O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

“Necesidade da profesionalidade na intervención social como motor de aquisición de dereitos por parte das persoas”.

Eloína Ingerto (col. 1448), Tania Cobas (col.1775) e Héctor López (col.1985) Traballadoras Sociais de Fundación Juan Soñador, achéganse ao blog do COTSG para falarnos da práctica do Traballo Social dende as entidades do terceiro sector da acción social. Os dereitos sociais da cidadanía e a colaboración e traballo coordinado co sector público son as liñas maestras que nos propón desta área dos servizos sociais.

Cales son os principais desafíos que enfronta o traballo social no seu día a día e como credes que se poden abordar e/ou  superar?

Na actualidade vivimos unha etapa onde a profesión pasa por un momento duro, por un lado ante o desmantelamento paulatino de servizos de calidade no público, con ratios imposibles, e compañeiras de SS.SS Comunitarios afogadas pola burocratización.

Por outro lado un empobrecemento do terceiro sector, ante dificultades de coordinación coas administracións e coas propias compañeiras de SS.SS Comunitarios, pola imposibilidade de tempos para reunións nas que establecer protocolos de actuación que faciliten o traballo de ambas partes.

Vivimos unha etapa na que non somos referentes do cambio social, senón meras tramitadoras de requisitos burocráticos que pouco ou nada teñen que ver soa riqueza da nosa profesión e do noso coñecemento colectivo.

Son varios os retos presentes, un deles segue a ser o recoñecemento social da nosa profesión a prol do benestar social, a través da defensa de dereitos e da dignidade das persoas.

Para elo temos que empezar por non traizoar a nosa profesión, sendo as primeiras en non realizar intervencións asistencialistas, controladoras, burocratizadas, cinguidas a tempos de atención reducida e non coordinadas con outros axentes, rachar a brecha entre o traballo social no eido publico e o privado con o sen ánimo de lucro, non ser alleas a falta de recursos,  e  estar presentes en espazos de decisións sobre as políticas sociais,  e aportar coñecemento dende a esencia do noso facer, coas persoas e a comunidade.

Que papel desempeñan as entidades e servizos do Terceiro Sector de Acción Social na promoción dun enfoque de dereitos e a redución da pobreza?

As Entidades somos en moitas ocasións a porta de entrada aos SSSS Comunitarios, xa que as persoas veñen solicitando información e somos nós as que solicitamos a primeira cita coas compañeiras de Servizos Sociais.

Por outro lado somos quen de aglutinar a participantes en torno a un modelo común de traballo, no que facemos de altofalante ante as inxustizas e a violencia administrativa para esas persoas que acaban de chegar ao pais.

Somos referentes na incidencia política a través das redes que formamos para levar a cabo denuncia e posicionementos ante trabas administrativas ou burocráticas que sofren as nosas persoas participantes.

Pero o fundamental é que dada a nosa formación académica e profesionalización no traballo diario, somos garantía de boa praxe no acompañamento e adquisición de dereitos sociais.

Un papel fundamental, un sector con forza, a través do traballo en rede, a incidencia política, o compromiso coas persoas, a profesionalidade, a especialización, a humanización dos servizos, a promoción da autonomía  e da participación das persoas, a complementariedade, poñendo o foco nas causas da pobreza e cun enfoque comunitario para a transformación social.

Que papel xoga a formación e a titulación profesional no traballo social e por que é importante defender a especificidade desta profesión? En concreto, en contextos onde a práctica non profesionalizada pode xerar prexuízos.

A nosa profesión require de non só a formación oficial, senón tamén de aptitudes específicas para o desempeño das funcións. O traballo social é unha profesión de “alto risco” e de “alta responsabilidade”; traballamos con persoas, directamente, temos enriba da mesa gran cantidade de información altamente delicada como para que non esteamos baixo a necesaria supervisión, tanto dun currículo formativo, coma de un código ético.

Pensar en exercer calquera profesión sen ter a formación e pasar todos os requisitos formativos e de especialización, non se lle pasa pola cabeza a ninguén, pero no ámbito do social vimos de unha tradición benéfico/asistencialista, que por momentos fai que persoas de outros ámbitos teñan a errada creencia de que o desempeño da nosa profesión o pode levar a cabo calquera, incurrindo en erros dificilmente reparables en futuro.

Levamos anos de profesionalización e de investigación que fai que o Traballo Social, e as/os profesionais, sexan referente no sistema de Servizos Sociais, pero estamos atopándonos con intentos de intrusismo por parte de determinados grupos, como é o caso que vimos na cidade de Lugo por parte da Federación de Asociacións veciñais, que pretenden dar a entender que van a levar a cabo “proxectos sociais” ou “valoracións de necesidades sociais”, cando nada máis lonxe da realidade…xa que non teñen o persoal necesario nin as profesións que poden levar a cabo ese tipo de prácticas profesionais.

Temos que facer unha defensa absoluta da profesión e denunciar abertamente este tipo de enganos á cidadanía, onde se pón en risco o noso rigor e a nosa práctica profesional.

A nosoutras non nos permitirían coller un bisturí e realizar unha operación cirúrxica de ningún tipo, ben, pois porque outros profesionais ou colectivos que non son do eido social, pensan que poder facer intervencións sociais? que poden xestionar axudas económicas e básicas para persoas en situación de desvantaxe social?  que poden facer valoracións sociais?  Que poden intervir a través de modelos que están moi lonxe da dignidade das persoas, … porque se valida este modo de proceder por parte de responsables políticos ou entidades privadas? e incluso se lles da difusión nos medios e se promocionan. Todo isto son prácticas non profesionalizadas que contribúen a desfacer e incrementar estereotipos, exclusión, desigualdades, prexuízos, etc.

