Juana Tubio Ordoñez, Traballo Social en COGAMI
O día 3 de decembro, é o día internacional das persoas con discapacidade, e non hai mellor maneira de conmemoralo que falando da entidade de COGAMI, entidade fundamental para entender o tratamento legal e administrativo, a visión social e a participación das persoas con discapacidade en Galicia. Este ano celebrase o trixésimo quinto aniversario da súa creación, imposible non lembrar a Domingos Dosil loitador, impulsor e alma do seu nacemento, e aproveitando esta data falamos con Juana Mª Tubío Ordoñez. Juani é traballadora social na entidade dende hai 25 anos, e ademais dende o ano 2007 forma parte da súa xunta directiva ocupando o cargo de vicesecretaria.
O traballo de COGAMI transcende a prestación de servizos asistenciais: é unha entidade transformadora que xera cambios reais na vida das persoas así como na cultura social galega.
- Ola Juani, parabéns polo aniversario de COGAMI. Non é doado que unha entidade perdure no tempo, e necesita o impulso e a forza de moitas persoas a nivel individual e da sociedade a nivel colectivo para logralo. Cal foi o motor que impulsou a creación de COGAMI?
Moitas grazas polos parabéns.
O impulso para creación de COGAMI naceu dun grupo de persoas, do que formaba parte Domingos Dosil e tamén Carmen Díaz Bacariza, profesional do Traballo Social, que estaba na Xunta Directiva. A idea que os moveu foi a necesidade de abordar a integración e a participación activa das persoas con discapacidade na vida económica e social.
Naquel momento o movemento asociativo das persoas con discapacidade estaba falto de coordinación. Estas carencias evidenciaron a necesidade de crear unha entidade que unise e coordinase a distintos colectivos.
Así, en 1990 fundouse COGAMI, seguindo o modelo doutras organizacións nacionais, co obxectivo de potenciar o asociacionismo, defender os dereitos das persoas con discapacidade, promover a súa inclusión e ofrecer servizos adaptados ás súas necesidades.
O motor foi a conxunción dun cambio de paradigma (de asistencia a participación), coa necesidade de dar visibilidade e apoio social a persoas con discapacidade en Galicia, e a carencia dunha estrutura organizada que coordinase asociacións e defendera os dereitos do colectivo.
- Moitas cousas cambiaron dende o seu nacemento, incluída a visión social da discapacidade que mudou ate no termo que utilizamos para verbalizala. Cales serían para ti os fitos máis importantes da evolución nestes anos?
Os fitos máis importantes da evolución están ligados á proxección social de COGAMI, que transitou durante estes 35 anos dende a visibilidade básica e a reivindicación de dereitos, cara unha influencia real na transformación da sociedade, mediante accións concretas, campañas de impacto, innovación social e participación cidadá. A entidade amosa un claro proceso de transformación e crecemento estratéxico, no que pasou de ser unha entidade de ámbito reducido a converterse nun referente autonómico e estatal en materia de inclusión, igualdade e dereitos das persoas con discapacidade.
O modelo de Atención Integral Centrado nas Persoas con Discapacidade está estreitamente ligado ao seu propósito fundacional, á súa misión transformadora, á súa visión de futuro e aos valores que orientan toda a súa acción. Dende 1990, COGAMI apostou por un modelo alternativo ao asistencialismo:
• Pasar do “facer por” ao “facer con”: acompañar sen suplantar a vontade das persoas.
• Apostar pola profesionalización e especialización dos servizos.
• Incorporar os avances normativos (como a Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade).
• Estender o enfoque de dereitos, igualdade e cidadanía plena, en lugar do enfoque de caridade ou dependencia.
O traballo de COGAMI transcende a prestación de servizos asistenciais: é unha entidade transformadora que xera cambios reais na vida das persoas así como na cultura social galega.
- E a seguinte pregunta é lóxica, cales son as cuestións fundamentais nas que non se avanzou tanto como se debería?
As cuestións fundamentais nas que se debe seguir traballando por unha sociedade máis xusta e inclusiva para conseguir que teña un impacto profundo e sostido en múltiples dimensións da vida das persoas con discapacidade, poderiámolas sistematizar do seguinte xeito:
1. Inclusión social e laboral que promova a integración como un dereito, non como unha concesión. A través de accións clave como desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción sociolaboral, formación profesional adaptada ás capacidades e intereses das persoas, creación de Centros Especiais de Emprego e apoio ao emprego ordinario, fomento da accesibilidade universal e da vida autónoma. O acceso ao emprego reduce o risco de exclusión social e da dependencia económica e incrementa a presenza e a participación das persoas con discapacidade en espazos comunitarios, educativos e culturais.
