S. Legaspi: “As e os traballadores sociais somos axentes de cambio e é unha responsabilidade incorporar coñecementos en materia LGTBIQ á nosa práctica profesional”

Santiago Legaspi é traballador social e sexólogo. É un dos docentes do curso Curso COTSG: Intervención social con colectivos LGTBQ. Abordaxe desde o T. Social e dispón dunha experiencia de máis de dez anos en intervención social con mocidade e en materia de diversidade sexual, en especial na atención en saúde sexual e na atención social a persoas trans. Nesta entrevista debulla o curso que vai impartir no COTSG.

Por que é importante que unha traballadora social faga este curso?

En traballo social traballamos con colectivos específicos como este, a comunidade LGBTIG e, en diversos eidos do traballo social imos estar en contacto con persoas LGTBIQ. Isto pode ser tanto nos CIMS, que en Galicia son centros de referencia para o asesoramento de persoas LGTBIQ ou tamén outros eidos como as migracións. No curso facemos referencia a diversos sectores.

O colexiado S. Legaspi

Cales son os eixos do curso?

O curso ten distintas partes pero están recollidos contidos respecto ao aspecto legal que é importante porque as e os traballadores sociais sempre temos que ter un marco legal de referencia e este curso apórtao. Logo faise unha aproximación e contextualización da historia do colectivo. Os contidos que se van tratar van ser descoñecidos para a maioría porque non se imparten na universidade. E logo tamén haberá unha parte educativa. Entón, con esta formación, o que se pretende é traballar as actitudes de cara ao traballo con esta comunidade no eido que sexa: primaria, servizos especializados… porque esas actitudes marcan a intervención e tamén o feito de coñecer necesidades específicas que, ás veces por descoñecemento, non temos sensibilidade con esas especificidades. Neste caso, queremos tomar consciencia diso e ver, cada profesional, desde o seu eido, que pode aportar.
Por outra banda, o curso non é só teórico, ten unha parte presencial e práctica que dá lugar ao debate, á interacción, a contrastar…

Estamos nun intre político, co auxe da ultradereita, que fai aínda máis importante esta formación?

A cuestión política é un pouco circunstancial aínda que inflúe, claro, pero temos que ter en conta que as e os traballadores sociais somos axentes de cambio e é unha responsabilidade incorporar estes coñecementos á nosa práctica profesional e tamén é unha obriga dada por lei.

As universidades deberían incluír esta materia?

A resposta é moi doada: entra no temario das oposicións da Xunta, polo que nin sequera é unha opinión persoal miña. Se entra nese temario é porque hai a obriga de ter eses coñecementos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *