blog. E darlle os parabéns pola construción de novos escenarios onde o Traballo Social aporta a súa bagaxe de disciplina centenaria para facilitar a satisfacción das necesidades sociais que emerxen no momento presente. É un xeito de ampliar os espazos e os roles dos traballadores e traballadoras sociais.

0 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x