O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

ColexiaciónEmerxencias

Luz Campello; a xestión de voluntariado en emerxencias dende o Traballo Social

Luz Campello Garcia, é traballadora social e socióloga, nacida en Guitiriz, é Xefa de Servizo de Traballo Social na área Sanitaria A Coruña- Cee dende o ano 2011. Esta compañeira, que estudou na Universidade Complutense de Madrid, conta con ampla experiencia en xestión do voluntariado, dirixiu o Programa de Voluntariado da Xunta de Galicia durante a catástrofe do PRESTIGE, e escribiu varios artigos técnicos sobre voluntariado e traballo social en emerxencias. 

O conflito entre o técnico e o político foi o aspecto máis difícil de manexar de todo o proxecto de xestión de voluntariado na catástrofe do Prestige

  • Chegas a Galicia para traballar no SERGAS en Ferrol e logo pasas á Coruña. Fálanos un pouco do regreso a Galicia.

Si, ao acabar a carreira en Madrid, viaxo por Europa para ir ao congreso Mundial da Federación Internacional de Trabajadores Sociales (FITS) en Estocolmo e á Conferencia internacional de Bienestar Social da ICSW en Berlín, nos meses de xullo e agosto do 1988. Logo regreso a Galicia onde comezo a traballar o 1 de xaneiro do 1989, no hospital “Arquitecto Marcide” de Ferrol, cidade onde estudei o bacharelato. Este hospital aínda era do INSALUD (Instituto Nacional da Saúde) ata as transferencias de saúde á CCAA (ano 1990). Fun a primeira traballadora social deste hospital público de Ferrol, e esta praza creouse no marco do I Plan de humanización (1985) que estaba a promover o Ministerio de Sanidade, levado a cabo como experiencia piloto en 15 hospitais de toda España, sendo un deles o “Arquitecto Marcide”. Comeza así, a miña actividade laboral nunha Unidade de Atención ao Paciente, coa promoción e defensa dos dereitos dos e das doentes, a ampliación do tempo de visitas a familiares durante a hospitalización, baseada na importancia das relacións familiares e sociais, a contribución  a un trato máis humano da asistencia sanitaria, a promoción da atención integral, a canalización de queixas e reclamacións como procesos de mellora da atención; ata a promoción das bibliotecas de doentes, mestres nos hospitais, etc. Podería dicir, que este comezo no marco da humanización foi decisivo no meu desenvolvemento profesional, orientando toda a miña actividade ao longo dos anos, ata hoxe en día.

Aínda que os comezos foron ilusionantes, non estiveron exentos de dificultades, sendo un gran reto promover a integración do social na saúde. Ninguén sabía que cometido tiña unha traballadora social nun hospital, nese momento denominada “asistente social”, polo que, sendo unha muller nova de 22 anos, tiven que loitar polo respecto profesional e por unha Unidade de Traballo Social, o que supoñía a escisión da Unidade de Atención ao Doente, que conseguín despois de 4 ou 5 anos. Dicir non á xestión da listas de espera cirúrxica, aos pases de visita para os familiares, ou á tramitación das queixas e reclamacións, foi o primeiro que fixen, pero quería máis, quería separar Traballo Social de Atención ao Doente, e axiña tiven claro que ese era o camiño. E que a finalidade do meu traballo no hospital, era contribuír a que os aspectos sociais das persoas se tivesen en conta como parte dos problemas de saúde, e promover a participación das familias e doentes, na información e no proceso de tratamento e atención á saúde. Curiosamente, estes obxectivos que guiaron os meus inicios profesionais, seguen a estar vixentes e sigo a traballar por eles.

O motivo polo que me trasladei ao Hospital Juan Canalejo, hoxe Complexo Universitario A Coruña, cando aprobei a oposición no ano 1997, foi basicamente porque o traballo social no hospital de Ferrol nesa época, non tiña trazas de medrar, e eu precisaba traballar en equipo con outras colegas, onde puidese dialogar e reflexionar conxuntamente sobre a profesión e os problemas sociais no ámbito da saúde; por outra banda, estaba a facer os cursos de doutoramento na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, onde me licenciara, e así foi que estiven case 10 anos colaborando en docencia e investigación.

  • E no complexo hospitalario desta cidade onde comezas a xestionar programas de voluntariado?

