O BLOG – Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Entrevistas a profesionais do Traballo Social con impacto na comunidade galega

Colexiación

Traballo social na educación familiar

O rol profesional do posto de educación familiar é fundamental nos concellos para prestar o Servizo de Educación e Apoio Familiar, servizo imprescindible para cumprir as funcións dos servizos comunitarios básicos.  A lei 13/2008 do 3 de decembro de servizos sociais de Galicia  e o decreto 99/20122 de 16 de marzo polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, enmarcan este servizo e as funcións e tarefas que realiza dentro do sistema de servizos sociais de competencia municipal.

Foi unha conclusión necesaria para un servizo que procedía dos programas de educación familiar, subvencionados pola Consellería de Familia, nas súas distintas denominacións, dende finais dos anos noventa do século pasado. Esta consellería, sen competencias no sistema de servizos sociais, que dependía de outra, situaba á educación familiar como algo externo a este sistema. O transcurso do tempo e a racionalidade funcional remataron con esta concepción.

Á falta de unha normativa propia, o programa de educación familiar regulábase nas ordes de convocatoria de subvencións das que dependía o seu financiamento, e nestas especificaba as titulacións que deberían ter as persoas que traballaran como educador/a familiar : “diplomado en EXB, psicólogo, pedagogo, psicopedagogo, educador social ou traballador social”.

Esta variedade de titulacións e coñecementos, alimentou o debate sobre que titulacións capacitan para desempeñar o posto de educador ou educadora familiar dende o comezo da implantación deste posto nos cadros de persoal municipais. O COTSG sempre reivindicou a capacitación das persoas tituladas en Traballo Social para o desempeño da educación familiar, tal e como o demostran os compañeiros e compañeiras que os ocupan en distintos municipios galegos.

Afondando nesta liña, traemos ao blog a dous profesionais do Traballo Social que exercen dende hai anos postos de traballo na educación familiar nos concellos de Meis e Ribadumia. Imos a falar con Celia Frieiro Rodiño e Santiago García Telmo, para coñecer de primeira man a súa experiencia.

  • Ola  Celia e Santiago, dende cando estades exercendo como educadores familiares?

Celia: No meu caso dende o ano 2000, entendo que  entre o ano 1999  e 2000 empezaron nos equipos de servizos sociais municipais a contar con educador familiar dende a primeira convocatoria de subvención que  se solicitaba en aquel momento.

Cadaquén  ía organizando o servizo como consideraba segundo a súa formación, moito traballo persoal para busca de información e como desenrolar o propio servizo. Tiñamos moi poucas ferramentas e intentábamos apoiarnos entre nos incluso daquela mantiñamos algún encontro ou reunión para compartir o que estabamos facendo.

O contido ao principio pódese dicir que case foi de elaboración propia, adquirindo formación e estando nun proceso constante reciclaxe profesional. Para min foi un reto interesante de aprendizaxe, mellora continua e auto análise da miña maneira de traballar no servizo e no interacción directa coas familias.

Pareceume fundamental ir adaptando a metodoloxía de traballo intentando que a praxe profesional fose mellorando cos anos e, por tanto, que se reflexara na calidade do Servizo.

Santiago: Eu empecei a traballar no servizo de educación familiar do concello de Ribadumia no ano 2000. Nese momento nos concellos, desempeñando o posto de traballo de educador/a familiar, había profesionais de diversas titulacións (educación social, psicoloxía, psicopedagoxía, maxisterio,…). Cando comecei tiven que formarme pola miña conta e investigar sobre as miñas tarefas, atendendo a como desenvolvían o traballo en outras comunidades, xa que en Galicia era unha figura de nova  implantación, e tendo perfís profesionais tan diferentes cada un dáballe un contido distinto ao seu traballo. A variedade de enfoques e tarefas que se facía en cada concello, dependendo da formación dos profesionais, fixo que a unificación de criterios e contidos fose o principal obxectivo da nosa actividade colectiva.

  • A pregunta é obvia, que pensades da exclusión da nosa titulación en algunhas convocatorias dos postos de educación familiar?

Santiago. Non me parece xusta, xa que a nosa titulación está capacitada tecnicamente tanto para intervir coas familias como para desenvolver proxectos no programa de educación familiar.  No meu concello a praza que ocupo segue a denominarse “educador familiar” cando o máis correcto para min sería “técnico en intervención familiar” ou “técnico do SEAF”

Celia: Si se foi observando que o Colexio de educación social de Galicia estivo moi pendente das convocatorias que houbo para a selección de persoal para estas prazas. A verdade, agora non teño claro, se foi dende ese Colexio de onde partiu a proposta de mudar a denominación Educación Familiar por  educación social no Concello de Meis. Dende o meu punto de vista considero que máis que a denominación de Educador familiar debería de ser técnico ou técnica DE EDUCACIÓN E APOIO FAMILIAR ou incluso de INTERVENCIÓN FAMILIAR.

Non me gusta demasiado o concepto EDUCACIÓN  ou EDUCADOR  porque quen  somos nós para educar ás familias, paréceme bastante estigmatízante para estas persoas.

