O sistema público de servizos sociais perante a terceira vaga da pandemia: desafíos e retos
Mª Patrocinio Las Heras Autora do libro “Trabajo Social y Servicios Sociales. Conocimiento y Ética”. (2019).
Publicado orixinalmente en Revista Galega de TRABALLO SOCIAL–Fervenzas nº 23
Introdución
No imaxinario e na memoria das persoas as profesións están vencelladas a situacións persoais e colectivas. Hoxe, o Traballo Social depárase perante a situación da pandemia e, como fixo desde os seus comezos, o noso corpo profesional debe ser reflexivo e propositivo neste escenario que muda cada día. Compre espallar e divulgar aquilo que analizamos, aquilo que sabemos; entre nós, por un lado, e entre profesión-disciplina e a sociedade, por outro. Xa estamos a ser inquiridas e inquiridos e debemos ter clara a resposta para cando, agora ou no futuro, alguén cuestione: onde está/ estivo, e que fai/ fixo o Traballo Social en 2020-21?
Nun momento no que certos sectores, voluntaria ou involuntariamente, pretenden esvaer a sólida traxectoria histórica dos Servizos Sociais en pro- postas de sistemas aínda por facer; nun momento no que a cidadanía olla cara as Administracións e profesións na procura de respostas ás súas necesi- dades, é tempo de continuarmos con achegas. Eis o propósito deste texto.
1. Avance dunha crise social acumulada
A crise xerada pola pandemia desvendou sucesivas agresións e erosións que o Sistema Público de Servizos Sociais acumula de forma notoria desde 1996. Desde esa data, houbo varios puntos de inflexión que fixeron que o Sistema no seu conxunto fose recuando. Podemos situar como referencias os seguin- tes momentos temporais:
1.1. Punto de partida: privatizacións en Servizos Sociais a partir de 1996
No 1996 dá comezo unha falta premeditada de financiamento público para o desenvolvemento do Sistema. Hai diñeiro, pero non vai para o Sistema: asistimos ao avanzo das privatizacións; a implantación de cortes sociais; ao enguedello de requirimentos burocráticos para acceder ao dereito ás prestacións básicas do sistema; á falta de recoñecemento e apoio á función de prescrición social das/os profesionais; ao amoreamento das demandas de servizos sociais sen desenvolvemento de investimentos públicos para a construción de Centros e Residencias de Servizos Sociais; agrávase a falta e o desleixo pola cobertura dos Ratios de Profesionais para garantir a calidade na atención social… .
Nesa etapa aconteceu que por parte de determinados gobernos neolibe- rais, lévase a cabo unha aberta política de mercantilización dos Servizos So- ciais. O guión é coñecido: transfírense orzamentos públicos cara institucións sen outros fins que os lucrativos. Enxergase o Sistema de Servizos Socias como potencial negocio e estes gobernos, e os seus aliados empresariais, van por el. O “mercado” zuga o Sistema público. Aconteceu coas Residencias de Servizos Sociais de Atención a Maiores; cos pregos de condicións de con- tratación, onde o criterio condicionante da valoración técnica profesional foi furtado polo de redución de custos económicos; co abandono do segui- mento da xestión concertada, a cal incrementaba os custos inicialmente contratados por conta dunha suposta “revisión dos custos”, ao tempo que o financiamento público era conxelado ou suspendido co pretexto de non existir diñeiro dispoñíbel.
1.2. Crise financeira internacional de 2008 e os seus efectos en Servizos Sociais polos Cortes Sociais de 2012-13.
No contexto da etapa da Crise financeira internacional de 2008 e os seus efectos en Servizos Sociais, prodúcense os dramáticos Cortes Sociais de 2012-
- A crise utilizouse polas políticas de neoconservadores e neoliberais para reverter o modelo de Estado de Benestar universal e de responsabilidade pública, recuando progresivamente na protección xurídica e técnica dos de- reitos sociais da cidadanía. Os Servizos Sociais foron o Sistema Público do Estado de Benestar máis maltratado no cadro desta crise. Entre as medidas adoptadas en 2012-13, cuxos efectos permanecen na actualidade, destácase:
- Reducíronse drásticamente os dereitos en prestacións que xestionan os Servizos Sociais Básicos municipais, modificando a Lei de Réxime Local 7/1985.
- Canto á Rede de profesionais que sostén o Sistema Público de Servizos Sociais, os cortes sociais supuxeron en 2013, no orzamento de Servizos Sociais do Estado, unha redución do 37%. No 2013 rexistráronse 426.200 empregos públicos en Servizos Sociais en España entretanto en 2010 ha- bía 482.900. Nese curtísimo período foron destruídos 56.700 empregos públicos en servizos sociais1.
- Leváronse a cabo reformas administrativas para asentar cortes sociais en dereitos subxectivos recoñecidos na Lei 39/2006, de Promoción da Autonomía persoal e atención ás persoas en situación de Dependencia.
- Realizáronse reformas lexislativas tendentes á reorientación dos dere- itos de saúde e dos dereitos en servizos sociais, cara a súa aplicación vinculada a “condicións laborais”, e no seu defecto, a “carencia de recursos” (pobreza) o que supón institucionalizar a máis perigosa dua- lidade social.
Adicionalmente, nese tempo, os cortes da achega do Estado para o Pla- no Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais das Corporacións Locais provocaron grandes déficits nos servizos sociais da rede básica de primaria, porén, en simultáneo, medraba de xeito exponencial a demanda por situacións de emerxencia social.
En síntese, os cortes sociais e as reformas lexislativas que nesta eta- pa desregularon dereitos sociais provocaron un retroceso de dereitos da cidadanía. Isto foi tanxíbel no aumento da desigualdade, a pobreza e a exclusión social, poñendo en risco ou facendo inviábel a sustentabilidade da vida e da dignidade das persoas, a convivencia e a cohesión social. Eses eran os vimbios, as recentes crises acumuladas, cos que chegamos a marzo do pasado ano.
1.3. Colapso dos Servizos Sociais no contexto da Pandemia 2020-21
Os Centros de Servizos Sociais de Atención Primaria, aínda que foron cualifi- cados como servizos esenciais, estiveron parcialmente pechados na maioría dos Concellos. Dese xeito, as demandas sociais deriváronse cara a Atención Social Telemática. Podemos obter algunhas constatacións do acontecido:
- Colapsou a Atención Social Telemática, ao incrementarse de forma ex- ponencial a demanda de Axudas de Emerxencia por carencia de cober- tura de necesidades básicas no fogar, especialmente de alimentos.
- A maioría dos Concellos non comezaron ata maio a Aplicación das Axudas Económicas de Emerxencia Social, encontrando grandes difi- cultades de aplicación, malia que o Goberno estatal tiña establecido dispoñibilidade orzamentaria ás Corporacións Locais “para financiar as axudas económicas e todas as prestacións de servizos xestionadas polos servizos sociais de atención primaria e de atención á dependencia que veñen recollidas no Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia”, segundo foi establecido no Real Decreto Lei 8/2020 de 18 de marzo.
- En determinadas Comunidades Autónomas, para previr o colapso dos Hospitais e UCIS, non se admitiron a persoas maiores que vivían nas Residencias de Servizos Sociais, malia a resolución do Goberno do Es- tado de non excluír por criterios de idade, ou outros criterios alleos ao diagnóstico clínico individualizado.
Desta maneira, as demandas por necesidades urxentes amoreáronse na maioría dos Concellos, sen atinxir respostas proporcionais á emerxencia so- cial debido, por unha banda, ao atraso burocrático de trámites administra- tivos impostos, e por outra, á unha excesiva carga de traballo orixinada na carencia de persoal acumulada polos drásticos cortes en persoal de Servizos Sociais de crises anteriores. Unhas eivas das que estabamos lonxe de recu- perarnos en marzo do pasado ano.
