O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Uncategorized

Proxecto de educación afectivo sexual por Diana Rodríguez Losada

Diana Rodríguez, ganou o premio á boa práctica en Traballo Social do COTSG co gallo do día mundial do Traballo Social do ano 2025 co proxecto “Colexio Benquerer, proxecto de educación afectivo sexual par 5º e 6º de primaria”. Diana é traballadora social e socióloga na Fundación Meniños na Coruña, e unha persoa curiosa que bebe das fontes científicas que atopa e a e fixo da investigación social aplicada a súa ferramenta profesional máis importante.

O sistema educativo ten un factor nivelador: permite que a información chegue a todo o alumnado, e que o faga dende unha óptica de valores como a igualdade, o respecto e a empatía, na que se eviten prexuízos ou estereotipos

  • Ola  Diana,   como xurdiu a idea deste proxecto e cal foi o proceso para poñela en marcha?

Na área de prevención e sensibilización da Fundación Meniños desenvolvemos materiais educativos en función das necesidades percibidas na comunidade educativa e a demanda do profesorado. Neste caso, o proxecto nace de maneira interna porque detectamos que a educación sexual que se levaba a cabo en centros educativos galegos estaba máis focalizada nos institutos, e no caso dos colexios limitábase a obradoiros puntuais sobre temas concretos. Con este material queríamos ofrecer unha visión global das diferentes temáticas que aborda a educación sexual integral, para que o profesorado o tivera dispoñible para traballar co seu alumnado. A educación sexual integral abrangue aspectos biolóxicos, emocionais, sociais e culturais, promovendo o respecto pola diversidade, o consentimento, a igualdade e o autocoñecemento, dende unha perspectiva adaptada a cada etapa do desenvolvemento.

  • Cóntanos en que consiste?

O proxecto é moi amplo, e foi medrando ao longo destes catro cursos nos que xa se levou a cabo en Galicia, de acordo coas demandas e suxestións que se recollen do profesorado participante, tanto na avaliación final como nas conversas que se teñen ao longo do curso. O material inclúe 23 temáticas, estruturadas ao redor dunha narrativa propia, que é a do “Colexio do Benquerer”. Explícaselle ao alumnado que neste colexio de nova creación entrou un virus, e que se precisa da súa axuda para poder acceder ás aulas. Con esta idea, propoñemos un xogo inicial para desbloquear un cadeado dixital en cada aula e así poder comezar a actividade. Este xogo dixital é o inicio de cada unha, e logo na aula fanse diferentes dinámicas para abordar cada tema dos traballados: o coñecemento do corpo, a autoestima, a diversidade sexual, de beleza e familiar, a comunicación e educación emocional, os límites persoais, os roles e estereotipos de xénero… Todas as actividades están baseadas en principios de bo trato, respecto, diversidade e coeducación e coas mesmas inténtase informar e sensibilizar, pero tamén activar o pensamento crítico e que os rapaces e rapazas se fagan preguntas sobre o que acontece na súa contorna: por que temos uns modelos de beleza e non outros? Sempre foron os mesmos? A música que escoitamos é sexista? A situación das persoas LGTBIQ+ é igual en todo o mundo? Dende hai canto tempo están recoñecidos dereitos como o matrimonio ou á adopción? Búscase unha metodoloxía dinámica e participativa, na que vaian aprendendo a medida que fan xogos, role playing, pequenas investigacións…

Como fío condutor úsase un documento que é o “Pasaporte do Benquerer”, que se entrega a cada neno e nena participante ao inicio do proxecto. No mesmo firman o “Pacto do Benquerer”, no cal adquiren un compromiso de bo trato, empatía, respecto… que é a base na que se asenta o proxecto. Este pasaporte vaise completando ao longo do curso con cromos nos que hai un QR que leva a un vídeo final para ver en familia que ten que ver coas diferentes temáticas. Así dáse pe a falar destes temas tamén na casa: os vídeos funcionan como  estimulo de conversas cando se ven en familia, se ben algúns colexios os utilizan na aula.

  • Por que os cursos de 5º e 6º de EP como poboación diana?