Todos os pais e nais teñen capacidades propias, nós temos que formar parte do seu camiño como proxenitores e axudalos a atopar recursos , acompañalos e en definitiva facer traballo social e intervención familiar e socio-educativa.

  • Que rol diferenciado a nivel profesional exercedes dende este posto de traballo?

Santiago: Para min a diferencia fundamental é que exercemos un rol de acompañamento ás familias no seu proceso de cambio, atendendo as súas necesidades, potencialidades e expectativas.

Tamén como axentes para o desenvolvemento comunitario, mediante accións socio-educativas. O rol dos e das profesionais nos postos de traballo social nos servizos sociais comunitarios fai intervencións máis concretas e puntais coas familias, o traballo que se fai dende o SEAF é máis integral e global, fortalecendo as familias en tódolos ámbitos da vida.

Celia: Dende o posto de educadora familiar realizase unha intervención mais directa ,  faise un seguimento exhaustivo das familias con intervencións semanais, mensuais e/puntuais segundo as necesidades ou os momentos de crise poñendo especial énfase nos cambios que queremos mobilizar ou obxectivos a conseguir.

A educadora familiar fai traballo social.

Dende o meu caso non seria capaz de separar ser educadora familiar de ser  traballadora social. Eu son traballadora social e a encargada do servizo de educación familiar, utilizo diariamente as ferramentas e recursos do Traballo Social.

  • Que fortalezas aporta a titulación de Traballo Social para exercer este posto de traballo?

Celia: A titulación de Traballo social dende o meu punto de vista aporta multitude de fortalezas e considero que o Traballador/a social está inmensamente capacitado para o desenrolo desta profesión e traballo coas familias.

O traballado social aporta competencias e prepara para elaborar un diagnóstico socio-familiar, programar a intervención , facer seguimento e avaliar o proceso  e a consecución dos obxectivos.

Santiago: Resumiríao en :O Traballo Social ten a capacidade para conectar ás familias cos recursos necesarios, mediar en conflitos e promover a participación activa das familias na comunidade.

  • Pola contra en que áreas tivestes que fortalecer a vosa formación para exercer as funcións de educador/a familiar?

Santiago: No meu caso tiven que mellorar os coñecementos sobre as técnicas para intervir coas familias, fixen un máster en mediación familiar. Tamén busquei ferramentas e instrumentos para realizar estas intervencións. Certo é que eu rematei a carreira no ano 1999 e as realidades familiares mudaron moito, hai que estar en constante cambio.

Celia: Eu estiven en constante proceso de formación con cursos relacionados coa intervención familiar.  Cursei o Master en asesoramento e intervención  familiar, parentalidade positiva, intervención familiar nos servicios sociais comunitarios e un largo etc.

  • Como estruturades o programa do SEAF dentro do equipo de servizos sociais?

Celia: Normalmente a traballadora social fai unha derivación da familia, noutros casos ven directamente do Servizo de menores e/ou dos propios colexios do municipio se valoran situacións de risco cos menores.

Como educadora unha vez que a familia foi derivada encárgome directamente do diagnóstico  , elaboración da programación, seguimento, intervención, avaliación familiar e elaboración de informes socio-educativos e familiares.

 O proceso de intervención (ÁMBITO DE INTERVENCIÓN INDIVIDUAL-FAMILIAR) consta das seguintes fases:

-Fase previa de Valoración de idoneidade do servizo de apoio e educación familiar.

-Fase 1 ou Inicial de construción de relación e da demanda.

-Fase 2 ou fase de definición e desenvolvemento da Proxecto de Intervención familiar.

-Fase 3 ou peche… -Continuidade, revisión ou avaliación segundo o caso.

Santiago: Habitualmente os casos que chegan ao SEAF son derivados pola traballadora social, aínda que as veces veñen por outras vías (colexio, xulgado, menores, as propias familias. . .) e aí empeza a nosa intervención, en coordinación co equipo, que é fundamental. O deseño da intervención o habitual é que o faga eu só, é o educador familiar o que elabora o plan, fai o seguimento e a avaliación final, pero si que é certo que dependendo da casuística faise un traballo en equipo dende o inicio, educador familiar e traballadora social.

  • Que pensades que se podería facer a nivel colectivo para fortalecer a posición do Traballo Social como titulación habilítante para os postos de educación familiar?

Santiago: Penso que se deberían facer campañas dende o colexio profesional e dende as facultades de Traballo Social para dar a coñecer ata onde chega o perfil do traballador social e romper con esa imaxe e con esa dinámica que nos queren impoñer dende as institucións de ser meros tramitadores de axudas.

Moitas grazas aos dous, polas vosas reflexións e pola vosa traxectoria profesional, que unha vez máis sigue a demostrar que o Traballo Social habilita para exercer a educación e o apoio familiar.

1 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
Comentarios en liña
Ver todos os comentarios
Chus Casal
2 meses fai

Como Traballadora Social que desenvolve a súa labor no SEAF desde 1998, quero manifestar a miña alegria de ver, ao fin, que vos facedes eco desta figura. Totalmente de acordo cos meus compañeir@s nesa denomincación que sempre demandamos pero que non fumos quen de conseguila. Apertas a Celia e a Santi.

1
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x