O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Uncategorized

Experiencia na cooperación internacional en Honduras

Sandra Lorenzo Casado, compañeira de profesión,  estivo participando no Programa Coñecemento de Outras Realidades do ano 2024, a través do Proxecto Mulleres Bravas en Honduras. E  para  que nos explique en que consistiu esta experiencia e as súas reflexións sobre a mesma, conversamos con ela para o blog, lembrado  tamén o día mundial da ciencia para a paz e o desenvolvemento que se celebrou o 10 de novembro. O  Traballo Social, como  disciplina científica, é imprescindible para que os proxectos de desenvolvemento se realicen con garantías e eficiencia.

A finalidade do programa é coñecer outras realidades, outras formas de intervención, de sentir e de actuar. Para min dende logo que foi todo un proceso de deconstrucción e inmersión cultural

  • Sandra, a través de que entidade e programa organizaches a túa colaboración en Honduras?

Tiven a oportunidade de ir a Honduras grazas a unha bolsa PCR (Proxecto de Coñecemento de Outras Realidades) da Universidade de Coruña, polo mestrado  que estou facendo en Políticas Sociais e Intervención sociocomunitaria. A bolsa a liguei co programa de PCR da organización ESF de Galicia, que traballa coa contraparte local coa entidade CODDEFFAGOLF, da que tiven a oportunidade de coñecer o seu traballo durante estes tres últimos meses. Estiven maioritariamente na comunidade de San Lorenzo,  distrito de Valle.

  • En que consistiu a túa actividade neste pais? Cal era o obxectivo do programa en xeral?

A bolsa PCR non é para facer intervención, algo que eu tampouco quería para non caer en accións de salvadurismo branco cheas de pegadas coloniais. A finalidade da PCR é coñecer outras realidades, outras formas de intervención, de sentir e de actuar. Para min dende logo que foi todo un proceso de deconstrucción e inmersión cultural. Día a día puiden ver cales son as intervencións que se fan por parte de CODDEFFAGOLF na zona do Golfo de Fonseca, en Honduras. As comunidades indíxenas orixinais foron destruídas na conquista española, e agora basicamente a súa identidade é o territorio no que se asentan. Elxs traballan coas  comunidades rurais, fortalecéndoas e apoiando ás mulleres que son lideresas dende de cada unha delas para  a protección e defensa do territorio. A presión das empresas extractivas sobre as comunidades para quedarse cos recursos naturais dos seus territorios é brutal. Non son estraños casos de ameazas, agresións e incluso asasinatos.

O apoio faise dende a capacitación sobre metodoloxías agroecolóxicas de cultivo, proxectos de escolas verdes nos centros educativos das comunidades rurais, e inclúe favorecer á cocreación e fortalecemento de grupos de mulleres defensoras da comunidade, dotándoas de estratexias de resistencia e apoio en todos os ámbitos do seu entorno.

  • En que consistía o proxecto no que te integraches?

Eu fun a través do proxecto mulleres bravas, que entrelaza redes entre defensa territorial de Galicia e Honduras, para compartir e reflexionar sobre loitas, resistencias e tamén coidados. O proxecto financia a viaxe de mulleres defensoras a Galicia para que poidan realizar o intercambio e a retroalimentación coas defensoras galegas, que participan en diversos proxectos de resistencia labrega e rural que hai aquí. Estes contactos posibilitan que se compartan experiencias e estratexias de resistencia entre mulleres. A entidade de referencia en Galicia e o Sindicato Labrego Galego.

Á súa vez, na miña estancia alí tiven a oportunidade de organizar unhas xornadas de autocoidado das mulleres defensoras participantes no proxecto, para recargar enerxías e poder avaliar conxuntamente o proxecto, posibilitando facer unha devolución dos seus sentires á miña volta a Galiza.

  • Había traballadores ou traballadoras sociais no proxecto no que participaches?

Non, todxs xs traballadorxs eran biólogos ou enxeñeirxs (estxs na súa maioría). Percibín unha gran desvalorización  da nosa profesión, e falando con profesionais do Traballo Social coas que conseguín contactar indicábanme que en xeral hai un descrédito  das profesións do social, e dende outras profesións séntense coa lexitimación para realizar o seu traballo, xa que é entendido como “un traballo que pode facer calquera” (como me indicaron a min estando aí en tantas ocasións).

