B. Pérez: “A carteira de servizos para a muller rural é totalmente insuficiente”
Belén Pérez é a traballadora social de Mazaricos. Desenvolve a súa tarefa no departamento de Servizos Sociais cunha educadora. Falamos con ela para saber máis da muller rural.
-Como é o traballo da traballadora social rural?
As traballadoras sociais rurais contamos con menos recursos que as das cidades. Por outra banda, a nosa vinculación afectiva coas familias coas que traballamos é moi alta, coñécente, saben quen es. Nas cidades hai equipos grandes, no rural, como moito, traballadoras social e educadora. . Desde o departamento de Servizos Sociais facemos intervención nos domicilios. As traballadoras sociais rurais percibimos perfectamente que a carteira de servizos que a Xunta pon a disposición das mulleres rurais que teñen que atender a maiores e a fillos e fillas é totalmente insuficiente. As coidadoras son sempre mulleres que non saen da casa porque están dedicadas ao coidado doutras persoas. Aínda que hai actividades comunitarias elas non poden, moitas veces, participar, porque están atadas a iso.
-Cales son as demandas fundamentais das mulleres rurais?
As mulleres do rural veñen, sobre todo, por cuestións relacionadas coa dependencia e coa axuda a domicilio. Pero o fundamental é que as traballadoras sociais escoitámolas, somos un desafogo psicolóxico. Do mesmo xeito, grazas ás conversas con elas, moitas veces iniciamos un proceso de apoderamento.
A dispersión da poboación en Mazaricos en particular, que é un concello cunha extensión de 200 quilómetros cadrados e núcleos moi lonxe un dos outros, é outra das cousas á que se enfrontan as mulleres do concello. Séntense illadas porque, moitas veces, non teñen ningún medio de transporte para moverse á capital municipal nin a ningún outro sitio .
-Que percibes que precisan?
O Servizo de Axuda a Domicilio é un recurso que está ben concibido para as súas necesidades, pero é insuficiente. O servizo inclúe acompañamento, realización das tarefas do fogar ou aseo persoal, é dicir, ten que promover a autonomía pero moitas veces pero as técnicas que o desenvolven adoitan estar desbordadas e nós sempre temos lista de espera para a adxudicación de horas. Se se incrementase este servizo ata certo punto as mulleres poderían incrementar a súa vinculación coa comunidade.
Por outra banda, a Xunta debería promover programas específicos para mulleres coidadoras. De feito, a Lei de Dependencia contemplaba formación para coidadoras que xa non lle prestan. A dependencia está totalmente desmantelada para as necesidades da muller rural en Galicia.