Chus Varela, Premio á Excelencia e Prestixio Profesional 2025
Con grande asombro, profunda ledicia, gratitude e ilusión quero expresar o meu máis sincero agradecemento a Unión Profesional e ao Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia por entregarme esta importante distinción; á Escola Universitaria de Traballo Social pola súa gran formación e apoio coas alumnas en prácticas; ás compañeiras do Grupo de traballadoras sociais de discapacidade de Vigo e Pontevedra, así como ás persoas da asociación ASPANAEX, por terme proposto como candidata a este prestixioso premio. Síntome moi honrada! Grazas de corazón a tódalas persoas que me tendes apoiado no día a día do Traballo Social. Chus Varela
Ola Chus, antes de nada, darche os parabéns polo premio á excelencia e compromiso profesional no Traballo Social 2025 que concede Unión Profesional, para o que fuches proposta polos compañeiros e compañeiras, e que representa un recoñecemento a toda a túa traxectoria profesional e vital.
- Imos a comezar esta entrevista, precisamente pola profesión, que che levou a estudar e dedicarte ao Traballo Social?
A miña andaina comezou, sen sabelo, no sector social aos 17 anos, dende a Asociación Xuvenil Abertal, de Vigo, creando e coordinando servizos de apoio a familias con necesidades varias, a través de campañas de Nadal como a “Operación Kilo” e “Campamento urbano”.
Neste último atendíase a un grupo de nenos de familias que eran usuarias dos servizos sociais do Concello, para as e os que logramos recursos para cubrir os gastos de transporte e comedor, que lles permitiron a asistencia e integración no campamento.
Durante varios anos realicei unha colaboración social ao mesmo tempo que cursaba estudios universitarios de Empresariais.
Tras valorar que estes estudios non me levarían a realizarme persoal nin laboralmente, tomei unha complexa pero acertada decisión: cambiar de carreira, polo que comecei a estudar Trabajo Social na Escola Universitaria de Santiago de Compostela. Onde obtiven uns resultados académicos positivos á primeira, a pesar de concorrer nese momento diversas situacións persoais e familiares significativas e complicadas na miña vida. “Como marca que che guste o que fas”. E dende aí fixen un percorrido de xeito “oficial, con título” como profesional do Traballo Social.
- A segunda pregunta é a continuación da primeira, traballar con persoas con discapacidade foi unha decisión ou unha casualidade?
O campo de atención ás persoas con discapacidade non estaba contemplado entre as miñas preferencias profesionais, pero como a vida sorpréndete continuamente,
por casualidade comecei o meu camiño oficial como traballadora social neste sector, xa que foi onde se presentou a miña primeira oportunidade laboral. Comecei a traballar en FADEMGA, Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade Intelectual (DI) de Galicia, o que me permitiu entrar no mundo da discapacidade, como coordinadora a nivel gallego para desenvolver os Programas de Integración familiar e de Respiro familiar, dirixidos dende FEAPS: Confederación Española de Asociaciones de Personas con DI. Ofrecendo a posibilidade de reunirme e formarme cos e coas representantes de todas as comunidades autónomas do país, persoas moi diversas, con experiencias diferentes, con realidades de poboación moi distintas, en territorios moi dispares, pero todos con un mesmo fin: apoiar ás persoas e ás súas familias , promovendo cambios de enfoque, dende unha misión e valores novos, con perspectivas e horizontes ambiciosos. Isto aportoume unha visión espacial e territorial moi rica e diversa, como somos as persoas e son as familias: únicas, territoriais, grupais, tribo, diferentes, discapacitadas en algún momento da nosa vida, loitadoras, inquietas, divertidas, activas, impulsivas, reflexivas,…
- A túa vida profesional estivo ligada á entidades asociativas, ou tamén chamadas do terceiro sector, constituídas e dirixidas por persoas directamente implicadas coa discapacidade. Que elementos positivos e que elementos non tan positivos ten este ámbito de intervención?
Desenvolver esta profesión dentro do tecido asociativo marca os estilos de traballo respecto a: que facer, para que traballar e ate onde, condicións laborais reguladas no convenio colectivo do sector, funcións do Trabajo Social a desenvolver na Asociación, ter como usuarios e usuarias a persoas con DI e as súas familias, o que leva aparellado que as familias son ao mesmo tempo as representantes da entidade-dirección e as e os clientes, podéndose producir intereses antagónicos entre a persoa con DI e os da súa familia.
Ademais implementar servizos e actividades depende de financiamento captado a través de subvencións, axudas e recadacións económicas, o que implica unha certa inestabilidade laboral. A continua incorporación de novos profesionais para atender a este colectivo non é doada, xa que precisa de certo tempo para coñecer as súas necesidades persoais e crear unha confianza que favoreza unha mellor evolución da propia persoa con DI.
