O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Uncategorized

I Informe do Traballo Social en Galicia

Dentro dos actos programados para conmemorar o Dia Mundial do Traballo Social neste ano 2025, destaca a presentación do I Informe do Traballo Social en Galicia. Tratase dos resultados dunha investigación realizada conxuntamente polo COTSG, UVIGO e a empresa INDAGA, que serán presentado na xornada do día 21 de marzo en Santiago.

Co intención de coñecer os motivos, obxectivos, procedemento e resultados, falamos coas persoas que lideraron esta investigación dende as entidades implicadas.

Ana Mª Vilar Varela e Cristina Diaz Mira son vicepresidenta e vogal, respectivamente da Xunta de Goberno do COTSG, e as encargadas de coordinar as tarefas desta investigación dende o Colexio.

  • Ola Ana, Ola Cristina, as investigacións comezan no momento no que xurde a necesidade de levalas adiante. Vos como parte a Xunta de Goberno,  podedes contarnos como nace a idea de realizar esta investigación e cales son os obxectivos que queredes acadar coa mesma?

Ana Vilar. Esta proposta nace como ideario do proxecto da Xunta de Goberno  do Colexio Oficial de Traballo Social  de Galicia dende a anterior candidatura, onde iniciamos os pasos para a súa planificación e execución.

Dende a Xunta de Goberno valoramos como un dos eixes estratéxicos do noso programa , o dispoñer de datos reais, que visibilizaran á situación vivida e manifestada pola profesión e sobre todo, o estado do sistema de servizos sociais, en Galicia,  fundamentalmente nos servizos sociais comunitarios. Dende un inicio, a investigación debería traballarse en rede coa  Universidade, así como con entidades que tivesen experiencia neste tipo de informes, como é o caso da cooperativa  de investigación social, Indaga. O último informe de servizos sociais estatal, que foi elaborado polo Consejo General de Trabajo Social, foi a nosa  folla de ruta para esta investigación, e indaga que realizou o último ISSE coa Universidad Complutense de Madrid, tiña xa unha traxectoria determinada  garantindo a súa  planificación e execución.

Os nosos obxectivos céntranse en realizar un traballo en rede colaborativo coa colaboración dos colexiados /as involucrándoos na metodoloxía, e resultados tendo así un papel activo na emisión do informe final.

Este informe xurde en momentos esenciais para a profesión, pretendemos que sexa un instrumento útil visibilizando información sobre o estado da profesión, tanto para as interesadas como para administracións, entidades, etc.… velando por unha das funcións que esta corporación de dereito público ten encomendada.

  • Cal foi a vosa participación  na investigación?

AV. Dende o primeiro momento a través do grupo de traballo que tiñamos no Colexio formado por un grupo de expertos/as na materia vimos a oportunidade de realizar esta investigación, participando activamente, tanto na planificación, como a coordinación, toma de decisións en estreita colaboración coa universidade e indaga.

Cristina Diaz. A participación, como membros da Xunta de Goberno, estivo centrada na coordinación de tódolos axentes participantes na mesma así como o de velar polo cumprimento do programa co que tanto esta Xunta de Goberno como a anterior planificou, poñendo no centro a importancia de contar con estudios e investigacións rigorosas e científicas ao respecto da situación da nosa profesión en Galicia, xa que consideramos que é dende aí dende onde se deben visibilizar de maneira seria e contrastada as nosas demandas  e retos como profesión.

  • Cal  foi a maior dificultade que atopásedes para levala adiante?

AV. A planificación dos tempos,  que non sempre van acompañados coa celeridade que nos gustaría.Involucrar á maior parte posible da colexiación  para que a investigación se axuste á realidade e incorpore unha mostra representativa.

CD.O deseño da mostra foi quizais a parte que maior traballo e esforzo e levou, xa que tal e como indica Ana Vilar queríamos que fose unha mostra o máis representativa posible das distintas realidades da profesión na nosa comunidade autónoma, tendo moi presentes as características sociodemográficas de Galicia (zona rural vs zona urbana, dispersión xeográfica…) que inciden fortemente no desempeño da nosa profesión dentro dun mesmo ámbito territorial e competencias.  

Doutra banda, tamén o deseño das preguntas da enquisa, xa que debían ser o suficientemente concisas e precisas para dar resultados en áreas de impacto da realidade dos servizos sociais estreitamente vinculados coa nosa profesión e que permitan un análise cuantitativo e cualitativo da situación.