Así é, mais para falar da xestión dos programas de voluntariado como o coñecemos hoxe en día, é preciso falar da importancia que tivo durante a década dos 90 a obxección de conciencia do servizo militar e os programas de prestación social substitutoria, especialmente no eido social e da saúde. Este fenómeno foi determinantes para o desenvolvemento posterior e enorme auxe da participación social e voluntariado, a principios do s. XXI.

A desaparición dos programas levados a cabo polos rapaces obxectores de conciencia, trala finalización do servizo militar obrigatorio en España no ano 2001, é polo tanto, campo abonado para o asociacionismo de saúde e para os programas de voluntariado, dun xeito formal. Neste proceso, é moi importante o papel da Traballadora Social, Felicitas Rodríguez, tanto nos programas dos obxectores de conciencia, como no pulo do voluntariado, como Xefa do Servizo de Voluntariado da Consellería de Asuntos Sociais, coa publicación da Lei de Voluntariado de Galicia no ano 2000, que facilita  a transición coas entidades sociais de voluntariado, e recolle a posibilidade de que a Administración pública actúe como entidade prestadora de programas de voluntariado.

É así, como aló no ano 2000 poño en marcha no hospital o programa “Saúde Activa” de Voluntariado e defino unha área especifica dentro do Servizo de Traballo Social, denominada Área de Voluntariado e Organizacións Sociais. O obxectivo era abrir o hospital á comunidade e promover a participación social da poboación de cara a conseguir unha mellor a saúde. Para elo, traballabamos en rede, incorporando todas as iniciativas de voluntariado como unha entidade paraugas, e colaborando coas diferentes asociacións da comunidade que dispoñían de voluntariado (Cruz vermella, Voluntariado Fonseca, Universidade da Coruña, Colexio Santa María del Mar,…) e o máis innovador, con voluntariado propio do hospital, como entidade xestora. Chegamos a ter unha morea de iniciativas polos distintos servizos do hospital, consultas e, mesmamente na comunidade co programa CASSA. Así é que, no Ano 2001, o hospital gaña o primeiro premio de Innovación e promoción de programas de Voluntariado, convocado pola Consellería, coincidindo con Ano Internacional do Voluntariado. 

  •  Planificaches e xestionaches o voluntariado social da obxección de conciencia nos anos 90, que valoración fas deste tipo de voluntariado social? 

No ano 1989 aprobase en España a obxección de conciencia para os rapaces que rexeitaban facer o servizo militar obrigatorio, que implica a obriga de facer  a prestación social substitutoria, que consistía en realizar actividades de utilidade pública durante un ano, equivalente ao tempo do servizo militar. Así, a principios dos 90 comezan a definirse e levarse a cabo programas de actividade social, sanitaria, educativa, medioambiental… Estes programas reúnen todas as características do voluntariado, tal e como o coñecemos na actualidade, salvo que é obrigatorio para os mozos obxectores e ten unha duración e unha intensidade en horas de actividade, superior que a que fan xeralmente as persoas voluntarias.

Deste xeito, no ano 1994 promovo un programa de Prestación Social Substitutoria no hospital de Ferrol, que da lugar a un Convenio do Sergas co Ministerio de Xustiza para o desenvolvemento deste tipo de programas no sistema sanitario galego, chegando a ter máis de 10 obxectores en programas de apoio social no hospital de Ferrol. Liña de traballo que continuei no hospital da Coruña, cunha maior participación de obxectores, a partir do 1997 ata a desaparición do servizo militar obrigatorio, e polo tanto dos obxectores, no ano 2001.

Esta etapa foi moi enriquecedora e xerou moito dinamismo e moita proxección social no ámbito da saúde, mellorando a humanización dos hospitais, que en sí mesmos, soen ser lugares hostís. A pesar de ser unha actividade obrigada para os rapaces, a miña valoración é moi positiva, porque era unha ocasión para achegar aos mozos á realidade da solidariedade e dos coidados, á vulnerabilidade, ao sufrimento alleo, á soidade da xente maior, ás dificultades para acceder ao hospital da xente do medio rural…; é dicir, a unha realidade social na que a xuventude, e máis os homes, xeralmente viven alleos. Tamén considero que tiña beneficios para os mozos, melloraban aspectos relacionais, habilidades sociais e tamén contribuía a sentirse útiles e estimados.

  • En que consistía o programa que puxeches en marcha?