Dende a parte positiva destaco que están moi presentes valores como: a unión crea forza, a solidariedade amplifica as voces, o traballo en equipo suma, sentirse parte activa abre portas novas, a diversidade enriquece, comparto pois non estou so, defender os dereitos propios e dos demais, presenza e inclusión social, existe e é moi positivo o apoio mutuo, podo compartir o meu sentir, a miña vida, as miñas dubidas e escoitar a outros en grupo con liberdade e sen xuízos.
- Que papel xogou o traballo en rede no desenvolvemento dos servizos adaptados as necesidades das persoas con discapacidades?
O traballo en rede foi fundamental para poñer en valor e favorecer a posta en práctica dos dereitos das persoas e as súas familias. Ante todo son persoas e a discapacidade é un engadido máis a súa existencia, o que significa que como calquera cidadán ou cidadá deben poder acceder ós recursos sociais tendo en conta as súas propias características, a súa situación persoal-familiar, as súas necesidades particulares pola discapacidade coa que convive, xa que son persoas con marcadas condicións de saúde; son nenos e nenas que viven unha etapa escolar; son persoas adultas e realizan traballos ou tarefas ocupacionais; son parellas e precisan información sobre a sexualidade, son maiores e necesitan atencións médicas e rehabilitadoras, estruturas e apoios para a convivencia… Por todo isto o traballo en rede é imprescindible pois hai intervención de varios servizos (menores, educación, laborais, asistenciais, sociosanitarios, que requiren dunha ampla conexión entre o servizo especializado (terceiro sector) e a administración pública. A rede é o mellor xeito de traballar para garantir que as persoas reciben o resultado mais eficaz e eficiente.
Traballar en rede tamén é unha forma de funcionamento habitual no sector da discapacidade, polo menos é miña experiencia profesional, pois entre outras cousas permite detectar novas necesidades sociais non atendidas. Un claro exemplo disto foi descubrir que as persoas con dano cerebral adquirido, ou as súas familias, contactaban coas asociacións de discapacidade, buscando recursos para as súas necesidades. Ter coñecemento do que lle esta acontecendo a este colectivo, ser conscientes da dura realidade destas persoas invisibles para a sociedade, sen recursos nin servizos específicos foi determinante para buscar solucións. Este diagnostico fixo que un grupo de persoas, no que estaba eu, vinculadas ao sector crearamos a Asociación de Persoas con Dano Cerebral Adquirido, ALENTO, no ano 2000 en Vigo. Durante varios anos formei parte dela
- A visión social da discapacidade mudou substancialmente nas últimas décadas, como viviches ti este proceso dende o práctica laboral, e como foi mudando o rol da traballadora social?
Dende o comezo do meu traballo ate hoxe o mundo da discapacidade sufriu un cambio enorme que se podería resumir en que na actualidade traballase segundo a clasificación das dimensións de calidade de vida: benestar emocional, relacións interpersoais, benestar material, desenvolvemento persoal, benestar físico, autodeterminación, inclusión social e dereitos. É dicir, traballar para acadar un grao de óptimo en todas as dimensións que forman parte da vida cotiá de calquera, pero tendo en conta que as persoas con DI precisan de apoios de distinta magnitude para conseguilo . Hai 30 anos falábase exclusivamente das atencións básicas ás persoas con discapacidade en colexios, centros e residencias puramente asistenciais.
Pasamos de vivir nun contexto marcado por unha escasa presenza na sociedade, a comezar a ter algunha participación familiar e social, a visualizar a posibilidade de estar integradas e a conseguir a inclusión a varios niveis; onde a voz que se oía era a dos seus representantes, sen coñecer nin ter en conta a súa opinión, pasamos a que as persoas con DI coñecen e reivindican os seus propios dereitos con voz propia ou en caso necesario con apoio; onde se traballaba para as persoas pero sen as persoas pasase a contar coa súa opinión, escoitar a súa voz e fomentar o empoderamento; onde legalmente non tiñan dereito a decidir pasase a reformar a lexislación para que se teñan en conta medidas de apoio individualizadas para cada un e cada unha… Un sen fin de cambios persoais, familiares e sociais que condicionan o cambio no traballo ó longo do tempo, con conceptos e valores máis amplos na actualidade, con unha presenza máis activa da persoa, da familia ou das representantes. Con cambios de paradigma incluíndo a calidade de vida familiar e as súas dimensións, que ademais das propias das persoas inclúen a interacción familiar e a adaptación á discapacidade. O que implica a realización dun Traballo Social, dende unha óptica máis ampla, de servizos para a persoa e para a familia xa que o beneficio de un revirte en beneficio do outro e viceversa.
