Precursoras da organización colexial en Galicia: Emilia Varela Vila e Isabel Martínez Lage
No ano 1957 crease a Escuela de Asistentes Sociales de Santiago, sendo a súa primeira promoción a que estudou entre o 1958 e 1961.E aínda que remataran a formación no ano 61 as estudantes debían facer un exame de convalidación en Madrid para acadar o titulo. A esta promoción pertencen as dúas profesionais das que imos a falar nesta entrada do blog, son Emilia Varela Vila e Isabel Martínez Lage. Estas dúas pioneiras na intervención social, foron respectivamente a primeira e segunda presidenta da Asociación Regional Galllega de Asistentes Sociales. Durante esta.
Esta entidade constituída en Santiago en decembro do ano 1967 é o comezo do movemento organizativo da profesión en Galicia, e que se coordinou coa estrutura similar que se estaba constituíndo no resto de España. ARGAS mudou de nome 1979, para deixar caer do seu nome a R, de Regionalista, termo que xa na etapa constitucional era anacrónico. A partir de ese momento denominase Asociación Gallega de Asistentes Sociales, AGAS.
A súa vida rematou en outubro do ano 1982, cando se disolve, e todo o seu patrimonio e organización para ao recen nacido Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia. Durante eses quince anos, AGAS desenvolveu un papel fundamental na organización da asistencia social, a formación das profesionais e na constitución de espazos de comunicación e intercambio técnico. Esta actividade serviu de berce para outras ideas e inquietudes sobre a necesidade de especialización e recoñecemento da profesión que obrigatoriamente pasaba porque a titulación tivera rango universitario, e a vez o cambio na denominación, pasando de asistente social, procedente da tradición francesa que fundou as primeiras escolas en España, a denominación procedente da tradición anglosaxona, traballadora social.
Estes dous logros, que determinaron a evolución do Traballo Social no estado español foron posibles polo traballo de todas aquelas mulleres, asistentes sociais, que nos anos previos puxeran o seu tempo, enerxía e ilusión en organizarse, mobilizarse e influír nas institucións onde se tomaron as decisións clave.
A súa vida profesional tivo un elemento diferencial da maioría das que viñeron despois; a posibilidade de construír o seu rol técnico e determinar o contido dos seus postos de traballo. Comezaron a intervir nunha sociedade que non coñecía o que facían, con uns xefes que non sabían nada do seu traballo, e sen unha operativa que determinaran cales eran as súas funcións e as súas capacidades. Esta situación ten efectos negativos evidentes, pero tamén os ten positivos como é poder desenvolver, en base a metodoloxía aprendida na escola e a formación que auto promoveron, sen costumes nin elementos predeterminados, a praxe profesional. É a vivencia das pioneiras, que exploran camiños e situacións vellos dende ópticas profesionais novas. Emilia, que dirixiu o primeiro club de xubilados en Galicia, e unha das primeiras residencias da terceira idade non relixiosas. Isabel que abordou a intervención social na ONCE e foille dando forma e forza ao longo dos anos.
Coñecer o pasado sempre axuda a comprender o presente, e no caso dos traballadores e traballadoras sociais temos que partir dende cando nin recibiamos esta denominación, aínda que o que faciamos fora claramente Traballo Social. É por iso que nos parece fora de toda dúbida, e máis ala do indubidable interese vital, necesario abordar a experiencia de estas dúas mulleres como representación de moitas das súas coetáneas.
De seguro que hai moitas máis traxectorias dignas de destacar, isto non é unha relación pechada, senón abrir unha porta a unha época que determinou o que somos profesionalmente.
EMILIA VARELA VILA
O que aprendín en toda a vida profesional con persoas maiores váleme a nivel persoal para vivir a miña vellez
Emilia naceu en Laraxe, concello de Cabanas, e trasladouse a vivir na Coruña con 25 anos, xa na década dos cincuenta. Estudara o bacharelato na Compañía de Maria en Ferrol, fixo a preceptiva revalida en Santiago, despois a opción para estudar que se ofrecía era maxisterio, ocupación que non lle gustaba, polo que non continuou formándose.
Uns anos despois coñeceu os estudios de Traballo Social a través de outras compañeiras que se titularan nas escolas que había en Madrid, sobre todo na Escola de Asistentes Sociales Lagasca. Cando naceu a Escola de Asistentes Sociales de Santiago, decidiu que lle interesaba esta formación e comezouna no ano 1958, na primeira promoción.
Lembra que a escola estaba dirixida por Mª Luisa Molina, que ao pouco tempo foi substituída por Pilar Rajoy. Nela impartíanse tres anos de formación con materias teóricas como socioloxía, psicoloxía, medicina…. e prácticas con familias para coñecer a realidade social onde ibán a intervir. O grupo era de 25 alumnas.