  • Dáse por rematada esta investigación ou hai necesidade de ampliala para coñecer algunha cuestión da que non coñecemos en profundidade?

AV. Non,  este e so o primeiro informe. A nosa previsión é ter unha continuidade e avanzar na obtención de datos non so a nivel profesión senón dentro do sistema de servizos sociais e outros sistemas de protección, que nos permita realizar a comparativa cos ISSE estatais por comunidades autónomas.

Esta investigación vai permitir tamén expoñer ás administracións datos sobre a realidade na nosa comunidade autónoma, poñendo en valor a profesión e o sistema e propoñendo medidas proactivas de cambio ante  quen ten a competencia e a capacidade.

CD. Cremos que a normalización e sistematización das prácticas de investigación no ámbito da nosa profesión permitirá seguir avanzando cara a aposta decidida na necesidade da implantación do Novo Modelo de Servizos Sociais dende a profesión do traballo social que fixo o Consejo General de Trabajo Social e que esta Xunta de Goberno acredita de maneira decidida.

  • Esta é a primeira investigación deste tipo a nivel galego, que destacariades dela  ou do procedemento para executala?

CD. Unha vez feito o traballo e o procedemento, gustaríanos destacar a importancia de contar neste tipo de procesos con colaboradores que contan con moita experiencia e formación na praxe da investigación, tal e como neste caso foron tanto a Universidade de Vigo como a Cooperativa de Investigación Social, Indaga, coas que foi un verdadeiro pracer traballar e coa experiencia de ambas entidades foi moi doado levar ao cabo o proceso e ir da man para conseguir os nosos obxectivos.

  • En que vai consistir a presentación do estudio o día 21 de marzo?

AV. O dia 21  coincidindo coa semana do dia mundial do Traballo Social, presentaremos este informe ante a colexiación, entidades sociais e administracións interesadas.Visibilizar o estado da profesión neste dia, parécenos do máis acertado, xa que como todas e todos somos coñecedores estamos ante un momento moi complicado, onde a esencia da profesión, polo menos nos servizos sociais comunitarios, se está perdendo e dende as administracións nos están desvinculando de moitas das nosas funcione e vulnerando dereitos da cidadanía.

CD. O encontro coa colexiación nun día tan sinalado, onde imos expoñer datos moi impáctantes, vai permitirnos reflexionar conxuntamente sobre os retos que se nos presentan e a busca de sinerxías profesionais para afrontar, con rigorosidade, o noso futuro como profesión.

Manuel Blanco, cooperativista de INDAGA e investigador principal en este proxecto por parte desta entidade .

  • Ola Manuel, en que consistiu a participación de INDAGA neste proxecto?

A participación de Indaga centrouse fundamentalmente en dous ámbitos. En primeiro lugar, ocupámonos da parte metodolóxica, a cal circunscríbese ó deseño da mostra e o control do proceso de recollida de datos, garantindo que os resultados obtidos da enquisa son representativos da situación do Trabajo Social en Galicia. Ademais de ter participado no deseño do cuestionario implementado.

En segundo lugar, contribuímos na realización das análises estatísticas dos resultados da enquisa. O que, concretamente, consistiu en desenvolver un plan de análises de acordo ás hipóteses iniciais que manexábamos, a partir do cal puidemos afondar nas relacións existentes entre as diferentes variables incluídas na enquisa. AS análises obtidos permitíronos tanto recoller unha imaxe xeral do estado do Trabajo Social en Galicia, como explicar as dinámicas que estruturan á profesión e os diferentes contextos e circunstancias nas que esta se exerce.

  • Tendes experiencia neste tipo de investigacións,  explícanos como é a metodoloxía empregada, e si xa tiñades probado antes?

En Indaga temos unha ampla experiencia no desenvolvemento de estudos cuantitativos. Mais concretamente, no que se refire á aplicación deste tipo de metodoloxías ó estudo da profesión do Trabajo Social, tivemos a oportunidade de colaborar  co Consejo General del Trabajo Social (CGTS) e a Universidad Complutense de Madrid (UCM) na realización do IV Informe de Servicios Sociales (ISSE IV).

A metodoloxía implementada neste estudo ha consistiu na aplicación dunha enquisa ás traballadoras sociais colexiadas de Galicia. Para isto, seleccionamos unha mostra de 345 persoas, escollidas aleatoriamente para garantir a representatividade dos resultados obtidos. Esta última cuestión, a representatividade dos datos, foi a nosa principal preocupación dende o punto de vista metodolóxico, sendo conscientes da importancia de xerar unha imaxe precisa da situación da profesión, a partir da cal identificar as problemáticas que nela existen, e dende aí poder expor as alternativas pertinentes.

  • Atopastes  algún problema inesperado o algunha cuestión que queiras destacar?

Non nos atopamos con ningún problema relevante no transcurso  do proxecto. Todo o contrario, ten sido moi agradable e enriquecedor poder traballar co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) e a Universidad de Vigo (UVigo) no desenvolvemento  deste estudo. Ademais, a participación das traballadoras sociais na enquisa foi moi boa, algo que é de agradecer posto que era un cuestionario extenso que abordaba unha grande cantidade de temáticas. De igual xeito, agradecer a colaboración técnica do Colexio para poder realizar a exixente mostra e os rigorosos procedementos metodolóxicos.

Gustaríanos destacar que os resultados obtidos mostran un contexto de grande complexidade dentro da profesión. Existen diferentes visións acerca do Trabajo Social e as expectativas de futuro arredor del. Ademais de existir aspectos da experiencia laboral, como é todo o relacionado coa saúde mental ou as condicións laborais, que xeran unha ampla diversidade de casuísticas. Sendo estes fenómenos de grande interese e en torno ós que podería ser interesante aproximarse dende unha mirada cualitativa no futuro.

Francisco Aguiar Fernández é investigador de UVIGO e docente na titulación de Traballo Social no campus de Ourense,  nesta investigación foi a persoa encargada da parte final do traballo.

  • Ola Francisco, cal foi o teu cometido na investigación que se presenta o venres 21 de marzo?

A participación neste estudo no que ademais de min está implicado un equipo de catro investigadoras da Universidade de Vigo xurdiu como unha necesaria cooperación entre a universidade e a estrutura profesional. O colexio dirixiuse a nós coa inquedanza de afondar no  coñecemento e a información dispoñible sobre a estrutura e as condicións  na que se  se desempeña o Traballo Social no noso territorio e afondar nas experiencias, opinións e  necesidades das e dos  profesionais. As persoas que participamos na investigación temos experiencia no desenvolvemento de estudos previos sobre os efectos das políticas neoliberais e as condicións laborais do Traballo Social que foron publicadas en revistas de Traballo Social de alto impacto internacional. O Colexio de Galicia e outros do Estado xa tiñan colaborado con nós previamente.  Desde un primeiro momento esta  investigación desenvolveuse desde una perspectiva de co-deseño e revisión entre as tres entidades (Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Universidade de Vigo e Indaga), a comunicación e o traballo en equipo foi moi fluído e estamos moi satisfeitos de poder achegar a nosa contribución, sobre todo no deseño e na interpretación dos resultados. A investigación en Traballo Social en Galiza é cada vez máis relevante e cada vez máis traballadoras e traballadores sociais desenvolvemos investigacións no ámbito do Traballo Social en distintos grupos de investigación das universidades galegas, noutros organismos públicos como o Sergas ou mesmo en colaboración con equipos doutras universidades estatais ou internacionais. Sen embargo,  cómpre seguir apostando por investigacións que nos permitan reflexionar sobre a profesión e as condicións nas que se desenvolve, pensadas e realizadas desde o territorio, e que poidan servir para deseñar medidas de acción política e transformación social. Do contrario, a súa utilidade para a profesión resulta moi limitada, e por iso mesmo, as universidades debemos poñernos ao servizo do mundo profesional e traballar conxuntamente.

  • Cal foi a dificultade máis importante que atopastes?

En realidade non houbo dificultades que dun ou doutro xeito non se contemplasen desde un principio. Unha delas ten que ver cos tempos de traballo con respecto ao planificado, xa que, por exemplo, houbo que facer ata seis rondas para chegar á mostraxe representativa formulada, o cal retrasou bastante o cronograma inicial. Quizais as profesionais están saturadas de traballo e non sempre é sinxelo conseguir que participen nos estudos do xeito que nos gustaría. Desde un punto de vista crítico hai que sinalar que a miúdo nas investigacións non se lles devolve posteriormente  os resultados dos estudos nos que participan, e loxicamente isto non axuda. Outra dificultade ten que ver coas limitacións en tempo e  recursos en relación á  ambición coa que foi concibido este estudo. O Colexio precisaba dun mapeo xeral das condicións do Traballo Social en Galicia, comprendendo o conxunto da realidade galega, que como sabemos involucra a sistemas e ámbitos moi distintos, de carácter comunitario e especializado, de distintas entidades territoriais, e tanto das administracións públicas, empresas privadas e terceiro sector. Por este motivo optouse por un estudo cuantitativo e isto está ben como primeira “imaxe xeral” ao non existiren precedentes destas características a nivel galego,  pero non se nos escapa que para afondar nas distintas realidades de cada un destes sistemas, ámbitos e sectores, cómpren outro tipo de metodoloxías mixtas e estudos complementarios de cara ao futuro.

