Figuras clave na organización colexial do Traballo Social: Julia García Álvarez
Julia García Álvarez é unha traballadora social, nacida en León, con unha ampla traxectoria na profesión, e que ao longo dos anos de actividade acumula moitas experiencias laborais, representativas e institucionais das que queremos falar con ela. Julia é ademais a única persoa que foi Presidenta do COTSG e do Consello Xeral de Traballo Social. Esta dobre implicación na estrutura colexial aporta unha visión propia que non podemos deixar de explorar.
O obxectivo fundamental a finais do século pasado no Consello Xeral era conseguir que os estudios de Traballo Social fosen unha licenciatura
1. Ola julia, moitas grazas por atendernos e compartir con nos as túas vivencias e saberes. Imos a comezar polo principio da vinculación coa profesión, Que che levou a estudar Traballo Social?
Sería moi longo de contar, pero para facer un resume podo dicir que a miña primeira opción profesional foi a psiquiatría. Para acadar esta formación, tiven que entrar en medicina e deime de conta que tiña un proceso duns cantos anos sen ver nada do que me interesaba….
Despois do curso, pasando as vacacións, atopeime de xeito casual coa Escuela de Asistentes Sociales de León, e decidín entrar a preguntar cal era o propósito do que alí se impartía. Non lembro cal foi a información que me deron, pero debeu ser convincente porque me quedei.
2. Cales foron os teus primeiros pasos profesionais?
Tamén entrou o azar neste proceso. Eu coñecera a miña parella en Madrid e polo seu traballo acabamos vivindo en As Nogais. O concello quería contratar unha asistente social, e como se facía en aquel momento, o concello fixo a demanda ao INEM, e a única con esa cualificación era eu…, chamáronme para ofrecerme o traballo e alí aterrei. Case sen paracaídas pero con moitas ganas. Ao ano seguinte, por unha carambola asinamos o primeiro Plan Concertado de Servizos Sociais, e xa todo despegou con unha velocidade de vertixe.
3. Como foi a túa experiencia como traballadora social nos Ancares? Como foi exercer nun medio rural de montaña, Os Ancares, nos anos 90?
A palabra que mellor define a miña experiencia neses anos ( en As Nogais, Becerreá e Cervantes) é ilusión. Estabamos creando todos os servizos comunitarios da nada. Pasar da beneficencia aos servizos sociais foi un reto fantástico. Eu, ademais, estaba descubrindo un idioma, un entorno de beleza e natureza espectacular e unha xente da que aínda conservo lembranzas, caras, conversas e moito cariño.
4. Fuches Presidenta co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia dende o febreiro do ano 1994 ate xuño do ano 1997. Que te levou a asumir aquela responsabilidade?
Presenteime as elección porque mo pediron varias compañeiras. Eu xa estaba colaborando cos comités das Xornadas de Servizos Sociais no Medio Rural a nivel estatal, e engancharme no Colexio, parecíame unha cuestión case lóxica. O feito de que mo pedín compañeiras ás que tiña moitísimo cariño e que tiñan dedicado tanto esforzo ó activismo profesional, fixo que dicir que non parecera moi difícil.
5. Que recordas da túa xestión a fronte do Colexio?
Moitas viaxes, moito traballo, moitas reunións… moito afecto e moito compañeirismo, e tamén algúns conflitos dolorosos. Moitas aprendizaxes e descubrimentos sobre infinidade de cuestión.
Foi unha época de moita apertura. O feito de xestionar as Xornadas de Lugo, que foi o traballo máis esixente dese momento, obrigoume a facer múltiples contactos e abriu moitas portas.
Ampliamos a formación e a participación en varios foros. O certo é que, todo o equipo, tiñamos moito traballo, que sumado á distancia dos lugares de residencia, volvese moi esixente, e pide enerxía e compromiso constante.
Respecto moito ás persoas que forman parte deste tipo de estruturas con honestidade. Implica xenerosidade, e dispoñibilidade do tempo persoal continuamente. Sigo mantendo moitísimo afecto polas compañeiras e compañeiros cos que traballei, tanto da miña Xunta de Goberno, como coas anteriores.
6. Durante o teu mandato celebráronse en Lugo as VI Xornadas de Servizos Sociais no Medio Rural en Lugo. Ti fuches a Presidenta do Comité Organizador, ademais de moito traballo, aquel evento foi o primeiro de esta dimensión que organizou o Traballo Social en Galicia. Que significaron estas xornadas en relación coa proxección social e institucional do COTSG?