A idea de fomentar os programas de prestación social substitutoria, xurdiu das conversas con Rosa Blanca Pérez, traballadora social do hospital de Leganés, que coñecín nun congreso de “Servicio Social hospitalario europeo”, que tivo lugar en Estrasburgo no ano 1989, 4 meses despois de comezar a traballar. Fun en interrail e pagando todos os gastos do meu peto, pero mereceu a pena. Deste encontro xurde a iniciativa de facer a Asociación Europea de Traballo Social Hospitalario, que formalizamos na sede do Parlamento Europeo, no ano 1990, e da que fun elixida tesoureira. Pero volvendo a Rosa Blanca, logo se trasladou ao INSALUD co encargo de promover os programas de prestación social substitutoria dentro do sistema sanitario, e de aí xurde a idea que formulei no hospital de Ferrol, para levar a cabo os programas con obxectores de conciencia, que finalmente se aprobou, sendo a primeira iniciativa no eido sanitario de Galicia, e que deu lugar ao convenio co Sergas, xa mencionado.

O programa PIAS (Programa de Información e Apoio Social) en alegoría á Ponte das Pías de Ferrol, recollía as distintas iniciativas de prestación social que se foron implementando ao longo dos anos segundo a dispoñibilidade de obxectores que elixiran o hospital. Os proxectos de actividade respondían a necesidades sociais e situacións de desvantaxe que sufrían moitas persoas, cando tiñan un familiar hospitalizado. As tarefas estaban relacionados co acompañamento de persoas soas, porque non tiñan familia ou porque a familia tiña dificultades para desprazarse diariamente ao hospital, ben por vivir lonxe, en lugares con escaso transporte público, ou ben por ter que traballar arreo no día a día. Os obxectores conversaban, paseaban, lían o periódico ou xogaban ás cartas cos e coas doentes que non tiñan visitas. Tamén apoiaban a nais soas que tiñan un fillo/a no hospital, axudaban a localizar as consultas, informaban dos horarios de visita, etc.

Máis adiante, a finais dos 90, a oferta de obxectores era maior, e xa ampliamos a actividade a áreas onde os obxectores tiveran formación ou habilidades, como apoio en deseño de carteis, aspectos de formación dixital, coordinación de voluntariado, definición de programas sociais de voluntariado, formación e acompañamento de outros obxectores e mesmamente de voluntariado,… É dicir, optimizamos as habilidades que tiñan, o que mellorou a súa satisfacción coa tarefa e contribuíu, dalgún xeito, á transición aos programas de voluntariado. 

  • Como xurdiu a oportunidade de xestionar o voluntariado para a limpeza dos residuos producidos polo afundimento do PRESTIGE?

O accidente do buque Prestige, a peregrinación fronte ás costas galegas e a posterior ruptura en dous e o afundimento, coas consecuencias do vertido de fuel no litoral galego durante días e días, foi unha agresión medioambiental de tal calibre que o impacto social foi inconmensurable. Segundo pasan os días e ante o intento de minimizar os feitos e as consecuencias, por parte do Goberno, leva a que a poboación reaccione e se bote á rúa, acudindo en riadas a axudar a limpar á xente dos pobos.

