O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Uncategorized

Alba Muñiz: Estudios sobre o suicidio en persoas trans

O traballo de fin de grao de Alba Muñiz consistiu nunha revisión dos estudios existentes sobre o suicidio en persoas do colectivo trans. Este traballo foi premiado polo COTSG co gallo do día Mundial do Traballo Social 2025, e ademais da calidade do mesmo, sorprende a temática escollida. As novas xeracións de profesionais tamén abren campo no Traballo Social, e nos aproveitamos que o día 28 de xuño se celebra o día do Orgullo LGBTIQ+ para que nos presente este interesante TFG.

A maior parte da literatura existente procede de disciplinas como a psicoloxía, a medicina ou a psiquiatría, mentres que o enfoque social está case ausente

  • Ola Alba, a primeira pregunta é obrigada, por que escolliches este tema para o teu TFG?

Escollín esta temática por unha combinación de interese persoal e compromiso profesional. Considerei necesario abordar unha candente realidade social silenciada pero de grande urxencia: o suicidio nas persoas do colectivo trans. Trátase dun grupo especialmente vulnerábel, que sofre múltiples formas de discriminación, exclusión e violencia que impactan directamente na súa saúde mental. Sentín a necesidade de poñer o foco sobre esta problemática desde o Traballo Social, unha disciplina que, aínda que ten un papel clave na intervención, conta con moi pouca literatura específica sobre o tema. A miña intención foi visibilizar esta realidade, xerar coñecemento e tratar de facer énfase na necesidade de realizar investigacións tanto desde o Traballo Social coma interdisciplinarias nesta temática.

  • Presenta o colectivo de persoas trans unha prevalencia máis alta de suicidio que a poboación xeral?

Si, a evidencia científica mostra que o colectivo trans presenta taxas de ideación e tentativa suicida moito máis elevadas que a poboación xeral. A Confederación de Saúde Mental España (2023) sinala no seu informe “A situación da saúde mental en España” que, en comparación ca poboación xeral, as persoas pertencentes ao colectivo LGTBI reportan máis do dobre de intentos ou ideación suicida (32,1% vs. 14,5%), así como de autolesións (19,5% vs. 9%). Asómesmo, seguindo a Enquisa Nacional sobre Discriminación Trans realizada nos Estados Unidos por Grant et al. (2011), o 41% das persoas trans entrevistadas afirmaron ter intentado suicidarse, fronte ao 1,6% da poboación xeral. Esta porcentaxe increméntase significativamente cando a persoa trans tamén é vítima de acoso escolar, violencia ou rexeitamento familiar. Outros estudos mencionados no meu TFG, como os de Clements-Nolle et al. (2001, 2006), tamén sitúan as taxas de tentativa de suicidio nas persoas trans entre o 32% e o 41%, confirmando unha tendencia alarmante que require intervencións específicas e urxentes.

  • Nesta traballo exploras a evolución científica da abordaxe desta situación. Cales foron os cambios que se produciron neste campo?

Unha das conclusións máis claras que extraio da revisión bibliográfica feita no meu TFG é que a produción científica sobre o suicidio no colectivo trans é moi limitada, especialmente no contexto español e autonómico. Hai unha evidente carencia de estudos específicos centrados no suicidio nestas persoas, e moito máis aínda se nos restrinximos ao ámbito do Traballo Social. A maior parte da literatura existente procede de disciplinas como a psicoloxía, a medicina ou a psiquiatría, mentres que o enfoque social está case ausente.

Ao analizar a evolución temporal da produción científica, obsérvase que durante os anos 2000 a 2020, os estudos sobre esta temática foron escasos e descontinuos, e só a partir de 2020, coincidindo en parte co contexto da pandemia do COVID-19, vese unha pequena recuperación na publicación de artigos sobre a temática. Non obstante, este aumento é puntual e non implica un cambio sostido nin suficiente.

Outro aspecto importante é que os estudos que cumprían os criterios de selección para a miña revisión son estranxeiros, especialmente de Estados Unidos, e non sempre se poden aplicar directamente ao contexto español ou galego. Isto supón unha dificultade á hora de deseñar intervencións baseadas en datos sólidos e adaptadas ao noso contexto social, ideolóxico e cultural.

  • Cales son os factores que aumentan a posibilidade de suicidio neste colectivo?

Os principais factores de risco son múltiples e interrelacionados. Desde o acceso á sanidade ata a vida cotiá, moitas persoas trans enfróntanse a rexeitamento, violencia, estigmatización e negación da súa identidade.