2. Participación activa e liderado das persoas con discapacidade, que deben ser protagonistas das súas vidas e na sociedade, a través de impulsar a participación en órganos de goberno das entidades, o apoio ao activismo e a representación institucional das persoas con discapacidade. Isto contribúe ao empoderamento individual e colectivo, mellora da autoestima e do sentido de pertenza social, transformación da percepción social: da discapacidade como limitación á diversidade como valor.
3. Benestar físico, emocional e social. A calidade de vida é o obxectivo último do modelo de atención integral e centrado nas persoas. Realizando accións clave como apoio psicosocial e orientación familiar, promoción da saúde integral e da vida activa, servizos de apoio á vida autónoma (asistencia persoal, accesibilidade, transporte, etc.). Todo isto supón un impacto directo na redución do illamento, da ansiedade e da sobrecarga familiar, mellora do benestar emocional e das relacións sociais e aumento da autonomía persoal e do sentimento de utilidade e propósito.
4. Promoción da igualdade de oportunidades, para eliminar as barreiras sociais, culturais, laborais e institucionais que impiden a igualdade real. Coa realización de accións estratéxicas como o desenvolvemento de programas para colectivos especialmente vulnerables (mulleres con discapacidade e persoas do rural), a participación na elaboración de leis e políticas públicas inclusivas e as campañas de sensibilización para combater o estigma e a discriminación. Estas accións repercuten directamente no acceso máis equitativo a dereitos e recursos (educación, emprego, saúde), na visibilización das desigualdades interseccionais (discapacidade + xénero + ruralidade+ outras), no fortalecemento da xustiza social e da cohesión comunitaria.
- Ti comezaches a túa relación laboral con COGAMI como traballadora social hai moitos anos. Cales eran as tarefas que tiña o Traballo Social cando te incorporaches á COGAMI, e como evolucionaron?
Dende hai 25 anos, o contexto social e legal cambiou moito en Galicia e en España, o que transformou tamén as tarefas do Traballo Social e as necesidades das persoas con discapacidade. Naquela época as tarefas centrábanse en:
Asesoramento e atención individual: avaliación das necesidades sociais das persoas con discapacidade e as súas familias. Apoio en cuestións legais e burocráticas (subvencións, pensións de dependencia, axudas técnicas). Orientación sobre acceso a servizos educativos, sanitarios e laborais.
Mediación e representación: Interlocución con institucións públicas (Concello, Xunta de Galicia) para defender dereitos das persoas con discapacidade. Representación en consellos comarcais ou provinciais de servizos sociais.
Organización de actividades e programas: Programas de lecer inclusivo, deporte adaptado, talleres ocupacionais. Formación e sensibilización da comunidade sobre discapacidade e inclusión social.
Apoio ás familias: Grupos de apoio e asesoramento para familiares de persoas con discapacidade. Estratexias de coidado e prevención de sobrecarga familiar.
A día de hoxe o Traballo Social céntrase nas seguintes tarefas:
Autonomía e empoderamento: As persoas con discapacidade demandan máis participación nas decisións sobre a súa vida, traballo e educación.
Accesibilidade dixital e física: A inclusión pasa por espazos, tecnoloxía e comunicación totalmente accesibles.
Interdisciplinariedade: O Traballo Social traballa xunto con psicoloxía, logopedia, terapia ocupacional, educación e tecnoloxía, entre outras.
Enfoque na igualdade de oportunidades: Menos atención a “deficiencias” e máis a capacidades, oportunidades e potencial de participación.
Políticas públicas proactivas: O traballo social participa en deseño de programas de prevención, inclusión laboral e social, non só na atención reactiva.
- Dende a túa incorporación, medrou o número de profesionais do Traballo Social que prestan os seus servizos nesta entidade. En que sectores da entidade estamos presentes?
As profesionais do Traballo Social en COGAMI desempeñamos un papel transversal, pero normalmente prestamos servizos en sectores específicos segundo as necesidades das persoas con discapacidade e as áreas de actuación da organización (promoción da autonomía persoal, emprego, formación, educación, no sector empresarial do grupo, etc.). Combinamos atención directa, coordinación institucional, formación e sensibilización, adaptándonos á evolución das necesidades das persoas con discapacidade. Actuamos tanto a nivel individual (persoas usuarias e familias, se é o caso) como no nivel colectivo (programas, políticas e inclusión social).
Neste intre somos máis de 70 profesionais de Traballo Social en COGAMI, tanto na parte social e no movemento asociativo como na parte empresarial, e estamos desenvolvendo diferentes funcións de dirección, coordinación, planificación, atención directa, nas diferentes áreas da entidade.
