O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

Falta de profesionais do Traballo Social no ámbito educativo

Entrevista a Ana Sande Rodríguez, traballadora social Do Equipo de Orientación Especifico de Lugo (única praza sen amortizar)

  • En que consisten os Equipos de Orientación Específicos?

A regulación da orientación educativa en Galicia está recollida no Decreto 120/1998 do 23 de abril e na Orde de 24 de xullo de 1998.
Considera a orientación como un proceso que abrangue a toda a comunidade educativa e comprende todo o período de escolarización ata o nivel universitario. Comeza no nivel máis básico co papel do titor co seu grupo de alumnos, un nivel intermedio que sería o Departamento de Orientación, ambos
dentro do centro educativo e un terceiro nivel que serían os servizos externos, o Equipo de Orientación Específico.
O EOE está composto por profesionais do campo da psicoloxía, pedagoxía ou psicopedagoxía, mestres especialistas en audición e linguaxe e traballadores sociais e/ou educadores sociais. Os profesionais da psicoloxía e ou pedagoxía teñen como especialidade: sobredotación intelectual, orientación vocacional e profesional, discapacidades sensoriais, discapacidades motóricas, trastornos xeneralizados do desenvolvemento e trastornos de conduta. Os profesionais de audición e
linguaxe coa especialidade neste campo e os traballadores sociais e/ou educadores sociais no ámbito socioeducativo e familiar.
Teñen carácter provincial e só hai un por provincia.
En xeral as funcións dos EOE, como servizos especializados dentro da orientación, ubicados fóra do centro educativo, van na liña de colaboración cos departamentos de orientación na prevención, atención temperá, intervención, avaliación psicopedagóxica, formación, coordinación con outros servizos educativos e sociais, asesorar na atención á diversidade persoal e sociocultural e colaborar no deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de intervención educativa.

  • Cales son as funcións que desempeñas como traballadora social neste equipo?

Tal como vén recollido na lexislación, as funcións do profesional de Traballo Social serían:

  1. Asesorar aos departamentos de orientación na elaboración de estratexias de actuación para a detección de factores de risco que poidan derivar en situacións socioeducativas desfavorables.
  2. Dar pautas, ou realizar, a valoración sociofamiliar do alumnado que presente problemas que proveñan de factores sociais desfavorecidos e propoñer liñas de actuación.
  3. Colaborar na valoración interdisciplinar do alumnado e cooperar con outros servizos sociais e de saúde para a atención á infancia e adolescencia que lles permitan aos diferentes colectivos da comunidade educativa unha actuación coordinada.
  4. Cooperar cos centros educativos na elaboración de propostas de intervención dirixidas a alumnos con necesidades específicas de apoio educativo derivadas de situación sociais, culturais e familiares desfavorables así como promover a integración das familias e do entorno nas actividades do centro.
  5. Informar sobre os recursos socioeconómicos e culturais da zona de interese para o desenvolvemento persoal e social.
  • Cales son as principais necesidades que atopas no teu día a día coa poboación coa que intervés?

Nas familias, establecemento de normas educativas, disciplina, expectativas desaxeitadas, non conciencia do problema. Dificultades na comunicación intrafamiliar, conflitos familiares e/ou interxeracionais, carencias afectivas. Historias negativas de crianza e apego nas figuras paternas, historias persoais complexas e problemáticas non resoltas. Condutas de carácter marxinal en algunha ocasións. Problemas emocionais. Admisión de alumnado que solicita reserva de praza por necesidades específicas de apoio educativo, escolarización de estranxeiros, ditames de escolarización.

No alumnado, condutas de negativismo, hiperactividade, inadaptación, dificultade na asunción de normas, actitude negativa ante o estudio e falta de hábitos, problemas emocionais, risco suicida nalgún caso.

  • Cal é a situación actual do Traballo Social nos equipos de orientación específicos?

A lexislación, no Decreto de Orientación, contempla a figura do Traballador Social dentro da
composición dos Equipos. Na actualidade, a única praza cuberta é a do Equipo de Lugo, no resto
dos EOE xa se amortizaron.

  • Cal é a importancia dos EOE no ámbito educativo?

Considero que os EOE son moi necesarios como servizos máis especializados en determinados ámbitos, para axudar, colaborar e complementar a labor dos Departamentos de Orientación, o que redunda, sen lugar a dúbidas, na mellora da atención á diversidade nos centros educativos. A especificidade das problemáticas que se poden dar nos centros, a mellora da convivencia e do benestar, a detección e atención temperá e a labor mediadora entre familia-centro-outros servizos, os Equipos de Orientación Específicos teñen un papel importante na engrenaxe da orientación.

  • Por que é esencial o Traballo Social no ámbito educativo? Baixo o teu punto de vista.

Considero que o Traballo Social é un apoio importante tanto nos centros educativos como no Equipo de Orientación Específico, pois contribúe a abordar as situacións de vulnerabilidade sociofamiliar, facilitando a integración do alumnado pertencente a minorías, detectando situacións de risco (maltrato infantil, abuso sexual, problemas emocionais, problemáticas sociofamiliares) e favorecendo a participación das familias.

Seguimento individualizado do alumnado máis vulnerable, apoio e seguimento. Comunicación directa entre o centro educativo, familias administracións e outras entidades. Colaboración e coordinación cos equipos docentes, cos departamentos de orientación, cos concellos, redes socioeducativas e implicación das familias no entorno escolar. Atención aos problemas de benestar emocional que afecten ao seu desenvolvemento educativo integral, involucrando ás familias. Revalorizar a función educadora da familia, promovendo a súa participación responsable e activa no proceso educativo. Asesorar á comunidade educativa na solución de situacións difíciles dos estudantes. Participación na elaboración de programas de seguimento e control do absentismo e en coordinación con outros servizos.

  • Se puideses facer unha petición ás administración públicas neste senso, cal sería?

Que se teña en conta o perfil de Traballo Social como profesional tanto dentro dos centros educativos como nos Equipos de Orientación Específicos, necesarios e complementarios a outros profesionais no ámbito educativo.