Nese tempo, logo do accidente do Prestige, sobre o día 20 ou 22 de novembro do 2002, viaxei a Madrid a unha revisión de saúde no Hospital Puerta de Hierro, onde me operara había uns anos. Ante as preguntas e a preocupación mostrada por todos os profesionais cos que falei nos distintos servizos do hospital que pasei, fun consciente do enorme impacto que estaba a ter a chegada do fuel do barco ás costas de Galicia. De volta á casa, chamei á Responsable do voluntariado, Felicitas, para compartir esta observación, e pregunteille como podía axudar, ela díxome que fora botar unha man como voluntaria á Torre de Control Marítimo da Coruña, onde había un grupo de persoas contratadas polo Ministerio de Medio Ambiente e que non daban feito coas chamadas da xente que quería vir participar. Alí me presento ao día seguinte e póñome a atender o telefono habilitado para información. O que vexo a través das chamadas é a unha poboación moi afectada, cunha pulsión moi forte de poñerse en acción, coma quen non pode quedar de brazos cruzados. Piden, chorando, que lles asignemos unha praia para vir ao día seguinte axudar a limpar, pero o sorprendente e que esas persoas chamaban de Cádiz, Murcia, Valencia,… e dicían que ían saír da casa e conducir toda a noite para estar ao día seguinte traballando; intentei facerlles ver a algunha das persoas, que era imposible chegar en tan pouco tempo, que esperasen un día máis para comezar a tarefa nas praias, pero non era algo racional, era un impulso provocado por unha agresión moi forte á natureza, como algo sagrado e necesario para a vida, que é o que é o medio ambiente, e querían axudar, estar alí, facer algo solidariamente, estar coa xente afectada e denunciar coa presencia e co traballo o descontento coa xestión política,…  Entón deime conta que era necesario organizar o voluntariado, que era necesario que a Xunta de Galicia asumira a súa xestión, porque sendo un recurso moi potente cando de maneira organizada responde ás necesidades sociais, pode ser desastroso cando acode de xeito masivo e descontrolado. A previsión era que en pouco tempo a situación íase desbordar e as consecuencias podían ser desastrosas, dende o punto de vista social, medioambiental,  e de riscos de saúde para a poboación… Nese estado de axitación, ningún goberno podería conter e ordenar a actividade, nin a participación da xente. Pensei que participar podía ser unha forma de restituír o dano que estaba a sufrir o mar, as praias e a forma de vida dos pobos da costa de Galicia. Polo que, tamén formaba parte dun dolo pola perda.

Compartín todos estes motivos coa Xefa do Servizo de Voluntariado e tentei influír para promover que a Administración, é dicir a Xunta, asumise a xestión do Voluntariado como unha necesidade ineludible.

Felicitas Rodríguez, estaba de acordo e como Responsable do Servizo do Voluntariado expuxo e mediou coa Consellería de Asuntos Sociais; cando esta lle deu luz verde a finais de novembro, ela puxo como condición que fose eu quen o dirixira. E así foi como mediante un “préstamo interconsellerías” asumín a Dirección Técnica do Programa de Voluntariado da Emerxencia Medioambiental do Prestige, que durou dende decembro do 2002 ata mediados de xullo do 2003.

  • Como se organizou este programa de voluntariado? Que profesionais estaban na equipa de traballo?

A organización e planificación de todo circuíto e da loxística do Programa requiriu un enorme esforzo pola situación de emerxencia e pola complexidade de poñer en marcha nese contexto, unha organización en rede entre distintas administracións, que fose dinámica e flexible, para poder adaptarse en tempo real ás necesidades cambiantes de cada concello e ao mesmo tempo que puidese traballar con previsión de necesidades de voluntariado segundo a evolución da chegada do fuel nas distintas praias. A pesar do traballo intenso e da dispoñibilidade de medios que se puxeron por parte da Xunta de Galicia e do Goberno de España, levounos máis de 15 días organizar toda a arquitectura do programa do Voluntariado.

A metodoloxía do traballo foi deseñada co apoio absoluto de Felicitas e da equipa de coordinadoras e apoio técnico, coas que xa tiñamos experiencia de traballo conxunto, ben porque foran alumnas de Traballo Social, estaban a facer o curso de experto/a en Dirección e Xestión de Voluntariado, do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, curso que eu mesma dirixía, ou profesionais con experiencia en xestión de voluntariado. A metodoloxía en rede, baseado nunha coordinación multisectorial, propia do traballo social, e o estudo e coñecemento dos recursos comunitarios de cada concello, para definir onde podían durmir (prazas de hoteis e polideportivos, colexios, albergues…) as persoas voluntarias, foi a base dunha aplicación de xestión única do Voluntariado que se define e que nos permita optimizar eses recursos, estiveran nun concello ou noutro. Esta parte do estudo de campo e dos recursos dispoñibles a nivel comunitario en cada concello, foi esencial para o bo funcionamento do programa.

Por outra banda, deseñouse e púxose en marcha unha Liña 900 (900 400 800) que funcionaba 10 horas ao día de xeito continuado, os todos os días da semana de maneira ininterrompida ata o fin do programa, con 20 operadoras. Este servizo era moi importante porque era a voz que respondía as demandas de voluntariado, informaba e xestionaba as inquedanzas da poboación, polo que tiñan que ter información actualizada, e a previsión de necesidades de limpeza por concello e praias, para a asignación de voluntariado e coñecemento de postos de actividade dispoñibles en cada praia, así como de todo o necesario para levar a cabo a actividade, incluídas as limitacións por problemas de saúde, o número de pé para ter as botas co número axeitado para cada voluntario/, intolerancias alimentarias, seguro de responsabilidade civil, etc.