As intervencións coas comunidades, inclusive os itinerarios en xénero dos programas, eran realizadas todas por enxeñeiros, eles indicábanme que acudiran a capacitacións e algúns recibiran no grao unha materia de intervención sociocomunitaria para a implementación dos seus proxectos nas comunidades.

  • Que destacarías como profesional do proxecto no que participaches?

Gustoume moito como se poñía no centro a cohesión comunitaria e o traballo en grupos. Máis alá do trasfondo de protección e defensa territorial, a base estaba na cocreación de redes de apoio entre a comunidade e grupos que foran fortes.

 O traballo directo de campo, acudindo semanalmente a terreo, estando en contacto coas persoas e coñecendo de cheo as súas realidades, non para cuestionalos, nin para avalialas, senón para acompañar ás persoas dende as súas realidades e desde os seus espazos cotiás, pareceume fundamental. Á súa vez, as intervencións mediadas pola conexión co territorio, sendo este último unha parte fundamental nas mesmas, pareceume algo fundamental para a intervención social.

  • En poucos días celebraremos o dia internacional contra da violencia de xénero, como se aborda este problema nas comunidades indíxenas? E no resto da poboación hai factores diferenciadores?

A verdade, que a colonización española e a evanxelización por parte de grupos integristas  americanos neste momento é algo presente na sociedade, atravesando de cheo a concepción que hai das violencias sobre as mulleres. O acoso na rúa foi o máis impáctante para min, si ben é certo que chamaba moito a atención a cantidade  de situacións de acoso que se vía nas cidades nas que non había unha regulación lexislativa do mesmo, e  pola contra a inexistencia destas agresións en zonas como  por exemplo no distrito de La Ceiba, nas que o acoso na rúa si estaba regulado expresamente a nivel local.

Tiven a oportunidade de coñecer a organizacións feministas hondureñas, ás que admiro profundamente. Se ben é certo, que teñen moita primacía as organizacións de mulleres vinculadas ás organizacións relixiosas, que teñen fortes xerarquías ligadas á cor da pel. Estas céntranse máis no apoio mutuo, na beneficencia e no altruísmo cara as mulleres, e non tanto na loita contra as violencias.

Con menor visibilidade, existen tamén outras organizacións que loitan contras as violencias e traballan na concienciación das condicións de vida das mulleres,  ligando a súa loita á despenalización do aborto e traballando moito dende os feminismos comunitarios.  Tanto nas comunidades rurais,  como noutros hábitats,  poden darse as dúas vertentes de acción nas organizacións.

En xeral, a cohesión grupal que existe nas comunidades fan que teñan discursos moi fortes da defensa e protección da muller. Si ben é certo, que a diferenza era abismal coa concepto da violencia que teñen os homes. Había unha importante diferenza entre ambos xéneros sobre a concreción do termo violencia contra das mulleres. Pero non creo que sexa unha violencia “peor” ou “máis grave” que no norte global. Non quero caer no xuízo, na desprestixio ….O patriarcado está en todos lados, nas comunidades rurais, nas cidades, no norte e no sur global. E si, hai violencias, tanto como as hai aquí.

  • Que destacaríaas desta experiencia?

Durante estes tres meses estiven en proceso de adaptación e inmersión cultural dende o primeiro momento. A adaptación foi dura, eran outros códigos, outras formas de socialización…Ao fin e ao cabo eu tiña unha data de volta. Pero si que aínda que, a nivel teórico, reflexionara moito sobre o que supoñen as estruturas de opresión como é o colonialismo e as súas construcións culturais, nunca o sentira tanto como nesta experiencia. Ver as xerarquías que se forman sobre a cor da pel nas propias organizacións que fan unha   intervención  moi pouco horizontal apracendo, en moitos momentos,  situación de abuso de poder. Todo isto  fíxome repensar o papel que desempeñan a cooperación exterior e as organizacións que a xestionan.

 A cooperación, cando esta impulsada dende o salvadurismo branco, exerce de xeito cotiá prácticas racistas e colonialistas e desvalorizando e quitándolle visibilidade á cultura, os pobos e as persoas do sur global.

 En resumo, foi unha experiencia fermosa para repensarme, e reflexionar sobre a cooperación, e decidir que non é o meu ámbito pero o coñecemento e a inmersión cultural sempre serán un dos meus camiños.