- Nestes anos de vida laboral como viches evolucionar os sistema de servizos socias?
Con a posta en marcha do Plan Concertado de prestacións básicas de servizos sociais introdúcense cambios significativos: crease un catálogo de prestacións dentro do cal esta a atención a persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social, conceptúanse dous niveis de servizos: os xerais e os especializados. No sector da atención á discapacidade vimos un cambio xeral cara un maior coñecemento dos recursos específicos por parte dos servizos sociais comunitarios; maior coordinación entre os axentes de intervención social tanto a nivel xestión como na atención directa (por exemplo realizar chamadas dende os Concellos no mesmo momento da atención , o que permite un aforro de tempo á persoa, a familia e ás e aos profesionais implicados); unha apertura dos servizos sociais comunitarios a un traballo en equipo cos servizos especializados, incluíndo a perfiles profesionais de educación social, psicoloxía, profesorado,,….. ; información e intervención co Programa de Educación e Apoio Familiar municipal en aqueles casos que se propoñen e se valora como necesaria esta intervención.
- E ás e ós profesionais do Traballo Social?
A evolución dos profesionais de Traballo Social plasmase nunha maior rede de vínculos dirixidos á mellora da formación e información dos compañeiros e compañeiras; en unha maior conexión entre profesionais independentemente do lugar onde se execute a intervención e en unha crenza máis amplía do valor engadido que supón o traballo en rede.
- Falabamos o outro día sobre a túa reflexión sobre a experiencia de ocupar os dous lados da mesa, de cando os e as profesionais pasamos a ser usuarios e usuarias. Cóntanos como é túa vivencia.
Como para calquera parella que emprende unha vida conxunta cos anos o núcleo familiar cambia e no meu caso pasamos de ser 2 membros a ser 5 no prazo de un ano e medio, dun xeito especial. Vivimos as nosas historias persoais, familiares e sociais. Pasamos de ser profesionais do Traballo Social á ser usuarios e usuarias, como calquera cidadán, dos servicios educativos, sanitarios, sociais, de protección de menores, escola municipal de música, equipos de baloncesto, campamentos, ….. con épocas e momentos fráxiles, difíciles, incribles, dolorosos, exitosos.
Ao longo da vida TODO CAMBIA: o número de membros, características familiares, inquietudes, necesidades, economía, organización familiar, relacións sociais, capacidades, autonomía, saúde,…
Pero o que NON CAMBIA é a necesidade do bo trato, de sentirse útil e importante, de ser recoñecido como persoa, o dereito ó respecto e á dignidade humana, o dereito á información e a integración social, o apoio a unha calidade de vida, o valor da saúde e os dereitos das mulleres que garantan a igualdade e a non discriminación en todas as áreas da vida.
Que importante e que diferente é estar sentado nun lado ou outro da mesa, como profesional ou como familia usuaria de calquera servizo (social, escolar, sanitario, xudicial,…)
Con sinceridade comparto que teño vivido na miña propia pel moitos momentos do que é estar do outro lado da mesa, atendida por un traballador social:
A nivel persoal:
– durante el proceso de adopción: sentíndome cuestionada, expoñendo as miñas capacidades, sendo visitada no meu domicilio, abrindo a miña intimidade e o meu espazo vital.
– durante a busca de recursos a nivel de saúde mental: desafiando retos, cuestionando criterios e procesos, facendo reclamacións á Administración, defendendo dereitos familiares
– en procesos de familiares e no meu propio de valoración e recoñecemento de discapacidade: espindo a miña realidade persoal, familiar, económica e social.
– en procesos de violencia de xénero no meu entorno: dando a coñecer unha realidade complexa e dolorosa
A nivel profesional:
– en múltiples procesos como acompañante á persoa con DI ou ás familias para valoración e recoñecemento de discapacidade, en temas xudiciais, na área de menores, en ámbitos de discapacidade dual, ….
Todo isto permíteme poder expresar e reflexionar de novo como inflúe, marca e condiciona na atención do Traballo Social: a actitude da persoa que te acolle, a forma de ser e de actuar, mostrar estar presente cunha escoita activa, informar dos dereitos con empatía, apoiar cara un cambio positivo, potenciar á persoa, expresar a proximidade que permita confianza e seguridade.
