O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Persoas invitadas

“Nos servizos sociais a mirada da traballadora social debe ser experta en comprender”

Belén Navarro é unha das traballadoras sociais que escribe para a Blogotsfera desde o seu blog trabajosocialytal.com. Exerce a profesión nunha entidade tutelar de persoas adultas. Gran defensora da Renda Básica, esta semana participou nun dos Encontros Virtuais do COTSG sobre o Ingreso Mínimo Vital que aprobou o goberno. Entrevistámola para o noso blog:

  • En moitas das túas intervencións recalcas a necesidade de que as traballadoras sociais se afasten da tramitación…
  • Si, hai sectores da profesión que pensan que debemos manter as prestacións porque xeran poder e apoio para o que é o rol da traballadora social. Porén, eu digo que esgotan e empobrecen intelectual e emocionalmente. Nos servizos sociais, sobre todo nos comunitarios, a nosa mirada debe ser unha mirada experta en comprender, unha mirada ampla, de matices e a tramitación é o contrario diso. É o si ou o non e, deste xeito, a nosa mirada transfórmase en branco e negro. Por outra banda, é evidente que con tanta presión asistencial coa que traballamos e co sufrimento das persoas, creamos un callo emocional, un endurecemento persoal, que é normal, porque é o mecanismo de defensa que atopamos.
  • Porén, moitas veces desde o traballo social tamén se reclama deixar a tramitación, hai certa ambigüidade entón cando se aborda este tema?
  • É normal que a haxa porque estamos acostumadas a facer papeis e podemos pensar que perder a xestión de axudas vainos quitar poder. Pero é que desde o traballo social o poder ten que se exercer como verbo e non como substantivo. É preciso que na profesión deamos un salto epistemolóxico.
  • Entón o Ingreso Mínimo Vital non debería depender de Servizos Sociais…
  • Non, de feito ten que estar lonxe porque que estea en servizos sociais quere dicir que vai ter un carácter de condicionalidade e ao único que ten que estar ligado é a os ingresos, iso está ben, calquera outra condición sería unha mala nova. A condicionalidade moitas veces leva aparellado un prexuízo contra a pobreza e, polo tanto, un sufrimento innecesario das persoas.
  • Se falamos da Renda Básica Universal atopamos que a defende desde a esquerda á dereita, con que gafas debemos ollala?
  • É certo que hai gurús do neoliberalismo que a defenden pero porque non é o mesmo modelo de renda básica do que fala a esquerda. Á dereita interésalle porque xera consumidores, que é como a dereita ve á cidadanía. E, ademais, ven nela a oportunidade de desmantelar o Estado de Benestar. Por iso é importante a perspectiva. O neoliberalismo ten a habilidade de captar, transformar e fagocitar reivindicacións que non lle son propias. A renda da que eu falo ten que ir aparellada a unha reforma fiscal na que, entre outras cousas, as persoas ricas paguen o que lles corresponde. E logo claro, temos que ser conscientes de que a Renda Básica Universal non vai solventar todos os problemas por si soa, nin o pretende, temos que vela como unha ferramenta máis dun sistema de benestar real.
  • Cales son as potencialidades desa ferramenta?
  • Por unha banda, a persoa parte duns ingresos mínimos dos que poide vivir e desenvolver proxectos vitais máis libres. Por outra banda, se toda a poboación a percibise, limitaríase o discurso de “la paguita” porque sería un recurso universal que cubriría o dereito máis básico que hai que é o de subsistencia.
  • E no caso do Ingreso Mínimo Vital?
  • A potencia do Ingreso Mínimo Vital é que a cidadanía vai ter recursos cos que vivir. Cando as axudas se condicionan á reinserción, a filosofía que subxace é que as persoas pobres non poden insertarse no mercado laboral. Por suposto, un pensamento erróneo, cheo de prexuízo e sesgado. Tamén é erróneo que o traballo dignifica e que o emprego é a mellor política social porque os empregos actuais son precarios e xa hai persoas que están excluídas aínda traballando. E, neste caso, con este ingreso non vai haber eses prexuízos nin esa mirada sobre a pobreza.
Belén Navarro, autora do blog trabajosocialytal