Estes factores inclúen a discriminación estrutural e social, o rexeitamento familiar, o acoso escolar e laboral, a violencia física ou sexual, a transfobia institucional (a través de leis ou políticas excluíntes, ou da presenza de profesionais non formados que actúan con prexuízos nos servizos sanitarios e sociais) e a exclusión nos espazos públicos e servizos sanitarios. Tamén inflúen negativamente a exposición ao suicidio doutras persoas trans ou achegadas e a presenza de simbolismo negativo e hostil, como bandeiras e sinais que representen odio. Todas estas situacións provocan  un deterioro da saúde mental, con altas taxas de depresión, ansiedade, abuso de substancias, sentimentos de autopercepción negativos e ideación autolítica. Cando non existen redes de apoio nin acceso a servizos inclusivos, o risco de ideación ou conduta suicida increméntase notablemente.

  • E pola contra, cales son os factores de protección?

Os factores de protección que poden reducir o risco de suicidio nas persoas trans están estreitamente relacionados coa existencia de redes que validen, acompañen e respecten a súa identidade. Cando unha persoa trans conta con apoio social, especialmente da súa contorna máis próxima, a súa saúde mental mellora significativamente. O respaldo da familia, das amizades ou de referentes comunitarios funciona como un escudo fronte á discriminación e o illamento.

Un dos elementos protectores primordiais é a pertenza a redes ou grupos de iguais, xa que compartir experiencias comúns axuda a construír identidade, autoestima e sensación de pertenza. Tamén resulta fundamental que as persoas trans teñan acceso a unha atención sanitaria afirmativa e respectuosa, na que se recoñeza a súa identidade sen xuízos nin obstáculos. O acompañamento profesional durante os procesos de transición social, médica ou hormonal contribúe decisivamente ao benestar emocional deste colectivo.

Outro factor de protección importante é a existencia de simbolismo inclusivo nos espazos públicos, como bandeiras LGTBI ou mensaxes de apoio, xa que transmiten seguridade e recoñecemento social. Ademais, a resiliencia individual tamén xoga un papel clave, poñendo o foco en que a persoa desenvolva habilidades de afrontamento e capacidade para comunicarse.

Por último, o papel das institucións e das políticas públicas é determinante. A existencia de leis que protexen os dereitos das persoas trans, a formación de profesionais en diversidade e a construción de protocolos inclusivos en servizos sociais, educativos e sanitarios son medidas que contribúen directamente a crear contornas máis seguras.

  • Que papel ten o Traballo Social para intervir neste proceso?

Traballo Social xoga un papel fundamental na prevención e abordaxe do suicidio, especialmente no caso de persoas pertencentes ao colectivo trans, porque traballamos directamente cos contextos, coas redes de apoio, cos recursos e coas desigualdades que afectan a estas persoas no seu día a día.

En primeiro lugar, a nosa intervención pode ser clave na detección temperá de factores de risco: a exclusión social, o rexeitamento familiar, a falta de acceso a servizos, o acoso escolar ou laboral, a pobreza, ou a invisibilización da identidade. Moitas veces, as persoas trans non chegan aos servizos de saúde mental directamente, pero si acoden ás/ós traballadoras/es sociais en busca de axuda para cubrir necesidades básicas, para acceder a vivenda, educación ou atención sanitaria. É nese primeiro contacto onde debemos estar especialmente preparadas para identificar sinais de sufrimento emocional, ideación suicida ou illamento extremo.

Ao mesmo tempo, o Traballo Social tamén actúa como ponte entre a persoa e os recursos do seu contorno, coordinando servizos, acompañando procesos de tránsito, facilitando redes de apoio e mediando con institucións que, ás veces, seguen sendo excluíntes. Iso significa que non só temos unha función de acompañamento individual, senón tamén unha función transformadora, que implica traballar coas familias, coas escolas, coas administracións públicas e coas políticas sociais.

Outra dimensión fundamental do noso rol é a de defensa dos dereitos humanos. Non podemos quedarnos nunha intervención “neutral” cando o que está en xogo é o recoñecemento da identidade dunha persoa ou o acceso á súa dignidade. Ante a transfobia institucional ou social, o Traballo Social debe posicionarse, visibilizar as violencias que se exercen sobre o colectivo trans e contribuír activamente á súa reparación. Desde esta óptica, a nosa profesión tamén debe implicarse na sensibilización da sociedade, promovendo unha educación en valores inclusivos, e loitando contra os discursos de odio e discriminación. E, por suposto, temos que colaborar na construción de espazos comunitarios onde as persoas trans poidan ser, existir e vivir sen medo.

