O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Uncategorized

O Traballo Social en Saúde Mental e a prevención do suicidio.

Beatriz Gomez é Traballadora Social no Complexo Hospitalario de Ourense, nunha praza adscrita ao servizo de saúde mental. Co gallo da celebración o día 10 de outubro do día mundial da saúde mental, falamos sobre o seu traballo.


Ola Beatriz, cóntannos que servizos atendes dende o teu posto de traballo?


Teño asignados varios dispositivos ambulatorios, destinados tanto á poboación infanto-xuvenil como adulta. En Infanto-Xuvenil, encárgome da Unidade de TEA -unidade de referencia para toda Galicia en diagnóstico complexo de Trastorno do Espectro Autista-, e da Unidade Intensiva de Saúde Mental Infanto-Xuvenil, dispositivo no que se atende maioritariamente a adolescentes que padecen Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA) ou presentan condutas ou tentativas de suicidio. De adultos, encárgome do Hospital de Día de psiquiatría, do Equipo de Continuidade de Coidados e de HADOP (Hospitalización a Domicilio de Psiquiatría), atendendo a pacientes diagnosticados con Trastorno Mental Grave (TMG).
Atendo á poboación adscrita a estes dispositivos, especialmente a aquela que presenta risco ou problemática social xa instaurada.

Que tipo de intervencións realizas?


Realizo tanto intervención reactiva (a demanda) como proactiva (protocolizada), empregando a metodoloxía do Traballo Social (estudo sociofamiliar, diagnóstico social, plan de intervención social do caso, seguemento e avaliación). Entre as intervencións que realizo destacan as valoracións familiares, a información, orientación e asesoramento a pacientes e familiares sobre diversidade de recursos (educativos, profesionais, económicos, comunitarios, etc), a mobilización de recursos e prestacións (na consulta de TEA nomeadamente, trámites de valoración de Dependencia e Discapacidade), a coordinación cos distintos servizos e niveis asistenciais, a información ás diferentes profesionais dos equipos multidisciplinares nos que traballo (psiquiatría, psicoloxía, enfermería, etc) dos recursos sociais existentes, a coordinación con servizos sociais comunitarios e especializados, centros educativos, centros de saúde ou con órganos xudiciais, de ser necesario.
Tamén realizo visitas domiciliarias, acompañamento a pacientes que o precisen para diversidade de xestións (administrativas, formativo-laborais, seguimento e revisión de prestacións), dinamización de grupos, participación nas diversas actividades que se organizan desde os dispositivos, etc.

O Traballo Social defende a perspectiva comunitaria da saúde, que enfoque comunitario lle das ao teu traballo?


Penso que non perder nunca de vista a perspectiva comunitaria é esencial neste traballo, e tento ter presente sempre ese enfoque: Althusser (1965) criticaba que as técnicas psicolóxicas non eran senón técnicas de condicionamento, de adaptación, que basicamente o que tentan é axudar na negociación entre o individuo e a sociedade, atribuíndo o sufrimento a unha incapacidade individual, a unha eiva, a algún dano estrutural que fai ao individuo mais feble ante as esixencias do mundo, invisibilizando a natureza colectiva, grupal, de moitos deses malestares e sufrimentos que adoitan agora aparecer como síntomas “mentais”. Penso que levabamos moito tempo centrándonos no individuo, nomeadamente en cuestións sanitarias e sociais, e a clave está no grupo, no comunitario, porque se na actualidade moito do sufrimento é social, as respostas non poden seguir sendo individuais, reatribuíndo a orixe do malestar á persoa.
Desde o Traballo Social sanitario, ou tamén desde a Psiquiatría, a Enfermería, a Psicoloxía… atender a un paciente ou a unha familia desde detrás dunha mesa cunha bata branca pode ser suficiente (e incluso esencial, ollo) para esa persoa ou esa familia, pero, coido que poderiamos albiscar facer algo mais polo conxunto da sociedade en xeral, esforzándonos por deconstruír os modelos hexemónicos establecidos, por amosarse insuficientes, e comezar a mover os marcos, tamén ideolóxicos, traballando desde o poder dos grupos, desde a implicación de toda a comunidade.
Por suposto que están as enfermidades que requiren respostas asistenciais, pero tamén entendo como esencial e complementario a ela traballar os vencellos, as redes, conectar á vida, como resaltaba o lema do día da prevención do suicidio este ano, traballar desde a intervención comunitaria grupal, xerando espazos de reflexión colectiva, de relación, de conexión, promovendo a implicación de toda a comunidade (familias, amizades, entidades, etc).

