O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Uncategorized

Carmen Verde, primeira catedrática de Traballo Social en Galicia

No mes de setembro pasado Carmen Verde, profesora titular de Traballo Social da Universidade de Vigo, tivo a oposición que a converteu na primeira e, por agora,  única catedrática en Traballo Social en Galicia. E como muller, na segunda en España.

Hai que apostar por novas formas de facer Traballo Social que xa están chegando, poñendo o foco nas prácticas profesionais baseadas en solucións, fundamentadas nas fortalezas das persoas e non nas súas dificultades, prácticas máis relacionais, mais narrativas, mais horizontais…

A universidade é unha institución que ten unha organización específica, que non sempre é sinxela de entender, nin de valorar os termos propios que utiliza a nivel docente ou investigador.

Para as persoas alleas ao mundo universitario, debemos comezar explicando que a estrutura administrativa para acadar o grao da nosa profesión da Universidade de Vigo en Ourense sustentase na Facultade de Educación e Traballo Social. Nesta facultade impártense varias titulacións ou graos, Traballo Social é unha delas. A organización do Persoal Docente e Investigador (PDI) estruturase en departamentos, que se subdividen en áreas. O Departamento de Análise e Intervención Socioeducativa, e dentro del a área de Traballo Social e Servizos Sociais, é onde están encadrados as e os docentes que imparten as materias especificas da nosa disciplina. Existen diversas categorías dentro do Persoal Docente e Investigador, PDI, é a catedrático ou catedrática é o cumio da traxectoria profesional, e que poucos acadan.

Pero isto, como o seu nome indica, é so unha parte do traballo do PDI. A investigación é a outra parte fundamental da institución universitaria, os Grupos de Investigación e os Centros de Investigación son os dous xeitos de organizarse administrativamente para esta actividade. Independentemente de que cada docente pode realizar investigacións de xeito menos estruturado e formal.

Esbozada a organización do Traballo Social en Uvigo, imos  coñecer mellor a Carmen Verde, e afondar na dimensión académica e investigadora que ten aparellada unha cátedra.

  • Ola Carmen, antes de nada parabéns por ter accedido á Cátedra de Traballo Social. Cal é a xénese dunha cátedra, cal é o ámbito de decisión que a aproba e como é o proceso para que se concrete? Hai algún limite para cada departamento ou titulación?

Moitas grazas polas felicitacións. A Cátedra é a categoría académica máis alta que pode alcanzar unha persoa na Universidade. É, polo tanto, o cumio dunha carreira docente. Para poder optar á mesma, en primeiro lugar, hai que obter unha avaliación positiva por parte de Axencia Nacional de Acreditación de Avaliación da Calidade e Acreditación, ANECA.  Logo a universidade ten que autorizar a saída a concurso da praza e finalmente celebrase a oposición que, obviamente, hai que gañar.

  • En que consiste o exame para o acceso á cátedra?

Por unha banda, consiste na presentación ante un tribunal composto por tres catedráticos/as do curriculum vitae e da presentación dos documentos xustificativos dos méritos que nel se sinalan, e por outra, na defensa pública dun exercicio no que se explica a experiencia profesional, investigadora, docente, de divulgación e de transferencia de resultados da produción científica á sociedade. Despois hai que presentar e defender un proxecto docente ligado a algunha materia da formación da área de Traballo Social e servizos sociais que eu fixen sobre o “Traballo Social individual e familiar” , e, por último hai que explicar un proxecto de investigación futuro que, no meu caso, ten por obxecto identificar a diversidade familiar para unha mellor atención ás súas especificidades dende diferentes sistemas de protección social, e nomeadamente, dende os servizos sociais.

  • Vendo o teu currículo nas redes, sabemos da túa extensa traxectoria como docente e investigadora.  Que aspecto destacou o tribunal que te xulgou? 

A verdade é que o tribunal fori moi xeneroso e agradable comigo. Sentinme moi respectada. Destacaron a miña persistencia por facer visible o Traballo Social como unha disciplina non soamente de exclusiva intervención social senón tamén capaz de investigar como calquera outra. Destacaron que dende os meus inicios na universidade hai mais de 25 anos ate a creación e coordinación dun Grupo de investigación en Traballo social puxen sempre no centro ao Traballo Social. Tamén subliñaron a miña defensa da necesaria confluencia entre o mundo profesional e o académico, así como a miña constante defensa da profesión en tódolos ámbitos nos que estiven ao longo da miña vida como no Consejo General del Trabajo Social do cal fun vocal durante 8 anos.

  • Que significado ten para unha docente pasar de ser Titular á Catedrática? Que efectos tanxibles supón isto na investigación e na túa vida profesional?

