A. Rial: “As mulleres rurais deben saber que elas poden pedir para si mesmas”
Ana Rial é a traballadora social de Oia Desenvolve a súa tarefa no departamento de Servizos Sociais soa. Falamos con ela para saber máis da muller rural.
-Como é o día a día dunha traballadora social rural?
No meu caso compre facer unha breve explicación das características do lugar onde presto servizos: tratase dun Concello de 3200 habitantes dispersos en 84Km cadrados, cunha poboación bastante envellecida, sen transporte público e na que o único recurso social son os Servizos Sociais de Base do Concello, ( que consta dunha traballadora social, eu.)
A miña labor fundamental é a de información, orientación e asesoramento a todos os sectores da poboación, de toda a rede de Servizos Sociais, entendido en sentido amplo facilitando nos casos que é posible a tramitación dos recursos e derivando os servizos especializados cando é necesario. Dado que levo 25 anos prestando servizo neste Concello coñezo a maior parte das persoas usuarias, as súas unidades familiares, problemáticas, historia social, e podo prestar unha atención máis personalizada e permíteme prestar orientación e asesoramento en moitos
casos sen que os usuarios o demanden.
O traballo diario vén marcado por un lado, polos prazos de convocatorias de subvencións e axudas no caso de: bolsas, campamentos, turismo, termalismo… e por outro pola publicidade e información de axudas que emiten polo medios de comunicación: cando falaron do bono social térmico, o eléctrico, se falan de axudas a dependencia nos medios…
Nos anos que levo de servizo percibo que as persoas usuarias necesitan moito falar, que as escoiten interesándose pola súa situación persoal e familiar, ver que os servizos realmente son para axudarlles coas súas necesidades e na resolución das problemáticas concretas que teñen cada un deles e delas.
-Cales son as demandas fundamentais das mulleres rurais?
Curiosamente as mulleres demandan, maioritariamente, axudas para os seu familiares, case nunca, para si mesmas. E, polo xeral, cando expoñen unha necesidade é a de buscar traballo de forma que poidan compaxinalo coas súas obrigas familiares. No rural, polo xeral, a muller é a que leva o cargo das tarefas domesticas e a atención dos nenos e dos maiores.
A maior parte das persoas usuarias deste servizo comunitario son mulleres que tramitan as axudas para os seus fillos e fillas menores (tarxeta benvida, bono coidado, fillo a cargo, valoracións de discapacidade…) e axudas para as persoas maiores que atenden (prestacións do sistema de Dependencia ).
É moi raro que veña unha muller os Servizos Sociais Comunitarios preguntando por recursos para si mesma, só nalgún caso que hai unha separación e nos casos de maltrato por parte da súa parella, pero, aínda neses casos, case nunca hai unha demanda directa para a propia muller senón que piden axuda para a garda dos e das menores.
-Que cuestións percibes que precisan que a administración no lles está a dar?
Enlazando ca pregunta anterior dende a miña experiencia profesional considero que o que precisan as mulleres do rural é información e concienciación da súa situación. Saber que elas poden pedir para si mesmas. Que teñen dereito a formarse e traballar como primeira opción, que non teñen primeiro e en exclusiva as cargas familiares e despois o
seu desenvolvemento.
A pesar dos grandes avances das mulleres, na práctica quen leva o cargo das tarefas domésticas e o coidados dos nenos e maiores sigue sendo a muller, e no rural é moi evidente. A muller traballa fóra en moitos casos pero segue levando a maior parte dos traballos e cargas do fogar.
Creo que o pilar fundamental para o cambio é a educación e a información, polo que a administración debe facilitar que esta cambie e transmita uns patróns igualitarios para ambos sexos, cousa que non ocorre na actualidade. Outro punto fundamental é os valores que se transmiten nos medios de comunicación, só hai que ver calquera canle de
televisión un rato e seguimos a ver os mesmos estereotipos de hai 30 anos.
No caso concreto dos Concellos do rural mal comunicados sería moi interesante realizar actividades que favorezan o empoderamento da muller preto delas e facilitando a asistencia.