1.3.1. Efectos perniciosos nos Servizos Sociais / servizos esenciais, manifestados de forma significativa no contexto da actual pandemia.
Nestes meses de andazo, as e os traballadores sociais constatamos:
- O medre exponencial de demandas por necesidades sociais básicas. Prodúcense, especialmente en determinados barrios de grandes cida- des, as chamadas filas da fame ás que dan cobertura ONGs e Asocia- cións Veciñais, quen demandan que o Sistema Público de Servizos So- ciais asuma a aplicación das Axudas de Emerxencia Social.
- A exclusión sanitaria das persoas maiores que conviven en Residencias de Servizos Sociais, nalgunhas Comunidades Autónomas.
- O falecemento de persoas en situación de dependencia, en listas de agarda. Compren medidas urxentes para non abandonar ás máis de
400.000 persoas dependentes que están agardando un procedemento.
- As peticións de persoas sen fogar para aloxamentos alternativos ás que non se lles dá cobertura.
- A inviabilidade para a conciliación da vida familiar e laboral, en xeral, e, en particular, cando os proxenitores son persoal traballador de ser- vizos esenciais con labor presencial, e non se dispón de outra axuda fa- miliar, ou esta encóntrase con imposibilidade de desprazamento debido aos peches perimetrais, confinamentos, ou corentenas.
- O déficit de cobertura de protección ás mulleres, e ás súas crianzas, vítimas de violencia de xénero.
- Os enterramentos con total ausencia de familiares ou persoas ache- gadas, sen cobertura dun Plan de Atención psicosocial-familiar para os procesos de despedimento e dó polas persoas afectadas polo co- ronavirus.
- A falla de apoios a familias e fillos/as con discapacidade, por carencia de reforzos de persoal nos Centros, para o cumprimento das medidas de coidados, contención e distancia social.
- O déficit da Prestación da Axuda a Domicilio e Teleasistencia a un grande número de persoas que viven soas. Persoas que están en isola- mento social e familiar, e están a finar nos seus fogares sen a debida atención social.
- A fenda dixital, por carencia de dispositivos electrónicos das persoas en situación de necesidade, o cal impide realizar solicitudes de cober- tura social en institucións públicas onde os rexistros están pechados, sendo establecido o requirimento de solicitudes mediante aplicacións electrónicas.
2. Por un Novo Plano de Emerxencia Social
Co gallo da Petición de Prórroga do Estado de Alarma, realizada o 20 de maio de 2020 no Congreso dos Deputados, o presidente do Goberno expresou que cumpría “resolver urxentemente o que non pode agardar”. Nesta terceira vaga de 2021, en materia de Servizos Sociais compre avaliar as actuacións realizadas nestes longos meses de pandemia, os déficits sinalados na sec- ción anterior e outros detectados a partir da nosa intervención profesional. Como traballadoras/es sociais debemos destacar, analizar e sintetizar as boas prácticas detectadas, aquelas que puidesen dar lugar á implantación de medidas adecuadas para contar cun Plano de Emerxencia Social deriva- do da nosa experiencia acumulada como profesión. Este Plano non debería durar unicamente o tempo que se manteña a pandemia (imos pola terceira vaga; non podemos descartar novas vagas e gromos; mesmo, descoñecemos as repercusións sociais da situación presente). Entendemos que debe ser subliñada a situación de crise social, e non só sanitaria, ou dun sector espe- cífico da actividade produtiva, xerada no contexto do andazo.
Así, o Plano de Emerxencia Social deberá contar, cando menos, coas se- guintes medidas:
- Axudas de Emerxencia Social Individualizadas Non Periódicas dos Con- cellos: estas Axudas deben ser aplicadas e mantidas por procedemento de urxencia, sen máis requirimentos que a prescrición da Traballadora/ Traballador Social como profesional de referencia do Sistema Público Municipal de Servizos Sociais.
- Regulación polo Goberno de Normativa sobre o carácter específico das Axudas de Emerxencia Social das Administracións Públicas: garan- tías orzamentarias para a súa aplicación inmediata; dispoñibilidade de caixa; fiscalidade do gasto a posteriori; recoñecemento de crédito ampliable do orzamento destas Axudas. Consonte ao anterior debe ser modificado o Artigo 2.4 da Lei 38/2003 de Subvencións, na que se establecen os supostos que “Non teñen carácter de subvencións” co obxecto de incluír entre eses supostos as Axudas de Emerxencia Social das Administracións Públicas.
- Potenciar os Centros de Servizos Sociais Municipais de Atención Prima- ria, os cales han xestionar as medidas do Plano de Emerxencia Social no que atinxe ás competencias das Corporacións Locais. Neste senso, proponse :
- Creación de Unidades de Urxencia Social Presencial, nos Centros de Servizos Sociais Municipais de Atención Primaria.
- Aplicación urxente do financiamento necesario para evitar o colapso da atención social das unidades de Traballo Social dos Centros de Ser- vizos Sociais, de acordo co ratio que o 5 de xuño de 2020 o Consejo General del Trabajo Social declarou necesario para unha intervención social de calidade perante a Comisión para a Reconstrución Social e Económica, no Congreso dos Deputados.
- Ampliación das Equipas Interprofesionais de acordo á experiencia da súa intervención para dar cobertura á demanda realmente producida.
- Aloxamentos Provisorios de Emerxencia Social para toda persoa sen fogar; cobertura de Alternativa Residencial, previa ao peche dos Aloxamentos Provisorios, evitando que as persoas sen fogar fiquen de novo na rúa sen protección social.
- Aloxamento alternativo de emerxencia, ofrecendo cobertura a todas as mulleres e aos seus fillos/as, vítimas de violencia de xénero, con- finadas con maltratadores.
- Garantir o dereito á saúde, universal e normalizada no Sistema Sa- nitario, das persoas maiores que viven en Residencias de Servizos Sociais e noutros Centros Residenciais, sen exclusións por idade, dis- capacidade, ou calquer outro criterio formulado que retire dereitos. Reforzo sanitario nas Residencias de Maiores e doutros Centros de Servizos Sociais que o precisen, previo Convenio e Protocolo de coo- peración entre Sanidade e Servizos Sociais. Xeneralización do Ser- vizo de Xeriatría en Ambulatorios de Especialidades, así como nos Hospitais.
- Cobertura de financiamento das prestacións de Servizos Sociais da Lei 39/2006 de Protección da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia: Aplicar os acordos establecidos no Pacto de Estado pola Dependencia e desenvolver medidas que promovan a prevención da autonomía persoal e a intensidade das prestacións.
- Garantir a Atención a Domicilio e a Teleasistencia avanzada, a toda persoa ou unidade de convivencia que o precise, de acordo ás nece- sidades derivadas da situación de confinamento, peche perimetral, e isolamento social. Compre incrementar as horas aplicábeis de coida- dos persoais, servizos domésticos, servizos de atención psicosocial e voluntariado social que acompañan esta prestación.
- Incremento do Financiamento do Plano Nacional Concertado de Pres- tacións Básicas de Servizos Sociais de Corporacións Locais para garan- tir o dereito aos Servizos Sociais da cidadanía, no nivel de proximi- dade máis achegado, os Concellos, de acordo coa previsión de custos para a aplicación das medidas de competencia municipal do novo Plan de Emerxencia Social: Xestión das Axudas de Emerxencia So- cial; Programas de Axuda a Domicilio e Teleasistencia; Aloxamentos alternativos; Residenciais tales como Fogares, Casas de Acollida, Al- bergues, Pisos Tutelados; Miniresidencias Municipais; Programas de Inserción Laboral; Apoio ao Voluntariado Social… .
Será unha grande contribución para este novo Plano de Emerxencia So- cial, e para novos planos demandados por vindeiras crises, pór en funciona- mento un Banco de Experiencias de Boas Prácticas producidas ao longo da experiencia acumulada en tempos de crise. Esas experiencias fornecerán un tesouro acumulado de Coñecemento e aplicación da Ética no Sistema Públi- co de Servizos Sociais.
Nesta liña, o Plano de Servizos Sociais do Concello de Sagunto (na Co- munidade Valenciana), elaborado pola compañeira Victoria Belis, é unha excelente mostra de Boas Prácticas Profesionais. O de Sagunto é un auténti- co Plano Director e Coordinador de toda a actividade de emerxencia social do propio Concello, con todo o apoio da Alcaldía, da Corporación Municipal e a participación directa encomendada por Servizos Sociais de todos os ou- tros Departamentos do Concello. Constatouse como, do mesmo xeito que na emerxencia sanitaria o goberno estatal deulle a dirección ao sistema de Saúde, no que atinxe á emerxencia social, o Concello de Sagunto sou- bo canalizar as necesidades esenciais de carácter social da cidadanía baixo a dirección dos Servizos Sociais. Todo un éxito do Ajuntament de Sagunto e dos traballadores municipais doutras Áreas, póndose ao dispor e baixo coordinación dos Servizos Sociais. Un grande éxito, tamén, da cidadanía traballando estreitamente como voluntariado dos Servizos Sociais. E, espe- cialmente, todo un éxito das e dos Traballadores Sociais quen despregaron toda a súa capacidade de intervención, organización, coordinación e capaci- dade de xerar respostas perante todo o que se lles poñía? de manifesto, de xeito globalizado, ao servizo das necesidades das persoas máis directamente afectadas pola crise social xerada no contexto da pandemia: unha iniciativa que merece un grande recoñecemento social e profesional.
Estamos convencidas de que en todo o territorio do Estado español exis- ten outras iniciativas que non se divulgaron aínda. Facemos un chamamento para que cada Colexio, no seu ámbito territorial, inicie unha escolma destas Boas Prácticas, pendentes de divulgación, para seren publicadas e partilla- das por todo o colectivo profesional.
3. Pacto de reconstrución dos Servizos Sociais
Por conta das catro crises do Sistema Público de Servizos Sociais acumuladas antes do andazo de 2020-21, e a enorme crise social que está a xerar, neste comezo de 2021 compre aplicar e desenvolver un Pacto de Reconstrución dos Servizos Sociais, demandado polas organizacións sociais e profesionais pe- rante a Comisión de Reconstrución Social e Económica do Congreso dos De- putados para reconstruír e fortalecer o Sistema Público de Servizos Sociais e potenciar a súa capacidade para afrontar a atención social das persoas en situacións de necesidade social para a cobertura de necesidades sociais básicas no ámbito da convivencia persoal e social que competen ao Sistema Público de Servizos Sociais. Estas serían as catro propostas:
- Artellamento e Coordinación dos Sistemas Públicos do Estado de Be- nestar Social, especialmente dos seus catro piares públicos: Educación, Sanidade, Seguridade Social e Servizos Sociais, así como dos servizos públicos de Emprego e Vivenda para facer efectiva, de forma transver- sal, a Inclusión Social, superando de vez todo tipo de discriminacións e exclusións institucionais. O tratamento integral e normalizado das necesidades básicas da cidadanía, require, pola súa vez, culminar a arquitectura do Estado de Benestar.
- Do mesmo xeito que se fixo co reforzamento das políticas de ingresos económicos, creando o dereito ao Ingreso Mínimo Vital, procede colo- car entre as prioridades da axenda política a Reconstrución e Reforza- mento do Sistema Público de Servizos Sociais (único piar do Estado de Benestar que carece dunha lei estatal) o cal require dunha Lei Estatal Xeral Básica de Servizos Sociais para garantir a aplicación efectiva do dereito universal ao Catálogo de prestacións de Servizos Sociais a toda a cidadanía española, con independencia do seu lugar de residencia, en condicións de igualdade.
Este reforzo pasa por potenciar e protexer as funcións das e dos pro- fesionais dos Servizos Sociais; artellar a participación social e, espe- cialmente, garantir o financiamento para facer efectivos os dereitos recoñecidos, a calidade na intervención social, a investigación, des- envolvemento e innovación do Sistema Público de Servizos Sociais, co mesmo status e tratamento institucional que corresponde aos Sistemas Públicos constituíntes, piares, do Estado de Benestar.
- No contexto dunha Reforma da Constitución Española de 1978 debemos establecer como Dereitos Fundamentais Constitucionais, o Dereito aos Servizos Sociais, xunto coa Sanidade, a Seguranza Social e Prestacións Económicas Garantidas.
- Desenvolver a participación social no Diálogo Social, incorporando, xunto cos interlocutores sociais históricos tamén aos Consellos Xerais de Colexios das profesións dos Sistemas Públicos do Estado de Benestar, incluído o Consejo General de Colegios de Trabajo Social, así como ás Asociacións Estatais de Defensa dos Sistemas Públicos do Estado de Benestar, especialmente, no noso ámbito dos Servizos Sociais, a Asocia- ción Estatal de Directoras y Gerentes de Servicios Sociales. Por outra banda, a función de interlocutores sociais das Organizacións Feminis- tas, Organizacións Familiares, ONGs, e Institucións sen fin de lucro de Acción Social debe ser tamén recoñecida.
Debemos entender, a modo de epílogo deste texto, que as fallas máis pre- mentes do Sistema de Servizos Sociais Públicos veñen, cando menos, da segunda metade dos anos 90. Fóronse concatenando crise após crise. É claro que, como profesionais do Traballo Social, non podemos ollar cara outro lado na responsabilidade que nos corresponda, pero non é menos certo que o noso contexto, malia as nosas denuncias e os nosos actos, ficou, e aínda está, moi afastado de ser o acaído. Mesmo así, continuamos; non perdemos capacidade de análise, e artellamos respostas aos déficits que nós propias/ os observamos como profesión e disciplina. O Novo Plano de Emerxencia Social, para xa, e o Pacto de reconstrución dos Servizos Sociais, que tenta reverter agresións anteriores ao Sistema, son cadanseus instrumentos para facer o inmediato e, por outro lado, refacer o que nunca debeu ser esmiuza- do. Iniciativas como o Banco de Experiencias de Boas Prácticas, se son adop- tadas polos Colexios, fomentaran o noso autocoñecemento de cara a esta e a próximas situacións de crise. Nestes meses estraños e escuros de andazo compre reencontrarnos, como en moitas partes estamos a facer, co mellor da nosa traxectoria histórica e desempeño profesional. Ninguén esqueza: somos Traballo Social.
REFERENCIAS:
- Belis, V.; Departamento de Servizos Sociais do Ajuntament de Sagunt
(2020). Plano de Emerxencia Social do Ajuntament de Sagunt.
- https://drive.google.com/file/d/1pyMnHkwaaJNNXCcJr4rCXvPUOtxev- QX5/view
- Las Heras, M. P., e Cortajarena, E. (2014). Introducción al Bienestar So- cial. Madrid: Ediciones Paraninfo e Consejo General del Trabajo Social.
- Las Heras, M. P. (2019). Trabajo Social y Servicios Sociales. Conocimiento y Ética. Madrid: Ediciones Paraninfo e Consejo General del Trabajo Social.
- Vicente, E. ; Presidenta do Consejo General del Trabajo Social. (2020). Comparecencia na Comisión para a Reconstrución Social e Económica no Congreso dos Deputados.