Dirixindo un CIM dende o Traballo Social. Yolanda Villaverde Gondar, CIM de A Guarda
Yolanda Villaverde Gondar é traballadora social e directora do CIM da Guarda dende o ano 2003. Isto representa un feito destacable, xa a función de dirección esta ocupada na maior parte dos centros por profesionais de outras titulacións. Ao longo destes anos Yolanda veu como a atención que se presta dende os CIMs foi cambiando e adaptándose ás demandas da sociedade, pero tamén como a figura profesional do Ts foi perdendo presenza nestes recursos de atención ás mulleres. En Galicia na actualidade hai 84 CIMs municipais, de distintas dimensións, e so 10 contan no seu cadro de persoal cunha traballadora social.
” É prioritaria a existencia de axudas económicas inmediatas, de recursos habitacionais inmediatos e outro aspecto fundamental que hai que eliminar é o maltrato institucional do que son vítimas moitas das mulleres e crianzas ás que atendemos.“
- Ola Yolanda, moitas grazas por colaborar co COTSG para este blog. A primeira pregunta é que nos contes dende cando estas traballando no CIM de A Guarda e como accediches ao posto de directora?
Ola, en primeiro lugar darvos as grazas, por convidarme a participar e dar visibilidade á figura da traballadora social nos CIMs.
Eu comecei a traballar no CIM da Guarda no ano 2003 de forma continuada ata a actualidade, e a maneira de acceder foi a través dunha convocatoria publica. Este era o sector da intervención social no que quería traballar, e antes de acceder a este posto comecei colaborando como voluntaria no CIM de Caldas, onde tamén a directora é traballadora social. Despois logrei unha bolsa para traballar no CIM de Vigo de onde pasei xa á Guarda.
- Cando naceron os CIM non había regulación específica ao respecto, a única norma eran as convocatorias anuais de subvención para o seu mantemento. Que significou a publicación do Decreto 182/2004 para a presencia do traballo social como figura profesional nos CIM?
A raíz dese Decreto, onde se regulaban as figuras profesionais que debían formar parte dun CIM, esixiuse que o posto de dirección tiña que ser desempeñado por unha titulación universitaria superior, preferentemente en humanidades ou ciencias sociais. Esta esixencia supuxo un gran golpe para a nosa profesión, xa que en moitos dos CIMs onde había traballadoras sociais exercendo como directoras deixaron de selo e freou a nosa contratación xa que non se nos consideraba profesionais necesarias no cadro de persoal. Só quedaban exentas desta premisa aquelas profesionais que estiveran desempeñando as funcións de dirección con anterioridade ao 1 de xaneiro do 2004. Este foi o meu caso, polo que na actualidade, esta situación determinou a que sexa unha das poucas compañeiras que exerce como directora e traballadora social.
- No ano 2016 publicouse un novo regulamento que establece requisitos e procedementos para o recoñecemento e acreditación dos CIM. Esta normativa significou algún cambio para o Traballo Social nos CIMs?
O novo Decreto que regula aos CIMs ao igual que o anterior, fala dun persoal mínimo que é: unha Directora, unha psicóloga e unha asesora xurídica, pero xa non limita o posto de Dirección a posuír unha titulación Superior, fala dunha titulación universitaria de Grao ou titulación equivalente, preferentemente da área de ciencias xurídicas e sociais ou da área de ciencias da saúde, polo tanto aquí si que ten cabida o Traballo Social. Neste senso, este Decreto si mellorou en relación ao anterior, pero nel continúa sen recoller a figura profesional da/o traballadora/or social como persoal obrigatorio do CIM e si recolle especificamente que a psicóloga e a asesora xurídica poden compatibilizar as súas funcións coas de Dirección.
- Cantas profesionais traballades no CIM da Guarda? Sodes as mesmas dende o inicio ou modificouse o cadro de persoal?
O CIM da Guarda está composto por tres profesionais: unha psicóloga, unha asesora xurídica e unha traballadora social- directora do CIM.
O CIM da Guarda naceu no ano 2000, e desde o ano 2003 somos as mesmas profesionais, non se modificou o cadro de persoal, esta circunstancia repercute positivamente nas usuarias atendidas, xa que dada a natureza do servizo é primordial crear un clima de confianza e de continuidade terapéutica e que as usuarias non se vexan obrigadas a contar a súa historia a diferentes profesionais de cada vez.
Quero resaltar que desde o ano 2008 tamén contamos co apoio dun psicólogo infantil. Non está dentro do cadro de persoal do CIM propiamente dito, pero si adscrito a un programa de intervención con mulleres e as súas fillas e fillos en situación de especial vulnerabilidade.
