O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

ContraAsViolencias

A débeda social coa muller rural

As mulleres rurais galegas desenvolven un traballo que raramente é recoñecido. Por unha banda, a súa contribución á produción agrícola e gandeira é innegable aínda que os donos das explotacións e a terra adoitan ser homes. Porén, a súa contribución máis indispensable é ao sistema social, pois son as principais provedoras de coidados: crianzas, familiares maiores, xestión e loxística doméstica ao que se que suman as tarefas relativas á horta, campo, etc.


As mulleres do rural enfróntanse á dificultade de acceso a recursos sociais e de capacitación e teñen que loitar soas contra o illamento e o declive demográfico mentres as administracións non dan solucións competentes na materia. Unha esfera sociosanitaria ben vertebrada faise indispensable para atender ás aspiracións das mulleres mozas que quedan no rural e a procura de fórmulas que cubran actividades de lecer sen esquecer as necesidades sociais: ampliación de recursos de servizos sociais de proximidade, fomento da economía social no sector dos coidados, programas de apoio a mulleres coidadoras, aumento das horas de SAF, fomento do cooperativismo, etc.


Todo isto non pode facerse sen a aposta decidida polas políticas públicas que busquen mellorar as condicións vitais no medio rural sen perder a ollada de xénero para paliar as desigualdades. Ademais, as mulleres que viven no entorno rural sufren a violencia machista dun xeito máis intenso. Por unha banda, teñen menos información sobre xénero, polo tanto, cústalles mais percibirse como mulleres quee están sufrindo violencia, así como detectar os distintos niveis de violencia aos que están sometidas. Por outra banda, teñen mais dificultades para acceder aos recursos.
Todo isto reproduce situacións de dependencia, subordinación e relacións de posesión que desencadenan en violencia.


A débeda moral e económica da sociedade e da clase política coas mulleres do rural galego é enorme e non se saldará ata que sexamos quen de por en valor os coidados como o máis importante da pirámide. Os coidados son os que nos valorizan como sociedade e como persoas.