O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

Xenoveva Cordeiro: Plan Comunitario de Teis

A coordinadora e traballadora social do Plan Comunitario de Teis, contanos como naceu e como funciona esta veterana iniciativa.

Xenoveva Cordeiro Bermúdez, é traballadora social no Plan Comunitario de Teis dende hai máis de 20 anos, e realiza a función de coordinadora técnica e encargada das demandas sociais da entidade. Falamos con ela para que nos presente estas estruturas de participación comunitarias con unha traxectoria e arraigo en Galicia dende os anos noventa do século pasado.

  • Xenoveva, cóntanos como naceu o Plan Comunitario de Teis.

En 1992 estávase a vivir unha situación de conflito social derivada do consumo e venta de drogas. A traballadora social do centro de saúde de Teis, naquel momento, moi implicada nos problemas do barrio, convocou a todos os colectivos da zona, para traballar conxuntamente e ver de afrontar a solución aos problemas de maneira colectiva. Coa unión de axentes sociais e veciñais e a comunidade en xeral, conseguíronse moitas melloras e en 1995 decídese formalizar esta maneira de traballar constituíndo o Plan Comunitario de Teis e acórdase formar a Mesa de Traballo do Barrio de Teisen decembro de 1996. Esta Mesa estaba liderada pola Asociación de Veciños de Teis e o Plan Comunitario de Teis e agrupaba 16 colectivos e que se mantivo activa ata 1999, en que asociación veciñal e Plan Comunitario seguiron camiños diferentes.

  • Non foi o único desta época, senón que houbo distintas iniciativas en Galicia. Cantas eran e cales seguen en activo.

Certamente, a situación que se vivía no barrio de Teis, tamén se estaban a dar noutros territorios da Galiza, polo que tamén se crearon outros Plans Comunitarios, algúns deles anteriores ao de Teis, O de Caranza, en Ferrol, foi o primeiro; seguíronlle Vite en Compostela, Distrito Quinto na Coruña, outro en Ribeira, Monteporreiro en Pontevedra, Rexurdir en Marín e Casco Vello en Vigo. Cada un deles con características propias, xa que as necesidades de cada territorio marcan sempre as liñas de actuación, aínda que a metodoloxía sexa a mesma. Ademais, hai que sinalar que non todos eles xurdiron desde abaixo, polo que tomaron camiños moi diferentes. Ribeira, e máis tarde Distrito V, foron asumidos pola administración local e, pouco a pouco foron desaparecendo. Por outra banda, Caranza, acadou os obxectivos e tamén se disolveu como Plan Comunitario, e despois Monteporreiro e Casco Vello, por diferentes motivos. De tal xeito, que na actualidade unicamente quedan en activo tres entidades que están consideradas como Plans Comunitarios, pese a que desenvolvemos o traballo de maneira moi diferente: Vite, Rexurdir e Plan Comunitario de Teis.

Non quero esquecerme de mencionar, que existen iniciativas no rural como poden ser o CDR O Viso, ou CDR Ancares que, aínda que non están conformadas como plans comunitarios, están a traballar comunitariamente desde moito mais tempo e que seguen vivas.

  • Que papel desempeñou Marco Marchioni, no nacemento destes plans?

Cando naceron estes plans, hai que ter en conta que moitos deles estaban creados pola veciñanza, que estaba pouco ou nada formada na metodoloxía comunitaria, e a figura de Marco Marchioni foi fundamental para poder darlle forma as iniciativas comunitarias, e guialos en aspectos de organización e planificación das accións,  metodoloxicamente falando. Por suposto, ao longo dos anos a base metodolóxica foi deixando pouso, aínda que se tivo que ir adaptando, e mesmo variando, para facer fronte aos novos tempos e a novos retos.

  • Dende o inicio o Plan Comunitario de Teis contou con profesionais do Traballo Social?

Efectivamente, no Plan Comunitario de Teis, desde a súa creación, as persoas que desempeñaron a función de coordinación, foron todas profesionais do Traballo Social. Na miña opinión, non porque esta sexa o perfil profesional mais acertado, que pode selo, senón porque as persoas que se aventuraron a asumir o cargo de coordinación do Plan apostaron por traspasar o posto a persoas do seu mesmo perfil. Se a primeira persoa que asumiu este cargo non tivera sido traballadora social, posiblemente o perfil profesional ao cargo da coordinación do Plan Comunitario de Teis, podería ter sido outro.

  • Dende o momento actual, cales foron os cambios fundamentais na abordaxe das problemáticas sociais do barrio, e como cambiaron as demandas?

