O Traballo Social e as persoas xordas
Paula Ignacio Suárez: As traballadoras sociais de FAXPG garanten que a persoa xorda sexa partícipe en todo momento do seu proceso de cambio,
O día 23 deste mes celebrase o día internacional da lingua de signos, e o día 28 o Día Internacional das Persoas Xordas, que este ano se celebrou en Ourense a nivel galego. Parece clara a oportunidade que nos brinda este mes de setembro para achegarnos ao Traballo Social . Para isto, contamos con Paula Ignacio Suárez, traballadora social e coordinadora do servizo de atención a persoas xordasl na Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.
- Ola, Paula para comezar a situarnos, cóntanos que papel teñen os e as traballadoras sociais da FAXPG nos procesos de inclusión social das persoas xordas?
As/os Traballadoras sociais dos nosos servizos teñen un papel esencial coma parte do proceso de inclusión social, sendo a vía de acceso das persoas xordas ao resto de servizos especializados da entidade, previa valoración das súas necesidades. Polo tanto, as nosas traballadoras sociais son, en certo modo, a porta de entrada a inclusión e normalización das persoas xordas na sociedade, sendo totalmente accesibles en lingua de signos.
O servicio de Intervención Social da FAXPG é o único servizo especializado de atención a persoas xordas de carácter autonómico que, a diferencia dos servizos sociais comunitarios dirixidos á poboación xeral, fundamenta a súa intervención no coñecemento das características e necesidades específicas das persoas xordas e na eliminación das causas que as motivan, sempre coa coordinación indispensable e necesaria cos servicios sociais públicos e privados, outorgando á súa intervención un carácter integral e formando parte da construción do sistema galego de benestar social.
- Que necesidades persoais e sociais teñen as persoas xordas na actualidade?
O colectivo de persoas xordas conta con moitas dificultades en canto o acceso á información en xeral debido ás barreiras comunicativas existentes. As barreiras comunicativas fan que as persoas xordas non se atopen en igualdade de condicións no acceso á información nos diferentes ámbitos da vida. Existen moitas dificultades para participar nas actividades a nivel social ou participar nas actividades culturais ou de ocio posto que non son accesibles en lingua de signos. Por outra banda, tamén existen moitas dificultades en canto ao acceso ás diferentes administracións públicas e servizos, en moitos casos.
Dende os nosos servizos facemos campañas de información e sensibilización para concienciar á sociedade na importancia da lingua de signos coma pilar fundamental para garantir que exista igualdade de oportunidades en todos os ámbitos da sociedade.
- Que servizos ofrecedes dende a o servizo de atención ás persoas xordas da federación ?
O noso servizo está integrado por unha equipa multidisciplinar formado por diferentes perfís profesionais, entre os que se atopan: Traballadoras sociais, Psicólogas, Terapeutas ocupacionais e Mediadoras comunicativas, e ten como finalidade favorecer o desenrolo e a autonomía persoal das persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva, especialmente nos ámbitos socio-familiar e comunitario.
Dende o noso servizo atendemos situacións individuais e familiares mediante o análises das demandas presentadas, diagnóstico, valoración e intervención social, co obxectivo de favorecer a autonomía persoal e a integración sociofamiliar e comunitaria da persoa xorda, eliminando ou evitando situacións de vulnerabilidade social. Tamén xestionamos recursos sociais, axustados ás características e necesidades específicas de cada persoa e establecemos alianzas, fomentando o coñecemento do noso servizo no ámbito de actuación comunitario coma recurso de referencia para usuarios/as, profesionais e entidades de ámbitos afines a servizos sociais e atención a persoas con discapacidade.
Dentro do noso servizo de atención a persoas xordas (SAPS), contamos con profesionais como son as Mediadoras comunicativas, persoas xordas que actúan para dotar de estratexias que melloren a capacidade comunicativa co entorno máis próximo dos beneficiarios/as a través da Lingua de signos e sistemas alternativos de comunicación. O obxectivo último é o de evitar o illamento comunicativo da persoa xorda posto que realizan adaptacións comunicativas nas contornas nas que residen os usuarios/as, no seu domicilio ou en centros ou contornas residenciais. Destaca a labor das nosas mediadoras neste ámbito, posto que as persoas xordas maiores dentro do seu medio residenciais atópanse nun illamento comunicativo moi importante ao non contar os profesionais das mesmas co coñecemento da Lingua de signos. Neses casos as nosas mediadoras acoden a estes centros para facer adaptacións do entorno, formando aos profesionais que actúan coa persoa xorda de xeito directo e adaptando o entorno mediante materiais que faciliten a comprensión e a comunicación.
Por outra banda, destacar que contamos co servizo de envellecemento activo para persoas xordas maiores de 60 anos. Ofrecendo atencións individuais e talleres grupais adaptados ás necesidades das persoas xordas maiores.
Por último, destacar que contamos cun servizo de atención psicolóxica accesible en lingua de signos que actúa sobre a saúde mental dos nosos usuarios e usuarias.
- Os nenos e nenas xordos están integrados no sistema educativo, pero este sistema atende ás problemáticas sociais e auditivas dos e das menores? Seguides vos traballando con elas e eles?
Dende o noso servizo traballamos de xeito integral coa persoa xorda, dende o seu nacemento e ata a idade máis adulta. Por ese motivo, temos varias áreas especializadas na nosa entidade. Na FAXPG contamos coa área de Educación, que atende a menores xordos sempre co obxectivo de mellorar a atención educativa aos nenos e nenas xordos e a atencións ás súas familias, precisamente polas carencias existentes no sistema educativo actual para a atención de estes nenos e nenas. Sería imprescindible que dentro do sistema educativo existise formación en lingua de signos para os profesionais e se lle impartira esta formación tamén aos alumnos e alumnas que garantira unha igualdade de oportunidades para estes nenos e nenas.
