A experiencia de exercer o Traballo Social en Irlanda.
Victoria Reinoso Fernandez e Diego Rocha Gutierrez son profesionais do Traballo Social que optaron por buscar unha saída profesional fora da península, concretamente en Irlanda. Cambiar de domicilio e deixar atrás o medio afectivo, social e cultural é unha decisión de calado, pero que pode supoñer ter un desenvolvemento profesional máis satisfactorio.
No caso dos profesionais do Traballo Social cambiar de país supón que a estrutura dos servizos nos que imos a traballar é radicalmente distinta, xa que depende de organizacións administrativas e sociais que se desenvolven e funcionan con lóxicas propias.
Para coñecer un pouco máis o funcionamento do ámbito da atención social en Irlanda, e cal é o contido e funcións dos postos de traballo ós que podemos acceder co titulo de Traballo Social español, falamos con Victoria e Diego.
- Ola Victoria, ola Diego, grazas por atendernos a mil quilómetros de distancia e no medio da vosa vida noutro país. Para situarnos, cóntanos como foi o proceso de ir a traballar a Irlanda.
Diego: No meu caso, acababa de rematar o grado de Traballo Social, polo que comecei a buscar traballo no sector. Nunha destas buscas atopei unha oferta de ‘’Social Care Worker’’ nun centro de menores en Irlanda, así que, como por probar non perdía nada, decidín enviar o meu currículo. Se non recordo mal, ao dia seguinte chamáronme e concertamos unha entrevista. O certo é que sempre tiven moi claro de querer marchar de Galiza para experimentar como é traballar noutros países, así que no momento que en que apareceu a oportunidade decidín aproveitala. Desde entón sigo traballando en Irlanda, aínda que agora na área residencial dunha asociación que traballa con persoas sen teito.
Victoria: Eu estaba a piques de rematar un master e un pouco saturada dos estudos, quería ir o estranxeiro entón empecei a buscar en xeral ofertas noutros países. Irlanda xa era unha opción pero non definitiva, ata que en Xullo mais ou menos falei cunha das mestras do grao coa que teño moita relación, Yolanda García, e animoume a ir un pouco máis alá. Ela recomendoume investigar fora de España para expandir as miñas capacidades e probar algo novo, porque coñéceme ben e sabe que son aventureira (Grazas de corazón por confiar en min e animarme a dar este paso, xa o sabes). Por iso, púxome en contacto con Diego, e contoume que el xa levaba un ano en Irlanda traballando con menores así que estivemos en contacto ata que eu por fin defendín o meu TFM en Setembro e o pasado Outubro eu xa estaba nun avión chegando o norte de Irlanda, a Sligo.
- En onde atopastes a oferta, e que proceso seguistes ate pechar a vosa incorporación a este traballo?
D: Eu atopei a oferta nun portal de emprego español, como xa comentei, xa que a empresa coa que comecei a traballar en Irlanda publica os seus postos de traballo a nivel internacional, principalmente en España, Italia e Grecia. Cando me chamaron, concertamos a entrevista de traballo para mediados de xullo, se non recordo mal. A entrevista foi online, por suposto, e cando me ofreceron o posto déronme tres días para decidir se quería aceptalo ou non. Foi entón cando aceptei e comezou todo o caos de mover a miña vida a outro país. Cómpre destacar que desde a empresa solicitaban varios documentos que tiña que entregar coa maior brevidade posible. Con todo, tamén foron moi flexibles á hora da miña incorporación, xa que eu non quería marchar xa na mesma semana. Finalmente, non me incorporei ao meu posto de traballo ata setembro e unha vez cheguei a Irlanda, comecei a traballar aos dous ou tres días de chegar.
V: Pois o meu proceso de incorporación foi igual que o de Diego en canto a documentación, prazos e demais. Despois de facer a entrevista en inglés a primeira semana de Agosto, acepte aos seguintes dias mais díxenlles que ata Outubro non podería incorporarme e aceptaron. Aí, si que vin moita flexibilidade ao meu parecer. A primeira semana de Outubro cheguei e estiven facendo a formación obrigatoria antes de comezar, durou 4 días, e acórdome que ese venres xa empecei na miña primeira quenda no centro que me colocaron. A chegada foi intensa, supoño que ao cambiar de país, de costumes, de caras descoñecidas, idioma diferente, todo o principio vólvese un pouco caótico. A verdade que saber que Diego estaba alí deume moito alivio, e estou moi agradecida de coincidir e conectar en Irlanda. Seguir apoiándonos nesta aventura, á vez que sentir un anaco de Galiza é un agasallo.
- En Irlanda o sistema de traballo é distinto. Que posibles ocupación pode desenvolver unha persoa titulada en España en Traballo Social? Cal é o sistema de estudios e titulación?
