O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

“Unha intervención a tempo desde o Traballo Social pode evitar a psiquiatrización”

Con motivo da conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, entrevistamos á compañeira de colexiación Gemma González Pendás. Ela é traballadora social da Asociación pro enfermos mentaises da Coruña (APEM). Ademais, tamén é a secretaria da Comisión de rehabilitación de saúde mental da Área sanitaria Coruña e Cee.

  • Cando falamos de saúde cinguímonos moito á saúde física. Está invisibilizada a saúde mental?

Si, fan falta campañas sobre prevención e concienciación e seguir loitando contra o estigma. Agora, o que está clarísimo é unha cuestión que os profesionais que levamos tempo nisto falamos millóns de veces: hai que mudar o modelo, mudar o xeito de traballar, falar de saúde mental doutro xeito. E esa conversa, sempre estaba aí. E, agora, de repente, aparece a covid e o tema da saúde mental sae do armario dun xeito máis visual, máis humano e máis como algo que afecta ao común das persoas.

  • A que te refires cando dis que é preciso mudar o modelo?

Eu sempre digo que o último chanzo ten que ser chegar á ou ao psiquiatra. A saúde mental hai que comezar a traballada desde que somos cativos, hai que educar máis emocionalmente, que somos uns analfabetos emocionais e hai que traballar a prevención desde a familia e desde a escola primaria. As primeiras persoas que reparan na mente doutra son as súas amizades, os seus profesores…é aí onde hai que empezar a traballar. Cando unha persoa chega a un servizo de saúde mental para porse en mans dun psiquiatra é porque xa houbo un proceso moi longo! Non acontece dun día a outro. E iso, cunha intervención a tempo, pódese evitar. Non hai por que psiquiatrizar todos os temas da mente e das emocións. E aí é onde entra o Traballo Social que pode facer unha abordaxe de toda a problemática que afecta á persoa, que é o que provoca que a persoa remate psiquiatrizada. A prevención reduciría moito a afluencia a urxencias, hai multitude  intervención de problemas de saúde mental que non terían que chegar aí se houbese profesionais da psicoloxía e traballadores/as sociais nos centros de saúde. Agora mesmo moitas compañeiras levan tres centros de saúde e só poden levar, practicamente, xestións de dependencia e non centrarse nun traballo social clínico, que é o importante.

  • Queres dicir que hai unha sobremedicación da saúde mental?

Si, haina. Hai persoas que necesitan medicación? Evidentemente pero eu creo que con terapia e cunha rede de apoio non é precisa en moitos casos nos que se está a prescribir. É algo que hai que avaliar caso a caso, persoa a persoa. Por iso che dicía que debe haber un cambio na abordaxe, as persoas non somos números nin ecuacións perfectas, cada quen ten a súa personalidade, as súas experiencias vivenciais e unha contorna determinada e todo iso non se pode perder e desde o Traballo Social podemos traballar en recuperar as capacidades que as persoas perdesen pola circunstancia que sexa.

  • Como se pode introducir esa educación nas emocións desde a escola e esa atención temperá á saúde mental?

É necesario reintroducir a figura da traballadora social na escola. Eu falo con educadores, con pais e nais e no colexio hai moito medo a todo isto e, en moitos centros, non hai persoal nin ferramentas para abordalo. As e os traballadores sociais somos as profesionais do ámbito do social, do sociosanitario, neste caso, que temos a visión máis ampla, estamos como desde unha cima mirando todo o horizonte e temos a capacidade de integrar todas as partes sen ver só unha das caras do problema, por iso é fundamental que estemos aí, porque podemos ver por que un ou unha alumna chega a unha situación complicada, que acontece na súa casa, que pasa na súa familia, que podemos facer para que mellore.

O enfoque sistémico é fundamental no traballo social. Os individuos non somos individuos que non dependamos de nada, senón dun sistema no que todas as partes inflúen entón, se non intervimos no todo, non poderemos darlle ferramentas de mellora á persoa e a ou o traballador é quen mellor pode coordinar todas as partes dese sistema.

A colexiada Gemma González
  • Que pode facer o Traballo Social para reducir o estigma que existe arredor da saúde mental?

Desde os servizos sociais e comunitarios hai moito traballo que se pode facer, moitísimo: prevención, campañas, acordos coas asociacións, puntos de información nos centros xuvenís… achegar á cidadanía isto, normalizar a problemática da saúde mental. Tamén é un terreo moi específico e que dá un pouco de respecto pero para iso estamos as compañeiras especializadas nisto que estamos en entidades. Estamos dispostas a axudar, a acompañar ou a orientar na intervención con casos de saúde mental que teñan.