  • Hai algunha cuestión que che chamara a atención dos resultados?

Máis que sorprenderme polos resultados o estudo corrobora moitos dos grandes males que está a padecer o exercicio profesional na Galiza e no conxunto do Estado.  A progresiva privatización e precariedade dos contextos laborais nos que se exerce o traballo social é quizais un dos factores máis preocupantes. O corenta por cento das profesionais colexiadas exercen xa na empresa privada ou en entidades do terceiro sector, e isto, como mínimo, debe de resultarnos inquietante desde o punto de vista ético-político e ideolóxico de defensa  dos dereitos de cidadanía ou do  acceso universal aos distintos servizos de benestar públicos. Ademais esta realidade afecta especialmente ás profesionais máis novas, que polo tanto están a optar en menor medida a emprego público estable e de calidade. Preocúpanme especialmente tamén os procesos de desprofesionalización relacionados cos procesos de xestión de recursos e a burocratización  á que están sometidas ás profesionais e o pouco recoñecemento social e económico en relación á carga de traballo que en moitos casos se asume. Por exemplo, resulta indignante a alta porcentaxe de compañeiras que asumen a coordinación de proxectos ou programas sen complementos específicos ou que un dezanove por cento declare que non percibe remuneración ningunha polas horas extras realizadas. Estes datos non se entenden unha vez mais sen ter en conta as condicións de precariedade, de feminización e subalternidade do Traballo Social, extensible ao conxunto do sector social no contexto das políticas neoliberais.  Esta realidade non resulta sostible nin para as profesionais nin para os propios sistemas de protección, especialmente os Servizos sociais. Un dos principais síntomas do que estou a dicir son as consecuencias na saúde laboral e mental das propias profesionais e os seus malestares subxectivos, tal como tamén pon en evidencia este estudo.

  • Entón, que cres que se pode facer ante toda esta situación, cales serían os seguintes pasos?

Como dixen anteriormente, as investigacións deben servirnos e ser útiles para a análise e sobre todo para orientar as accións que sirvan para transformar e mellorar as situacións. Quizais a valía mais importante deste estudo é ofrecer datos que moitas veces nin sequera se facilitan dun xeito claro e transparente desde as propias administracións e entidades responsables.  Na miña opinión, se non somos quen como profesionais de organizarnos e tomar medidas para loitar pola mellora das nosas propias condicións laborais e sociais, dificilmente estaremos en condicións de loitar polos dereitos doutras persoas e o conxunto da sociedade. Nós temos un coñecemento privilexiado das condicións de precariedade e falta de recursos humanos e económicos nas que se están prestando os servizos e as intervencións, e polo tanto a obriga de visibilizalas socialmente. Unha das cuestións que máis me preocupan é que as propias profesionais terminemos por asumir como principais ou identitarias as funcións xestoras ou técnico-instrumentais ás que as tensións e a precariedade presentes nos sistemas e contextos laborais nos teñen abocado, nesa relación sempre latente entre sistema e Traballo Social. Vémolo tamén no estudantado que termina por asimilar e normalizar este tipo de Traballo Social.

Sen embargo, sabemos que o contexto de crise civilizatoria, ecosocial e política que estamos vivindo, vai precisar máis ca nunca dun Traballo Social crítico de carácter holístico, baseado na ética e nos dereitos humanos e marcadamente politizado. Por iso agardo que a profesión en Galiza se reorganice e se tomen todo tipo de medidas de acción e presión na defensa das políticas e servizos sociais e  as condicións laborais da profesión. Penso que actualmente o Colexio está realizando un importante esforzo por desenvolver accións nesta dirección, pero a nosa profesión non é allea á crise de participación e acción política. A  colexiación temos que involucrarnos máis, reaccionar con vehemencia e mobilizarnos.