O BLOG – Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Entrevistas a profesionais do Traballo Social con impacto na comunidade galega

EmerxenciasUncategorized

A Atención social ás emerxencias: accidente do tren Alvia

A incorporación da atención social ás emerxencia é unha necesidade que ninguén discute, ao igual que o papel fundamental dos traballadores e traballadoras sociais teñen nela. A constitución de Grupos de Intervención Social en Emerxencia na organización colexial, incluído o COTSG, é un feito que supón a asunción de responsabilidades comunitarias como profesión, e un paso adiante para visibilizar unha necesidade non sempre ben atendida.

Neste marco, recuperamos unha intervención histórica, a atención social ás vítimas, e as súas familias, do accidente do tren Alvia en Santiago. Nesta intervención os servizos sociais municipais de Santiago de Compostela asumiron de súpeto unha das intervencións máis complicadas en Galicia, tanto polo número de persoas afectadas como pola dureza intrínseca do acontecido.

En positivo podemos dicir que a Área de Acción Social de Compostela foi quen de asumir unha situación de emerxencia de tal envergadura. En negativo, non fomos convocadas para a elaboración do plan de emerxencias municipal, onde os profesionais de Servizos Sociais incorporáramos a nosa visión técnica.

Para falar desta experiencia, contamos con Eva Gonzalez Santiago, Xefa de sección de Servizos Sociais Comunitarios Básicos de Santiago, e no 2013 traballadora social no mesmo servizo, e Teresa Furelos Toral, licenciada en Dereito e xefa de servizo de Servizos Sociais en aquel momento e agora. As sintonía destas dúas técnicas fai que algunhas respostas sexan respondidas conxuntamente polas dúas, e outras se fagan en intervencións individuais.  As dúas compleméntanse e  constrúen unha visión global do acontecido nos días posteriores a aquel 24 de xullo no centro de atención instalado no edificio CERSIA .

  •  Ola Eva, ola Teresa, normalmente cando falamos dunha emerxencia como o accidente do Alvia,  sempre nos lembramos de que faciamos ou onde estabamos. Onde estabades vós na tarde do  24 de xullo de 2013 ?

Eva: Pois eu estaba collendo as vacacións de verán; estaba disposta a irme para Ribeira, pero por diversas cuestións demorei a miña marcha ata o día seguinte. As miñas intencións mudaron de súpeto ás nove da noite…

Teresa: Eu volvía de vacacións, dunha viaxe a Nova York e atopáronme en pleno aeroporto cando recibín aquela chamada….

  • O PLATERGA (Plan Territorial de Emerxencias de Galicia) é do 2009, pero nese momento non era de xeral coñecemento, nin sequera para o persoal médico, e moitos menos desenvolvía a atención social. Como vos sentistes interpeladas as TS de Compostela para prestar apoio? De quen partiu a iniciativa do nivel técnico ou político? Que papel tiveron os responsables políticos municipais de aquel momento?

Teresa: A min chamoume a concelleira de entón, en materia de Servizos Sociais. Solicitáronme que todos profesionais da Área de Acción Social que puideran se incorporaran ao traballo…. A resposta foi masiva, todo o persoal dos Servizos Sociais, de Igualdade e da UMAD se incorporaron de inmediato ao centro de emerxencias.

Eva: Pois eu atopábame escoitando as novas, pendente deste asunto, cando recibín a chamada telefónica da anterior xefa de sección de Servizos Sociais, Angeles Botas, pedíndome que me trasladara ao CERSIA. Aí comezaron as chamadas entre todas as compañeiras, cunha resposta impresionante, sen dúbidas….

  • Sen un guión previo do que facer, e nun momento de gran estres e tensión,  de que xeito organizastes a atención ás familias?

Teresa e Eva: Foi un momento difícil, pero o servizo amosou plena unidade e cohesión. Tiñamos claro que había que facer quendas, pero nun principio o volume de persoas que estaba chegando ao CERSIA era tan grande que esa primeira noite, absolutamente todo o persoal estivo traballando. Fixemos dous grandes grupos, situados en dous andares do edificio diferentes. Na piso de abaixo, o grupo (composto por persoal de Traballo Social, de Educación Social, de Psicoloxía e Asesores Xurídicos) realizaban unha atención directa e presencial ás persoas; no andar superior, un segundo grupo (formado por persoal de Traballo Social, de Educación Familiar e técnicos de Inclusión Social) abdicábanse á recepción de chamadas telefónicas da veciñanza, á coordinación con persoal de Traballo Social do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, cos corpos e forzas de seguridade, etc., ao tempo que se ían elaborando listaxes de persoas que viaxaban naquel tren…, porque ao comezo, non se sabía nada.

  • Os coñecementos técnicos organizativos son fundamentais na abordaxe dos efectos dunha emerxencia,  sendo fundamentais para garantir a eficacia da intervención. Tiñades coñecementos deste tipo, e en caso de non telos como os suplistes?

