Isabel Grandal, unha vida dende o Traballo Social
A información que serve de base a esta entrada é un resumo da entrevista que nos concedeu no mes de maio, e que será recollida noutro formato
E
Esta entrada do blog do Traballo Social consiste nun avance do perfil humano e profesional dunha traballadora social coñecida, e recoñecida, por distintas xeracións de profesionais en Galicia. Trátase de Isabel Grandal Nores, traballadora dos servizos sociais da Deputación Provincial da Coruña dende o ano 1973 ate a súa xubilación máis de trinta anos despois. Isabel foi homenaxeada polo COTSG durante os actos de celebración do Día Mundial do Traballo Social 2025 como a colexiada máis antiga en Galicia.
A información que serve de base a esta entrada é un resumo da entrevista de varias horas que nos concedeu no mes de maio, e que será recollida proximamente de xeito máis completo noutro formato.
Isabel, naceu a comezos do 1939, ano no que rematou a guerra civil española. O seu pai alistado como parte da tripulación na mariña pasou no 1938 quince horas na auga despois do afundimento do seu barco. Cando xa carecían de toda esperanza foron rescatados e déronlle un permiso especial de 10 días en Ferrol, neste permiso contrae matrimonio do que tería tres fillos, sendo Isabel a filla maior.
Isabel dinos que é traballadora social, pola súa avoa. Esta muller nos anos corenta visitaba en Ferrol a mulleres sen recursos, moitas delas viúvas que non cobraban ningún tipo de pensión, tamén a pacientes sen familia, que ninguén visitaba no Hospital de la Caridad de Ferrol. Isabel con 8 anos, acompañaba para facer de “limosnera”, era a encargada de repartir froita e galletas no hospital, ou deixar disimuladamente un sobre con cartos na vivenda dalgunha persoa sen medios económicos. Estas lembranzas marcarán a súa vida profesional.
Isabel recorda con moita ledicia a súa infancia, vivía en Ferrol rodeada dos seus tíos e moreas de primos, lembra con moito cariño os veráns e as tardes en familia nas praias de Doniños, aquí namórase da natureza de Galiza, do estilo de vida rural e das costumes labregas, as tradicións e festas.
Os seus pais de mentalidade moi aberta para a época facilitan e danlle prioridade ós estudios dos seus fillos, por iso sendo muller, ten acceso a formación académica. Ela lembra que era a envexa das súas amigas, porque o carácter liberal do seu pai permitiulle formarse con igualdade de oportunidades que as de seu irmán, algo moi pouco habitual nos cincuenta.
Despois de estudar Peritaxe Mercantil en Ferrol e Graduado Social a distancia, descobre nunha revista de acción católica unha nova titulación “Asistente Social”, nunha reportaxe sobre a Escuela de Formación Social y Familiar, coñecida como Escuela de Lagasca en Madrid. Neses anos finais dos cincuenta, o xesuíta Padre Francisco Gómez, promove en Santiago o Patronato que financiara o nacemento da “Escuela de Asistentes Sociales” en Santiago.
Isabel comezará os seus estudios en Santiago coa condición do seu pai que co primeiro suspenso regresaba a Ferrol, rematouna como o mellor expediente da promoción, a segunda desta Escola.
Xa co título, e ante a falta de ofertas de traballo múdase a Madrid cunha amiga a probar sorte e alí, tras uns poucos días na capital comezaría a traballar na empresa “Standar Eléctrica” como asistente social. Nesa época, mediados os sesenta, hai un proceso de industrialización e desenvolvemento das cidades que provoca unha masiva emigración dende as zoas rurais ás urbes en crecemento. A problemática social que todo isto provoca, fai habitual que as empresas tiveran departamentos sociais xa que, os servizos públicos eran mínimos e as empresas prestaban servizos propios en sanidade e axudas sociais e familiares, e polo tanto necesitaban profesionais para xestionalos.
Nesta etapa, tendo a necesidade de completar o seu salario, comezara a traballar coa revista Telva, Isabel era unha apaixonada pola escritura e ofreceu a súa colaboración no medio. Nesta encargáselle o traballo de canalizar e examinar as cartas que enviaban á redacción as lectoras. En España nesa época había moitas rapazas novas que querían estudar pero non tiñan recursos para poder ir a Madrid, e para dar resposta a esta necesidade crea dúas novas seccións: bolsa de traballo e orientación laboral.
Nunha visita á revista da Directora da Escola de Traballo Social de Navarra, ofrécelle ser docente nun curso de Traballo Social no ámbito empresarial, tras o éxito desta formación, e debido a súa paixón pola docencia, é contratada para que se encargue da supervisión das prácticas. Neste traballo introducirá as prácticas nuns novos eidos como o ámbito educativo, escolas, institutos etc., e nas cooperativas de vivenda para o estudo e a valoración social do deseño dos espazos das urbanizacións.
Pasados dous anos decide regresar a Galicia, onde recibe a chamada do director de Caixa de Aforros Municipal de Vitoria, organismo patrocinador económico da Escuela de TS desta localidade, para propoñerlle a dirección técnica deste centro.
Catro anos despois, en 1973 ofértase a praza de asistente social na Deputación Provincial de A Coruña, presentándose a un concurso oposición e converténdose na primeira traballadora Social desta institución. Non sería ata 8 anos máis tarde cando se foron incorporando as outras compañeiras ao departamento, cando pasou a ser a coordinadora do mesmo.