Este programa foi pioneiro no seu día, porque desde o CIM da Guarda sempre entendemos que non se podía traballar coa muller como ser illado, era preciso facer unha intervención coa familia, neste caso coas súas fillas e fillos, que na maioría das veces son vítimas directas das situacións de violencia ou situacións familiares conflitivas, polo tanto é preciso intervir con toda a unidade familiar para poder ofrecer unha atención integral no tratamento da violencia contra as mulleres.
- Segundo a túa experiencia, cales son as funcións que realiza unha traballadora social nun CIM inherentes a súa titulación?
Todas as que aparecen recollidas no Decreto, son funcións para as que unha traballadora social esta perfectamente capacitada pola súa formación, e algunhas son propias da profesión. Podedes valorar pos vos mesmas, son as seguintes:
- Atención específica ás mulleres vítimas de violencia de xénero e, de ser o caso, ás fillas, fillos e persoas menores ao cargo da muller vítima, ou maiores dependentes, facilitando o acceso aos recursos existentes na Comunidade Autónoma, incluíndo a xestión urxente cos servizos policiais, sanitarios, psicolóxicos, xudiciais e sociais que sexan oportunos.
- Atención específica a mulleres en situación de especial vulnerabilidade co obxectivo de mellorar a súa situación persoal, social ou laboral.
- Información sobre os recursos dispoñibles no seu ámbito territorial e, se é o caso, área de influencia.
- Difusión e sensibilización cidadá acerca da vixencia e aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes e da necesidade da consecución de igualdade de dereitos e de integración social do colectivo LGTBI.
- Funcionamento como canle de comunicación entre as persoas usuarias e os distintos organismos que teñan competencias en materia de muller e igualdade e atención e integración do colectivo LGTBI.
- Información sobre cursos, estudos e xornadas en materia de igualdade de oportunidades, tanto no ámbito de xénero como para o colectivo LGTBI e, en especial, difusión de actividades e servizos desenvolvidos polo órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Realización de relatorios, encontros, xornadas e obradoiros sobre temas de especial incidencia na consecución do principio de igualdade, tanto no relacionado co xénero como coa temática da diversidade sexual.
- Actuacións de dinamización levadas a cabo por persoas expertas en xénero e igualdade, cara á integración da perspectiva de xénero nos programas e actuacións que desenvolve a entidade local, así como o establecemento de canles de comunicación e colaboración con outros axentes presentes no territorio e que poidan ser de interese para o desenvolvemento das actividades do centro no ámbito educativo, sanitario, etc.
- Recepción de denuncias e queixas en materia de discriminación por razón de xénero ou por razón da identidade ou orientación sexual no ámbito da publicidade e nos medios de comunicación e traslado destas aos órganos competentes.
- Fomento do asociacionismo e da participación das mulleres en todos os ámbitos.
- Colaboración co órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia naqueles casos en que este órgano o demande para a atención ás persoas usuarias e para a promoción da igualdade de xénero, no exercicio das súas competencias.
- Colaboración e coordinación con outras administracións públicas que poida redundar na mellora da atención ás persoas usuarias.
- Impulso para a constitución e funcionamento das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero como mecanismo útil para a harmonización de todos os axentes e entidades implicadas na loita contra a violencia de xénero.
- Calquera outra actividade que se adecúe ao obxectivo prioritario da consecución da igualdade, sobre todo nos ámbitos laboral e social.
- No teu caso, ademais es a directora, é fácil a compatibilidade dos dous roles?
A miña resposta é un si rotundo, dada a nosa formación, entendendo o Traballo social como a profesión máis acaída para desempeñar o posto de dirección, porque o noso currículo como traballadoras sociais abrangue todas as funcións que recolle o Decreto.
- O feito de que a titulación universitaria do Traballo Social fora unha diplomatura, supuxo algún problema para coordinar a compañeiras licenciadas?
Non supuxo en ningún momento problema, todo o contrario, somos un equipo interdisciplinario moi cohesionado, que levamos traballando desde hai 23 anos xuntas, e as funcións de cada unha das profesionais está moi ben definido e delimitado.
- Como vos coordinades cos servizos sociais comunitarios? Facilita a túa profesión esta coordinación?
Existe unha coordinación moi estreita coas compañeiras traballadoras sociais dos servizos comunitarios dos concellos aos que atende o CIM.
O CIM da Guarda é de titularidade municipal, pero ten ámbito comarcal, atende a poboación da Comarca do Baixo Miño, que comprende cinco concellos (A Guarda, Tomiño, O Rosal, Oia e Tui).
Existe, como comentaba, relación e coordinación tanto coas traballadoras sociais como coas educadoras familiares dos servizos sociais comunitarios dos concellos que atendemos.