En definitiva, o Traballo Social é unha peza clave para acompañar, protexer e transformar. Non só actuamos sobre o sufrimento que xa existe, senón que temos a capacidade e a responsabilidade de crear as condicións para que ese sufrimento non se produza en primeiro lugar.

  • Que teriamos que facer como profesión para capacitarnos e poder intervir mellor na prevención do suicidio en xeral e no das persoas que pertencen ao colectivo trans en particular?

Como profesión, o Traballo Social ten unha responsabilidade moi importante cando falamos da prevención do suicidio. Nos plans de estudos universitarios, é necesario incluír formación específica sobre diversidade afectivo-sexual e de xénero, e a saúde mental relacionada con ela, que axuden a comprender o sufrimento que xera a exclusión, a discriminación ou a falta de recoñecemento, e tamén dotarnos de ferramentas para acompañar desde unha mirada inclusiva e informada.

Outro aspecto clave na profesión é desenvolver protocolos e guías de intervención adaptadas, que teñan en conta as realidades específicas das persoas trans. A intervención non pode ser a mesma que para a poboación xeral, porque os factores de risco son diferentes, as experiencias de vida tamén o son, e o impacto da transfobia estrutural é algo que temos que saber identificar para poder abordalo.

Tamén precisamos traballar de maneira interdisciplinar, en colaboración con profesionais da psicoloxía, da educación, da sanidade e, sobre todo, co propio colectivo trans. Non podemos seguir falando sobre as persoas trans sen contar con elas. As súas voces, experiencias e coñecementos deben formar parte da nosa práctica profesional.

Ademais, desde o Traballo Social temos unha responsabilidade ética e política: denunciar as estruturas que xeran sufrimento. A transfobia non é só algo que pasa no ámbito familiar ou escolar, tamén está presente nas leis, nas institucións e nas prácticas profesionais que non recoñecen a diversidade. Se queremos previr o suicidio, temos que traballar tamén na transformación dese contexto hostil.

E, por último, é esencial crear espazos seguros dentro da propia profesión, onde se poida reflexionar sobre os propios prexuízos, mellorar as competencias e compartir recursos. A prevención non é só unha intervención puntual, é un proceso continuo de formación, sensibilización e compromiso co respecto á vida e á dignidade de todas as persoas.

  • Polo que podemos coñecer a través da literatura, o momento da toma de conciencia íntima da situación é de gran angustia e medo. Hai algún estudo sobre o suicidio de adolescentes que poidan estar propiciados pola identidade sexual distinta da biolóxica ou pola orientación sexual non heterosexual?

Si, existe unha ampla base de estudos internacionais que evidencian que a adolescencia é unha etapa especialmente crítica para as persoas con identidades de xénero non normativas ou orientacións sexuais distintas da heterosexualidade. O proceso de autoconciencia da identidade de xénero ou orientación sexual adoita vir acompañado de sentimentos intensos de medo, confusión e ansiedade, sobre todo cando a contorna familiar, escolar ou social non é segura ou non proporciona apoio. O Trevor Project National Survey on LGBTǪ Youth Mental Health (2022) recolle datos de máis de 34.000 adolescentes e mozos/as LGTBI de entre 13 e 24 anos nos Estados Unidos. Segundo os resultados, o 45% das persoas trans e non binarias enquisadas afirmaron ter considerado seriamente o suicidio no último ano, e o 14% intentárono efectivamente. Ademais, un 60% das persoas trans menores de idade indicaron que non podían vivir a súa identidade de xénero de maneira aberta en casa, o que supón unha situación de estrés crónico e illamento emocional.

Outro estudo destacado é o publicado na revista Pediatrics por Toomey et al. (2018), que analizou os datos da Enquisa de Comportamentos de Risco na Mocidade (Youth Risk Behavior Survey) nos Estados Unidos. Neste traballo, descubríuse que o 50,8% e 29,9% dos homes e mulleres trans adolescentes entrevistados, respectivamente, tentaron suicidarse algunha vez. Asimesmo, as e os adolescentes non binarias/os presentaron unha taxa do 41,8%. Estas cifras contrastan radicalmente co 9% de tentativa de suicidio nos adolescentes cisheterosexuais.

Os factores que contribúen a estas cifras alarmantes inclúen o rexeitamento familiar, o acoso escolar ou ciberacoso, a ausencia de referentes positivos, a discriminación nos espazos sanitarios ou educativos, e a imposibilidade de vivir libremente a súa identidade de xénero ou orientación sexual. Tamén se observou que os adolescentes LGTBI que teñen apoio familiar, acceso a espazos seguros e servizos afirmativos teñen unha reducción significativa na ideación suicida e nas tentativas, o que confirma o impacto positivo que pode ter un entorno protector.