Como ocorre no Trabajo Social estamos para unir, conectar, abordar, acompañar a cada individuo, familia ou grupo con servizos, coa información, cos seus dereitos, buscando recursos, dende a inclusión e sobre todo defender e apoiar ás persoas máis vulnerables, en tódalas etapas da súa vida. SEMPRE respectando a cada persoa e familia: as etapas, as decisións, as circunstancias, os procesos de vida, os valores e crenzas, os acertos e fracasos,…. SIN XULGAR, acompañando E apoiando.
- En Vigo as traballadoras sociais que están no campo da discapacidade intelectual organizastes un espazo de debate e reunión, que importancia crees que ten a coordinación entre profesionais no noso campo de traballo?
Ao comezo do meu traballo en ASPANAEX tiven a sorte de poder incorporarme no mesmo año, 1998, a un grupo de traballadoras sociais do sector asociativo que traballaban con persoas con DI. Eramos 5 as profesionais que nos reuníamos fora do horario laboral, nunha cafetería para compartir inquietudes, dúbidas, casos, novidades e todo o que nos puidese aportar para realizar mellor o traballo diario. Co tempo este grupo foi medrando en número, en obxectivos, en calidade. E dende entón evolucionou e mantéñense reunións cunha convocatoria formal, dentro do horario da xornada laboral, nos locais das entidades ou servizos, coa elaboración dunha acta de cada sesión. En ocasións contamos coa presenza de representantes da Administración: dependencia, discapacidade, xulgado, ademais de promover e lograr crear redes e servizos novos, como campamentos para persoas con discapacidade, que se manteñen na actualidade, a cargo do Concello de Vigo.
É cuestión de actitude, de valorar a importancia e o beneficio de reunirse unha vez ao trimestre.
Se hai bos resultados un non o cuestiona.
A coordinación entre profesionais no noso campo de traballo favorece:
– coñecer máis de preto a realidade social e individual do sector
– desenvolver procesos de mellora de servizos existentes ou apoiar a creación de novos recursos ou actividades
– unificar criterios de intervención que favorezan o bo uso e reparto de recursos sociais
– facilitar ás familias o acceso aos servizos máis adecuados para cada persoa
– ser un grupo de apoio concreto e eficaz que permite reducir tempos de traballo e promover unha atención máis personalizada
– coñecer novidades legais dende diversos puntos de vista, descubrir e dispoñer de máis información que cando traballas de xeito individual
-debater o reparto de determinadas partidas orzamentarias e reclamar conxuntamente ás administracións públicas.
O pasado mes de decembro tivemos o primeiro encontro informal recoñecendo así o valor engadido do grupo, ademais de poder estar xuntos sen un motivo laboral, desfrutando da presenza como persoas, incluíndo unha actividade lúdica e práctica de baile individual e grupal, o que favoreceu momentos de risas, unión, comunicación e relación diferentes ás que se dan nas reunións de traballo. Participamos 17 profesionais de 13 entidades de atención a persoas con DI, autismo, parálises cerebral, discapacidade física, dano cerebral adquirido, ONCE e a persoa responsable do Concello de Vigo da área de discapacidade e maiores que traballou ao lado de todas ao longo de moitos anos. Somos unha equipa que traballa en diferentes ligas: Asociacións, Fundación, Federación de Vigo e Pontevedra e en unha entidade nacional. Definímonos como un grupo de ledicia, diversidade, creadoras, forza, empuxe, compromiso, enerxía, logros, rede, referencia e axuda mutua.
Desexo que este grupo se manteña unido e desenvolvendo este traballo conxunto , tendo en conta que moitas persoas fóronse xubilando, outras marcharon e que sempre hai un recambio que favorece a perpetuación do equipo, pero sobre todo se todos e cada unha aporta, implicase, así se consigue a suma.
- Crees que se pode separar a vida persoal da laboral, ou que es unha única persoa?
Dous momentos fundamentais na miña vida están vinculados ao Traballo Social: o primeiro foi a decisión de estudiar esta carreira, díxenme “é o meu” e o segundo foi ao rematar á actividade diaria como traballadora social, foi un parón obrigatorio e inesperado. Acompáñanse ambos de dous procesos de saúde en etapas da vida persoal, familiar e social moi diferentes.
No primeiro tras empezar a miña andaina pola Escola de Traballo Social tendo uns resultados académicos fantásticos “como marca que che guste o que fas”.
No segundo tras un longo percorrido na mesma entidade, ASPANAEX, no colectivo de discapacidade, como traballadora social, como formadora de familias e profesionais, como compañeira dentro e fora da Asociación, como activista a nivel social, como defensora dos casos máis desfavorecidos, como impulsora de servizos e recursos, como unha cidadá máis aportando, informando, equivocándome, recibindo, complementando, inaugurando, reivindicando, promovendo, “como marca que che guste o que fas”.
Nos dous momentos a vida sorpréndete e devólveche o teu sentir, os teus conflitos e, tras removerte persoalmente, a vida cambia.
Fun, son e serei unha persoa vinculada ás persoas e familias con discapacidade. Neste sector foi onde comecei o meu camiño profesional, por casualidade, con un colectivo que descoñecía pero que encheu e marcou tanto. Agora coincide que rematou a miña etapa profesional sendo parte do mesmo, incluída, por un recoñecemento de discapacidade.
Desexo que nesta nova etapa vital me encontre e me sente fronte a profesionais de diversos sectores sanitarios, sociais, xurídicos, de ocio e tempo libre, deportivos, económicos,… que exerzan o seu traballo abarcando áreas como a atención personalizada, familiar, grupal, con un apoio individualizado, orientación, información, xestión de recursos e máis, dende un bo facer, como todo o que fai un bo traballador ou traballadora social, no seu tempo laboral, con unha entrega, respecto e implicación continuada, sen esquecer que enfronte esta unha persoa humana coa súa historia particular.
Creo que somos persoas únicas, que desempeñamos un traballo tendo presente a nosa condición de persoa sen poder separarnos en dúas, iso si marcando tempos e limites laborais e persoais.
- Por último, que significa para ti, este recoñecemento colectivo e impulsado polas compañeiras coas que traballaches estes anos?
É un luxo poder aportar un grao na inmensidade do mundo social e ademais sentirme satisfeita e privilexiada por elo. Con este recoñecemento colectivo sinto que represento a todas as compañeiras traballadoras sociais, en especial ás do terceiro sector e en concreto ás compañeiras que durante 27 anos compartimos o Traballo Social de discapacidade, con loitas, discusións, logros, idas e chegadas, cambios, desacordos, preferencias, colaboración, formación. Creando un forte lazo de unión profesional e en numerosos casos de unión persoal, polo que me sinto moi agradecida a cada unha e a todas as presentes, as ausentes, as xubiladas e ás que virán.
Creo que ser recoñecida pola miña acción profesional ao longo de tantos anos e con tanto cariño polas miñas compañeiras non ten prezo e máis nun momento persoal e profesional tan delicado e potente como o que estou vivindo, coincidindo con un proceso de saúde delicado que me obriga a deixar o mundo laboral para pasar o autocoidado.
Penso, sinto, reflexiono e expreso que: todos estamos conectados, o que vai volve, o que cres que non te vincula de repente inclúete, o esforzo recompensase, tras un traballo hai un resultado, coa escoita hai respostas, detrás dun bo apoio hai un bo equipo ou grupo, somos sociais e sociables, somos individuos, parellas, familias, mulleres, amigos, traballadores, compañeiros, Colexio, sede, fogar, Fundación, Asociación e moito máis.
Que o ser humano é un tesouro que debemos e queremos coidar, acariñar, abrazar, bicar, eloxiar, valorar, respectar e reivindicar, de aí a importancia e o valor do Trabajo Social, do que me sinto orgullosa, ao que estou agradecida e ao que debo tanto por formar parte da miña vida prelaboral, laboral e desexo que post laboral, “sempre hai opcións” voluntaria iniciei este camiño e como voluntaria poderei rematar esta etapa no sector social.
Quixera finalizar este agradecemento destacando varias palabras presentes ao longo da miña traxectoria persoal e laboral:
- “Somos moitos” (nacín nunha familia numerosa), somos un número, pero temos un valor engadido, somos persoas, individuos, familias e grupos.
- “Hai que compartir“(frase que me acompaña dende a infancia) compartir aporta logros máis amplos e ensínache a vivir outras experiencias.
- “A ledicia é vital” (sempre celebrar e moitas risas) sorrir e rir é un dos maiores praceres que te nutre, a ledicia e a tristura están presentes en cada etapa da vida, tamén a diversidade, a inclusión, a satisfacción e a festa.
- “O esforzo é necesario” ( ábreche a porta para lograr os teus obxectivos). Defender e traballar polo que cres con obxectivos implica un esforzo que se valora co resultado, é dicir é medible.
- “Aprender é medrar” (a formación é estar aberto a coñecer máis e de outro xeito). É unha oportunidade, dáche ferramentas e se o fas asociado ou en equipo dispós de máis recursos individuais e grupais.
- “Agradecer é imprescindible” (dalas grazas agranda o corazón). Agradecer a vida é vivila, condiciónate onde naces, pois hai unha determinada cultura, política, valores, alimentación, crenzas, pero es de onde e como paces, todo se pode transformar.