É un premio e recoñecemento público do esforzo feito durante unha vida, e no meu caso, da miña defensa da disciplina e da profesión.

Na práctica diaria pouco cambia porque se segue traballando igual, aínda que “oficialmente” debera ter menos horas de docencia…  Pero certo é que posibilita unha relación con entidades, institucións, outras universidades, e empresas, mais lexitimada pola autoridade que confire unha Cátedra, para promover proxectos de investigación e de intervención social futuros.

  • Para o Grao en Traballo Social, que importancia ten contar con unha cátedra ?

Moita. Pon en valor a nosa formación, a nosa disciplina e, polo tanto, a nosa profesión, situándoa á altura de calquera outra, que non é pouco para unha formación que chegou a nivel de Grao hai tan pouco. Antes de 2010 era difícil imaxinar o Traballo Social co mesmo recoñecemento ou reputación social que, por exemplo, enxeñaría informática ou medicina. Hoxe en día non temos nada que envexarlles, entre outras razóns, porque temos alcanzado os mesmos niveis de formación e de investigación que os demais.

  • Cantas cátedras de Traballo Social hai na Universidade Española?

Aínda moi poucas. Cando eu aprobei a oposición había 11 en activo. Creo que fun a número 12. Nestes meses xa opositaron algúns colegas máis, así que agora debemos ser 14 ou 15 distribuídos en diferentes universidades españolas. Hai algunhas persoas máis xa acreditadas a cátedra pola ANECA pero que aínda non opositaron.

  • Sorprende un pouco que nunha profesión tan feminizada sexas a segunda muller catedrática no estado español, aínda sabendo a resposta, non podemos deixar de estrañarnos?

Sorprende, si. Pero os teitos de cristal existen, especialmente na Academia e aínda non fomos quen -as mulleres- de reverter esta situación. Ao proceder dunha diplomatura isto ten sido incluso máis difícil que noutras disciplinas porque as carreiras académicas son moi, moi longas. E en Traballo Social ten prevalecido a tendencia das persoas tituladas a dedicarse á intervención social directa fronte á xestión e a dirección, por exemplo, ou á docencia e a investigación…

Catedrática en Traballo Social foi Carmen Alemán Bracho, da UNED, quen faleceu no 2024, e está en activo Yolanda de la Fuente Robles da Universidade de Jaén. Así que si, nestes momentos son a segunda catedrática de Traballo social en España. E, se non estou confundida, a primeira titulada en Traballo Social.

  • Entendo que un dos elementos clave para acadar a cátedra foi ser a coordinadora dun grupo de investigación na universidade. Que é un grupo de investigación universitario, que estrutura tendes e en que liñas investigades?

Coordinar un grupo de investigación na Universidade é considerado pola ANECA como un mérito de “liderado”. Así que si, iso influíu na obtención da Cátedra.

Nas universidades os Grupos de Investigación pódense crear se dan unha serie de requirimentos respecto da categoría dos seus membros, do seu número, das súas propostas, etc.

O grupo que coordino chámase Grupo de estudios en Traballo social: Investigación e transferencia GETS-IT e ten, a día de hoxe 15 membros, dos cales dez da Uvigo e o resto doutras universidades.

https://portalcientifico.uvigo.gal/grupos/17831/detalle

Coordino o grupo co apoio de dúas persoas subdirectoras Rubén González e Iria Vázquez, e as principais liñas de investigación e de intervención social que temos se articulan en torna a catro bloques:

1. Traballo Social: Infancia, adolescencia, familia e ciclos vitais.

2. Rol profesional, enfoques e metodoloxías da intervención, e innovación social en Traballo Social.

3. Sistema de coidados, Saúde e Promoción da autonomía persoal.

4. Dereitos Humanos, Igualdade, Xénero, e Deseño de políticas sociais e de proxectos para a inclusión e para a transformación social.

A verdade é que facemos moitas cousas. Investigamos, pero temos unha clara intencionalidade de incidir na práctica profesional. Estamos moi centrados en ofrecer servizos de asesoramento, de supervisión e inter-visión, e ofrecemos solucións concretas como por exemplo, crear unha Apps para móbiles para a coordinación entre profesionais que traballan con vítimas de violencia de xénero, ou analizamos, dende unha perspectiva social, as barreiras dos espazos destinados ao turismo termal para facelos accesibles… Publicamos o ano pasado un libro sobre migracións (Verde Diego, C., Vázquez Silva, I., y González Rodríguez, R. (2024). Trabajo social e intervención social con personas migrantes. Aranzadi) e outro sobre suicidio (Frieiro, P. E González, R. (2024). El trabajo social ante la conducta suicida. Andavira Editora) ambos dende a perspectiva do Traballo Social.

