Teresa Elvira, @vigosenbenestar.
Vigo, unha ratio de 17.000 persoas para unha traballadora social.
Dende hai un tempo a situación nos servizos sociais comunitarios complicase pola sobrecarga de traballo e as condicións nas que este se realiza. Na cidade mais poboada de Galicia, Vigo, a situación chegou ao punto de que son as propias traballadoras sociais municipais as que lideran accións e protestas públicas polas condicións nas que se atopan os servizos sociais municipais. Para coñecer mais de preto o que sucede falamos con unha das súas promotoras, a compañeira Teresa Elvira.
- Ola Teresa, a primeira pregunta é obrigada: Que pasa nos servizos sociais de Vigo para que se convoquen protestas polo seu funcionamento?
En Vigo, os servizos sociais levan anos arrastrando a falta de persoal. Xa en 2014, por este motivo, convocáronse mobilizacións coas que se conseguiron a creación de 8 prazas de traballadoras sociais.
Pero por desgracia, 10 anos despois a situación só empeorou.
A poboación e as demandas da cidadanía medraron xunto co aumento das nosas competencias, debido a creación de novos recursos e os cambios lexislativos, sobre todo tras a pandemia .
Estes feitos non tiveron resposta por parte da administración local, nin houbo ningún tipo de inversión no departamento para que a situación mellore.
- Os servizos sociais comunitarios en xeral están ao limite na maior parte dos concellos, que cuestións pensades que agravan a situación en Vigo?
A principal é o incumprimento do ratío que marca o decreto 99/2012, onde se estable un/unha técnica de referencia cada 8.000 habitantes e en Vigo é de unha técnica cada 17.000 habitantes.
Xunto co escaso persoal, cabe destacar que a distribución existente das UTS non está actualizada coa situación demográfica da cidade.
Hai zonas cunha densidade de poboación maior que outras, o que crea grandes desigualdades entre a cidadanía.
Por exemplo, hai barrios que teñen demora 4 meses para unha primeira cita, mentres outros teñen oco na vindeira semana.
Por non mencionar que nos CMSS de Vigo, as equipas de traballo deberían ser interdisciplinares e estar formados por UNIS non por UTS.
- Un prazo de tantos meses para conseguir unha cita, non é en si mesmo o fracaso do servizo?
Dende logo que sí. As técnicas témolo claro, non se presta un servizo de calidade.
A pesar do esforzo laboral das persoas que formamos o departamento, en Vigo non se realiza unha intervención profesional digna.
As situacións ordinarias rematan sendo urxentes e as urxentes convértense en emerxencias. Na maioría dos casos non podemos traballar a prevención nin a planificación e incluso a coordinación resulta difícil debido a sobrecarga de traballo que existe na cidade.
- Quen esta convocando estas concentracións e con que periodicidade?
Hai un ano e medio e ante a falta de apoio do comité de empresa, varias compañeiras decidimos introducirnos no movemento sindical.
Neste momento as mobilizacións son convocados pola CUT e contamos tamén co apoio da CIG.
Comezamos en abril realizando concentracións semanais nos distintos barrios de Vigo, e agora realizámolas de xeito mensual, facendo un pequeno parón en xullo e agosto.
Pero neste mes xa estamos traballando en diferentes accións para seguir dando visibilidade á nosa situación, todas as convocatorias son publicadas a través das redes sociais e principalmente na conta de instagram @vigosenbenestar.
- Que medidas concretas pensades que son inaprazables?
De xeito inmediato, a cobertura de baixas por maternidade así como baixas de longa duración e das dúas persoas con liberación sindical. Con esta dotación mínima de traballadoras sociais as ausencias supoñen que algo queda sen atender, como por exemplo citas programadas que deben anularse.
E por suposto, a cobertura das vacantes existentes no departamento de persoal técnico e administrativo.
Somos conscientes de que a creación de novos postos de traballo leva determinado tempo e a nivel administrativo e é máis complexo pero se isto non chega na oferta de emprego de este ano será imposible reverter a situación actual.
- Dende cando se da esta situación?
Como xa dixen, en 2014 fixéronse mobilizacións polo mesmo motivo.
Pero na actualidade, levamos cunha sobrecarga desmesurada de traballo e demora excesiva na atención e tramitacións debido a falla de persoal dende hai ano e medio.
- As noticias en novembro recollían que Vigo é a cidade que menor gasto social de entre as grandes de España. Como afecta isto ao día a dia dos servizos sociais e ao traballo da técnicas?
Isto refléxase directamente nunha diminución da calidade de vida da cidadanía.
A inversión non pode ser só en axudas económicas, debe ser tamén en persoal. Existen axudan de emerxencia municipais, que tratan de paliar situacións sobrevidas de ausencia de recursos económicos, xa sexa para pago de aluguer, subministros ou alimentación, pero en moitas ocasións estas axudas, debida a sobrecarga de traballo tardan en ser resoltas un par de meses o que implica un agravamento da situación-problema.
As traballadoras sociais, que non somos burócratas nin meras tramitadoras, non somoas capaces de cumprir os prazos estipulados por lei a hora de emitir informes sociais, nin para a tramitación de prestacións económicas, valoracións de dependencia, informes do bono alugueiro, e un longo etcétera. E por suposto que tampouco dispoñemos do tempo necesario para facer unha intervención axeitada, coa periodicidade que se precisa, nin para dedicarlle o tempo necesario a situacións tan vulnerables, como desafiuzamentos, problemas familiares, menores en situación de risco….
A maiores, a demora para poder ter unha cita presencial, ten como efecto que nos centros aumenten as situacións tensas cos usuarios, que as veces se transforman en vexacións, faltas de respecto, ameazas…o que provoca nas traballadoras estrés, ansiedade e unha gran carga mental sumada á responsabilidade que o propio posto de traballo xera en nos.
- Outra cuestión que dende un punto de vista da planificación chama a atención é que o Servizo de Atención e Educación Familiar, esta externalizado e prestado por unha empresa privada.
Si así é. En Vigo este servizo público, como moitos outros (CEDRO, SAF, CIIES, teleasistencia) está licitado a través dunha empresa privada e así leva sendo desde os inicios do programa na década dos 90. Isto supón un agravio comparativo de cara as técnicas que traballan nel, que teñen un alto grado de responsabilidade no seu traballo e que non se ve remunerado cunhas condicións laborais axeitadas.
- Que próximas accións tendes planificadas para denunciar a situación dos servizos sociais en Vigo?
Co inicio do curso escolar, apoiaremos as familias e ANPAS que ven un ano máis, como comeza o curso académico e as bolsas municipais de comedor están sen resolver, co que iso implica para as familias máis vulnerables.
Continuaremos realizando mobilizacións, concentracións e actos de reivindicación públicos ata ca situación mellore drasticamente, tanto de xeito presencial como a través da prensa e redes. Incluso administrativamente, como xa fixemos en xuño, coa presentación de máis de 2000 sinaturas da cidadanía, apoiando a nosa causa.
.