María Lema, as novas xeracións do Traballo Social
Considero que o mellor que podemos aportar as novas xeracións á profesión son as ganas de loita, de reivindicación e romper coa dinámica actual
Durante a celebración do Día Mundial do Traballo Social, seguindo os criterios do Consello Xeral, o COTSG homenaxeou á colexiada máis nova e a mais antiga. Quíxose simbolicamente agradecer o traballo das xeracións que nos precederon e confiar no futuro que aportan as profesionais que están chegando.
A mais nova era en aquel momento María Lema Ordoñez, e con ela falamos hoxe da visión que traen consigo estas novas profesionais sobre a profesión e a estrutura colexial.
- Ola María , durante a celebración do Día Mundial do Traballo Social recibiches un recoñecemento como a colexiada máis nova do COTSG. Que significou para ti este recoñecemento?
Para min non só foi a un gran premio a nivel persoal, se non que foi un símbolo da importancia das novas xeracións de traballadores e traballadoras sociais na profesión e a necesidade de que nós, as máis novas, retomemos e asumamos o relevo de aqueles e aquelas que están deixando o seu legado
- Como traballadora social recen colexiada, que lle pides ti a estrutura colexial?
Considero que, como traballadora social que se vai abrindo paso na profesión, unha estrutura colexial debe de ser un lugar de referencia, un nexo de unión entre todos e todas as profesionais da disciplina, que ademais de representar os valores do traballo social, reivindique a importancia da profesión na sociedade.
Ademais, o colexio debe ser un recurso integral para todo o vinculado coa profesión onde atopar información, orientación, formación, apoio e máis cando nos atopamos perdidos, sen saber que camiño tomar ou como abordar un desafío en particular.
- Durante o grao de Traballo Social que visión tes do COTSG e do Consello Xeral?
A miña visión e experiencia co COTSG e o Consello Xeral é moi positiva, xa que sinto que se traballa dende a proximidade, a confianza e a colaboración profesional. Durante o grao, gustoume moito e foi de gran axuda a iniciativa do Colexio cando organizaron charlas sobre as saídas profesionais da carreira.
- Ti remataches os estudos hai poucos meses, que estas facendo agora buscando traballo ou facendo algunha formación especializada?
Actualmente, estou na Asociación Vieiro impartindo charlas de prevención de conductas aditivas en diversos colexios da comarca de Bergantiños e compaxinando co estudo da oposición de Servicios Sociais Comunitarios en concellos.
- Como ves o mercado laboral para as traballadoras sociais?
Na miña opinión, o mercado laboral é moi amplo e hai múltiples áreas de intervención; espero que pouco a pouco se nos vaia facendo participes en proxectos a traballos onde nosa presencia sexa necesaria. Sen embargo, ante o crecente volume de usuarios e demandas, considero esencial aumentar postos de traballo para previr o bournout e o estrés laboral e así garantir o benestar dos e das profesionais, ademais de ofrecer unha intervención de calidade.
- Que servizos dos que presta o Colexio che parece mais interesante para as persoas que comezades na profesión?
O COSTG ofrece unha gran variedade de ofertas de formación e traballo actualizado, o que me foi de especial axuda cando rematei a carreira e me sentía moi perdida sobre o que quería facer. Ademais, tamén me brindou apoio directo para informarme sobre como comezar no camiño da oposición.
- Que retos pensas que ten o Traballo Social nos próximos anos? Como esta socialmente a profesión dende o teu punto de vista.
Como mencionei antes e como se abordou na Xornada que conmemorou o Día Mundial do Traballo Social, creo que a profesión non está pasando por un bo momento. A sobrecarga de traballo e o estrés dos e das traballadoras sociais, a masiva cantidade de usuarios e a falta de persoal está levando a perda da esencia da profesión. Nos servizos públicos, a intervención estase reducindo cada vez máis a tramitación de recursos, o que está deixando de lado o acompañamento, a intervención e a escoita que definían a nosa profesión.
Penso que o reto máis importante ao que nos enfrontamos é a este, a devolver a natureza e esencia do Traballo Social ao que era.
- Para rematar, que podedes aportar os profesionais da túa xeración á esta profesión?
Considero que o mellor que podemos aportar as novas xeracións á profesión son as ganas de loita, de reivindicación e romper coa dinámica que mencionei previamente.
A visión e o abordaxe de novas problemáticas e solucións innovadoras, colaboración e intervención entre profesionais, recursos que se adapten a realidade actual.