Este reto, e o éxito das xornadas é conxunto. Houbo tantas compañeiras e compañeiros poñendo da súa parte, que me resulta absurdo destacar o meu papel. Foi moitísimo traballo compartido…. presas, medos, pequenos fracasos, e moitos éxitos. Visto en retrospectiva teño a impresión de que se foi como unha iniciación á maioría de idade do Colexio. A Xunta directiva do Colexio fíxose máis forte a partir de ese momento creo eu. As presidentas seguintes tiñan unha bases máis sólida que as miñas grazas a ese proceso.
7. Unha das experiencias máis apartadas do Traballo Social foi o teu cometido como Xefa de Gabinete nunha Consejería de Bienestar Social de Castilla La Mancha. Que aprendiches de esta experiencia?
É curioso pero sobre todo aprendín o que non quería facer no futuro. A min gustábame moverme no activismo e a política é un campo de xogo moi diferente. Máis descarnado e menos libre.
Para min foi unha ducha de realidade que me deu moita experiencia concentrada e tamén, frecuentemente, moita frustración.
8. Despois laboralmente chegaches a Madrid, e alí fuches elixida Presidenta do Consejo General del Trabajo Social. Foi unha época, dende o 1998 ate o 2002, de importantes cambios. Cales foron os obxectivos cumpridos de aquela etapa?
O obxectivo fundamental naquel momento era conseguir que os estudios de Traballo Social fosen unha licenciatura. Viña de lexislaturas anteriores e pasou á seguinte. Son procesos moi longos nos cales podemos ter un papel importante pero non central.
No Consello é moi importante manter a estrutura e cohesión territorial. A nosa débeda sempre é coas compañeiras que estiveron antes, e o noso respecto e apoio ten que ser para quen nos seguen.
Somos parte dun proceso, se sabemos valoralo, e todo se fortalece.
9. Unha vez rematado o teu mandato investiches moita enerxía en proxectos de
igualdade dende o Concello de Fuenlabrada. Cóntanos como foi o teu traballo nesta
área?
Bueno, Fuenlabrada foi a miña casa en todos os sentidos. Foron máis de 20 anos e é imposible resumilo. Agradezo moitos as portas que me abriu en diferentes momentos.
En especial agradezo que me permitira compaxinar o traballo coa Presidencia do Consello Xeral, e posteriormente, coa Cooperación Internacional en países de América Latina que me aportou experiencias profundamente transformadoras.
Na Área de Igualdade, moitos apoios e recoñecementos nacionais e internacionais. Tivemos momentos moi emocionantes e, o compromiso político, ten sido moi importante.
Houbo momentos máis ou menos duros pero, en perspectiva, o que queda é o agradecemento.
10. Agora xa fora da actividade laboral, como ves o Traballo Social e os servizos sociais dende a perspectiva que dan os anos?
Vexo pouco as noticias e manteño unha certa distancia coa actualidade.
Percibo un deterioro xeral dos servizos públicos, e tamén un certo desánimo e desesperanza, especialmente nas cidades que coñezo e transito.
Non sei e non podo valorar, como o viven os e as profesionais na actualidade. Todas as miñas amigas están xubiladas e, en xeral, estamos enfocadas cara outros proxectos.
Levo un tempo vivindo nun pobo pequeno e vexo que hai xente xubilada volvendo ó rural y rexenerando o asociacionismo-activista de novo…. sinto que, en certo modo, todo é cíclico aínda que a nosa vida é demasiado breve para percibilo.
Agradecerlle a Julia García Álvarez a súa implicación na estrutura colexial do Traballo Social en España, e de novo a súa dispoñibilidade para dedicarnos un pouco de tempo para redactar este blog, deixar por escrito as súas reflexións sobre a xestión do COTSG nos anos 90. Uns anos nos que a organización das xornadas de servizos sociais no medio rural no ano 94 en Lugo abriron as portas a colaboración administrativa que posibilitou que uns anos despois se asinara o convenio para construción e mantemento do MATIASS, ferramenta insubstituíble no traballo cotiá dos servizos sociais. Significaron tamén, un punto de partida para demostrar a capacidade operativa e política para organizar o Congreso Estatal de Traballo Social en Santiago no ano 2000, no que de novo dende a presidencia do Consejo General, Julia tivo un importante papel. Julia García Álvarez, sen dúbida é unha figura clave na organización colexial do Traballo Social.