D. Bóveda: “A traballadora social é a interlocutora entre os diferentes axentes sociais implicados na intervención cos estranxeiros”

Daniel Bóveda é o docente do curso  Intervención co colectivo de persoas migrantes, refuxiadas e diversidade cultural desde o Traballo Social. Responde para O Blog do COTSG a algunhas preguntas sobre esta formación. Se queres inscribirte no curso, podes facelo nesta ligazón.

  • Sobre que eixos vai vertebrar esta formación?

Con esta formación preténdese dotar ás profesionais do ámbito social de ferramentas e coñecemento dun fenómeno global e cambiante como é a intervención con persoas inmigrantes e refuxiadas.

Dunha forma integral e multidisciplinar daremos resposta a cuestións xurídicas e psicosociais. Esta formación abrangue desde os procesos administrativos de regularización, en qué consiste a protección internacional e os diferentes estatus de concesión do asilo e aquelas especificidades que recolle a lei de estranxeiría no caso das vítimas de trata, menores ou por razóns humanitarias, entre outras.

Ademais, facilitaremos aquelas pautas e boas prácticas na intervención social con persoas inmigrantes, poñendo o enfoque na importancia da interculturalidade como eixo central da intervención,  nos procesos emocionais e psicosociais que implican os proxectos migratorios e da heteroxeneidade do perfil do colectivo inmigrante (LGTBI, Menores non acompañados, vítimas da trata…)

  • Cal é o papel que xoga a traballadora social na intervención co colectivo de persoas migrantes?

A traballadora social pode ser a primeira acollida das persoas inmigrantes no país, debe ser quen de facer un diagnóstico das necesidades de cara a unha intervención interdisciplinar como pode ser a derivación a recursos de emerxencias, orientación xurídica ou unha intervención psicolóxica. Isto permitirá o apoio e acompañamento dos/as inmigrantes no seu proceso de integración.

Cabe engadir que serve como interlocutora entre os diferentes axentes sociais implicados na intervención cos estranxeiros e facilita a coordinación entre aquelas organizacións especializadas e organismos de inmigración. 

  • Cales son as principais necesidades destes colectivos?

As principais necesidades son as que pode ter unha persoa que non sexa inmigrante, como ó acceso a vivenda, a un recurso de emerxencia ou prestacións sociais  ou carecer de traballo. Porén, si que isto pódese ver agravado pola situación administrativa, ou descoñecemento do idioma.

Polo tanto, cabe sinalar da importancia dos itinerarios individualizados que permitan o apoio daquelas necesidades da persoa. 

  • É importante que este tipo de profesionais desenvolvan unha tarefa pedagóxica contra os prexuízos sociais que aparecen contra estes colectivos?

Máis que nunca é clave esta tarefa pedagóxica contra o discurso xenofóbico que alimentan certas persoas, ou forzas políticas que impiden unha convivencia positiva na sociedade do noso país.

As cifras obxectivas son claras fronte ós bulos de que os inmigrantes abusan da sanidade, das axudas sociais ou non se integran. Para iso é clave a responsabilidade individual de loitar contra os prexuízos e a xenofobia. Neste curso teremos a oportunidade de tratar as claves para o deseño e desenvolvemento de accións de sensibilización dirixidas á cidadanía e o fomento de creación de espazos multiculturais que permitan superar modelos segregadores e estigmatizantes do colectivo inmigrante.

  • É  unha formación importante aínda que a traballadora social non se estea a dedicar profesionalmente a iso?

Como sinalamos esta formación ten un carácter multidisciplinar que permitirá á profesional ter unha visión global da intervención social con persoas inmigrantes. Nos últimos anos anos vemos un incremento de necesidades específicas no eido de maiores, discapacidade ou centro de menores, que piden a nosa intermediación coas persoas estranxeiras.

Unha das claves para avanzar nesta cuestión é a formación dos/as profesionais de diferentes axentes como pode ser o sanitario, avogacía, corpos e forzas de seguridade… Sen dúbida, das traballadoras sociais que como destacamos xoga un rol principal de cara á integración social das persoas inmigrantes.

En definitiva, será unha formación que achegará a nosa experiencia dunha forma dinámica e onde haberá espazo a un diálogo aberto para poñer en común “receitas” e visións diferentes que poden ser complementarias no ámbito de intervención.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *