O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Persoas invitadas

O reto dos catro científicos

Autora: Sara Torreiro, técnica de comunicación do COTSG

Propóñovos un exercicio de imaxinación: visualizade unha sala na que hai catro científicos traballando. Dous miran unhas mostras nun microscopio e outros dous garabatean algoritmos con rotulador nunha pizarra branca. Dentro dos catro científicos, estabades a imaxinar algunha muller? Estou segura de que a gran maioría non. E é lóxico porque o voso cerebro fixo o exercicio correctamente tras o proceso de decodificación da linguaxe. E é que o que non se nomea, non existe.

Se colledes o diario desta mañá, chegaredes á conclusión de que no mundo só hai homes e de que son eses homes os que ostentan as esferas de poder. A linguaxe é un recurso poderosísimo dos sistemas patriarcais, racistas ou clasistas para manter prendidas a mulleres, persoas excluídas e etnias. Por iso é fundamental que as e os xornalistas se conciencien do importante que é o proceso de significación e unha redacción que deixe as cousas claras e sen ambigüidades. Son consciente de que os libros de estilo, en xeral, non recollen o feminino nin tampouco os neutros. Tamén de que o espazo é un dos bens máis prezados do xornalismo en papel. Porén, non vexo tantos problemas cando é preciso dicir o cargo que ocupan secretarías do estado, postos militares ou altas responsabilidades da xudicatura. Aí non se adoita cuestionar o espazo para que quede ben claro de quen se está a falar.

As mulleres xa non piden permiso, ábrense paso con marcha decidida para conseguir a igualdade. E as persoas do mundo dos medios de comunicación deberían sensibilizarse con estas demandas. A linguaxe androcentrista relega ás mulleres, invisibilízaas, fai que sexan cidadás de segunda clase cando somos suxeitos sociais específicos. Eu creo na función pedagóxica do xornalismo e estou convencida que a mellor calidade xornalística, mellor calidade democrática. Invisibilizar á metade dun país de democrático, ten pouco. Con todo nós, como persoas consumidoras dos medios de comunicación, tamén temos unha responsabilidade á hora de saber diseccionar cales son os que fan usos máis correctos da linguaxe (que os hai) e compartir as súas boas prácticas en vez de compartir, con escándalo, titulares machistas ou pouco adecuados de medios que nin miran o código deontolóxico.

Podo entender as reticencias á hora de usar os desdobramentos: traballador/traballador, director/directora, cidadán/cidadá. Porén, hai fórmulas para facer a linguaxe inclusiva: persoas traballadoras, directiva ou  cidadanía. O outro día, unha compañeira do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia respostou a unha entrevista nun medio. O medio, na súa transcrición recollía o termo “usuarios”, cando a compañeira dixera “persoas usuarias”. Se falamos de usuarios estamos a dicir que non hai usuarias, nin máis nin menos. Porque, repito: o que non se nomea, non existe.

Outra cuestión que me preocupa é esa afirmación tan reiterada de: “hai cousas máis importantes das que preocuparse: a violencia machista, a fenda salarial, os coidados non remunerados…”. Que queredes que vos diga… tan importante me parece unha cousa como a outra porque non hai outra ferramenta tan poderosa para a igualdade como a da linguaxe inclusiva. A linguaxe non é unha construción monolítica, senón que ten vida, está en movemento, non entende de tradicións nin de “é que isto sempre se fixo así”. Pode que sempre se fixese así, pero iso non é impedimento para que mude. Cada persoa individual debe poñer o seu gran de area, pero a concienciación das e dos profesionais dos medios de comunicación é esencial.