Unha vez rexistrados neste organismo profesional, os ámbitos nos que podemos desenvolver a nosa actividade son moi parecidos aos de Galiza, como por exemplo o traballo social sanitario, o traballo con menores, con persoas sen teito ou no ámbito da diversidade funcional, entre outros.
Nós estamos contratados como “Social Care Workers”, que sería unha categoría inferior ao Traballo Social. A nosa profesión neste país divídese en dous niveis: por unha banda está o Social Care Worker, que corresponde ao grao universitario, e despois existe a posibilidade de acceder ao mestrado en Traballo Social. Ademais, para traballar como profesional do Traballo Social é necesario rexistrarse no organismo oficial que regula ás profesión sanitarias e sociais, chamado CORU. No noso caso, este proceso é un pouco máis complicado, xa que é necesario homologar os nosos estudos, algo que leva bastante tempo. Por iso, polo momento estamos traballando nunha categoría inferior á nosa.
- Cales foron os requisitos que che piden para traballar aí como Ts?
Solicitáronnos o título de Traballo Social e tamén realizar o Garda Vetting (a revisión de antecedentes penais en Irlanda), ademais de presentar os antecedentes doutros países nos que viviramos previamente. Tamén pedían referencias doutros traballos anteriores ou das prácticas realizadas. Ademais, é requisito completar algunhas formacións antes de comezar o traballo, por exemplo cursos de intervención en crise, entre outros. Por suposto, tamén é necesario superar a entrevista de traballo, que adoita realizarse con dous profesionais que ocupan cargos de dirección nos centros. No caso de querer traballar como profesional do Traballo Social, o principal requisito que cambia é ter o rexistro en CORU, como comentabamos anteriormente.
- Como foi a túa chegada a Irlanda e a acollida a nivel laboral?
D: A miña chegada foi bastante caótica, xa que tiven moitos problemas á hora de atopar vivenda, pois non coñecía a ninguén antes de mudarme. Con todo, que o traballo fose ben e que me sentise cómodo desde o primeiro momento foi o que máis me motivou a seguir adiante. Cómpre destacar que o equipo co que traballei foi moi agradable e sempre estivo disposto a axudarme en calquera trámite que puidese resultar máis complicado. Ademais, a empresa ofrecíanos un paquete para situarnos, no que nos proporcionaban algo de diñeiro para os primeiros meses de alugueiro e tamén un coche durante dous meses, o cal foi de grande axuda mentres nos asentabamos un pouco no país.
- Cal é teu posto de traballo? Que funcións desempeña un Ts en Irlanda?
D. Nós estamos traballando como Social Care Workers. Victoria traballa con menores tutelados polo Estado, mentres que eu traballo con persoas sen teito nunha organización sen ánimo de lucro.
V: Eu acompaño a mozos e mozas no seu día a día, intentando promover hábitos saudables, ofrecer escoita activa e fomentar que participen en actividades dentro da comunidade.
D: Acompaño ás persoas usuarias no seu día a día, para promover a súa inclusión social, coordino con outros servizos que poidan ser de axuda e proporcionar apoio durante as crises.
Ambos realizamos quendas de 24 horas ao tratarse de recursos residenciais, aínda que tamén temos quendas de 12 horas ou incluso máis curtas. Isto tamén permite dispoñer de días libres para dedicar aos nosos hobbies e continuar coa vida persoal.
- Hai algunha cuestión que sexa moi diferente en canto ás tarefas dun Ts en España e en Irlanda?
V. Os límites á hora de tratar coas persoas usuarias son bastante distintos, xa que nos ámbitos residenciais en Irlanda as persoas usuarias dos servizos teñen a liberdade de decidir sobre todos os ámbitos da súa vida, algo que nos parece moi positivo. Con todo, ás veces esta liberdade chega a niveis un pouco extremos.
Por exemplo, no caso dos menores, estes poden decidir non ir á escola e os recursos nos que traballamos non poden facer moito para evitar que non asistan.
- Como é o reparto de funcións nos servizos sociais de irlanda, entre Traballo Social, Educación Social e Psicoloxía? Hai algunha figura profesional que non exista no sistema de profesións español nos servizos sociais?
En Irlanda o sistema non se organiza exactamente arredor dos “Servizos Sociais” municipais como en España. O modelo está máis centralizado e dividido principalmente entre:
- Tusla, a Axencia de Infancia e Familia, encargada de protección de menores, apoio familiar, acollemento, adopción e parte da intervención comunitaria.
- HSE (Health Service Executive), que leva saúde, discapacidade, saúde mental e moitos servizos comunitarios.
- Entidades do terceiro sector concertadas co Estado.