Ate a súa xubilación isabel é unha persoa moi presente na evolución dos servizos sociais da provincia. Durante eses anos asistiu ao nacemento e desenrolo dos servizos sociais municipais, foi membro da primeira comisión cualificadora da Xunta de Galicia para a cobertura de postos de traballadora social para distintos concellos galegos, algún destes abarcarían, como no caso de Ordes ate oito concellos, e as condicións laborais serían moi precarias non contando nin con despacho propio ni medios adecuados para o desempeño das funcións.
Precisamente, coa transferencia das competencias en servizos sociais ás comunidades autónomas, e a posterior atribución da prestación das mesmas ós concellos, Isabel vese na necesidade de defender a existencia dos servizos sociais provinciais redactando un informe en base á lexislación de réxime local, onde as deputacións teñen atribuído o apoio técnico, xurídico e económico ós concellos. Aquí pon en marcha dous programas que serían referentes, un en materia formativa e outro para dotar os servizos sociais de medios adecuados a través dunha liña de financiamento. Isabel lembra “É moi importante coñecer a lexislación e saber exactamente o que di”. Ela estudou a normativa xurídica, e foi capaz de fundamentar a competencia que tiñan as deputacións para garantir o apoio técnico e económico aos servizos sociais municipais. Coa colaboración das compañeiras dos concellos, visualizaron esta necesidade, e a Deputación Provincial de A Coruña dou marcha atrás na súa decisión de desmantelar o departamento de servizos sociais, e non so iso, converteuse nunha das deputacións que máis e mellor soubo promover e apoiar o desenvolvemento dos servizos socias municipais.
Outro dos momentos de grato recordo neste traballo foi a realización do programa de acollemento para as persoas refuxiadas da guerra da antiga Iugoslavia. A intervención que se levou a cabo tivo como elemento diferencial poñer en valor o que estas persoas podían aportar, reforzar a súa autoestima e fomentar a integración na sociedade que acolle. Desta experiencia Isabel escribiu un libro “ Voluntariado social y servicios sociales. Una experiencia de colaboración: Proyecto de ayuda a desplazados de la ex-Yugoslavia”, editado no ano 1994 polo COTSG.
A vez que desempeñaba o seu traballo no organismo provincial, Isabel foi Presidenta da Asociación Rexional Galega de Asistentes Sociais dende 1973 a 1976. Durante a súa presidencia estábase traballando a nivel estatal para darlle forma e conseguir os estudos de Diplomatura Universitaria para o Traballo Social. Nesa época ía a Madrid a reunións que se facían os domingos, aproveitando as noites para viaxar no tren, o que lle permitía volver a traballar o luns. Daquel tempo lembra a relación e colaboración con figuras tan importantes na nosa historia profesional como Patro de las Heras.
Outra das ocupacións colaterais foi dar clase na materia de “Política Social” na Escola Universitaria de Traballo Social de Santiago. A formación das seguintes xeracións de profesionais é unha das ocupacións que máis a fixeron desfrutar.
Un dos fitos que lembra con orgullo foi ter ganado unha bolsa Fulbright no ano 1978. Foi primeira traballadora social en acceder en Galicia, e seguramente en España, a esta bolsa que naqueles anos era a máis importante do mundo. Había dúas modalidades de bolsas, de 4 e de 13 meses, pero non poido coller a longa por unha cuestión de traballo. Se collía a de 13 meses non lle garantían a reincorporación ó posto de traballo. O programa onde participou era o TCIP Twin Cities Internacional Program for yuth and social workes, e lembra esta experiencia como unha das mellores a nivel persoal e profesional.
Con todo, a Isabel ilumináselle a voz cando lembra a súa asistencia a un curso impartido polo Dr. Chan, sobre a entrevista como ferramenta de traballo. Eran os anos que estaba traballando en Vitoria e veu dende alí ate o Hospital Psiquiátrico de Conxo, que estaba en proceso de deixar atrás o concepto e o funcionamento de manicomio. O curso consistiu nun estudo en profundidade da entrevista terapéutica, e nel coñeceu ferramentas como o rol playing ou a observación externa na intervención. Esta formación marcouna a nivel laboral, incorporando a entrevista á súa practica cotiá, naquel momento na supervisión das alumnas de prácticas e posteriormente na Deputación. Considera que a entrevista é a ferramenta máis importante e determinante no establecemento da relación profesional, e reivindica como vía esencial para establecer o vínculo terapéutico coas persoas usuarias.
Agora aos seus 86 anos Isabel, recíbenos na súa casa de A Coruña, facendo un oco entre a súa actividade como universitaria sénior, e a visita da voluntaria da ONCE que lle axuda a levar ás dificultades de visión que lle trouxo a idade. Nesta casa está presente o Traballo Social por case todos los lados, tanto nos libros e na documentación da que se está desfacendo como na decoración, na que reserva un espazo principal para os agasallos que lle fixo este Colexio ao longo da súa vida. Así, a figura coa que aparece na imaxe que acompaña este blog, leva unha placa que nos di que lle foi regalada no 2003 por esta entidade, é dicir polas compañeiras e compañeiros da súa querida profesión.
Grazas Isabel, por todo o que levas feito polo Traballo Social e polos servizos sociais, pola forza coa que encaras a vida, e sobre todo por compartila con nós.