Agora estamos con proxectos relativos á soidade non desexada, o suicidio xuvenil, a accesibilidade, ou á saúde menstrual. Ademais participamos en proxectos con outros grupos, por exemplo, sobre contornas amigables para seren habitadas por persoas con discapacidade.

  • Carmen, cal sería o camiño para unha persoa que queira facer investigación universitaria en Traballo  Social? Por onde comezar e por onde seguir?

Sempre digo que o primeiro que hai que ter é curiosidade, e logo motivación e ilusión por resolver unha necesidade ou unha situación complexa. A partires dese primeiro impulso hai que poñer gañas e traballo, porque investigar esixe horas… Pero para min non hai nada mais satisfactorio que ir descubrindo o por que das cousas e tentar  mellorar, no que poidamos, a vida das persoas. Así que creo que compensa as horas que lle metamos…

Os requirimentos formais esixen obviamente ter feitos os estudos de Traballo Social e logo matricularse nun mestrado (un ano académico) sobre unha temática que nos interese. A partir dese momento, o recomendable é buscar na universidade unha persoa doutora que acepte dirixir a investigación e matricularse nun doutoramento para facer a tese doutoral.

Nestes momentos os membros de GETS-IT dirixen unhas 15 teses con temáticas tan variadas como a violencia institucional contra as mulleres superviventes de violencia de xénero; as dificultades na transición da vida adulta de adolescentes que foron tutelados polo sistema de protección; a mellora das condicións das residencias para maiores en Galicia; as dificultades de acceso á vivenda en Galicia, etc.

  • Para rematar este achegamento, que lle dirías, ou que lles dis, ás novas xeracións de traballadoras e traballadores sociais para estimular o interese na investigación?

Diríalles que son o futuro do Traballo Social. E que nese futuro é imprescindible investigar para facer unha boa intervención social. Non me refiro (soamente) a investigación teórica senón a análise das evidencias da práctica profesional para xerar nova teoría, ou  corrixir á practica realizada para valorar se funcionou ou non…

Diríalles ademais que hai que apostar por novas formas de facer Traballo Social que xa están chegando, poñendo o foco nas prácticas profesionais baseadas en solucións, fundamentadas nas fortalezas das persoas e non nas súas dificultades, prácticas máis relacionais, mais narrativas, mais horizontais… Pero todo isto, non procede  (unicamente) da simple experimentación: hai que indagar, investigar, e aplicar aquilo que demostra que funciona mellor…

Tamén lles diría que vivimos un período con vellos pero tamén novas e complexas situacións: unha maior dualización social económica (tamén política), o incremento de problemas de saúde mental, o difícil acceso á vivenda, o aumento de coidados para unha poboación cada vez máis envellecida, a inclusión das persoas mígrantes, o afrontamento ante os desastres producidos polo cambio climático, a sobre-explotación do planeta, etc.

En resumo, as futuras xeracións de Traballo Social teñen que estar moi ben preparadas para que a nosa profesión siga servindo para mellorar a calidade de vida das persoas e para alcanzar a xustiza social.

Moitas grazas Carmen polo teu tempo e por axudarnos a entender a realidade da vida universitaria e investigadora. Moita forza para sacar adiante todos estes proxectos nos que estas involucrada.

Foto: Carmén Verde no centro, rodeada do tribunal que xulgou a súa catedra.

2 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
Comentarios en liña
Ver todos os comentarios
Carmen
1 mes fai

Grazas ao Colexio por esta entrevista, que tan estimulante pode ser para as novas traballadoras/es Sociais.
A Carmen Verde, coñézoa desde as súas prácticas da carreira e xa daquela se amosaba, inqueda por facer e por colaborar, sempre moi traballadora, todo o cal explica a súa traxectoria e tamén o logro desta Cátedra.
Ademáis a Carme teño que agradecerlle as súas colaboracións nos textos da UNED, xa que a súa man na literatura da nosa disciplina non fala só desde a Academia, ou a investigación de laboratorio, se non tamén desde o coñecemento profundo da práctica profesional.
Muller loitadora, a pesares dos atrancos; isto e o seu tesón están detrás deste logro tan merecido.
Ao fin é unha pioneira, ser a 1ª catedrática de Traballo Social de Galicia, un orgullo para toda a profesión.
Apertas e moita saúde para seguir loitando pola presenza de mulleres nas mais altas instancias da Academia.

Last edited 1 mes fai by Carmen
Carmen Verde-Diego
1 mes fai
Resposta a  Carmen

Moi agradecida por este comentario tan amable!

2
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x