Por iso, o reparto profesional tamén é diferente do modelo español de servizos sociais comunitarios.
Dentro destes servizos:
- O/a Social Worker (Traballo Social) céntrase sobre todo en avaliación de risco, protección infantil, coordinación de casos, intervención familiar e relación co sistema xudicial ou sanitario. En Irlanda é unha profesión regulada por CORU e moi vinculada á protección da infancia, acollemento, adopción, saúde mental ou discapacidade. A función é máis “case management” e intervención sociofamiliar ca educativa ou terapéutica.
- O/a Social Care Worker, —figura moi importante en Irlanda— ocupa un espazo que en España estaría repartido entre Educación Social, integración social e parte do traballo residencial. Traballan sobre todo en recursos residenciais, protección de menores, intervención comunitaria e acompañamento diario de nenos/as e mozos/as. O foco está na relación educativa e terapéutica cotiá: convivencia, creación de vínculo, autonomía, apoio emocional, habilidades da vida diaria e intervención directa nos centros.
- Psicoloxía, mantense máis separada do ámbito social do que adoita ocorrer nalgúns equipos en España. Os/as psicólogos/as céntranse principalmente en avaliación clínica, saúde mental, trauma, terapia e apoio especializado. Nos equipos interdisciplinares colaboran con Social Workers e Social Care Workers, pero as competencias están máis diferenciadas. Segundo profesionais do sector, os Social Workers irlandeses non adoitan exercer psicoterapia como parte central do posto, salvo nalgúns servizos específicos de saúde mental.
Ademais, os servizos sociais comunitarios locais teñen menos peso que en España. O sistema irlandés está máis orientado a protección infantil, atención residencial e coordinación sanitaria, mentres que en España existe unha rede municipal de servizos sociais moito máis ampla e universal. De feito, unha das grandes diferenzas respecto ao sistema español é precisamente o enorme peso profesional e institucional do “Social Care Worker”.
Outra diferenza relevante é que Irlanda ten unha estrutura máis xerarquizada nos servizos residenciais e de protección infantil: existen figuras como Social Care Leader, Deputy Social Care Manager ou Residential Manager, cunha carreira interna moi definida dentro do ámbito residencial.
- O Traballo Social en Irlanda está máis centrado na protección, avaliación e coordinación institucional.
- O Social Care Work asume gran parte da intervención socioeducativa directa e residencial.
- A Psicoloxía queda máis especializada no clínico-terapéutico.
- E a figura do Social Care Worker non ten un equivalente exacto no sistema español, porque integra funcións que en España adoitan repartirse entre Educación Social, integración social e atención residencial.
- As condicións económicas e laborais en Irlanda en comparación coas españolas como as valorarías?
D. No referente ás condicións económicas, a situación é moi distinta, xa que en Irlanda os soldos son máis altos e están máis equilibrados coas condicións de vida. Con todo, tamén é necesario destacar que incluso en Irlanda o sector social considérase que está bastante mal remunerado. Porén, ao vir de España nós non temos esa impresión, xa que as nosas condicións económicas melloraron notablemente.
As condicións laborais tamén son bastante diferentes. O equilibrio entre traballo e vida persoal está moito máis presente e promóvese activamente. No sector social en concreto, as direccións dos centros realizan supervisións mensuais cos profesionais para facer un seguimento do seu estado anímico no traballo e intentar buscar solucións e alternativas no caso de que algunha persoa estea preto do síndrome de burnout.
V. A ratio de persoal nos centros de menores nos que ambos estivemos traballando tamén é diferente á de España. Aquí, por exemplo, adoita haber tres profesionais durante o día nun centro con catro nenos ou nenas, e dous profesionais na quenda de noite. En comparación cos centros de menores en España, esta ratio non adoita ser tan alta.
Isto pode considerarse un punto favorable, aínda que tamén hai que ter en conta as necesidades específicas de cada casa e as dinámicas de cada neno ou nena. Ás veces pode parecer que hai moitos profesionais para poucos menores, pero ao final pode resultar insuficiente dependendo das necesidades que existan en cada momento.
- Como se organizan os servizos sociais en Irlanda?
Polo que levamos vivindo e traballando aquí, os principais sectores de servizos sociais divídense en tres ámbitos: o Departamento de Protección Social do Goberno, o servizo de saúde do país (HSE) e os servizos de menores e familia (Tusla). Ademais, forman parte importante deste sistema as organizacións sen ánimo de lucro e as asociacións comunitarias.
- Que valoración global facedes desta experiencia?
D: No meu caso, a nivel persoal non chamaría isto “experiencia” no sentido estrito, entendo máis este concepto como un ERASMUS, por exemplo. Sen embargo, aquí o que estou a facer é vivir a miña vida, un pouco distinta á que levaba en Galiza, iso sen dúbida, pero a esencia segue sendo a mesma, é dicir, vou traballar e convivo cas miñas amizades cando coincidimos nos días libres.