A abordaxe das problemáticas, desde o comunitario sómente poden realizarse dunha maneira: cunha visión global e unha intervención Integral, iso non pode nin debe cambiar, e todos os nosos proxectos e accións manteñen estes dous principios de actuación, xunto cos de coordinación, prevención e universalidade.

As problemáticas e demandas cambian, loxicamente, porque a sociedade/comunidade cambia, pero a maneira de abordalas desde o Plan non poden abandonar os valores e principios que o lexitiman e que implican solidariedade,  cooperación, equidade social e corresponsabilidade. Pero existen condicionantes que nos limitan e poñen en perigo o noso traballo. Condicionantes internos, que veñen da dificultade de manter os principios sólidos que sustentan a base do Plan Comunitario de Teis desde os inicios. Está claro que a nosa maneira de traballar non se axusta aos canones -estándares actuais de actuación, nin por parte das institucións, nin por parte de profesionais, dificultando enormemente a abordaxe integral que se sigue defendendo dende a nosa entidade. Tamén hai moitos condicionantes externos que teñen que ver co continuo deterioro dos servizos sociais, sanitarios e educativos: carencias de recursos, recortes en recursos humanos, sobresaturación…que queiman ás profesionais e menoscaban o seu traballo, contribuíndo a que deixen de realizar as súas funcións e esquezan os valores e principios éticos que se nos supón a todas coma profesionais.

  • Con que financiamento público contades?

Como xa saberedes, a liberdade ten un prezo, e desde logo non se traduce en euros. Posiblemente o escaso apoio das administracións acabe provocando a desaparición dos plans comunitarios que seguen aínda en activo. Nestes momentos, o Plan Comunitario de Teis, só conta coa financiación da Consellaría de Sanidade, para os proxectos de prevención, polo que o resto de proxectos e actividades comunitarias estanse a realizar sen financiamento, algo insostible no tempo. Curiosamente, cando máis se fala da importancia do traballo comunitario, de establecer redes, de coordinarse entre recursos,…etc., etc., etc…máis se recorta e menos se potencia o noso traballo. Non creo nas casualidades, así que está claro que a ningunha administración lle interesa unha sociedade organizada, concienciada e coñecedora do potencial que temos actuando colectivamente. O Concello fai máis de 8 anos que non nos financia ningún dos nosos proxectos, nin a Deputación, e desde Inclusión Social, os Fondos Europeos requiren cada vez de máis etiquetas estigmatizadoras, para financiar os proxectos. Non deixa de ser significativo que sexa unha entidade Bancaria, a que recoñeza o bo facer da nosa Entidade e colabore e algúns dos nosos proxectos, chegando a premiar un deles cun Accésit á Innovación social. Aí o deixo.

  • Que coordinación mantedes cos servizos sociais comunitarios do concello de Vigo?

Esta pregunta podo respondela de dúas maneiras: Se cos Servizos Sociais comunitarios te refires ás UTS que actúan no territorio, teño que dicir que a coordinación e continua, fluída e a maioría das veces, satisfactoria. Ambas as dúas UTS (Teis e Travesía) forman parte do Comité Técnico do Barrio, conformado polas profesionais de servizos, recursos e entidades que traballan no Barrio, no marco da estrutura organizativa do Plan Comunitario de Teis. Polo tanto a coordinación, neste sentido é moi boa. Agora ben, se cos servizos sociais comunitarios de Concello de Vigo queres expresar á administración local, creo que a resposta xa podes atopala na pregunta anterior: A coordinación é inexistente.

  • Que entidades compoñen na actualidade o Plan Comunitario de Teis?

Na actualidade son aproximadamente 35 entidades que compoñen, participan e colaboran co Plan Comunitario de Teis, en diferentes comisións e /ou comités de traballo.

Dentro da Comisión de Saúde/Educación: Os centros educativos: CEIP San Salvador, CEIP Vicente Risco, Colexio San Xosé da Guía, CEP Santa Tegra, CEIP Frián, CEIP Paraixal, Colexio Possumus e Colexio Monterrey; IES ROU, IES Rosais, IES A Guía e IES Teis. 

A través do Comité Técnico: Profesionais de: servizos sociais comunitarios do concello de Vigo (UTS Teis e Travesía), Centro de Saúde de Teis, Centro de Saúde Beiramar, Alborada, Cáritas Tui-Vigo, Xaruma, Provivienda, Fundación de La Santa Cruz, Fundación Amigó, Asvidal, C.día de maiores Atalaia,

A través do Comité de Colectivos: Asociacións e colectivos veciñais, medioambientais e deportivos.

A través do Comité interANPAS para actividades en familia fóra do horario escolar: ANPA Vicente Risco, ANPA Outeiro do sino, ANPA Frián Teis, ANPA Santa Tegra, ANPA Possumus, ANPA Paraixal, ANPA Monte da Guía e ANPA San Xosé da Guía.

