“Sexualidade integral e prevención comunitaria: outra forma de facer Traballo Social”. Entrevista a Sabela Salgueiro
Falamos con Sabela, doutora en traballo social, que desenvolve o seu labor no eido da educación e prevención comunitaria a través da sexualidade integral por conta propia. O seu traballo céntrase especialmente na mocidade, nas familias, ANPAs, persoas maiores e comunidade, apostando por unha educación transformadora, feminista e colectiva, na que o Traballo Social ocupa un lugar clave máis alá dos espazos tradicionais. Ademais da intervención directa, Sabela combina a intervención social coa investigación e a docencia, abrindo novos camiños para a profesión.
- Traballas a sexualidade integral dende o Traballo Social comunitario. Como chegaches a este ámbito?
Cheguei á Educación Sexual Integral (ESI) desde o propio Traballo Social comunitario porque son feminista e porque creo firmemente que, para rachar coa desigualdade, é imprescindible empregar como ferramenta a ESI . Ao longo da miña formación fun vendo que moitas das situacións de malestar, desigualdade ou violencia coas que traballamos teñen que ver cos estereotipos de xénero e coa forma na que aprendemos a relacionarnos. Apostar pola Educación Sexual Integral é para min unha maneira de traballar desde a prevención.
- Moitas veces asociamos o TS a espazos máis institucionais. Que che aporta traballar dende a prevención, a educación, a arte e o comunitario
Traballar desde a prevención, a educación, a arte e o comunitario permíteme actuar antes de que o “dano” estea feito, intervindo nos imaxinarios, nas relacións cotiás e nas dinámicas que perpetúan as desigualdades. A educación e a prevención dan ferramentas para comprender, nomear e cuestionar aquilo que se vive; a arte e o humor abren canles de comunicación e o enfoque comunitario reforza a nosa cultura, as redes e a corresponsabilidade. Para min estes espazos complementan o traballo institucional e fan posible un Traballo Social con maior capacidade de transformación, porque non só aborda as consecuencias, senón tamén as causas estruturais das desigualdades e violencias.
“A Educación Sexual Integral é unha ferramenta clave para a prevención das desigualdades e das violencias.”
- Que necesidades detectas con máis frecuencia nos proxectos que levas a cabo?
Nos distintos colectivos aparecen preocupacións moi recorrentes, especialmente a falta de ferramentas para falar con naturalidade do corpo, das emocións, dos límites, do consentimento e das relacións ademais dunha grandísima preocupación polos riscos das tecnoloxías e das redes sociais. Detecto moito o peso dos estereotipos de xénero e a normalización e perpetuación do sexismo.
Tamén hai unha necesidade clara de acompañamento: persoas adultas e comunidades educativas con vontade de facer as cousas doutra maneira, pero con inseguridade e medo e mocidade exposta a moita presión social. O que máis se demanda son espazos seguros e continuados no tempo, xa que un só obradoiro é unha tirita para unha ferida que precisa ser sanada en profundidade.
- No teu discurso está moi presente a idea de que o cambio non pode ser individual, senón colectivo. Como se traduce isto no teu traballo diario?
A idea de que o cambio é colectivo tradúcese no meu traballo en intervir a distintos niveis ao mesmo tempo. Cando traballo coa mocidade, acompáñoo de propostas para familias e comunidade educativa, porque os cambios individuais non se sosteñen se o contexto non cambia. Nos procesos coas familias traballo na corresponsabilidade, a través do teatro divulgativo, levamos a reflexión ao espazo comunitario e no meu programa online REVOLTA créanse comunidades de profesionais que integran a ESI nas súas prácticas. Todas as miñas propostas xiran ao redor da creación dunha comunidade e deste xeito, o cambio convértese nun proceso compartido e sostible no tempo.
“O comunitario, o creativo e o preventivo tamén son Intervención Social.”
- Unha parte importante da túa investigación céntrase nos piropos como forma de acoso sexual. Por que che parece importante abordar esta realidade dende o TS?
Paréceme fundamental abordar os piropos desde o Traballo Social porque non son feitos illados nin anecdóticos, senón prácticas cotiás que forman parte dun sistema de desigualdade, de opresión e de control sobre os corpos das mulleres. Os piropos funcionan como unha forma de acoso sexual normalizado que condiciona a maneira na que as mulleres habitamos o espazo público e privado e nos relacionamos co noso corpo. Desde o Traballo Social temos a responsabilidade de loitar contra todas as desigualdades que teñen un impacto no benestar, na autonomía e na liberdade das persoas.
- Tamén colaboras en espazos de docencia na Universidade de Vigo. Que cres que pode aportar a universidade á práctica profesional, e viceversa?
Para min a investigación e a universidade axudan a entender que o que vivimos no día a día non son casos illados, senón realidades atravesadas por estruturas sociais, de xénero e de poder. A práctica profesional é a que lle dá sentido á investigación, pois é aí onde se comproba que serve, que falla e que cómpre revisar. Sen ese diálogo constante, a universidade pode desconectarse da realidade social, e a práctica profesional queda sen o respaldo da investigación, que achega rigor, metodoloxía e ferramentas críticas para intervir con maior calidade.
- Falaches en varias ocasións de levar o TS a lugares máis vinculados coa arte, a educación transformadora e a prevención das violencias. Que potencial ves ahí para a profesión?
Na miña experiencia e opinión, levar o Traballo Social a estes ámbitos amplía o seu campo de acción, faino máis accesible e máis próximo ás persoas, e reforza o seu papel como profesión chave na promoción de dereitos, na igualdade e no benestar comunitario. Ademais, abre novas formas de intervención e de exercicio profesional, máis creativas, sostibles e aliñadas cos retos sociais actuais.
“O Traballo Social non só aborda as consecuencias, senón tamén as causas estruturais.”
- Que mensaxe lle darías ás profesionais do TS que queren explorar camiños máis comunitarios, creativos ou preventivos, pero non saben por onde comezar?
CDiríalles que confíen na súa mirada profesional e no seu criterio, e que non pensen estes camiños como algo alleo ao Traballo Social, senón como unha forma de amplialo. O comunitario, o creativo e o preventivo tamén son intervención social, aínda que non sempre veñan en formatos tradicionais.
Animaríalles a formarse, a buscar referentes e a crear rede con outras profesionais, porque estes camiños non se percorren en solitario. E, sobre todo, a non renunciar á ética, á conciencia crítica nin ao seu desexo de transformar, porque é aí onde o Traballo Social segue tendo sentido e futuro.
Agradecémoslle a Sabela a súa dispoñibilidade e o seu compromiso cun Traballo Social feminista, comunitario e transformador. O seu labor lévanos a pensar a profesión dende a prevención, a educación e o coidado colectivo.
A continuación podedes atopar os seus contactos e material de interese para seguir enredando con esta profesional.
-Manual: “Xogando limpo no amor“
-Publicación Piropos na Revista Gender on Digital: “Artigo”
–Instagram
–Linkedin