Considero que ao ser traballadora social e partir dun enfoque social da atención, facilita enormemente a coordinación.
- Cando empezastes a traballar a visión social sobre a igualdade entre homes e mulleres era distinta da actual, dende a túa óptica como foi evolucionando a demanda que atendedes dende o CIM de A Guarda?
Facendo un percorrido por estes 23 anos de traballo ao fronte do CIM é importante mencionar que pasamos por diferentes estadíos. Nos primeiros anos, foi importante incidir no labor de sensibilización e prevención, sobre todo dirixido á poboación máis nova, xa que non existía unha programación nesta área como a que existe actualmente, pero tamén é importante resaltar que a pesar de que hoxe en día xa existen programas consolidados está habendo un aumento na poboación moza, debido a influencia e ó mal uso das redes sociais, de actitudes moi machistas, homófobas e racistas que son realmente onde temos que pór o foco da prevención.
En relación á demanda que atendemos no CIM, si que foi variando ao longo destes anos. Na actualidade aumentou considerablemente a poboación estranxeira que reside na vila, polo que o perfil de atención a mulleres procedentes doutros países en situación de vulnerabilidade, en consecuencia tamén aumentou.
- Un dos problemas máis graves que temos como sociedade é a violencia de xénero, dende a dirección dun CIM que cuestións ves prioritarias para atallar esta sangría de sufrimento e mortes?
Esta pregunta ten difícil resposta, xa que a pesar dos medios que se destinan a erradicar a violencia, á vista está que son escasos, porque os resultados que vemos día a día son moi desoladores. Insisto en que temos que continuar incidindo na prevención e sensibilización da poboación máis nova, son o futuro, teñen que crer firmemente que as relacións igualitarias entre mulleres e homes son o camiño para erradicar a violencia. Tamén é moi importante destacar a necesidade de ofrecer máis recursos, recursos reais e inmediatos.
Teñen que existir axudas económicas inmediatas, recursos habitacionais inmediatos e outro aspecto fundamental no que me gustaría pór o foco é no maltrato institucional do que son vítimas moitas das mulleres e crianzas ás que atendemos.
Este maltrato institucional prodúcese, na maioría das veces no sistema xudicial, onde moitas mulleres séntense xulgadas con preguntas machistas que o único que provocan é unha revitimización. Son vítimas do delito e do proceso.
Está totalmente demostrado que cando unha persoa sofre un trauma e se lle obriga a recordar, doe.
Se o seu cerebro non quere lembrar esa experiencia, parece que a muller minte ou non colabora, e non é así, só quere protexerse, e as preguntas que suxiren que a vítima minte, fan moito dano e aquí volta a revitimización. A súa historia de vida non é validada, e moitas das veces ata chegan a dubidar de si mesmas.
Esta apreciación vén avalada por numerosos testemuños de usuarias que contan, a pesar dos anos, o mesmo relato.
Con formación, coñecemento e empatía por parte dos operadores xurídicos, onde están incluídos os xuíces, xuízas, fiscais e o funcionariado de xulgados e tribunais, pódense evitar moitas destas situacións, onde as únicas prexudicadas son as mulleres e os seus fillos e fillas.
- Por último, o Ministerio de Igualdade esta elaborando unha normativa que regula a figura profesional de axente de igualdade. Dende a túa experiencia consideras que se debe regular unha nova profesión, ou pola contra pode ser desempeñado polas profesións xa existentes mediante a especialización profesional?
Creo firmemente que se pode levar a cabo polas profesións xa existentes, non é preciso crear unha figura específica da figura profesional de axente de igualdade, porque a experiencia avala que profesións da área social, como é a nosa, o Traballo Social, están totalmente capacitadas para desempeñar este posto.
#AgenteDeIgualdadEsEspecialidad O Ministerio de Igualdade esta elaborando o proxecto de lei polo que se regula a profesión de Axente de Igualdade. Dende o Consejo General del Trabajo Social (CGTS), como representante de toda a estrutura colexial, defende que esta é unha profesión científica e regulada, que historicamente vertebrou as políticas públicas de igualdade, a atención ás mulleres, e a atención integral á mulleres e ao abordaxe das violencias machistas.No mes de xaneiro levouse a cabo unha campaña co obxectivo principal de reivindicar que a figura de Axente de Igualdade debe recoñecerse como unha especialidade profesional, e non como unha nova profesión independente, evitando a fragmentación do sistema profesional e a debilidade de disciplinas consolidadas como o Traballo Social. Alertando de que non recoñecer que traballadoras sociais desempeñan dende hai anos funcións de axentes e técnicas de igualdade, pode poñer en risco a calidade e continuidade dos servizos.