Para elo, deseñouse unha aplicación informática de xestión que recollía toda esta información das persoas voluntarias que participaron, nun rexistro único de voluntariado.

Por outra banda dividiuse a costa afectada en 8 zonas con responsables de área para cada zona na consellería (2 quendas por día) e outras para os concellos afectados, que actuaban de interlocutores e coordinación local.

A sección de seguro de responsabilidade civil encargábase de que todas as persoas que acudían como voluntarias tiveran a cobertura do seguro. E a sección de doazóns, que se organizou nunha nave de Correos no aeroporto de Santiago.

Moi importante foi, tanto a contratación, como a formación do persoal, cun predominio de traballadoras e traballadores sociais nos postos de coordinación das áreas, pero tamén outros profesionais de moi diversos perfís, con formación universitaria e con formación básica, dependendo da responsabilidade.

A parte de coordinación interinstitucional, que liderou Felicitas como Responsable do Servizo do Voluntariado, asinando acordos de colaboración para a xestión delegada do voluntariado e a promoción do mesmo organizado en grupos, foi esencial para o desenvolvemento do programa de voluntariado. Neste senso, fixéronse acordos coas diferentes CCAA, coas Universidades galegas e con Universidades de fóra de Galicia, coas 7 principais cidades galegas, con entidades de xestión de voluntariado de grandes cidades de España, con colexios profesionais, con asociacións medioambientais, como ADEGA, con colectivos especiais, como o de bombeiros, con prisións, con empresas, embaixadas, consulados, etc.  

O funcionamento en rede cos Concellos, a canalización das demandas de participación de xeito organizado e a análise das incidencias, incorporadas como procesos de mellora, foron as claves de que todo funcionase ben. Xestionando a primeiros de xaneiro do 2003, entre 4.000 e 6.000 voluntarios diarios, con todo o necesario a dispor: Epis, botas, lugar onde durmir, bocadillos a media mañá nas praias atendendo as intolerancias  alimentarias, seguro de responsabilidade civil, recepción, traslado ás praias, etc. 

  • A xestión do programa de voluntariado para o limpeza do fuel que transporta o barco foi utilizado no debate entre forzas políticas e de aí pasou a ser un debate social. Como vivistes dende o voso papel técnico esta situación?

O conflito entre o técnico e o político foi o aspecto máis difícil de manexar de todo o proxecto; por unha banda nós eramos técnicas, mulleres, e no meu caso era unha axente externa á Consellería de Política Social, ocupando un lugar de poder de decisión, mais sen vinculacións políticas nin administrativas atendendo ao organigrama da Consellería. Así que, dirixía seguindo criterios técnicos, que non sempre se entendían nos tempos que marca a emerxencia; ou xeraban desconfianza, medos,… por exemplo o gabinete dos responsables políticos, tiñan outros códigos, outras prioridades, outras formas de facer, de valorar e de comunicar…

A diferente cor política dos concellos tamén foi un atranco ás veces, porque nos dificultaban a información e a recollida de datos sobre a participación do voluntariado, como forma de protesta. A presión política que había e a miña falta de experiencia neste eido, supúxome un gran desgaste persoal e algún dilema ético cando unha vez posto en marcha todo o circuíto de xestión e pasado a crise do primeiro mes e medio do accidente, se fai unha reorganización da Consellería e cambian todos os Responsables políticos, afectando a postos técnicos decisivos, como a Xefa do Servizo de Voluntariado, Felicitas Rodríguez. Estes cambios respondían a claves políticas, difíciles de entender dende o técnico e o humano, mais implicaron que o Programa do voluntariado quedara reducido a unha mera xestión administrativa, funcionando á perfección por si mesmo, pasando a ser o importante a entrega dos bocadillos e as campañas de “conciencia solidaria”, como parte dunha segunda fase de cara á restitución ou inicio da volta á normalidade e diminución do impacto social, tamén no persoal de xestión. Esta fase era precisa, pero faltou o coidado de todo o persoal que estivemos con dispoñibilidade as 24 horas do día durante moito tempo, incluído os días do  Nadal e fins de semana que traballamos e vivimos baixo a presión social e política. Faltou o recoñecemento da labor feita e o non borrado da equipa de traballo do programa de voluntariado no informe de actividade final, onde consta como autoría os responsables políticos que pecharon a etapa post-emerxencia, que non foron parte da definición e posta en marcha do mesmo Programa de voluntariado.