A definición dos cursos destinatarios foi obxecto de debate interno. A educación sexual débese realizar dende os primeiros anos, e nas nosas redes sociais temos publicado material neste sentido. Sen embargo, á hora de introducilo nas escolas decidiuse este tramo por diferentes razóns. Dun lado, existe unha maior madurez, que permite traballar un abano moi amplo de temas. Relacionado con isto, nesta etapa ábrense novas inquedanzas, e o grupo de iguais gaña peso, polo cal é posible que non todas as dúbidas cheguen ás familias, co risco de desinformación que isto implica. Finalmente, é un momento de tránsito, no que os cambios corporais xa son evidentes, e isto pode facer que xurdan moitas dúbidas e inseguridades.

En todo caso, a pesar de que o material deseñouse para aplicarse en 5º e 6º de Primaria, hai varias actividades que poden realizarse en cursos inferiores. Nestes casos, o profesorado xa ten indicadas cales poderían realizarse noutros niveis e posibles adaptacións. Con isto intentamos estender o “espírito do Benquerer”, e que esta información chegue a todo o colexio. Igualmente, tamén hai actividades que teñen como resultado traballos ou murais que se invita a expoñer no centro, para sensibilizar a toda a comunidade educativa. Finalmente, no material dáselle moita importancia a que haxa recursos a maiores das propias actividades, así que hai unha ampla bibliografía e filmografía, e dentro da mesma hai recursos para diferentes tramos de idade. Con todo isto o que se intenta é que o profesorado do centro teña recursos para compartir cos compañeiros e compañeiras doutros niveis, se ben non é descartable facer nun futuro material específico para outros cursos.

  • En España hai moitas experiencias de educación sexual na escola dende os anos 90. Tivestes algunha delas para contidos ou metodoloxía?

Para  a elaboración do proxecto consultei moita bibliografía, tanto ensaios coma guías e investigacións, así como multitude de proxectos xa existentes no noso país e noutros da nosa contorna. O traballo previo de investigación foi moi enriquecedor, para entender como se realizaba a educación sexual integral dende outras entidades ou países, coñecer diferentes enfoques e incluso atopar socios para crecer neste proxecto. Froito desta investigación e contactos previos para asentar o proxecto nunha boa base teórica coñecín a Amaze, que é unha entidade estadounidense que tamén fai educación sexual integral, e con ela chegouse a un acordo de colaboración polo que puidemos dobrar parte dos seus vídeos educativos ao galego e incluílos no proxecto. O seu enfoque e contidos enriqueceron o proxecto cunha parte audiovisual moi ben valorada.

O traballo de investigación non quedou, en todo caso, soamente no deseño do proxecto: para estar ao día e poder ir mellorando os materiais e mantelos actualizados sigo en constante formación, e desfruto moito coñecendo novas iniciativas e aprendendo doutros profesionais.

  • As áreas nas que dividides o proxecto son cinco,  catro con un enfoque positivo e unha, a referida a prevención do abuso sexual infantil co un claro enfoque negativo. Ë necesario facer este enfoque dende o negativo?

Realmente, o enfoque de todo o proxecto é positivo e realízase dende a aprendizaxe e sensibilización sobre diferentes temas. Neste caso ao que te refires, é simplemente o título do bloque de cara a dividir os contidos, pero as actividades teñen que ver coa aprendizaxe de elementos clave como os límites persoais, o consentimento nas relacións, ou saber que é que unha relación sa. Como a nivel organización se traballa tamén na intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual, escolleuse este nome como marco global desta área.

  • Este proxecto implica que o persoal docente dos centros escolares ten que implicarse na realización do programa. Que importancia ten a formación ou coñecementos previos en estas materias para o éxito da intervención?

Levar a cabo un proxecto como este non sería posible sen a implicación do profesorado. Son unha vía que facilita o achegamento destes temas aos rapaces e rapazas, porque habitualmente son para o alumnado unha figura de confianza. Este vínculo favorece a execución, porque o profesorado os coñece e en moitas ocasións os acompaña a través dos dous cursos, polo cal pode organizar os contidos en función da súa madurez e das súas demandas.

Centrándome na pregunta, a pesar de que no proxecto ten habido profesorado especialmente formado para estes temas, o máis importante é a sensibilidade para traballalos, para achegarse aos contidos dende unha óptica de respecto e bo trato na que se incide en todo material. Neste sentido, teño a sorte de ter atopado grandísimos profesionais que fan súas as actividades e non só as levan a cabo, senón que as amplían con novas ideas.

Para facilitar a execución, faise unha explicación a principio de curso, pero todo o material está moi guiado, e vén apoiado cunha guía de profesorado que pon as liñas básicas para comezar a traballar este tema, e que así todo o profesorado teña un punto común de partida. Ademais, eu fago o asesoramento que demande cada centro durante o curso, aclarando dúbidas, recomendando libros, ou o que demande cada docente participante.