Despois se superar o exame de convalidación en Madrid, Emilia comezou a traballar nunha empresa de tecidos da rúa Juan Florez, que como non era estraño en aquelas épocas, tiñan no seu cadro de persoal a unha traballadora social que atendía ós empregados e as súas familias. Cando esta empresa decidiu construír vivendas en Catro Camiños destinadas aos traballadores, necesitaron unha segunda profesional para encargarse deste proxecto, esta foi Emilia. Ao cabo de dous anos a empresa entrou en crise, e rematou esta primeira ocupación.
Ao pouco tempo chegáronlle dúas ofertas de emprego, unha de Cáritas e outra da Caixa de Aforros de Coruña e Lugo. Emilia incorporouse a esta última entidade que nese momento estaba dando forma a súa obra social. O proxecto do que se encargou foi o club de xubilados da caixa. Era un tipo de recurso novo, en España so había outro recurso similar en Asturias. Foi concibido como un espazo con xogos de mesa, servizo de bar, prensa, e actividades de lecer que fomentaran as relacións sociais. Era un espazo masculino, os socios non querían que se incorporaran as mulleres.
A primeira actividade na que puideron participar as mulleres foi unha coral, que impulsou Emilia. Neste campo non había experiencias previas nas que fixarse polo que tivo que ir experimentando coas normas de convivencia e o funcionamento xeral do club.
No ano 1975 cambia de emprego e pasa a dirixir a Residencia La Ciudad, unha residencia de persoas maiores na cidade vella da Coruña. Cando Emilia comezou a traballar o local da residencia estaba en obras, e ela so dispoñía dunha cadeira e dun teléfono. A súa primeira labor foi ocuparse das obras e do equipamento.
Desprazouse a Madrid para asistir a un congreso, e aproveitou para visitar distintos centros de maiores co obxecto de coñecer outras experiencias sobre equipamento, adaptacións funcionais, normas e actividades para incorporalas á residencia da Coruña. Trouxo ideas sobre varias cuestións, dende xeito de abrir as portas ou apoios para camiñar nos corredores, ate o personalizado dos cuartos e as normas de convivencia.
O proxecto para o establecemento era unha residencia so para persoas validas, contemplando a expulsión das persoas que perderan as capacidades necesarias para manter a súa autonomía. Emilia, xustificou tecnicamente a imposibilidade de expulsar as persoas enfermas e a crueldade que esta norma supoñía, logrando modificar o enfoque do centro para contemplar a atención de persoas dependentes, e organizando un espazo destinado a enfermaría.
A residencia, ademais das aportacións dos residentes, contaba co apoio económico da caixa de aforros que sufragaba o custo da estancia das persoas sen recursos, e aportaba fondos para as actividades en xeral, o que supoñía que xustificando as necesidades non había escaseza de recursos económicos. Isto posibilitou realizar moitas actividades
Emilia xubilouse no ano 1992, e despois de toda unha vida laboral ocupada en recursos de persoas maiores, vive soa aos seus 99 anos e dinos que o que aprendeu no traballo na residencia válelle para a súa vida persoal, para vivir a vellez.
Emilia participou activamente na organización do colectivo profesional. Na Coruña formaban un grupo con moita relación social e profesional, integrando tanto as mulleres formadas en Santiago, como as que chegaban das escolas que estaban nacendo por toda España. Lembra que no entroido organizaban unha laconada, estreitando os vínculos entre elas.
A nivel formal, participou na creación de ARGAS, Asociación Regionlaista Gallega de Asistentes Sociales, da que foi a primeira presidenta entre os anos 1967 e 1970. O motor desta organización foi a formación e mellora profesional, a rede a nivel galego estableceuse co paraugas da Escola de Asistentes Sociales de Santiago, coa que seguían mantendo un contacto estreito en especial pola participación nas prácticas das novas promocións que saían da Escola. Trouxeron ate Galicia a diversas docentes e relatoras que proporcionaron coñecementos e perspectivas, en especial lembra a unha asistente social de Francia que veu a impartir varios cursos.
Despois da etapa como presidenta seguiu participando en ARGAS, e logo incorporouse ao Colexio Oficial ate a xubilación, pero as relacións no mundo do Traballo Social foron sendo máis intensas coas compañeiras de A Coruña. Relacións que manteñen na actualidade.
Isabel Martínez Lage
Hai que respectar ás persoas, axudar a desenvolvan as súas capacidades non substituír a súa vontade. Traballamos coas persoas non con papeis, hai que desenvolver a capacidade de escoita e de acompañamento.
Isabel naceu en 1938 en Betanzos, no seo dunha familia de Pontedeume. Estudou na Compañía de María en Santiago e, posteriormente, formouse en secretariado desde a casa. Completou a súa formación con Graduado Social, cursada en Santiago ao mesmo tempo que Traballo Social.
Coñeceu a titulación de Traballo Social porque a súa irmá maior estudara na Escuela de Formación Social y Familiar Lagasca, en Madrid, que funcionaba desde 1939. Isabel xa tiña experiencia como voluntaria na obra benéfica da Igrexa católica, e esta vivencia espertou nela o interese por axudar ás persoas.