Sen dúbida, hai que valorar as inquietudes por axudar a quen menos ten, pero é necesario que se canalicen a través de organizacións e profesionais do traballo social para garantir a dignidade das persoas.

Que medidas considerades para garantir que a intervención social realícese de maneira planificada, profesionalizada e centrada nos dereitos das persoas?

No ámbito público mediante os procesos selectivos axustados á lei, isto é sinxelo, pero temos que buscar que os procesos blinden as prazas e fagan anuncios coa correcta denominación dos postos de traballo. Temos que destacar que os concellos teñen que facer unha reflexión en profundidade da necesidade de aumento dos equipos, para poder dar unha atención ás persoas con unhas ratios moitísimo máis baixas.

No terceiro sector temos que esixir o cumplimento dos convenios vixentes, e que se realicen as contratacións en función das tarefas e funcións dos postos de traballo.

Tendo en conta o nomeado, para poder garantir unha intervención coordinada e planificada, ademáis dunha aposta por un sistema de dereitos sociais para a cidadanía, temos que ser moi solidarias entre compañeiras, potenciar o traballo colaborativo, promover reunións das axentes implicadas nos procesos sociais, dende o público e o privado, tender mans para que a finalidade última da nosa práctica profesional, sexa a efectiva adquisición de dereitos por parte das persoas participantes.

Fundamental garantir unha planificación de servizos e prestacións do sistema públicos de servizos sociais, no ámbito autonómico e local, no que poder identificar, ordenar e asegurar un sistema de calidade, eficiente, eficaz, contando cos recursos humanos e materiais axeitados para atender as necesidades sociais e acompañar ás persoas que requiren dunha intervención social, así como promover actividades para evitar e previr as situacións de risco.

Esta planificación precisa de procesos participativos e integrado por diferentes profesionais e organizacións de referencia no eido da prestación de servizos sociais.

É preciso un marco común que asegure un sistema público profesionalizado e centrado nas persoas.

Como poden as e os traballadores sociais enfrontar os estigmas e prexuízos asociados á profesión e promover unha comprensión máis profunda da nosa labor?

Traballando máis coas comunidades, poder levar a cabo intervención comunitaria nos seus barrios, abrir os centros de atención e tecer redes.

Temos que voltar a esa imaxe de referentes na sociedade, que se nos vexa como firmes defensoras dos intereses comúns. Mediante o establecemento de sinerxias nos barrios, saír fóra dos despachos para levar a voz do traballo social aos nosos veciños e veciñas.

Que nos vexan defender unidas a profesión, que mobilicemos á poboación entorno á defensa dos dereitos sociais.

E neste proceso nós apostamos por unha aposta por ir xuntas todas as compañeiras da profesión, tanto as que traballan no público como as que traballan na privado

Utilizar os espazos de expresión que temos ao noso dispor, como o COTSG tanto nas xornadas que organiza coma nas publicacións ou nas redes sociais…

Témonos que poñer cara entre todas e que esas caras sexan referentes nos nosos barrios, vilas e cidades. Somos unha profesión que tén que estar presente nas loitas sociais por definición, polo que temos que usar todos os medios para dar voz ás persoas que loitan polos seus dereitos.

Non é doado dar a coñecer a nosa profesión, pero temos que contribuír ao seu recoñecemento e difusión, o COTSG é un bo medio, as escolas universitarias, … hai alumnado que chega ao final do grao pensando que o traballo social comunitario é “pura filosofía”.

Sen dúbida, no día a día, a través do noso facer e saber, podemos contribuír a derrubar prexuízos da nosa profesión, e non podemos ser neutrais a situacións que vulneran os dereitos das persoas e da nosa profesión.

Estou convencida de como colectivo unido e diverso seremos capaces de fortalecer, defender e recuperar a nosa esencia e identidade profesional, de cambiar estruturas e dinámicas que derivan na deshumanización das persoas.

Algunha mensaxe para aqueles que subestiman a importancia e a complexidade do traballo social na sociedade actual?

Consideramos que a sociedade galega en xeral está moi sensibilizada coa importancia do Traballo Social e das/os traballadoras sociais nos procesos de cambio e adquisición de dereitos, pero tamén somos conscientes de que hai unha parte da nosa sociedade que non ten esa consideración e que poñen en risco a nosa profesión…a estas persoas só temos que dicirlles que somos unha profesión imprescindible na madurez dun sistema de protección social. Promovemos o cambio social dende un acompañamento respectuoso das persoas participantes, sen perder en ningún momento a obxectividade que nos aporta a formación regrada e a especialización que todas as compañeiras/os do social temos.

Que non imos dar un paso atrás na defensa da profesión nin dos dereitos das persoas, e que nesa defensa temos os avais claros do coñecemento científico do TRABALLO SOCIAL.

Quedan convidadas a visitarnos e compartir un tempo, a ignorancia é moi atrevida.

Queredes engadir algo máis?

Agradecer ao COTSG o incansable traballo en prol das profesionais do traballo social, e pola defensa da nosa profesión. Seguimos defendendo a nosa historia! Grazas compañeiras/os.

Agradecer este espazo e recoñecemento das profesionais do traballo social no ámbito do terceiro sector de acción social non lucrativo.

A nosa profesión, aínda que complexa, é apaixonante, creativa e fermosa.