  • En relación a isto, que vantaxes e atrancos lle ves as alternativas intervención puntual de expertos esternos ou intervención normalizada de docentes xeneralistas?

Creo que poden ser actuacións complementarias. Unha persoa externa sempre ten un punto adicional de interese, porque rompe a rutina da clase achegando novas ideas. Ademais, ao tratarse de persoas expertas, poden afondar na materia e aclarar dúbidas no momento dende a rigorosidade. Por outra banda, é máis difícil para unha persoa que vai estar soamente unha sesión xerar ese clima de confianza que o profesorado si ten, porque pasa moito máis tempo co alumnado. Este tema é importante para que se compartan dúbidas, ou para que se volva a temas xa traballados se se quere seguir afondando. Hai mestres que dedican varias sesións a un mesmo tema, porque o alumnado o demanda xa que sente curiosidade ou quere coñecer máis a fondo. Nunha sesión puntual isto non é posible. Outra vantaxe que creo que ten a intervención do profesorado é a personalización dos contidos en función do alumnado. Nos materiais hai unha proposta, pero cada docente pode adaptala as súas necesidades. Isto é algo no que incido moito nos colexios: o profesorado é quen mellor os coñece, e é quen vai saber o que mellor vai funcionar co seu alumnado.

  • Este  programa é voluntario para os centros, e polo tanto hai moitos que non fan ningún. Se ti tiveras a oportunidade, como planificarías a educación afectivo sexual nas etapas escolares?

Na lexislación educativa actual xa se recoñece a educación afectivo sexual como un elemento transversal que os nenos, nenas e adolescentes deben recibir, e outras lexislacións, como a Ley Orgánica de Garantía Integral de la Libertad Sexual (Lei de só si é si), tamén inciden no mesmo. Sen embargo, isto non se está a aplicar de forma real. A educación sexual integral debería estar presente dende a Educación Infantil, ampliándose en temas e en profundidade a medida que os nenos e nenas crecen. Aspectos como o coñecemento e respecto polo propio corpo, as diferentes formas de expresar o afecto, os límites corporais, a diversidade… deberían verse dende os primeiros anos. Cando se educa nestes temas dende a primeira infancia, lógrase formar persoas adultas respectuosas, que viven a diversidade como unha riqueza, e que poden desfrutar de relacións saudables baseadas no respecto e a empatía.

  • O papel das familias na educación afectivo sexual é crucial, xa que é imposible non educar na convivencia. Os roles, a linguaxe e o sistema de ideolóxico de cada familia educan nun sentido ou noutro. Que papel pode ter  o sistema educativo para a transmisión de valores sociais normalizados e normalizadores ó alumnado?

Estou totalmente de acordo co que dis: a familia ten un papel fundamental na educación afectivo sexual. Incluso cando non se educa de maneira explícita nese tema, tamén se está educando: ensínase que é un tema tabú, que non se fala na casa, polo que o rapaz ou rapaza buscará a información por outras fontes. Ademais, o outro aspecto ao que fas referencia tamén é importante: a maneira na que falamos, as cuestións nas que incidimos ou ás que pasamos por alto, como tratamos cada unha… todo iso tamén educa e forxa a mirada inicial que van ter os nenos e nenas sobre este tema. O sistema educativo ten un factor nivelador neste sentido: permite que a información chegue a todo o alumnado, e que o faga dende unha óptica de valores como a igualdade, o respecto e a empatía, na que se eviten prexuízos ou estereotipos. A escola non substitúe á familia, pero complementa a súa labor e garante que todo o alumnado reciba unha formación rigorosa e adaptada a súa etapa evolutiva.

  • Pensas na posibilidade de promover un proxecto de intervención para o seguinte tramo de idade, o alumnado da ESO ou do anterior, o primeiro ciclo de primaria?

Ambas etapas parécenme moi interesantes. Co alumnado da ESO ábrese a posibilidade de traballar moitos máis temas, se ben nesta etapa é onde existe tamén unha maior oferta de materiais, obradoiros e contidos. Sen embargo, creo que na etapa de primeiros anos de Primaria, e tamén de infantil, hai aínda moito traballo que facer e paréceme que sería moi interesante ampliar os materiais do Benquerer para chegar ás mesmas de maneira máis estruturada.