O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Grupos de Traballo

“O SAF creouse para un fin, pero nalgún punto do camiño foise deteriorando”

Patricia Fernández é compañeira de colexiación e integrante do Grupo de Traballo de SAF. Ela e as demais colexiadas e colexiados que o integran veñen de publicar dous documentos analizando, por unha banda, o estado do SAF, e polo outra este servizo en relación á COVID19. Falamos con ela sobre estas publicacións.

  • Por que decidides o grupo de traballo de SAF facer este documento?

Fai máis de dous anos xuntámonos  varias coordinadoras e coordinadores de Galicia. Démonos conta que a realidade que estabamos vivindo cada un, en cada concello e en cada empresa, non era algo puntual ou que unicamente nos pasaba a cada un de nos. Vimos que era preciso tomar medidas e facer algo. A única forma, era explicarlle a xente en que consistía todo isto. Puxémonos mans a obra e por fin podemos ver o resultado. Polo o grupo pasaron moitas compañeiras e compañeiros, todos contribuíron a facer de este documento algo real do que estamos moi orgullosos. Agardamos que sirva para que se coñeza a verdadeira cara do SAF e para que cambien as cousas.

  • O título é “A verdadeira cara do SAF”, por que ese nome?

O título é o reflexo do que sucede co servizo de axuda no fogar. Cando falas con alguén que non está metido neste mundo, daste de conta da idea equivocada que ten de todo isto. É máis, hai compañeiras e compañeiros incluso, que pensan que estas cousas están superadas e é evidente, que non, xa que a realidade do que nos contamos neste escrito, afecta a moitos máis dos que poden imaxinar.  O SAF creouse para un fin, pero nalgún punto do camiño foise deteriorando e, hoxe por hoxe, é un barco que se funde, e estamos intentando que abran os ollos para que non suceda.

  • Cales son os eixos máis importantes sobre os que pivota o documento que elaborastes desde o grupo de traballo?

Como sempre dicimos, tocamos todos os paus. Explicamos o servizo, como creemos que debería xestionarse para sacar o mellor partido, os problemas que podemos encontrar no día a día con inspección de servizos sociais, cos propios usuarios, coas empresas, cos concellos. Falamos da problemática que levan sufrindo as coordinadoras e coordinadores de Galicia, con gardas 24h 365dias o ano,  si, hai compañeiros que teñen o telefono de garda ata en vacacións.  Falamos  do incumprimento do convenio en varios artigos. Falamos do prezo que paga a xunta ós concellos,  que está moi por debaixo do custe real.

Calquera que lea o escrito, terá unha visión global de todo o que afecta ó SAF.

  • Desde o grupo de traballo facedes fincapé na necesidade de máis protocolos para o SAF, cal é o motivo?

O SAF é o servizo do que máis se bota man e o que menos se ten en conta á hora de protocolos claros.

A pandemia deixouno en evidencia.  Todo foron protocolos para residencias, escolas, hospitais, pero en axuda no fogar quedamos completamente abandonados. Continuamos prestando servizo sen EPIS, xa que non había material, eran requisados para residencias e hospitais. Obrigouse a prestar servizo a usuarios positivos cando non había EPIS que garantiran a seguridade do persoal auxiliar. Non había un protocolo claro, había concellos que suspenderon servizos ás persoas con familia, e onde so se realizaban atencións domésticas.  Houbo concellos que non suspenderon nin o primeiro, e continuaron dando máis  servizos incluso para limpezas en pleno estado de alarma.

Boa parte das persoas integrantes do grupo de traballo

Protocolos en caso de abuso sexual nun domicilio? Pois dinche que cambies de auxiliar. O mesmo ocorre con agresións de usuarios ou familias ó persoal, cambio de auxiliar. Como se iso fose un protocolo.

A xestión dun servizo de estas características é moi complicada. Préstolle os meus zapatos un mes ó que pense que é doado de levar a cabo, e menos sen protocolos claros e cada un facendo como pode. Iso crea confusión nos usuarios e usuarias e nas familias, xa que nun concello fan dunha maneira e noutro doutra.

  • Credes que é preciso ampliar os equipos de SAF a nivel multidisciplinar?

Por suposto. Como xa dixen antes, os equipos de SAF non están completos como marca o convenio. Hai poucas empresas e concellos que conten con: Coordinador, Axudante de Coordinación, Administrativo…

Por norma xeral, contan coa axudante de coordinación, que cobra por axudante de coordinación, pero fai o traballo dos tres e cun teléfono de garda de luns a domingo de 7:00-22:00

Se cumpriran co equipo mínimo, o SAF funcionaría, e digo funcionaría,  porque agora mesmo creemos que non está funcionando, está tirando como pode.

Imaxina se a este equipo lle engadimos un psicólogo, un educador familiar, unha gobernanta,etc as melloras do servizo serían incribles.

Se queremos manter  ás persoas nos domicilios, temos que contar primeiro, coa valoracións dos profesionais, que serán os que digan se realmente esa persoa debe quedar no domicilio. E segundo,  con este equipo, o servizo sería de calidade, e non o que se está a dar agora.

  • Cales credes que son as potencialidades deste servizo de cara ao futuro?

Sendo sinceros, non podemos dicir que pinte ben. O SAF é unha pataca quente, como non hai prazas nas residencias, mantense á xente na casa a toda costa. A costa de auxiliares e coordinadoras e coordinadores, e incluso a costa da dignidade de moitos usuarios que deberían estar nun centro e non nun domicilio en segundo que condicións. Tal e como reflexa o escrito hai moito por cambiar, moito.

 Creo que o SAF ten que volver reformularse,  dende un principio, a orden, o convenio, todo.

Levo máis de dous anos traballando cun equipo de persoas fantástico e é por eles que penso que isto pode cambiar. Teño fe nas miñas compañeiras e compañeiros. Sei que hai moitas coordinadoras e coordinadores que  levan dandoo todo e van a seguir dandoo todo por este servizo, e grazas a eles o SAF segue tirando. Sei que o persoal auxiliar se parte o lombo, as veces literalmente, polos seus usuarios. Sei que hai usuarios en lista de espera agardando por esta axuda que tanta falla lle fai.  Teño fe en que xuntos, poderemos cambiar esta situación e conseguiremos un SAF de calidade, o SAF que merecemos todos. Non é complicado se se dignan a escoitar aos que traballamos nisto.

O que está claro é que non podemos seguir tirando nos sós, con todo en contra e que as institucións non nos axuden. Precisamos colaboración e que nos escoiten.