En Santiago matriculouse na primeira promoción da Escuela de Asistentes Sociales, situada nos locais que deixara baleiros o Colegio Minerva (antecesor do Colexio Peleteiro), na rúa Xeneral Pardiñas. Eran arredor de 25 alumnas que se formaban en distintas materias, entre elas francés, unha disciplina da que Isabel lembra que non lle gustaba o método que se usaba. A profesora que máis a marcou foi unha muller belga que impartía Traballo Social, da que aprendeu unha máxima que a acompañou toda a vida: a asistente social propón, pero quen debe decidir é a persoa usuaria.
Realizou as prácticas no departamento de psiquiatría do Hospital Provincial, onde só había dúas camas para pacientes psiquiátricos. Menciona con especial angustia a súa experiencia cos tratamentos de electrochoque.
Ao rematar os estudos, as saídas profesionais centrábanse sobre todo nas empresas, que, ante a ausencia de sistemas públicos de protección, desenvolvían medidas de apoio para os seus traballadores. Como este ámbito non lle resultaba atractivo, trasladouse para traballar como secretaria xunto a un irmán na Clínica Universitaria de Navarra, que se estaba a crear nese momento. Permaneceu en Pamplona ata 1966, vivindo de preto o nacemento da Universidade de Navarra.
Ese mesmo ano participou no proceso de selección para o primeiro posto de asistente social da delegación territorial da ONCE en Galicia, con sede na Coruña, sendo finalmente escollida. Antes de incorporarse, considerou necesario coñecer o funcionamento dos servizos sociais da entidade, polo que se trasladou a Madrid durante un mes para facer prácticas, sen remuneración e asumindo os seus propios gastos. A partir desta experiencia, a ONCE incorporou posteriormente un mes de prácticas remuneradas para as novas profesionais.
Foi a primeira profesional da ONCE na Coruña, no que ela mesma define como “o embrión dos servizos sociais da ONCE”, un ámbito de traballo novo e pouco explorado. Como anécdota, lembra que ao comezo os seus compañeiros non sabían se era “compañera o jefa”, debido ao descoñecemento das funcións do posto. Ao longo da súa traxectoria, entre 1966 e 2003, foi testemuña privilexiada da evolución do Traballo Social e da realidade social galega.
Durante estes anos, viu medrar o equipo de profesionais da ONCE e participou no proceso de integración dos nenos e nenas cegos no sistema educativo. Este foi un camiño lento e complexo, con numerosas dificultades, que comezou pola incorporación ás gardarías para facilitar o acceso ao itinerario educativo. Isabel lembra tamén unha época na que non existían servizos sociais estruturados nin sistemas públicos de protección, e na que a atención ás necesidades sociais recaía fundamentalmente na beneficencia.
Polas tardes, compatibilizou o seu traballo na ONCE con outras actividades no ámbito do Traballo Social. Participou na posta en marcha dun centro social en Cabanas, co obxectivo de desenvolver traballo comunitario coa veciñanza. Durante dous anos desprazouse dous días á semana a esta localidade. Esta iniciativa foi impulsada polo Padre Gómez, promotor da Escola de Asistentes Sociais de Santiago, aínda que atopou a oposición do párroco local, que a percibía como unha figura allea.
Posteriormente, formou parte durante catro anos dun Plan de Alcoholismo promovido polo Ministerio de Sanidade. Neste proxecto, o equipo estaba integrado por un psiquiatra e por ela. Como anécdota, lembra que pasaron varios meses sen cobrar, debido á centralización da xestión en Madrid.
Xunto a outras compañeiras, participou na creación de ARGAS, a primeira estrutura asociativa das asistentes sociais galegas nos anos sesenta. Desde esta organización buscaban mellorar as condicións de vida da poboación nun contexto con escasos recursos sociais profesionalizados, ao tempo que promovían a formación, a especialización e a mellora das condicións laborais do colectivo.
Isabel foi a segunda presidenta de ARGAS, despois de Emilia Varela. Segundo relata, asumiu o cargo de maneira transitoria nunha asemblea na que ninguén quería ocupar a presidencia. Aceptou a responsabilidade de forma provisional ata a convocatoria de eleccións, tras as cales o cargo foi asumido por Mª Elena Urriestarazu.
Na Coruña participaba tamén nas reunións das profesionais de Traballo Social, nas que se consolidou un grupo de relación moi unido. Para estes encontros dispoñían das instalacións da Casa do Mar.
Continuou vinculada a ARGAS ata a súa disolución e, posteriormente, incorporouse ao Colexio Oficial, do que formou parte ata a súa xubilación.
Agradecer a Emilia e a Isabel a súa amabilidade e accesibilidade para realizar as entrevistas das poidemos extraer a información que rematades de ler. A súa enerxía e optimismo, así como a súa memoria, fan que poidamos conectar o presente e o pasado da nosa profesión, e quizais proxectar obxectivos de futuro.
Moitas grazas ás dúas por abrirnos as portas das vosas casas e as vosas lembranzas profesionais.