Teresa e Eva: Curiosamente, coincidira que ese ano o Ministerio organizara un curso de intervención social en emerxencias sociais; varias profesionais (traballadoras sociais e educadoras sociais) realizarano. Nunca os coñecementos dun curso tiveron aplicación práctica tan pronto…, e de que forma!.

  • Como coordinastes o voso traballo cos responsables da emerxencia? Estaba presente o concello de Santiago no Comité Asesor da Emerxencia?

Teresa: Si, o concello de Santiago estivo presente no Comité Asesor da Emerxencia; a nivel político, asumía esa representación máxima a concelleira en materia de Servizos Sociais e a nivel técnico, participaba eu (Teresa) como xefa de servizo da Área de Acción Social.

  • Que acertos tivestes nesta organización?

Teresa e Eva: Nunca nos cansamos de dicir da gran lección que dou o persoal técnico dos Servizos Sociais, da UMAD e de Igualdade. Lección, pola dispoñibilidade sen límites; lección porque evidenciaron todos xuntos que, en momentos de crise, a unidade de acción é importante e foron quen de demostralo: adoptaron criterios conxuntos, non houbo discrepancias, todos traballaban nun mesmo camiño e cos mesmos obxectivos. Polo tanto, destacaríamos: dispoñibilidade, unidade, cohesión e gañas!. A capacidade técnica tivo unha gran proba e a cualificación que tivo foi excelente.

  • Pola contra, que erros se cometeron?

Teresa e Eva: O persoal de Servizos Sociais estamos acostumados a improvisar, a readaptarnos ás circunstancias, a buscar alternativas….. Pero isto chega a converterse en dificultades: vernos obrigadas á improvisación continua, ás choivas de ideas, … Que se incorporaran ao grupo outros profesionais alleos á Área de Acción Social, aínda que se agradece a dispoñibilidade, non foi adecuado, porque interfería no propio método de traballo que xa estaba consolidado. Por outra banda, o lugar adicado a ser centro de emerxencias, non tiña unhas condicións adecuadas para ese fin. Non ter unha folla de ruta foi complicado.

  • A atención social na cobertura nos medios de comunicación deste accidente quedou un pouco relegada en favor de outro tipo de atencións. A que cres que se debeu isto?

Teresa e Eva: Isto, tristemente, é algo habitual e doe moito. A atención social só está no foco para recibir críticas, do social parece que todo mundo sabe…., pero cando as cousas funcionan, cando hai cambios positivos, cando se melloran circunstancias, …., o social desaparece, semella que xa se ía producir sen que houbera ningunha intervención profesional. Por outra banda, estamos acostumadas a traballar “dende o silencio”, a protexer ao máximo a intimidade das persoas aínda que se chegue a cuestionar erroneamente a nosa intervención; quizais isto é un erro grave, hai que buscar as fórmulas necesarias para conxugar ese respecto á intimidade co deber de “transparencia”, de contar á veciñanza que é o que o equipo de Servizos Sociais fai por ela para o desenvolvemento da vida diaria, para facer reais e efectivos os dereitos que a todos nos asisten e para propiciar unha convivencia positiva, dende o respecto á diferenza de cada quen.

  • O contido e planificación de intervención que fixestes quedou recollida en algún documento? Sabes se foi incorporada ao informe técnico da emerxencia?

Teresa e Eva: Non quedou recollida en ningún documento, unha vez mais invisibilizada; na nosa memoria, sí.

  • Que conclusión xeral extraerías de toda aquela experiencia?

Teresa e Eva: En positivo podemos dicir que un equipo de traballo que, habitualmente, intervén con método, é quen de trasladalo a situacións extremas. A Área de Acción Social de Compostela foi quen de asumir unha situación de emerxencia de tal envergadura.

En negativo, parece que seguimos sen aprender nada. Non fomos convocadas para a elaboración dun plan de emerxencias municipal, onde os profesionais de Servizos Sociais incorporáramos a nosa visión técnica. A formación neste ámbito sigue sendo insuficiente. Si volveramos a vivir unha situación de emerxencia desa magnitude, novamente contaríamos coa dispoñibilidade dos profesionais, coa súa participación activa, coa capacidade de improvisación, pero…, sen unha folla de ruta clara.

Moitas grazas Eva e Teresa, a vosa aportación despois de 12 anos de aquel accidente engade luz a aquela experiencia. E para as persoas que queiran ampliar esta información podedes ver no seguinte enlace, o artigo publicado no número 17 da Revista Galega de Traballo Social, Fervenzas  por Angeles Botas Piñón, Traballo Social en situación de crise, emerxencias e catástrofe. Angeles Botas, en aquel momento ocupando o posto que agora desempeña Eva González trasladou a súas conclusións neste documento.

https://traballosocial.gal/wp-content/uploads/2021/04/Fervenzas_17.pdf

0 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
Comentarios en liña
Ver todos os comentarios
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x