Neste proceso e tralo cese da miña mentora, Felicitas, despois de afrontar o dilema ético que me supuxo, decidín quedarme para velar polo funcionamento do programa e “ver”, ser testemuña; eu tamén necesitaba “pechar” e aínda que finalizase invisibilizada, non quería inhibirme. A aprendizaxe non tivo prezo, mágoa que non se puidesen aproveitar os datos dende unha perspectiva sociolóxica, e que non se replicase a metodoloxía para outras catástrofes, nin se publicase ningún artigo científico desta experiencia de traballo ecosocial. Entendo que dende o político, o voluntariado foi unha carga que se asume de xeito “obrigado”, e era algo que non lles facía sentir orgullo, senón mais ben o contrario, non chegando a entender o importante que foi a participación social para a saúde mental da poboación, para os pobos e as súas xentes. Por este motivo, tentaron agochar esta   experiencia de traballo en rede e da articulación dos recursos comunitarios, quizais a maior experiencia de colaboración entre administracións, organizacións sociais e a sociedade, arredor dun programa de reconstrución dos efectos dun desastre medioambiental .

  • Durante esta emerxencia, e que se repite en outras posteriores, hai persoas que manifestan unha necesidade de participar, reclamando o dereito a facelo aínda que non concorran as circunstancias mínimas para facelo de xeito eficiente e coordinado. Que reflexión fas a posterior de este fenómeno?

O impulso solidario e a necesidade de participar nas situacións de emerxencia é un valor positivo en si mesmo, e está demostrado que nos primeiros momentos salva moitas vidas e non se debe desbotar as capacidades das propias persoas afectadas e da cidadanía. Pero o problema e cando a administración e os poderes públicos non actúan con axilidade, entón esta participación social, sen estar organizada e sen condicións de seguridade e eficiencia, pode xerar consecuencias negativas e non desexadas, polo que non debería permitirse. Mais tampouco se debe desbotar a forza e a enerxía social en situacións de emerxencia, quizais haxa que coordinar os dous eidos, a forza e a dispoñibilidade humana, traballando e respectando as indicacións técnicas, e o papel político das administracións, que terían que actuar desde o momento cero e contar con profesionais e equipas con experiencia e liderado, cuxas decisións técnicas terían que ser respectadas a pesar dos posibles custes políticos, con comités de ética de emerxencias que velen polo bo facer. Isto pode ser unha utopía na época da posverdade e da polarización política na que vivimos, pero é preciso para sobrevivir como sociedade, só a través da colaboración, da ética e do traballo conxunto é posible avanzar. Aínda que ás veces os erros nos fagan retroceder décadas. 

  • Cal é o sentimento máis presente cando lembras aquela etapa?

A nivel profesional teño un sentimento ambivalente; de orgullo e felicidade por suposto, polo encargo e por ser capaz de levalo a cabo, grazas á confianza e ao liderado de Felicitas e á equipa de profesionais que participou no programa. Tamén sinto tristura pola perda de oportunidade para utilizar este coñecemento e esta metodoloxía, para outras situacións de emerxencia ocorridas e futuras, neste tempo de incertezas e novos riscos que estamos a vivir. Tampouco sabemos que foi deste material, se está arquivado e resgardado, ou se foi destruído ou perdido nalgún cambio de competencias entre consellerías, sen ter en conta o seu valor, como experiencia que sitúa ao Goberno galego como referente na xestión de grandes mobilizacións sociais ante unha emerxencia medioambiental, no que houbo máis de 320.000 accións voluntarias rexistradas ao longo de máis de 7 meses participando na limpeza das praias e colaborando na restitución dos efectos do desastre nas costas de Galicia.

Pero sobre todo, sinto satisfacción polo traballo feito, pola equipa creada e pola resiliencia persoal en contextos adversos, coa sensación de contribuír á nosa profesión de traballo social e ao noso país.

Moitas grazas Luz, por compartir esta información e reflexión sobre a xestión do voluntariado e do rol técnico do Traballo Social na xestión do mesmo en catástrofes ou grandes emerxencias.  Gazas polo teu esforzo.

0 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
Comentarios en liña
Ver todos os comentarios
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x