  • Cales son as principais liñas de traballo que levades adiante?

As nosas liñas de traballo actuais teñen a súa orixe nas liñas programáticas trazadas na Diagnose Comunitaria de Teis, que se realizou entre 2007-2010, seguindo rigorosamente os seguintes pasos: Análise das demandas diagnósticas; Accións acertadas (ata o momento); Accións posibles (cara ao futuro); Recursos dispoñibles; Implicación de Colectivos e demais axentes relevantes; Definición dos proxectos comunitarios e realización dos proxectos comunitarios definidos. Entendemos que os proxectos comunitarios son proxectos vivos, polo que desde 2010 ata a actualidade, as liñas programáticas teñen sido revisadas e actualizadas periodicamente para dar resposta ás demandas sociais do momento. Actualmente os proxectos comunitarios vixentes, ademais dos propios da Carteira de Servizo de Prevención de Drogodependencias e condutas aditivas, son:

Como marco metodolóxico de intervención/acción, ”Facendo barrio” é o proxecto desde o que canalizamos e coordinamos as sinerxías creadas na rede veciñal e social. Recollemos as demandas dos veciños e veciñas de Teis e tratamos de darlle resposta a través dos proxectos comunitarios, organizando o traballo nas diferentes comisións e comités de traballo onde a veciñanza, os colectivos, axentes sociais e recursos traballamos conxuntamente por un Teis mellor

En materia de Saúde e Educación:

Proxecto socioeducativo “Guindastres”, para intervir preventivamente con menores e familias en situación de vulnerabilidade, contemplandoas diferentes posibilidades de apoio (educativo, emocional, lúdico, comunitario, integrador, global) para dar unha resposta acertada ás necesidades e demandas dos máis febles e vulnerables, os/as menores.

Proxecto “Non hai Fronteiras!”, proxecto de desenvolvemento idiomático, persoal e social coas mulleres mígrante veciñas do barrio, conectando diferentes saberes, espazos e tempos que permitan construír un barrio máis inclusivo e equitativo.

Proxecto “A punto Teis” cara á prevención, de posibles situacións ou riscos de exclusión con mozas e mozos de 16-26 anos, facilitandoa travésdo establecementodeitinerarios de inserción socio-laboralpersonalizados (con titorización e seguimento), a incorporación social da xuventude en situación de desvantaxe e/ou exclusión e a redución da súa vulnerabilidade.

En materia de ocio e tempo libre:

“Actívate xogando”, proxecto que inclúe todas as actividades lúdicas e deportivas que se realizan desde o Plan Comunitario, moitas delas proactivamente propostas por colectivos do barrio, como poden ser as ANPAS.

En materia de Urbanismo e Medioambiente:

“Proxecto socioeducativo a través da Natureza”, proxecto de educación en hábitos de vida saudable e contacto coa natureza da contorna máis próxima. Realizase en colaboración coa Comunidade de Montes de Teis.

  • Cal é a aportación  do Traballo Social ao funcionamento do Plan Comunitario de Teis?

Voulle dar a volta á pregunta, xa que creo que, desde fai moito tempo aporta máis o traballo comunitario ao Traballo Social que o Traballo Social ao funcionamento do Plan. Se temos en conta que as liñas metodolóxicas que contextualizan a nosa intervención comunitaria basease nos principios de participación, comunicación, superación de prexuízos e actitudes excluíntes, concienciación/educación e fortalecemento dun tecido social vivo e capaz de reaccionar fronte ás necesidades emerxentes, non cabe dúbida que as accións e proxectos deben ser globais e integrais e as intervencións deben estar asentadas nas propias forzas e recursos da comunidade (individual e colectivamente entendida). Así é como entendo eu o Traballo Social (un traballo centrado na persoa e non na demanda), falemos de persoas, colectivos, familias ou comunidade. Coincide este enfoque co Traballo Social actual? Eu non o creo.

Non quero dar a impresión de que non sinto a profesión (estou orgullosa de ser traballadora social comunitaria), pero nos últimos tempos, estase a vivir unha situación de deterioro do que -ao meu parecer- debera ser o Traballo social, chegando ao punto de que non me sinto en absoluto representada na profesión tal e coma se está a desenvolver.

Poñer a persoa no centro e escoitar as súas necesidades e demandas, abandonar o asistencialismo (reconvertido agora en puras tramitacións), potenciar a participación informada, reivindicar melloras sociais na contorna, e un longo etcétera que non está -nin se lle espera- no Traballo Social actual e que son principios fundamentais para o desempeño da profesión. Como profesionais, quédanos moito por andar para chegar aí e non deberíamos esquecer que é eticamente unha obriga.