A defensa da perspectiva social no Ensino Público.
Isabel Calvete, Presidenta da Confederación de ANPAS Galegas, fala con nós para explicarnos que está a pasar no ensino público e o porque da manifestación por un ensino público de calidade o día 26 de outubro ás 12.00 horas na Alameda de Santiago.
Bo día Isabel, dende o Grupo de Traballo en Educación do COTSG é para nós unha honra poder falar contigo e reflexionar sobre a situación actual na educación coa política de recortes que estamos vivindo neste comezo do novo curso escolar.
O comezo deste curso, sitúanos nun contexto caracterizado por un clima de conflito, motivado polas repercusións da diminución de horario lectivo para primaria e secundaria, a redución de docentes e centros (ORDE do 2 de agosto de 2024 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta consellería nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial.), a escaseza de profesorado e de especialistas para atender a alumnado con necesidades específicas de apoio educativo…. Estamos vendo como as familias, o alumnado, os sindicatos e a comunidade educativa se mobilizan en contra do empeoramento dos servizos e a diminución de recursos que paulatinamente van debilitando a Educación Publica.
- A Confederación de Anpas Galegas participa na convocatoria da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público dunha grande manifestación o día 26 de outubro en Santiago. As demandas que levades facendo dende setembro están sendo atendidas pola Consellería de Educación?
Non, dende finais do curso pasado hai anpas mobilizándose contra os recortes que xa se coñecían naquel momento, e en setembro xurdiron máis. Recortes en especialistas de apoio educativo, fundamentalmente de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, pero tamén no resto de profesionais. A inclusión non é unha meta para esta Consellería.
- Cal é a mensaxe principal que quere transmitir esta mobilización ?
Que as familias non estamos de acordo na política educativa deste goberno, non poden pretender recortar en dereitos das nosas fillas e fillos e que fiquemos calados.
- Observades diferenzas do comezo deste curso 24/25 cos de anos anteriores?
Si, o malestar das familias é máis que xustificado. Non entendemos o pouco compromiso desta administración co ensino público, tampouco o que se pretende con estas medidas. Será sacar ao alumnado con algún tipo de dificultade do seu lugar, das aulas? Dar un motivo máis á xente do rural para que se vaia das aldeas onde ten comprometida a calidade do ensino público?. Estaría ben saber as súas intencións.
- A educación é un dereito fundamental, unha educación de calidade para todas e todos. A día de hoxe os recortes afectan a tódolos centros escolares. Observades algunha diferencia a nivel territorial?. Podemos dicir que hai zonas mais afectadas que outras?
Hai zonas máis prexudicadas, pero os colexios rurais sempre. Todo vai en función do número de alumnas e alumnos do centro, e este é un golpe máis. Nós falamos de nenas e de nenos, non falamos de números. En moitísimos colexios rurais estanse a facer novos agrupamentos este curso. Xa vimos dunha situación de precariedade, onde o normal é que xa tiveramos todos os cursos de infantil agrupados ou en primaria por ciclos, que se compartira o orientador ou PT ou AL con outros centros e que ese persoal fora diferente cada ano. Partimos de ratios pequenas e semella non haber límite para agrupar cursos, xa que modifican os criterios cando lles convén.
- Hai demandas de familias e anpas en moitos centros sobre a atención ao alumnado con necesidades especificas de apoio educativo. Estase cumprindo as condicións mínimas na escolarización deste alumnado?
Non, non se compren, nin se cumpriron nunca. Non é intención desta consellaría de educación traballar seriamente para mellorar as condicións de atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Estamos vendo como se atrasan os informes de avaliación do alumnado, como absurdamente esa atención que precisan ás veces non chega porque eses informes están sen tramitar. Precisamos un sistema áxil para garantir a plena inclusión de todo o alumnado. Por outra banda, ese sistema ten que estar pensado para o alumnado, unha nena ou un neno que ten algún tipo de necesidade o vai ter seguramente durante toda a súa etapa educativa e o especialista ten que estar aí dende o primeiro momento até que o neno ou a nena remate.
- Un dos grandes problemas é a pouca estabilidade de docentes de Pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe, co que implica de falta de continuidade no vínculo e na incerteza da continuidade da praza en cursos futuros. Que medidas propoñedes para resolver esta problemática?
É imprescindible que a administración artelle solucións para resolver esa situación, sexa a través de incentivos económicos, ou de carreira profesional, ou de calquera outro medio que, garantindo os dereitos laborais das docentes, impida ese movemento constante de profesionais. O importante é que a prioridade da atención a esa nena ou neno sexan eles, si se pensa no alumnado seguro que se atopa o xeito de solucionar a precariedade desta atención. Si se pensa en función de criterios economicistas, seguro que non.
- A precariedade que mencionades no corpo docente fai pensar que a abordaxe doutras problemáticas que afectan ao alumnado (sociais, persoais, económicas, familiares, etc.) está aínda máis descoidada. É así?
Un tema que vimos reivindicando dende fai anos é a necesidade da presenza de outros especialistas dentro dos centros escolares que poidan axudar a resolver outro tipo de problemas que ten o alumnado. Até o de agora, non sabemos que haxa ningún tipo de coordinación con eses profesionais.
- A normativa que regula a atención á diversidade do alumnado nos centros docentes de Galicia (Orde do 8 de setembro de 2021) e os protocolos específicos para situacións como acoso escolar, violencia de xénero, menores de familias inmigrantes, prevención do suicidio, maternidade de adolescentes, diversidade de identidade e orientación sexual, alumnado con medidas xudiciais, promoción da igualdade, e atención a necesidades especiais… Está funcionando eficazmente este sistema no que o persoal docente debe atender todas estas cuestións? Que opinades da incorporación doutros profesionais ao sistema educativo para complementar a tarefa que desempeñan?
Son demasiadas cuestións para que se resolvan dende a figura do docente, nin poden ter a preparación para abordalas todas nin é operativo, de aí a necesidade da incorporación ao sistema doutros profesionais.
- Que valoración vos merece a desaparición da figura profesional do traballador/a social dos equipos de orientación educativa específicos?
Una vez máis vemos como o benestar do alumnado non é unha prioridade para esta consellería.
- Cres que se coñece a figura e as funcións do traballo social educativo na comunidade escolar?
Non o suficiente, é preciso dala a coñecer porque todos os días as familias enfrontámonos a situacións nas que non sabemos a quen recorrer . Precisase unha estrutura que de cobertura e apoio dende os centros escolares ao alumnado e familias, e iso non se consigue sen os especialistas necesarios que traballen dentro e fóra das aulas.