Este ano o lema escollido para este día é “Traballo e saúde mental, un vínculo fundamental”, querendo chamar a atención sobre a saúde mental na vida laboral. Vedes un incremento no deterioro da saúde mental polas condicións de traballo?


O traballo pode fomentar a boa saúde ao proporcionar un medio de vida, promover a autoestima a través do sentimento de logro, de confianza, ser unha base para establecer rutinas estruturadas e unha oportunidade para fornecer relacións positivas e a inclusión na comunidade, pero non todo é positivo: o estrés laboral, a falta de persoal, as cargas ou ritmos de traballo excesivos, horarios prolongados, condicións de traballo deficientes, situacións de discriminación, desigualdade ou acoso, a inseguridade laboral ou a conflitividade para a conciliación da vida familiar e laboral son cuestións que representan un risco para a saúde mental e fronte as que compre tomar medidas.
Para a poboación en xeral, pero mais se cabe para persoas con problemas de saúde mental e Trastorno Mental Grave (TMG) acceder a un emprego é un piar fundamental para a súa inclusión social, pero a inserción laboral deste colectivo, sendo posible, é difícil, pois enfróntanse a prexuízos e estereotipos que dificultan a súa integración sociolaboral, polo que se fai necesario tomar máis medidas a este respecto: faltan recursos flexibles, estratexias individualizadas, promover o emprego protexido e con apoio, etc. Queda moito por facer.

O 10 de setembro foi o día internacional da prevención do suicidio, co lema “Cambiando la narrativa”, que destacarías deste grave problema de saúde pública dende a abordaxe da saúde mental?


Cambiar a narrativa, transformar a forma na que percibimos os suicidios, pasar dunha cultura do silencio e a falta de comprensión a unha de escoita, empatía e apoio é imprescindible para derribar barreiras, desmitificar, entender e integrar.
Cambiar esa narrativa quere dicir comprender que a ideación suicida dunha persoa non é querer chamar a atención, unha moda ou querer morrer, senón que amosa un sufrimento, unha angustia e unha dor inmensa e que, non por falar sobre iso aumentarán os suicidios e a súa incidencia.
Cambiar esa narrativa implica escoitar sen xulgar, ofrecer apoio e acompañar ás persoas que o precisen cara a procura de axuda, tentando fomentar os factores de protección, tentando conectalas á vida.
Fronte á soidade non desexada e ao illamento, ambos factores de risco comúns que poden derivar en condutas suicidas, independentemente de que se dean en adolescentes, persoas adultas ou maiores, debemos reflexionar sobre que facer para manternos conectados/as, posto que a conexión emocional xa sexa a outras persoas, a animais ou a proxectos que teñen sentido para cada un/ha de nós, é un dos elementos mais importantes que temos e un dos que mais nos conectan á vida. No noso traballo, cada vez que intervimos con alguén, deberiamos ter isto moi presente.

O Complexo Hospitalario de Ourense pioneiro no programa de Intervención Intensiva (PII) en condutas suicidas para adultos. Hai traballadoras sociais nestas unidades en Galicia?


O Programa de Intervención Intensiva (PII) en Conduta Suicida está integrado por psiquiatría, psicoloxía e enfermería. Atende á poboación adulta (maiores de 16 anos). Dos casos que requiran intervención por parte de Traballo Social, encargase a TS da Unidade de Saúde Mental, situada no mesmo edificio. Este Programa, que conseguiu evitar hospitalizacións e reducir as recaídas, conta cunha estrutura moi sistematizada de intervención: dura seis meses, con consultas semanais ou quincenais.

