O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Emerxencias

GIES: a resposta social ás emerxencias en Galicia

Se botamos a vista atrás, podemos lembrar numerosas intervencións do Traballo Social no ámbito das emerxencias e das grandes catástrofes, como os atentados do 11M en Madrid no ano 2004; os atentados de Las Ramblas de Barcelona e Cambrils en 2017; o terremoto de Lorca en 2011; as inundacións en Los Alcáceres (Murcia) en 2019; a erupción do volcán Cumbre Vieja na illa de La Palma en 2021; ou, máis recentemente, a DINA de 2024 en Valencia.

Na actualidade, son dez as comunidades autónomas que contan con Grupos Operativos de Intervención en Emerxencias Sociais: Aragón, Cataluña, Madrid, Estremadura, Comunidade Valenciana, Andalucía, Murcia, Baleares, Canarias e Galicia.

O Traballo Social é esencial neste tipo de situacións. O nacemento do GIES supuxo a ampliación dos recursos cos que conta o 112 e permitirá dar unha atención integral á poboación

O proxecto do GIES iniciouse xa hai tempo, pero estivo parado por mor da pandemia da COVID. No 2024, trala DINA que tivo lugar en Valencia, tivemos varias reunións coa Dirección Xeral de Emerxencias que deron lugar á creación deste grupo de Traballadoras Sociais especializadas na intervención en emerxencias e grandes catástrofes.

O 19 de marzo de 2025 foi un día histórico para o COTSG e para a nosa profesión. Por primeira vez, o Traballo Social pasa a formar parte estrutural do sistema de emerxencias en Galicia. Ese día, a nosa presidenta, Miriam Rodríguez Sierra, asinaba o convenio de colaboración entre o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e a Xunta de Galicia, en materia de protección civil. A duración inicial do convenio é de catro anos, ata o 31 de decembro de 2028, con posibilidade de prórroga.

O principal obxectivo do convenio é establecer as bases de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Emerxencias, e o COTSG, para apoiar ás autoridades competentes en materia de protección civil na prevención e intervención ante emerxencias. Esta colaboración abrangue, ademais da intervención directa en situacións de emerxencia, a planificación de medios e recursos, a elaboración de informes técnicos, a organización de actividades formativas e a participación en simulacros.

Durante os meses de abril e maio de 2025, o COTSG impartiu unha formación en liña de 30 horas de duración na que se abordaron conceptos xerais, a normativa vixente, as fases da emerxencia, así como o perfil, as capacidades e as competencias das profesionais do Traballo Social. Tamén se trataron cuestións relacionadas coa intervención social no duelo, o apoio psicosocial e a orientación e xestión de recursos. Ademais, organizáronse dúas sesións formativas presenciais, celebradas na EGAP (Escola Galega de Administración Pública) e na Academia Galega de Seguridade.

No último trimestre do ano 2025, o GIES participou en dous simulacros de accidentes aéreos nos aeroportos de Vigo e A Coruña, así como nun simulacro de vertido químico de metanol e noutro de incendio con nube tóxica na fábrica de FORESA, en Caldas de Reis. Estes simulacros foron organizados pola Dirección Xeral de Emerxencias, no marco do PLATERGA, e contaron coa participación das voluntarias e dos voluntarios do GIES, en colaboración coa AXEGA 112, o 061, os Bombeiros, a Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Local, Protección Civil, Cruz Vermella e o GIPCE.

Cando se produce unha emerxencia ou catástrofe de nivel 2, o CIAE 112 contacta telefonicamente co coordinador do GIES para proceder á súa activación. A continuación, este informa á Xunta de Goberno e actívase ás compañeiras e compañeiros do GIES que se atopen máis próximos ao lugar da emerxencia.

Para formar parte do GIES é obrigatorio estar colexiada e ao día nos pagos das cotas do COTSG. Ademais, é necesario asinar un documento de compromiso, contar cunha formación mínima de 100 horas e participar nos simulacros aos que se lles convoque.

A previsión inicial era contar cun grupo dunhas 50 persoas. Finalmente, fixeron a formación 87 traballadoras sociais. Para este año 2026 temos previsto dar formación para que se incorporen todas as traballadoras que queiran.

Cando se produce unha emerxencia ou catástrofe, contactamos coas compañeiras que traballan na zona afectada (Concellos, Centros de Saúde, Hospitais…) e ofrecemos a nosa disposición, xa que son elas e eles quen mellor coñecen os recursos e as necesidades das persoas afectadas.

Ademáis, para difundir o GIES e mellorar a coordinación, estamos a realizar unha ronda de reunións coa Xunta, o SERGAS e a FEGAMP, entre outras institucións.

O Traballo Social é esencial neste tipo de situacións. O nacemento do GIES supuxo a ampliación dos recursos cos que conta o CIAE 112 e permitirá dar unha atención integral á poboación. Ven a encher un oco que faltaba por cubrir dentro da intervención nas emerxencias. Era algo que a Dirección Xeral de Emerxencias necesitaba desde moitos anos porque a emerxencia ten unha compoñente social importante, non só antes ou durante, se non sobre todo despois da emerxencia. Como Coordinador do GIES estou moi agradecido polo esforzo e o traballo feito polo persoal técnico do COTSG, especialmente María Olivares, Andrea Alfaya e David Gontán.

A creación do GIES supón un paso decisivo no recoñecemento do papel do Traballo Social nas emerxencias. A intervención social nestes contextos vai moito máis alá da atención inmediata: implica acompañar ás persoas afectadas, facilitar información e acceso a recursos, apoiar nos procesos de duelo, coordinarse cos servizos existentes e contribuír á recuperación persoal e comunitaria tras a emerxencia. Integrar esta mirada social no sistema de protección civil permite dar unha resposta máis humana, integral e eficaz ás situacións de crise.

0 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
Comentarios en liña
Ver todos os comentarios
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x