Ao principio foi un pouco complicado, xa que chegas a un lugar onde non coñeces a ninguén, non sabes como funciona o país e tes que aprender a resolver por ti só todos os problemas que a vida che presenta. No meu caso, isto só sucedeu ao principio, xa que consideramos que fomos capaces de saír da nosa zona de confort e de crear unha moi boa comunidade de persoas na mesma situación, sos nun país estranxeiro, pero capaces de entendérmonos entre nós e apoiarnos no que fose necesario.
Levo case dous anos vivindo en Irlanda e podo dicir que non me arrepinto. Sinto que madurei en aspectos da vida nos que non podería facelo quedándome en Galiza e, se decido volver, sei que adquirín habilidades moi valiosas á hora de reincorporarme alí.
No ámbito laboral, estou moi agradecido por toda a experiencia que adquirín neste tempo. Non todo foi bo ou agradable, xa que no noso campo laboral non todo é un camiño de rosas, existiron crises moi complicadas que incluso me fixeron dubidar se isto era realmente o que quería para a miña vida. Aínda así, estou moi contento de ter superado esas situacións.
Ademais, tamén decidín cambiar de área de traballo, empecei traballando con menores e agora estou con persoas sen teito, xa que sentía que necesitaba experimentar outros campos. Tampouco me arrepinto desta decisión. Ademais, as oportunidades que ofrece o salario en Irlanda son moi boas, xa que permiten vivir sen ter preocupacións económicas.
Con todo isto, non quero dicir que Irlanda sexa perfecta, hai outros aspectos nos que sen dúbida necesita mellorar. Pero, facendo un balance do tempo que levo aquí, considero que o bo supera o malo que ten o país.
V: Para min que levo 5 meses vivindo e traballando en Irlanda, está sendo un modo de vida moi diferente o que tiña eu en Galiza. Agora non, porque estou de baixa debido a un incidente no traballo, que espero poder volver con máis enerxía e recuperar esa ilusión que tiña cando comecei. A nivel xeral non me arrepinto de nada, gústame a vida aquí, as persoas e a súa amabilidade, dende que comecei nunca tiven ningún problema en canto á comunidade, sempre notei unha proximidade. Só dicir que tiven varios incidentes aquí en Irlanda e nunca me sentín soa. A barreira do idioma, aínda que considerando que teño bo nivel de inglés, fíxome sentir insegura ao chegar, porque as persoas aínda que na súa maioría sexan amables hai de todo, e si que percibín ao principio, “ah, es de fóra, de onde es, ese acento non me soa”, ou cousas dese tipo, que aínda que non sexa de forma despectiva, a primeira semana faite sentir unha extraterrestre e pedir un café nun sitio pódese facer un mundo!
A nivel laboral estou contenta pola calidade de vida que teño que é moito mellor e a tranquilidade a fin de mes, e sobre todo poder viaxar e ter os teus hobbies sen preocupación económica, é unha cousa fundamental. Outros temas poderían mellorar como todo porque é máis estrutural, pero a nivel do que podo falar eu, estou contenta. Ademais, gustaríame incidir en que hai unha comunidade española moi ampla en Irlanda, sobre todo na zona que nós estamos, e paréceme curioso porque non vivimos preto de cidades grandes. Sempre temos plans que facer ou persoas que contactar cando botamos de menos a nosa terra.
Por último, eu quería dicir de parte dos dous, que aínda que pareza o de irse fóra a traballar ou vivir como algo extraordinario ou de valentes non sempre é así. Gustounos moito facer esta entrevista conxunta e contar experiencias e perspectivas diferentes pero unha valoración común. Vivir fóra cámbianos a maneira de ver a vida en xeral, porque aprendes a adaptarte a un novo sitio, unha nova cultura, novos sabores, outro idioma, novas persoas e tamén unha nova versión de ti mesma/o que vai evolucionando co paso do tempo.
Grazas polo espazo e por poder visibilizar os nosos sentires e experiencias estando un pouco lonxe da casa.
Queremos destacar o esforzo e a atención que nos dedicaron Victoria e Diego para a realización deste blog mostrando a súa experiencia e a información básica dun modelo alleo ao noso, que ten as súas propias claves, dinámicas e organización. Esperamos que esta conversa vos dera maior información sobre as posibilidades laborais dos profesionais do Traballo Social españois no estranxeiro. Nas oferta de traballo que publica o COTSG inclúense as que nos chegan de outros países, de todos xeitos se queredes ampliar a información podedes facelo nos seguintes enlaces, entre outros: