Mónica Rodríguez, preséntanos Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade
Teño que dicirlles que unha das cousas que máis me sorprendeu desta iniciativa foi a cantidade de persoas que valoran o noso traballo, o respecto á nosa profesión, tanto dende organizacións, de colectivos de persoas usuarias e de familiares, coma outros profesionais
Traballadora social nos servizos sociais comunitarios, perito social e formadora. Compoñente do Grupo promotor da Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) que se presentou hai uns días en Compostela, e da que imos a falar con ela.
- Ola Mónica, como naceu a idea de promover esta entidade?
Nace da necesidade que detectamos ante o desmantelamento e a privatización dos servizos sociais públicos no ámbito da dependencia e da discapacidade na nosa comunidade autónoma, en particular nos últimos anos:
– as baixas intensidades dos servizos e as escasas contías económicas das prestacións
– o infrafinanciamento do sistema
– a continuas e recorrentes modificacións lexislativas e publicitarias encamiñadas a que as persoas soliciten e obteñan prestacións en lugar de servizos públicos de calidade, algo contrario aos principios da lei de dependencia
– a escaseza de residencias e a privatización das mesmas
2. Quen formades parte do grupo promotor?
Un grupo de persoas que por mor da súa profesión: persoal sanitario, (médicos/as e enfermeiros/as, auxiliares de enfermería, xerocultores/as), traballadores/as sociais, educadores/as sociais, persoal docente e investigador de universidade, persoas que pola súa situación persoal ou familiar, ou simplemente persoas con conciencia social, e un grupo de persoas que proceden de outros colectivos e entidades con ampla experiencia de traballo nesta loita (de enfermería, grupos de pensionistas, sindicatos presentes no Consello Galego de Benestar Social, de defensa do rural…)
3- Hai representación do colectivo profesional do traballo social, ademais de ti, claro?
De momento hai varias persoas traballadoras sociais que, non sendo do grupo promotor, están a colaborar con nós a partir da presentación pública da asociación, e moitas compañeiras e compañeiros que nos seguen nas redes e nos prestan apoio.
4. Que obxectivos quere traballar a ASGADeD?
Os obxectivos que nos propoñemos son:
– conseguir que haxa máis prazas públicas, en número axeitado ás necesidades da poboación
– conseguir o incremento do financiamento dos servizos (o excesivo custe actual non permite o acceso á maioría da poboación, aínda con axudas públicas)
– exixir un aumento dos controis de calidade e inspeccións máis continuas, en especial dos centros residenciais
– aumento das ratios profesionais, con exixencia de capacitación profesional en tódolos servizos que se prestan ás persoas en situación de dependencia e de discapacidade, e con condicións laborais dignas.
– que os servizos, públicos e de calidade, sexan prioritarios en contra das prestacións económicas
– que os servizos sexan xestionados e prestados dende o público, e non dende empresas privadas e grupos empresariais
– que a coordinación sociosanitaria sexa un elemento primordial e imprescindible para a atención das persoas, cos protocolos de calidade que exixe o século no que vivimos
5. Este é o grupo promotor, pero cal vai ser o proceso para constituír a entidade e comezar a traballar?
Pois estamos traballando xa, dándonos a coñecer grazas ao interese tanto dos medios de comunicación como de persoas e entidades e organizacións de familiares, a nivel local, galego e estatal.
Temos acordadas reunións de apoio común a outras organizacións e entidades que perseguen os mesmos fins que nós.
6. As persoas interesadas en formar parte desta entidade que vía poden utilizar para poñerse en contacto con vos?
Estamos en facebook, instagram, blueskay, mastodon, x, por correo electrónico en info.asgaded@gmail.com
7. Tendes pensada algunha acción a curto prazo?
Imos a facer outra presentación en Vigo a mediados do mes de febreiro, e participaremos, como non, na mobilización prevista en Santiago o día 10 do mesmo mes. Paralelamente estamos reuníndonos con diversas organizacións en diferentes zonas de Galicia, ó ser a xente promotora de diferentes provincias do territorio.
8. O nacemento desta entidade coincide no tempo cos cambios normativos que a Xunta de Galicia promoveu no sistema de Dependencia, ten relación unha cousa coa outra?
Ten e non ten. Pensamos que a últimas modificacións normativas, tanto con respecto ao persoal de enfermería en residencias, como o novo procedemento de dependencia e discapacidade nos obrigou a dar o paso de darnos a coñecer.
9. Dende a óptica profesional, cal é a túa opinión sobre os cambios que se van producindo no sistema de dependencia neste último ano?
Os procedementos cámbianse continuamente sen que se divulguen instrucións claras para os e as profesionais, hai disparidade de criterios segundo as delegacións territoriais, existe un retraso nas valoracións e concesión das prestacións que fan que as persoas usuarias desconfíen do sistema e dos e das profesionais que traballamos día a día con elas, sufrindo o abandono do sistema, morrendo en moitos casos no camiño.
As modificacións fanse sen consenso das e dos traballadores sociais, e a última elimina a valoración profesional de entrada, extremo que me parece gravísimo, posto que non se garante a calidade dos coidados das persoas. As valoracións, a diagnose profesional, tanto a dos servizos sociais comunitarios, coma a dos equipos de valoración da discapacidade e da dependencia teñen que ser a garantía mínima a cumprir.
Por último, a sobrecarga de traballo aféctanos a todas e todos os profesionais que traballamos con persoas en situacións de vulnerabilidade e necesitadas de intervencións tan complexas coma é a dependencia. Sabémolo ben os e as traballadoras sociais dos servizos sociais comunitarios, porque o vivimos cada día, os datos están ai: baixas ratios, novos procedementos, non substitucións en caso de vacacións ou baixas… e diso son conscientes os Concellos, as Deputacións e a propia Xunta de Galicia.
10. Para rematar, que lles podes dicir ás compañeiras e compañeiros para animalos a participar nesta asociación?
Algunhas compañeiras e compañeiros cos que falo habitualmente participan, dun xeito ou de outro, e nos apoian, con iso nos quedamos.
Somos unha profesión de cambio, todos os días estamos intentando mellorar o sistema, cada quen dende o seu ámbito, en particular dende os servizos socias comunitarios porque somos os que máis preto estamos da poboación.
Teño que dicirlles que unha das cousas que máis me sorprendeu desta iniciativa foi a cantidade de persoas que valoran o noso traballo, o respecto á nosa profesión, tanto dende organizacións, de colectivos de persoas usuarias e de familiares, coma outros profesionais.
O que propoñemos dende ela é o mesmo que os profesionais do traballo social, tanto en privado, como en grupos, e dende as organizacións profesionais, o Colexio Oficial e o Consejo General del Trabajo Social.
Creo que é importante animar ao noso colectivo para que non deixemos de falar alto e claro, e defendamos os principios da nosa profesión, que poidamos traballar garantindo un mínimo respecto, dignidade e calidade para toda a cidadanía.