L. Andaluz: “Abordar a dignidade e a autonomía como concepto clave na atención a doentes ao final da vida, cun sufrimento físico e emocional insoportable é a función principal dos equipos de saúde”
A traballadora social de paliativos, Luísa Andaluz aporta algunhas claves sobre os coidados paliativos e a eutanasia. Arredor dos paliativos parece haber moito maior consenso que arredor da eutanasia. Porén, semella preciso abrir un debate sobre a necesidade de implantación e lexislación sobre esta última.
Cal é o rol da ou do traballador social nos coidados paliativos?
O rol principal é garantir a atención social, dentro da atención integral, baseándonos nos catro compoñentes da atención ás necesidades paliativas, física, emocional, social e espiritual.
É parte fundamental na atención do proceso da enfermidade, atención a un colectivo vulnerable per se, con necesidades que van dende a atención básica de prestacions que garanticen os coidados de dependencia funcional, atención á incertidume, manexo da tristura, desmoralización, medos, expectativas pendentes… A nosa tarefa fundamental é proveer ós doentes, familias e entorno afectivo de recursos propios para mellorar a sua calidade de vida.
Desde o traballo social reclámanse a miúdo os equipos interdisciplinares, son tamén importantes nos coidados paliativos?
Son imprescindibles; a valoración multidimensional é fundamental para a toma de decisións compartidas, para a comprensión total da persoa, familia e entorno, en definitiva para garantir a calidade na atención, e a satisfaccion de todas as partes, incluída a saúde dos propios membros do equipo.
Cales son as necesidades psicosociais no proceso de morrer?
A grandes rasgos podemos definir algunhas necesidades que poden ser xeneralizadas na maioría dos doentes e entornos afectivos que atendemos, como poden ser a necesidade especial de comunicación e información, as relacionadas co significado e impacto da enfermidade diagnosticada, as necesidades que xurden dependendo o estilo de afrontamento da perda, necesidades relativas as fontes de estrés, necesidades referidas ao impacto socioeconómico e o rol do doente no seu contorno, a necesidade de acompañamento emocional. A iso hai que sumar a necesidade principal de control de síntomas físicos, que fan da intervención social unha necesidade xa validada.
Todo isto con especial consideración daquelas situacións nas que se presenten factores de risco como poden ser:
• desestruturación ou disfuncións no funcionamento familiar
• ausencia de coidador/a axeitados
• carencia de rede social de apoio
• precariedade ou vulnerabilidade económica
• vivenda inaxeitada
• carencia de estructuras e/ou recursos de apoio na comunidade ou contorno mais próximo
Un ingreso en coidados paliativos pode desembocar nunha situación de risco para a familia do paciente sen a figura de referencia da ou do traballador social?
O ingreso hospitalario é un cambio significativo na dinámica persoal e familiar dos doentes; se unimos a esta alteración un compoñente de medo, incertidume, información pronóstica ameazante para a vida, a intervención social que acompaña o resto do tratamento e unha parte que suma valor á atención integral, que facilita o tratamento na situación actual e mellora o impacto futuro nas familias e entornos.
Na atención paliativa, debemos tratar, coidar e acompañar desde o ámbito social, lugar xa incuestionable nos equipos de tratamento, evitando que se produzcan situacions de risco social e mellorando e intervindo onde se detecte calquera situación de risco.
Estes días vimos que se mesturaba a escaseza de recursos asistenciais coa eutanasia… O Estado Español debe avanzar na lexislación da eutanasia?
Parece que existe un conflicto ideolóxico que se mestura coas perspectivas morais, ética e legais sobre a maneira de morrer.
O debate sobre a eutanasia leva aberto moitos anos, non se debe debatir sobre un caso concreto, ainda que hai que aproveitar a individualidade para realizar unha reflexión da sociedade. Quizais sexa o momento.
De nada nos servirá aprobar una lei se non levan as conseguintes propostas de implementación, orzamentos, estudos económicos, estudos socioloxicos doutras normas, esta resolverá o conflicto pero non teremos respostas para a poboación afectada.
Abordar a dignidade e a autonomía como concepto clave na atención a doentes ao final da vida, cun sufrimento físico e emocional insoportable é a función principal dos equipos de saúde que se enfrontan con doentes con necesidades paliativas. Evitar a dor innecesaria é o propósito fundamental.
A regularización é unha opción máis que hai que debatir e estandarizar para garantir a toda a poboación os seus dereitos e a lei de eutanasia pode ser un ferramenta de utilidade.
Na actualidade o que podemos é fomentar o uso do documento de instruccións previas que é o documento principal que garante o principio de autonomía, regulado na ”Ley 41/2002, de 14 de noviembre, básica reguladora de la autonomía del paciente y de derechos y obligaciones en materia de información y documentación clínica”.