Ti participaches como apoio técnico na elaboración do Protocolo de Intervención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil. Que destacarías desta experiencia e do documento?


Desa experiencia, gustaríame aproveitar para agradecerlle ao psiquiatra Alexandre García Caballero o contar comigo para a realización dese protocolo, pois considero que foi unha experiencia de aprendizaxe inmensa. Debido á situación derivada da pandemia por COVID-19 pareceu necesario actualizar o Protocolo de prevención, detección e intervención do risco suicida no ámbito educativo do 2018, incluíndo novas estratexias que teñen como obxectivo abordar os malestares e o sufrimento psicolóxico e reducir o risco de suicidio da nosa poboación adolescente nos vindeiros anos.
A problemática do suicidio na infancia e mocidade debe abordarse de maneira multimodal, desde o sistema sanitario, educativo, política social,… en definitiva, coa sociedade enteira, e nesa liña se traballou no Protocolo. A filosofía do protocolo podería resumirse en que non podemos evitar as ondas do mar, as situacións difíciles vanse a dar, polo que debemos aprender (e ensinar) a surfealas.
Con ese obxectivo, destacaría dúas cuestións do Protocolo: creouse unha vía rápida de derivación a saúde mental pola que, unha vez ratificada a sospeita, o/a menor é atendido/a nos servizos especializados nun máximo de 7 días. Tamén se recolle no protocolo a aplicación do Programa YAM (Youth Aware of Mental Health – Mocidade consciente da saúde mental), do Instituto Karolinska, para previr o suicidio na mocidade.

Unha das medidas novidosas deste Protocolo é o Programa YAM . Ti mesma eres instrutora deste programa, como nos podías explicar en que consiste?


O YAM é un programa escolar de prevención universal de suicidio, dirixido á mocidade de entre 13 e 17 anos no que aprende e debate sobre saúde mental. YAM foi avaliado nun ensaio clínico controlado aleatorizado en varios países da Unión Europea (incluída España) no que participaron mais de 11.000 mozos/as. Nesa investigación avaliáronse tres programas distintos de promoción da saúde mental e prevención de suicidio nos centros educativos. Os resultados amosaron que a intervención YAM era eficaz para reducir os novos casos de intentos de suicidio e a ideación suicida grave aproximadamente nun 50%, reducindo os novos casos de depresión aproximadamente nun 30%. Observouse tamén que YAM aumenta o apoio entre iguais y fai medrar a solidariedade no grupo.
O YAM convida á mocidade a reflexionar sobre as súas emocións e a considerar, por medio de debates, traballo en grupos e xogos de rol, diferentes enfoques cando se enfrontan a retos da vida ou a problemas de saúde mental. O Programa fai fincapé no apoio aos compañeiros/as que se están sentindo mal.
A participación en YAM ten beneficios a longo prazo, pois despois do YAM, a mocidade soe dicir que se sinte mais segura á hora de dar apoio a unha amizade que o precisa e os/as participantes sinalan que as estratexias que aprenden no YAM son usadas mais tarde en situacións difíciles reais, pero tal vez, o mais importante é que estes/as mozos/as recoñecen a necesidade de buscar apoio cando se enfrontan a situacións complicadas da vida.
Durante o Programa reciben información sobre como pedir axuda en saúde mental e dánselles a coñecer recurso locais de asociacións ou organizacións de xuventude que funcionan nas súas comunidades.

Dende a túa óptica, sobre a prevención do suicidio, que aspecto reivindicarías como prioritario?


Como comentei ao longo da entrevista, considero esencial a intervención comunitaria, o poder instituinte dos grupos, para mudar realidades complexas como pode ser a do suicidio. Considero esencial falar sobre isto, derribar todos os tabús e estigmas que perduran no imaxinario social, facer prevención desde a infancia á vellez, implicar a toda a sociedade, xerar espazos de reflexión colectiva, aportar nos equipos onde traballemos esta perspectiva sociocomunitaria…