Dentro do servizo de educación contamos con especialistas que prestan servizo de orientación e información educativa, talleres e actividades para as familias, clases de apoio para o alumnado xordo, orientación ao profesorado dos diferentes centros educativos e actividades de difusión e sensibilización.
- A integración social, non so depende do colectivo a integrar senón da sociedade e grupo no que se necesita integrar. Que dificultades lles pon a sociedade ás persoas xordas?
O principal escollo das persoas xordas é a do illamento comunicativo e á falta de acceso á información, é unha discapacidade invisible e moita parte da sociedade aínda non comprende o alcance da mesma. Polo tanto, a principal barreira que se atopa a persoa xorda na súa relación cos diferentes ámbitos da sociedade son barreiras comunicativas. O mundo está feito para persoas oíntes e as persoas xordas atópanse na súa vida diaria con múltiples muros no acceso á sanidade, á educación ou no ámbito laboral.
Compre dicir que, en moitas ocasións, a maior barreira e o descoñecemento da sociedade das características das persoas xordas por iso nos centramos unha parte da nosa intervención informando e sensibilizando aos diferentes grupos sociais.
- Intervides a nivel social para remover eses atrancos?
A misión da FAXPG é acadar o pleno desenrolo das persoas xordas en condicións de igualdade e accesibilidade universal, preservando a Lingua de signos coma o noso valor principal. Neste senso, dende o servizo de intervención social intentamos facer unha labor de concienciación á sociedade das necesidades das persoas xordas a través do traballo en conxunto coa rede de servizos sociais municipais e entidades do terceiro sector.
As nosas traballadoras sociais fan unha labor diaria prestando un servizo especializado accesible en lingua de signos para as persoas xordas e as súas familias, garantindo que a persoa xorda sexa partícipe en todo momento do seu proceso de cambio, tamén a través de acompañamentos para as xestións dos diferentes recursos sociais, colaborando estreitamente co tecido social da zona de intervención.
- O día 23 de setembro celebrase a nivel internacional o día da linguaxe de signos, que importancia ten a linguaxe para a comunicación das persoas xordas? Que nivel de coñecemento ten a sociedade en xeral desta lingua?
A día de hoxe a Lingua de Signos en España goza do recoñecemento por parte do estado grazas a Lei 7/2007 de 23 de outubro, pola que se recoñece a oficialidade da Lingua de Signos en España e a Lingua de Signos Catalana. Ademais, existe unha data marcada no calendario nacional para a celebración das Linguas de Signos (o día nacional das linguas de signos españolas que ten lugar cada 14 de xuño dende o ano 2014 pola aprobación no Consello de Ministros.
A importancia social da Lingua de Signos reside principalmente na inclusión da comunidade xorda na sociedade e a súa aprendizaxe e difusión convértese nun pilar fundamental para a nosa entidade. Ademais, a Lingua de Signos facilita o aprendizaxe en xeral, así coma o acceso á lingua oral, propiciando a participación e inclusión social das persoas xordas.
Con respecto ao coñecemento da sociedade da lingua, compre dicir que , tal e como comentábamos anteriormente, as persoas xordas contan cun hándicap, posto que é unha discapacidade invisible para a sociedade. Polo tanto, e aínda que se van dando pasiños, a sociedade en xeral ten moito descoñecemento da Lingua de Signos e das persoas xordas.
- Para as persoas alleas, pódesnos explicar como funciona o servizo de interpretes?
A través do noso servizo de Intérpretes de Lingua de Signos Española e Guías Intérpretes para as persoas xordocegas, facilitamos a comunicación entre as persoas xordas/xordocegas e as persoas oíntes que o precisen.
Nunha situación de comunicación entre persoas oíntes e persoas xordas ou xordocegas, a presencia do intérprete permite manter unha correcta comunicación, do mesmo xeito que o farían os tradutores de linguas orais en situacións nos que os intervintes non comparten a mesma lingua. Coas persoas xordocegas, ademais, realízase a función de guía e descrición do entorno.
Trátase dun servizo gratuíto para a cobertura de servizos básicos da vida diaria puntuais e individuais coma por exemplo, consultas médicas, laborais, educativas, legais ou comerciais, entre outras.
- As innovación tecnolóxicas estannos cambiando a vida, que avances benefician a este colectivo?
Grazas as innovacións en materia de novas tecnoloxías da información as persoas xordas tiveron un gran cambio na súa calidade de vida. Dende os sistemas de videointerpretación como as videochamadas vía whatsapp, tecnoloxías que nós aplicamos tamén para a solicitude de cita previa nos nosos servizos de intervención social.
Asómesmo, compre destacar que este ano púxose en marcha no servizo de urxencias dos PAC do SERGAS un sistema de videointerpretación para a atención durante as 24 horas.
- O acceso a estes novos recursos pode supoñer un factor de exclusión, están previstos mecanismos para mitigar estas situacións?
Dende os nosos servizos facemos de apoio nos casos nos que as persoas xordas non poidan dispoñer de estas tecnoloxías, ben por descoñecemento das mesmas ou ben por non poder optar a adquisición de certos dispositivos. Neste senso, facemos de apoio a través de acompañamentos para a xestión de recursos sociais, públicos ou privados e as Traballadoras sociais dos nosos servizos actúan coma apoio para que a persoa que non pode optar a estes recursos, poida ter as mesmas oportunidades no acceso aos mesmos a través do noso apoio.