- A nosa sociedade é patriarcal, e as mulleres con discapacidade sofren unha desvalorización maior que os homes. Ti, como muller feminista, fuches consciente dista situación e loitas por cambiala. Como mudou a situación das mulleres con discapacidade, dentro e fora de COGAMI?
A situación das mulleres con discapacidade é moi complexa e require dunha abordaxe a nivel integral, tratando de traballar pola:
1. Maior visibilidade das violencias e desigualdades
Hai uns anos apenas se falaba das discriminacións específicas que viven as mulleres con discapacidade: maior risco de violencia, infantilización, menor acceso ao emprego, dependencia económica, etc.
Hoxe estas realidades están máis visibilizadas grazas ao traballo de colectivos feministas e de entidades como ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia) COGAMI, xunto coas administracións que comezaron a incorporar a perspectiva de xénero nas súas accións, estudos e programas.
2.Inclusión da perspectiva de xénero nas políticas e programas.
Tanto a nivel institucional como en COGAMI, ao igual que en outras organizacións do movemento da discapacidade, estase dando un salto importante ao promover a integración de:
protocolos contra a violencia machista específicos para mulleres con discapacidade.
programas de empoderamento e autonomía.
espazos de participación propios.
acompañamento para o acceso ao emprego e á formación.
campañas de sensibilización dende unha óptica interseccional.
Isto supón recoñecer que as mulleres con discapacidade non só viven discriminación por discapacidade, senón tamén por ser mulleres, por vivir no rural, etc, e que estas opresións acumúlanse xerando un maior grao de vulnerabilidade.
3. Maior participación das propias mulleres
Os espazos de representación dentro das entidades seguen a estar masculinizados, aínda que nos últimos anos producíronse avances importantes:
máis mulleres ocupando cargos directivos en entidades da discapacidade.
creación de grupos e comisións específicas de mulleres
maior presenza en mesas de debate, foros institucionais e procesos de decisión
Esta participación activa é clave para transformar estruturas patriarcais.
4. Avances legais e sociais, pero con limitacións.
A nivel social houbo progresos:
máis sensibilización sobre dereitos sexuais e reprodutivos.
mellor acceso á educación e ao emprego (aínda insuficiente).
maior cuestionamento da tutela e da falta de autonomía.
Os cambios dentro de COGAMI percíbense en:
formación do persoal en igualdade e violencia de xénero.
integración sistemática da perspectiva de xénero nos proxectos.
reforzo dos servizos específicos para mulleres.
participación en redes feministas e iniciativas de igualdade a nivel galego.
creación de datos desagregados por sexo, imprescindibles para identificar desigualdades
A situación das mulleres con discapacidade estase traballando no plano da visibilidade, da participación e das políticas específicas, tanto dentro como fóra de COGAMI. Queda moito aínda por facer.
- Que medidas neste campo pensas que son prioritarias na nosa sociedade?
A discriminación estrutural persiste e segue sendo necesaria unha defensa activa dos seus dereitos dende unha perspectiva feminista e interseccional.
Con todo, seguen existindo barreiras importantes que se deben deseñar, implementar e avaliar accións específicas tendo en conta que hai:
taxas máis altas de desemprego entre mulleres con discapacidade.
maior risco de pobreza.
prexuízos sobre maternidade, vida afectivo-sexual ou capacidade de decisión.
falta de accesibilidade en servizos de saúde e recursos contra a violencia de xénero.
- Ademais de traballadora de COGAMI, formas parte dende hai anos Xunta Directiva da entidade. Cale son as tarefas das que te ocupas dende este posto?
Como Vicesecretaria da Xunta Directiva desempeño funcións de apoio directo á secretaría na colaboración na redacción e revisión de actas, convocatorias e documentación oficial, se é o caso. Substitúo á persoa secretaria cando esta non poida exercer as súas funcións. Axudo na preparación de informes, memorias anuais ou documentación para subvencións. Garanto que se respectan os procedementos establecidos pola entidade. Facilito a comunicación entre a Xunta Directiva e o persoal técnico cando sexa necesario. Aseguro que a información relevante chega a todas as persoas da Xunta Directiva. Controlo que os acordos tomados por esta se executan ou se trasladan aos equipos correspondentes. Realizo aportacións para mellorar a operatividade e o funcionamento interno da entidade. Participo en actos, mesas de traballo ou encontros externos cando así o acorde a Xunta Directiva. Acompaño á presidencia ou secretaría en representación da entidade.