  • As terapias de Reorientación Sexual, que efectos provocan nas súas vítimas?

As terapias de reorientación sexual (tamén coñecidas como terapias de conversión, e Sexual orientation and gender identity change efforts ou SOGICE, en inglés) son prácticas profundamente daniñas e sen base científica, que buscan cambiar ou “corrixir” a orientación sexual ou a identidade de xénero dunha persoa. Moitas destas persoas chegan a estas terapias por presión familiar, relixiosa ou social, e a experiencia que viven nelas é de rexeitamento constante cara á súa identidade. Esta idea calouse moi fondo en moitas persoas, xerando sentimentos de culpa, vergoña e odio cara a unha parte esencial de si mesmas.

Diversos estudos recollidos no meu TFG, como os de Kattari et al. (2020), apuntan a que persoas que foron sometidas a estas prácticas presentan taxas moi superiores de ideación suicida, autolesións, ansiedade, depresión e incluso trastornos de estrés postraumático. Ademais, cómpre lembrar que este tipo de intervencións teñen un impacto especialmente grave durante a adolescencia, unha etapa na que a identidade aínda se está conformando e na que o apoio emocional é clave. Cando unha persoa nova recibe a mensaxe de que é “incorrecta” ou “defectuosa” polo que sente ou por quen é, o efecto sobre a súa autoestima e a súa saúde mental é demoledor. Por iso, moitos organismos internacionais como a Organización Mundial da Saúde ou a Asociación Americana de Psicoloxía condenaron de forma rotunda estas prácticas, calificándoas como unha forma de tortura psicolóxica.

Dende o Traballo Social temos a responsabilidade de denunciar este tipo de violencias e traballar para que desaparezan por completo. Non só debemos apoiar ás vítimas, senón tamén contribuír a construír unha sociedade onde ningunha persoa teña que pasar por iso. É fundamental educar, sensibilizar e promover espazos de apoio onde cada quen poida ser recoñecido e acompañado sen medo, sen culpa e sen vergoña.

  • Despois das conclusións deste traballo como cres que afectará ao suicidio no colectivo trans as medidas de exclusión, e case persecución, que se están aprobando en algúns países?

As medidas de exclusión e hostilidade institucional cara ás persoas trans están a ter un impacto directo, devastador e crecente sobre a súa saúde mental e, especialmente, sobre o risco de suicidio. A lexislación discriminatoria, a retirada de dereitos recoñecidos, ou a imposición de barreiras legais ao acceso á atención sanitaria ou á educación inclusiva, contribúen a reforzar o estigma, a normalizar o odio e a perpetuar a marxinación.

Nos últimos anos, observouse un alarmante retroceso en materia de dereitos LGTBI en países e rexións que, ata hai pouco, avanzaban cara á igualdade. Exemplos recentes que están a ocurrir en diferentes estados dos Estados Unidos inclúen unha proposta de lei para multar a escolas públicas se os docentes usan os pronomes elixidos polo alumnado trans ou permiten a súa transición social en centros educativos, unha entrada en vigor dunha lei que prohíbe tratamentos médicos de afirmación de xénero en menores (como bloqueadores hormonais ou terapia hormonal), e incluso promulgación dunha lei que prohibe a “propaganda LGTBI” en medios e espazos públicos e censura de contidos educativos sobre diversidade afectivo-sexual en todos os niveis educativos.

Estas medidas non só supoñen unha negación dos dereitos fundamentais, senón que tamén crean un clima social de medo e rexeitamento. A mensaxe que se transmite desde as institucións é que as persoas trans non teñen dereito a existir nin a ser quen son. Isto xera un profundo sentimento de invalidez, de vulnerabilidade constante, e unha percepción de que a súa vida non ten valor nin protección.

Ademais, estas políticas adoitan vir acompañadas dun discurso social que fomenta o odio: campañas mediáticas, bulos, discursos políticos ou relixiosos que deshumanizan e sinalan ás persoas trans como unha ameaza. Isto non só impacta nas persoas directamente afectadas, senón tamén nas súas familias, amizades e redes de apoio, que se ven obrigadas a vivir nunha contorna crecente de presión e medo.

Desde a perspectiva do Traballo Social, estas dinámicas supoñen un desafío ético e profesional inmenso. Non é posible falar de prevención do suicidio sen denunciar as estruturas que o provocan e o perpetúan. A exclusión legal, a negación da identidade e o abandono institucional non son só condicións de risco: son formas de violencia estrutural que matan.