O BLOG – Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Entrevistas a profesionais do Traballo Social con impacto na comunidade galega

COTSGTraballo Social EntornoXunta de Goberno

“Oito anos de transformación no COTSG: unha mirada dende a presidencia”. Entrevista a Miriam Rodríguez

Predomina unha mestura de orgullo, alivio e aprendizaxe conxunta. Foron oito anos intensos, de moito traballo colectivo, nos que asumín a presidencia non como un cargo individual, senón como unha tarefa política de representación ao servizo da entidade e da profesión. Remato esta etapa coa tranquilidade de saber que se fixo todo o posible por construír un COTSG máis aberto, máis participativo e máis coherente cos valores do Traballo Social.

Diría que mudou o modelo. Pasamos dun Colexio percibido como distante e opaco a un espazo máis vivo, máis próximo ás colexiadas e aos colexiados, cunha clara aposta pola transparencia, pola participación e polo coidado das persoas que o sosteñen.

“Coidar as profesionais non é un luxo: é unha condición imprescindible para poder seguir coidando.”

O máis urxente era recuperar a confianza. Apostamos por abrir portas e xanelas, por facer accesible a información, por escoitar á base colexial e por construír un Colexio que non fose só unha estrutura administrativa, senón unha ferramenta colectiva ao servizo da profesión.

Fíxose un gran investimento en formación, becamos a participación en congresos, buscamos unha maior visibilización da profesión e reforzamos a defensa en materia laboral. Aumentamos a nosa presenza a nivel político e institucional para ser voz na planificación das políticas sociais no noso territorio e abrimos liñas de colaboración coas estruturas a nivel estatal, reforzando a presenza de Galicia no Consello Xeral de Traballo Social.

Tradúcese en tomar decisións compartidas, en informar con claridade, en facilitar espazos de encontro e debate, e tamén en recoñecer os límites. Os coidados non son un concepto abstracto: son tempos, formas de traballar e respecto polos procesos e polas persoas. Gobernar desde os coidados implica asumir que non todo vale, nin a calquera prezo.

Teño o sentimento de que é hora de cambio e de que dar relevo é un deber. É saudable para a organización que entren novos enfoques e novas enerxías, así como a presenza de novos liderados que contribúan ao crecemento e empoderamento da profesión.

A participación da colexiación, tamén nos órganos de goberno, fainos medrar como profesión e enriquece a entidade. A achega teórica desde a nosa práctica diaria debe ser canalizada e convertida en produción científica no eido social. O COTSG non é un fin en si mesmo: é a nosa ferramenta colectiva

“O Traballo Social non pode limitarse a xestionar a precariedade; ten que defender dereitos e cuestionar desigualdades.”

Creo que neste momento é imprescindible abrir o foco e analizar a realidade en termos globais e xeopolíticos, sen desligala do sistema económico. Non podemos comprender o que acontece sen ter en conta o contexto mundial, que condiciona a opinión pública e as relacións sociais nas nosas contornas. Vivimos nunha loita ideolóxica na que están en xogo valores fundamentais de cohesión e convivencia.

Principalmente a motivos económicos. Estamos nunha etapa moi agresiva do capitalismo, na que mesmo se pon en dúbida o desastre ecolóxico para seguir explotando recursos de maneira hexemónica e sen conciencia. As clases historicamente privilexiadas non están dispostas a perder poder, e de aí veñen as reaccións contra os avances feministas, a loita antirracista e outros movementos emancipadores.

As persoas temos a obriga moral de facer fronte á gran crise ecosocial que estamos a presenciar. Xa non se pode continuar ignorando a realidade; é preciso tomar conciencia da situación, identificar as responsabilidades na orixe dos problemas e rexeitar narrativas que nos confronten como sociedade.

Non. A opinión pública é indispensable para continuar co esquilme; cómpre convencer as maiorías da necesidade de determinadas barbaridades. Só co rexeitamento social se pode frear a destrución sistemática de dereitos e de vidas.

Na inconformidade está a clave. Non podemos esforzarnos en perpetuar un sistema caducado, nin deixalo en mans que perpetúen a deriva asistencial na que xa está inmerso. Debemos promover cambios desde dentro, cunha actitude crítica e transformadora. Non podemos limitarnos á xestión da precariedade nin á contención do malestar social; debemos promover o cambio. A nosa profesión debe convencer as persoas de que son titulares de dereitos, que non deben conformarse, e que o activismo é unha ferramenta clave fronte a modelos que priorizan o beneficio económico.

O Traballo Social ten que ser unha voz crítica, liderar o relato en relación ás políticas sociais e desmontar enganos, sempre desde espazos de coidado entre as propias profesionais”.

Porque é imposible coidar se non nos coidamos. Somos unha profesión feminizada, cunha enorme capacidade de traballo; cústanos establecer límites, e o exceso de empatía e o noso férreo compromiso coa sociedade fan que asumamos cargas que non nos corresponden.

O último estudo do COTSG sobre as condicións laborais da profesión invita á lectura e á reflexión. Os resultados son nítidos: existe unha alta taxa de incapacidade temporal entre as profesionais, principalmente por problemas de saúde mental. Estamos ante unha profesión enferma e, de non poñer remedio, non poderemos sobrevivir na nosa esencia.

A importancia do poder colectivo, o enriquecedor que é compartir un proxecto con persoas cos teus mesmos ideais, o apoio das compañeiras e o sentimento de comunidade. A verdade é que para min foi unha etapa moi ilusionante e creativa, con novas experiencias e moitas posibilidades de crecemento persoal.

Houbo momentos de todo tipo: emocionantes, de moitos nervios polas responsabilidades adquiridas, de ledicia e de frustración. Pasamos por toda a cadea de emocións. A pesar disto, a sensación final foi de profundo orgullo por pertencer a un colectivo tremendamente solidario, disposto a perder no persoal polo benestar colectivo.

Que non se perda a idea de Colexio como espazo colectivo, crítico e vivo. Que se entenda como a nosa ferramenta para acadar logros profesionais que afectan de forma directa ao benestar das persoas. Que non se estanque nun ente administrativo, senón que acompañe, defenda e coide á profesión e ás persoas.

“O Colexio debe ser un espazo colectivo, vivo e crítico, non só unha estrutura administrativa.”

É certo que o escenario parece adverso, pero o crecemento da profesión é unha realidade. Debemos manter un enfoque humanista, centrarnos no realmente importante e rexeitar modelos perversos que o único que buscan é perpetuar a miseria de moitos para o enriquecemento duns poucos.

Como profesión debemossoltar lastre e pasar á acción, debemos declararnos en rebeldía e non renunciar nunca á nosa capacidade transformadora.

0 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
Comentarios en liña
Ver todos os comentarios
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x