Nunha organización como COGAMI de defensa dos dereitos das persoas con discapacidade, a vicesecretaría tamén colabora na incorporación da perspectiva de xénero, supervisa que a documentación e os espazos son congruentes cos criterios de accesibilidade e impulsa melloras que garantan a participación de todas as persoas.
- COGAMI, ten unha proxección a nivel estatal da que as veces nos esquecemos. Cal é a actividade que desenvolve fora de Galicia?
Anxo Queiruga Vila é o actual Presidente de COGAMI dende 2007 e en 2016 foi elixido presidente da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE). É unha ONG sen ánimo de lucro, que se constitúe en 1980 e declarada de utilidade pública desde 1983.
A súa misión principal é “conseguir unha sociedade inclusiva que garanta o exercicio pleno dos dereitos das persoas con discapacidade física e orgánica”. Para iso coordina, representa e impulsa o movemento asociativo no conxunto do Estado Español.
COCEMFE agrupa decenas de federacións autonómicas e provinciais e máis de 1.600 asociacións, representando —segundo os seus datos— a máis de dous millóns e medio de persoas con discapacidade física ou orgánica en España. COCEMFE actúa como “teito federativo” que unifica e dá forza ao colectivo, promovendo dereitos, representación e servizos de apoio en todo o territorio español.
Dende COCEMFE realízase, entre outras, unha necesaria incidencia política e social a nivel estatal cun traballo intenso para influír nas políticas públicas, no marco da defensa de dereitos, igualdade, accesibilidade, financiamento estable, e visibilización da discapacidade.
- Para rematar e mirando cara o futuro, que metas vos propoñedes conseguir dende COGAMI nos próximos anos para as persoas con discapacidade en Galicia?
Metas de futuro de COGAMI para os próximos anos en Galicia:
1. Avanzar cara unha sociedade verdadeiramente inclusiva.
Queremos que a discapacidade deixe de ser un motivo de exclusión. Apostamos por seguir traballando con administracións, empresas e sociedade para:
eliminar barreiras físicas, comunicativas e sociais.
promover o deseño universal en todos os espazos.
garantir a participación real en igualdade de condicións.
2. Mellorar o acceso ao emprego de calidade.
O emprego segue a ser unha das grandes eivas. Os obxectivos principais son:
incrementar a contratación en empresas ordinarias.
reforzar os servizos de orientación e intermediación laboral.
promover formación actualizada e adaptada ás novas demandas profesionais.
impulsar máis centros especiais de emprego e cooperativas sociais.
3. Impulsar a vida independente e a atención integral e centrada na persoa.
COGAMI quere avanzar cara un modelo no que cada persoa poida decidir como vivir. Isto implica:
reforzar programas de asistencia persoal.
ofrecer máis servizos de apoio no fogar.
garantir recursos de apoio ao coidado e á autonomía.
promover alternativas residenciais flexibles, non institucionalizantes.
4. Defender a igualdade e os dereitos das mulleres con discapacidade.
Continúa a ser unha prioridade:
loitar contra a violencia machista.
reducir a fenda laboral e económica.
promover espazos de empoderamento e participación.
visibilizar discriminacións específicas (esterilización forzada, negación da sexualidade, infantilización…).
5. Reforzar a saúde e o benestar.
En Galicia queda moito por mellorar en:
accesibilidade a centros sanitarios.
coordinación entre servizos sociais e sanitarios.
redución das listas de agarda en tratamentos, rehabilitación, valoración da discapacidade e valoración das situacións de dependencia.
6. Educación inclusiva ao longo de toda a vida.
COGAMI aposta por:
garantir que o alumnado con discapacidade poida estudar en centros accesibles.
formar ao profesorado en inclusión e diversidade.
dotar de recursos tecnolóxicos e de apoio.
facilitar o tránsito ao ensino postobrigatorio e á universidade.
7. Fortalecer o movemento asociativo.
A meta é consolidar unha rede forte e cohesionada de entidades:
mellorando a coordinación interna.
garantindo financiamento estable.
profesionalizando servizos.
ampliando proxectos en zonas rurais onde os recursos son máis escasos.
8. Dixitalización e innovación
COGAMI quere adaptarse aos novos tempos:
empregando tecnoloxías accesibles.
modernizando servizos e trámites.
mellorando a comunicación con persoas usuarias.
impulsando proxectos de innovación social.
Agradecemos, Juani, a túa atención, desexando que os proxectos de futuro de COGAMI se vaian acadando, e o voso traballo do que somos beneficiarios toda a sociedade galega, porque unha sociedade que entende as diferencias e as integra é unha sociedade máis xusta, equilibrada e acolledora para todos e to